xoves, febreiro 03, 2022

Reforma laboral; derrogación ou claudicación?, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
03.02.2022


Esta reforma laboral é unha claudicación ante os poderosos, é unha concesión a patronal, é a menos boa que se podía facer, que non a mellor, é insuficiente e sobre todo non é o que prometeron.

Acordo, consenso, dialogo social, palabras valeiras que serven para esconderse e non admitir a claudicación ante a patronal e a ala dereita do goberno.

As liñas vermellas ao final estaban pintadas con xiz e non con principios. Prefiren agacharse ante a patronal que enfrontarse a ela para defender os intereses da clase traballadora, clase traballadora a quen din representar e a quen piden o voto nas eleccións.

Cando goberna a dereita impón a reforma laboral ao ditado da patronal, cando goberna a suposta esquerda apela ao diálogo social e ao pacto coa patronal, ao final perdimos 10 e recuperamos 3, a cousa queda en -7.

A reforma laboral é un acordo de trileiros para facernos crer que temos gañado, cando seguimos perdendo.

CCOO e UGT fai tempo que teñen deixado de representar a clase traballadora, cando falan do acordo dos axentes sociais están falando do Goberno, Patronal e CCOO/UGT.  Un acordo de mínimos que non cumpre co mínimo esixible.

A ansia dos medios de comunicación en mans do capital por convencernos de que a Reforma Laboral é boa xa debería de poñernos sobre aviso, porque os medios teñen amos e defenden os seus intereses, non os nosos.

A esquerda pedía unha verdadeira derrogación pero non se fixo.

Os 7 puntos que BNG, BILDU, ERC e CUP poñían sobre a mesa para apoiar a reforma laboral non foron aceptados

1. Se recuperará e establecerá a prevalencia e prioridade aplicativa dos acordos e convenios colectivos provinciais e autonómicos, así como a blindaxe xurídico dos Acordos Interprofesionais autonómicos onde efectivamente estes existan. Se recoñecerán e blindarán así os marcos laborais propios dos diferentes territorios e os acordos e convenios colectivos neles acadados.

2. Se recuperará a necesaria autorización administrativa da autoridade laboral no control dos despedimentos colectivos a través dos Expedientes de Regulación de Emprego, recuperando para elo as causas obxectivas previas a Reforma Laboral do 2012.

3. Se especificarán medidas para atallar a precariedade e as posibilidades de descolgue salarial, centrada nunha revisión e modificación das causas e procedementos do despedimento, así como dos procesos de modificación substancial das condicións de traballo baixo as causas de “perdas” previstas actualmente. Así mesmo, o descolgue das condicións laborais e salariais baseado en causas xustificadas deberá quedar condicionada ao acordo coa representación sindical.

4. Se recuperará a indemnización por despedimento improcedente, incrementando a súa contía aos 45 días por ano traballado ata un máximo de 42 mensualidades para os despedimentos declarados improcedentes. Así mesmo se recuperarán os salarios de tramitación.

5. Se recuperará a prioridade aplicativa dos convenios sectoriais sobre os de empresa. Aos convenios de empresa lles corresponderá a función de adecuación e mellora das condicións fixadas nos convenios colectivos sectoriais, que constituirán o chan mínimo das condicións  en todas as  empresas do sector.

6. Se restaurarán as limitacións das empresas para a mobilidade  xeográfica colectiva e se recuperará a necesidade  de acordo  para a regulación da xornada.

7. Se incluirán propostas  orientadas a reordenación do tempo de traballo e a redución da xornada laboral, para facilitar a conciliación da vida laboral e persoal así como o reparto o emprego e o traballo, dende a perspectiva da transformación cara un novo modelo de relacións laborais en consonancia coa transición enerxética, dixital e demográfica.

Persoalmente e como traballador subscribo os 7 puntos ao 100%. Uns puntos que como sindicalista parece-me irrenunciables para que a clase traballadora recupere realmente os dereitos que nos roubaron coa anterior reforma laboral feita ao ditado da patronal.

A palabra ou se respecta ou non se ten.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
3 de fevereiro de 2022 09:45

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon