luns, abril 11, 2022

Protesta na CRTVG previa á folga e pola remuda do director xeral, que botará máis no cargo que Feijóo de presidente - #DefendeAGalega


"Sen temporais, non hai telexornais", berraba persoal da CRTVG da delegación de Ourense durante a primeira xornada de mobilizacións previstas para as próximas semanas e que acabará en varias xornadas de paro parcial e folga de 24 horas a principios de maio. Traballadores e traballadoras de San Marcos e do resto de delegacións (A Coruña, Lugo e Vigo) protestaron con cazolada, chifres e proclamas "contra a destrución" de postos de traballo e para "esixir a consolidación de todo o emprego temporal de longa duración" ante o proceso de estabilización laboral prevista na lei de interinos que entrou en vigor a finais do pasado ano.

O persoal mobilizado -tras unha convocatoria unitaria de todos os sindicatos a través do comité intercentros- advirte do próximo despedimento de 40 persoas de confirmarse os plans de estabilización de emprego da dirección da CRTVG e pide que o proceso abranga todo o persoal "temporal en fraude", que cifran nuns 300 traballadores e traballadoras nos últimos tempos, moitos deles recoñecidos como fixos tras reclamación e sentenza xudicial.

Esta primeira xornada de mobilizacións -que seguirán o 12 de abril- coincide co 203º venres negro impulsado por Defende A Galega, colectivo que denuncia a "manipulación" e o "desmantelamento" da CRTVG e que leva case catro anos esixindo o cumprimento da lei de medios e a remuda do director xeral. Alfonso Sánchez Izquierdo está a piques de cumprir trece anos no cargo a pesar de que a súa continuidade tiña que terse sometido a votación en 2012.

"Agora que vai haber remuda na Xunta, decidirase o partido que ten a maioría parlamentaria a poñer en marcha a remuda do director xeral da CRTVG? A lei está para cumprila", pregúntase Defende A Galega sobre Sánchez Izquierdo, que a finais do vindeiro mes de maio superará o tempo que Feijóo leva na presidencia da Xunta. Chegou case canda el pero marchará -agás sorpresa- moito máis tarde.

Foi o 29 de maio de 2009 cando Alfonso Sánchez Izquierdo tomaba posesión como director da CRTVG, designado directamente pola Xunta, en aplicación da lei coa que se crearan os medios públicos de comunicación galegos en 1984. Feijóo -que levaba apenas un mes como presidente da Xunta-, asegurou que o pactara co daquela secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, que o negou. Case trece anos despois, Sánchez Izquierdo continúa no cargo por tempo indefinido tras estrear o seu terceiro consello de administración.

A nova lei dos medios públicos de comunicación establece que a dirección xeral da nova Corporación debería ser elixida por maioría reforzada do Parlamento: dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45), o que coa correlación de forzas daqueles anos -e tamén coa actual- obrigaba a que o PP pactase o nome con, cando menos, outro grupo político.

Mudanza na lei para mantelo no posto

A lei fixaba tamén un prazo de seis meses (a mediados de xuño de 2012) para elixir os novos órganos directivos e, seis meses despois, a lei xa se incumpría. Entre outros aspectos, porque aínda non culminara a transformación do ente nunha única corporación, o cal non sucedeu ata o 1 de xaneiro de 2016. Meses antes, tras un pacto entre PP e PSdeG do que se desmarcara o resto da oposición, o Parlamento deu elixido coa maioría reforzada que marca a lei os membros do novo Consello de Administración da CRTVG -catro a proposta dos populares e dous, dos socialistas-.

Aqueles nomeamentos activaban o mecanismo legal para, case catro anos despois do prazo legal, remudar a Sánchez Izquierdo. Pero, inmediatamente despois, a Xunta mudou as regras do xogo.

Aproveitando a tramitación da lei de acompañamento dos orzamentos de 2016, a Xunta introduciu unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da lei dos medios públicos. Como informou Praza.gal, aquela reforma aprobada en solitario polo PP permitiu, na práctica, que Sánchez Izquierdo continuase indefinidamente no posto que aínda segue exercendo. Preguntada ao respecto pola oposición a finais de 2020, a Secretaría Xeral de Medios limitouse a responder que a remuda chegará cando haxa "diálogo" ao respecto.

No pasado verán, tras a ratificación dos novos membros do Consello de Administración, Defende A Galega volveu urxir o cumprimento íntegro da lei de medios, incluíndo o nomeamento da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento. Este venres, o 203º negro, volveuno reclamar.

Publicado en Praza Pública por Miguel Pardo [*] @depunteirolo | 8 de abril de 2022. | Baixo lizenza  Creative Commons BY-SA.

[*] Miguel Pardo. | Entre A Coruña e o Ortegal. Antes en La Opinión, Depor Sport, L-V ou Xornal de Galicia. Co-autor de La imagen del mundo árabe y musulmán en la prensa española (2010, Fundación Tres Culturas).
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon