martes, febreiro 01, 2022

Carta de Rafael Pillado anunciado que padece cancro producido polo amianto


Este domingo 30 de xaneiro de 2022, Rafael Pillado facía público que padece cancro producido polo amianto. Na súa mensaxe manifesta que non quere que a súa enfermidade quede oculta e denuncia aos responsábeis dos miles de asasinatos silenciosos que causa o amianto. Desde o Colectivo Ártabra 21, pensamos que podemos falar por todos os seus membros, sentimos con dor a noticia. Para nós Rafael sempre é unha referencia, pola súa forza, ánimo e compromiso con todas as causas xustas, non só pola súa pegada na Historia deste pobo, en particular no mundo obreiro, senón pola súa actitude de dignidade, loita e solidariedade. Aínda que non compartamos todas as súas posicións políticas, si admiramos e respectamos a Rafael, porque del emanan valores para facer o ben e evitar o mal. É unha persoa que practica a ética na acción e non nos deixa indiferentes. Construtor de pontes, creador de iniciativas, sempre no camiño de facer o ben común e compartir a felicidade coas persoas. Ánimo Rafael, admiramos a túa actitude e desexamos de corazón que venzas a enfermidade.
 
Carta de Rafael

Estimadas amigas e amigos: estes días recibín a mala noticia de que padezo cancro. Cancro producido polo amianto. Un mesotelioma que limita o meu tempo de vida.

No transcurso de ese tempo, quero pedirvos que informedes a todo o mundo. Non quero que a miña enfermidades e a de tantos afectados, sexa clandestina. Pretendo ademais que a miña reclamación sexa ocasión para denunciar aos responsables dos nosos asasinatos silenciosos. Unha ditadura fascista que tras ser financiada pola Banca March, recibiu do ditador autorización en exclusiva para importar sen límites, o amianto, e que a través de Uralita contaminou a auga, as terras, os tellados i edificacións, e mata e sigue matando a miles de persoas.

Pretendo tamén contribuír, mentres dure, a celebración do 50 Aniversario do 10 de marzo de 1972.

Aperta forte, sempre.

Ferrol, 30 de xaneiro de 2022

Rafael Pillado


[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942, xubilado de BAZAN, é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Foi condenado polo TOP (Tribunal de Orden Público da Ditadura Franquista), no chamado proceso dos 23 de Ferrol, polos sucesos de Marzo do 72, polo que foi encarcerado en Carabanchel e con anterioridade na prisión da Coruña. Foi Secretario Xeral do PCG e foi concelleiro en Ferrol co PSOE no que estivo afiliado até finais 2011. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra e nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Agora está ligado a Podemos. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)". E xa en decembro de 2019, publicou o segundo volume das súas memorias: "A dura luz da memoria | PALABRAS AFIADAS | Memorias colectivas de Rafael Pillado - II".

Foto: Rafael Pillado, histórico sindicalista ferrolán | Rafa Vázquez
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon