xoves, marzo 10, 2022

Artigos de André Abeledo - Guerra, Pandemia, crises...sempre perdemos os mesmos - Guerra na Ucraína: drama, censura e hipocrisía. Non penso odiar a Rusia


Guerra, Pandemia, crises...sempre perdemos os mesmos.

As sancións económicas que Europa vaille a impoñer a Rusia van a rebentar as economías dos cidadáns europeos.

Haberá oligarquías que en tempos de crise se enriquezan aínda máis, pero sen dúbida os pobos de Europa serán máis pobres.

A UE aplica medidas de bloqueo económico a Rusia, unhas medidas que non serven para nada a hora de parar a guerra na Ucraína. Pero que afectan dramaticamente a economía dos cidadáns europeos e van a empobrecernos a todos, menos a uns poucos que se farán aínda máis ricos.

Borrell e os seus compinches na UE non defenden os intereses dos cidadáns europeos, ao adoptar medidas de bloqueo a Rusia que son un tiro no pé para a economía dos pobos da UE, medidas contra Rusia que non serven para parar a guerra en Ucraína. A quen serven?.

A UE envía armas a Ucraína para tratar que a guerra sexa longa e cruenta posíbel, que o conflito se enquiste, a sabendas de que a Ucraína non pode gañar a guerra e que o bloqueo económico afectará dramaticamente aos cidadáns europeos. Borrell pídenos que apaguemos a luz.

Namentres denuncian censura en Rusia; Borrell anuncia un “mecanismo para sancionar actores nocivos que desinforman” na UE.

O xefe de diplomacia no Parlamento Europeo:  "Ten que haber algunha garantía para que a información non sexa un elemento que contamine as mentes".

A prensa utiliza titulares tendenciosos e toma partido namentres fomenta a rusofobia.

Entre os ucraínos a opinión sobre a invasión non é tan unánime como nos venden. A realidade é máis complexa que un enfrontamento entre bos e malos. A verdade non importa o que importa é o relato.

A propaganda usa os chamados "Verificadores de información independentes": dise de aqueles que deciden que noticias son falsas e cales non segundo os intereses da empresa que lles paga.

Antigamente xa existían pero formaban parte da censura do Estado.

A primeira vítima da guerra é a verdade e na guerra a información máis que nunca é propaganda.


Guerra na Ucraína: drama, censura e hipocrisía. Non penso odiar a Rusia

Hipocrisía é cando no valado de Melilla recibise a golpes devolvese en quente aos que escapan das guerras en África, da fame, a miseria, da escravitude, ou da ablación, namentres anunciamos que daremos residencia e acolleremos a todos os refuxiados da Ucraína.

Hipocrisía é dar as costas e non ver a guerra e o xenocidio no Iemen e Palestina perpetrados por Arabia Saudí e Israel, esquecer as mulleres no Afganistán Talibán, dar as costas ao pobo saharauí que ten o seu territorio ocupado por Marrocos, e so querer ver a Ucraína.

Hipocrisía son as bandeiras da Ucraína ata na sopa, non me parece mal, pero boto en falta moitas outras bandeiras; Palestina, Sáhara Occidental, Kurdistan, Iemen, Sudán, Somalia, Libia, Siria, Donetsk, e un longo etcétera de bandeiras de países en guerra, en conflito, con fame de todo.

Hipocrisía: cando maltratamos aos que saltan o valado de Ceuta ou Melilla, ou tentan cruzar o mar Mediterráneo, fuxindo de guerras provocadas por Occidente, da fame, de ditadores, da escravitude na Libia destruída polos OTANISTAS, da ablación as mulleres en África, da morte e da miseria... pero eles son negros, ou morenos, non son racialmente aceptables para Europa, non son xeopoliticamente ou xeoestratexicamente interesantes, ou non teñen materias primas que roubar para Occidente.

É interesante escoitar como un militar español, o coronel Baños, que é un experto en intelixencia militar e xeopolítica, nos fala nun canal xeneralista español de como no Estado español os medios de comunicación desinforman, intoxican, minten e están ao servizo da OTAN e dos EEUU cando falan sobre o conflito en Ucrania.

Europa e Occidente, apostan pola censura e a propaganda en relación a Ucraína. Queda prohibida calquera opinión, ou información, que poida estragar o relato oficial.

Dende prohibir aos cidadáns europeos informarse en medios rusos, ata a censura en redes sociais a modo de bloqueos, contas restrinxidas, ou eliminación de contidos ou directamente de usuarios.

Por outra banda asistimos a censura cultural  ademais da política e económica, como as cancelacións e boicots as producións rusas, que van dende a música clásica, ata o arte, o teatro, teñen xerado reaccións encontradas: dende os que entendemos que é un acto de censura hipócrita e estúpido, aos que o asumen como unha medida de presión inexorable.

Ou o castigo ao deporte ruso, un castigo xamais visto antes, en ningunha invasión anterior ou actual.

Non me cabe na cabeza que o xefe da diplomacia española e europea, Josep Borrell, este facendo este tipo de declaracións incendiarias. Non podo entendelo. Non sei si Borrell é un idiota, un imbécil ou un irresponsable. Ou si realmente Josep Borrell esta mal da cabeza.

Non me van a obrigar a odiar a Rusia, nin ao pobo ruso, o mundo debe moito aos pobos da antiga URSS, eles esmagaron a Alemaña NAZI e foron os que fixeron o maior esforzo e sacrificio para liberar Europa.

Rusia destaca pola súa cultura, a súa u literatura, a arte, o seu deporte...é un país continente.

Ademais a guerra na Ucraína pon sobre as nosas mesas a importancia de ter soberanía alimentaria, de ter unha agricultura capaz de alimentar por si mesma a poboación do noso territorio si é preciso, a importancia de apostar polo sector primario para ter soberanía.

As reservas de millo e trigo, na Galiza, están baixo mínimos. O gran xestor Feijóo, suplirá estas carencias, con eucaliptos supoño. Non é a guerra, é a renuncia a soberanía alimentaria a que nos pon entre a espada e a parede.

Rusia non ten a culpa de todo e o empobrecemento dos pobos de Europa é responsabilidade dos gobernos de Europa e das súas políticas.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
9 de março de 2022 16:04

_______

Foto: Ukraine on Fire (2016) |Fanny Sage in Ukraine on Fire (2016)_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon