48º aniversario
Portugal lánzase á rúa para conmemorar a revolución de abril
Portugal prepárase para conmemorar 48 aniversario da revolución de 25 de abril. As principais localidades portuguesas acollen hoxe mobilizacións e actos en lembranza do fito que devolveu a liberdade, rachou co fascismo e deu ao país unha democracia avanzada.
25 de abril é unha data gravada a ferro na memoria dos demócratas. Se os italianos lembran a caída do réxime fascista de Mussolini en 1945, portugueses, e tamén, galegos conmemoran o trunfo do movemento político e militar que puxo fin á ditadura máis antiga de Europa e abrigou posibilidades dun cambio real na Galiza e o Estado español.
Unha vez máis, as maiores cidades, como as aldeas mais pequenas, de todo Portugal volveron a encherse con demócratas para conmemorar abril. Será en Lisboa, do Marques de Pombal até os Restauradores, onde se desenvolva o acto principal. Outro tanto, acontecerá en Porto, da rúa do Heroísmo à avenida dos Aliados, que acollerá unha das maiores marchas, organizados polas comisións promotoras das Conmemoracións Populares de 25 de abril.
Movemento popular
Os concellos e o movemento asociativo están igualmente mobilizados para conmemorar o aniversario da revolución dos cravos, cun conxunto de iniciativas culturais, deportivas, sociais e tamén alusivas á paz. Só na noite de 24 para 25 de Abril decorren concertos emblemáticos no Sobral de Monte, Agraço, Seixal, Sesimbra, Setúbal ou Grándola.
A memoria da resistencia está moi presente nos actos deste anos. Así, a terza feira, 26 de abril, a Unión de Resistentes Antifascistas Portugueses (URAP) de Braga vai homenaxear os 140 antifascistas, nacidos, residentes ou estranxeiros, que naquel concello foran presos polas policías políticas durante o período da ditadura (1926-1974), coa colocación de 48 cravos, número que sinala os 48 anos de vivencia democrática.
A Fundación José Saramago prepara un programa especial para celebrar 25 de abril. Nos dias 23 e 30 de abril serán realizadas visitas guiadas pelo Roteiro Levantados do Chan, en Lisboa, formado por espazos asociados ao levantamento de 1974 e a loita contra o fascismo.
O ascenso do fascismo
O medre electoral das alternativas de extrema dereita centra boa parte do debate político en Portugal. Nesta dirección, determinadas forzas políticas están a cuestionar o carácter do movemento de abril, a dirección do modelo constitucional portugués e o sentido dos sucesos de hai 48 anos.
A deputada do Bloco de Esquerdas, Joana Mortagua, tense significado neste debate. Así, nun artigo publicado no Jornal I na quinta feira sinala que “a nosa democracia, foi construída para servir outros obxectivos: a descolonizaçión, a liberdade política, os dereitos humanos, económicos, sociais e culturais, a distribución da riqueza e a socialización da propiedade”.
Mortagua destaca que “a nosa democracia fíxose sabendo o prezo de catro décadas dunha política económica feita polas e para as elites; precedeuse de folgas e de loitas operarias históricas. A nosa democracia ollou para dentro e para fora e escolleu como camiño o socialismo, e así acreditaba quen saíu á rúa para organizar os barrios, os campos e as fábricas”.
Galiza no Portugal de abril
A revolución portuguesa de 25 abril de 1974 marcou a ducias de xeracións de galegos e abriu novas expectativas para aqueles compatriotas que loitaban contra a dictadura. A caída dunha ditadura tan lonxeva abrigou posibilidades entre os sectores da opinión democrática dun cambio semellante no Estado español e permitiu fixar unha retagarda segura ás forzas antifranquistas galegas.
O Portugal de abril acolleu unha chea de actos da oposición democrática galega. Así, en abril de 1975 presentouse publicamente en Porto a Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG), unha organización de masas de carácter nacionalista, cuxa formulación ideolóxica e organizativa foi a base do actual BNG. O acto, organizado polo núcleo portugués da UPG, reforzado tras a chegada do exilio francés de Carme Graña contou coa participación de Xosé Vilas Nogueira, que actuou como voceiro da nova formación.
A Facultade de Letras de Porto serviu de marco para celebración das Xornadas da Cultura Galega, coordinadas pola propia Margarita Ledo entre 19 e 22 de xuño de 1975 e celebradas baixo o lema de “Por unha cultura científica, galega e popular”. O encontro xuntou a intelectuais portugueses amigos da Galiza como Rodrigues Lapa, Prado Coelho ou Anibal Almeida e a referencias públicas do nacionalismo como Ramón López Suevos, Xosé Vilas Nogueira ou Camilo Nogueira Román. A carón das palestras programouse unha exposición do libro galego e diversos concertos a cargo membros do Movemento Popular da Canción Galega.
Publicado en Nós Diario, por Cilia Torna, o 25 de abril de 2022.
Faite Asinante de Nós Diario
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
25 de abril de 2022 10:18
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon