mércores, marzo 16, 2022

A plataforma ‘Galiza pola Paz’ convoca mobilizacións nas sete cidades galegas o domingo 20 de marzo - En Ferrol ás 12 do mediodía, na Praza de Armas - Avogan pola vía diplomática para resolver o conflito -


O escritor Suso de Toro compareceu en rolda de prensa esta segunda feira, acompañado de representantes das máis de 30 organizacións e colectivos sociais, políticos e sindicais, que conforman a plataforma “Galiza pola Paz", para anunciar a convocatoria de mobilizacións simultáneas, ás 12 horas, nas sete cidades para o vindeiro domingo día 20 de Marzo.

Suso de Toro iniciou a súa intervención reiterando, en nome da plataforma, o máis enérxico rexeitamento á intervención militar rusa en territorio ucraíno, e reclamando a retirada inmediata das tropas rusas. Expresou ademais a plena solidariedade co sufrimento do pobo ucraíno e o de Donestk e Lugansk, e cos xa millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar este conflito.

Volta á diplomacia

Xunto a isto fixo un chamamento ao cesamento das accións de guerra e á volta á diplomacia como única vía para a resolución deste conflito. Nese sentido subliñou que cómpre atopar o camiño “para unha desescalada militar e unha política de paz”, o que require apostar no diálogo, nos esforzos diplomáticos e no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz.

Reclamou, en nome da plataforma, o compromiso da non incorporación de Ucraína á OTAN, “en consonancia cos acordos de Minsk, así como o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk, respectando a súa vontade democrática”.

Refreriuse ademais, “ás accións previas de hostigamento por parte do exército da Ucraína contra as repúblicas de Donestk e Lugansk e o silenciamento destes ataques por parte da comunidade internacional, malia as advertencias reiteradas da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE)”. Unha situación que, apuntou, vén desde 2014 e que ten deixado millares de vítimas con bombardeos permanentes sobre a liña de alto o fogo que se establecera nos acordos de Minsk.

De Toro lamentou o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, como “monicreque dos intereses da OTAN e os EUA, e as declaracións ameazantes do portavoz da UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, que crean aínda máis tensión”. Nese sentido, e en representación da plataforma, reclamou que a Unión Europea deixe de enviar armas, de censurar medios de comunicación e de alimentar o conflito, e pase a ter un papel mediador e favorecedor dunha solución negociada.

Xunto a isto reclamou a neutralidade activa do Estado español, a retirada inmediata das tropas españolas enviadas ao Mar Negro, Bulgaria, Letonia e Lituania seguindo directrices da OTAN e dos Estados Unidos, e o cese no envío de armamento á Ucraína porque, para contribuír á resolución deste conflito, ten que se reforzar a vía diplomática, non enviar ametralladoras.

O portavoz da plataforma sinalou ademais o impacto económico e social deste conflito tamén na Galiza, e moi especialmente sobre as clases populares. Un impacto derivado dunha crise que lembrou que xa existía antes do inicio dos ataques militares, que agravou a guerra e que se plasma na carestía da vida, cunha suba brutal de prezos en produtos básicos.

Por iso, denunciou que “resulta indecente que neste contexto haxa quen obtén inxentes beneficios económicos, nomeadamente os propios Estados Unidos ou as grandes empresas eléctricas, a costa do empobrecemento das maiorías sociais”.

Solidariedade coas persoas refuxiadas

Suso de Toro manifestou ademais a solidariedade da plataforma coas vítimas e cos millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar o conflito da Ucraína, mais tamén coas de outras guerras e outros dramas na humanidade, todas elas merecentes de solidariedade, recoñecemento e apoio.

Mobilizacións (todas ás 12 horas)

A Coruña: Subdelegación do Goberno

Compostela: Praza do Toural

Ferrol: Praza de Armas

Lugo: Praza Maior

Ourense: Subdelegación do Goberno

Pontevedra: Praza da Peregrina

Vigo: Farola de Urzáiz

Publicado en Nós Diario. | 14 de marzo de 2022
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon