xoves, marzo 10, 2022

BNG propón a declaración do 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega no 50 aniversario das históricas mobilizacións - Mon Fernández acusa a PP e PSOE de terxiversar a historia e usar a unidade dunha esquerda 'sen fundamento' para rexeitar o recoñecemento


BNG propuxo no Parlamento galego a declaración oficial do día 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega, no 50 aniversario das históricas mobilizacións do sector naval de Ferrol que, ademais das reivindicacións laborais, tiveron por obxectivo en 1972 erosionar o réxime franquista e conquistar liberdades e xustiza social, como ben demostraron as mobilizacións solidarias inmediatamente posteriores en Vigo -nos estaleiros primeiro e logo en Citroen- e do movemento estudantil en Compostela, así como o feito de que tres anos despois, o movemento perduraba nos centros industriais de toda Galiza.

Así o subliñou o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, quen recordou que a represión da policía armada en Ferrol tivo como resultado dous mortos -os traballadores de Bazán, Amador Rey Rodríguez e Daniel Niebla García-, e salientou que “ese exemplo de loita que se espallaba pola comarca provocou un salto cualitativo sen precedentes; era claro que os obxectivos políticos transcendía as reivindicacións laborais: a loita pola liberdade e a xustiza social eran a bandeira; a unidade obreira e a solidariedade, a ferramenta”.

Tras recalcar que 50 anos despois o movemento sindical de Galiza segue a conmemorar ano tras ano aqueles feitos e logo de escoitar a PP e PSOE, que avanzaron durante o debate o sentido do seu voto rexeitando a iniciativa do BNG que se vota mañá na Cámara, Fernández recriminou a ámbalas dúas forzas políticas estatais a terxiversación histórica que supón “colocar aquel movemento popular detrás da actual Constitución e detrás do actual Estatuto de Autonomía”.

“Parécelles honestamente que a loita obreira contra a ditadura e polas liberdades pode transformarse nunha defensa acrítica desta Constitución e deste Estatuto de Autonomía? É iso honestidade histórica?”, cuestionou con severidade, para a continuación deixar clara a posición do Bloque: “nós cremos que non”.

Neste sentido, o deputado nacionalista sinalou á democracia e liberdades, ás condicións de vida e de traballo dignas e á participación efectiva das e dos traballadores como os tres elos da cadea que fai avanzar a sociedade e que sen a organización e a mobilización da clase traballadora, esta para. “E mesmo pode retroceder, que é o que está a acontecer actualmente e que facilita, por exemplo, que o Goberno de PSOE e Unidas Podemos veñan de aprobar unha reforma laboral despois dun ano de diálogo social coa patronal, CCOO e UGT, que comeza por asumir o marco deseñado pola anterior reforma do PP”, censurou.

Logo de advertir que o que faltou durante este ano de diálogo social foi precisamente debate real e mobilización social, Fernández tamén apuntou que esta mesma ausencia de organización e mobilización é a que facilita de igual xeito que, “mentres a luz está en máximos históricos e mentres as grandes enerxéticas rouban a mans cheas, na mesa de diálogo social estea a falarse de contención salarial”. “Nada que ver co espírito do 72”, incidiu.

Ao seu xuízo, todo isto prodúcese sempre coa unidade da esquerda como reclamo, “como argumento para silenciar as discrepancias e diluír os obxectivos en favor da propia unidade, como se fose un ben en si mesma, facendo da unidade da esquerda unha sopa de siglas, unha sopa de letras, sen fundamento”. Nesta liña recalcou que, unha vez máis, “nada que ver co espírito do 72, cando foron os obxectivos e non as siglas dos convocantes, os que conseguiron a unidade obreira” e concluíu deixando claro que o nacionalismo galego nunca reclamou ter un papel protagonista naqueles feitos: “o protagonista foi e é a clase obreira galega”.

#diadaclaseobreiragalega

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de março de 2022 23:27

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon