Amosando publicacións coa etiqueta #DefendeAGalega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #DefendeAGalega. Amosar todas as publicacións

luns, abril 11, 2022

Protesta na CRTVG previa á folga e pola remuda do director xeral, que botará máis no cargo que Feijóo de presidente - #DefendeAGalega


"Sen temporais, non hai telexornais", berraba persoal da CRTVG da delegación de Ourense durante a primeira xornada de mobilizacións previstas para as próximas semanas e que acabará en varias xornadas de paro parcial e folga de 24 horas a principios de maio. Traballadores e traballadoras de San Marcos e do resto de delegacións (A Coruña, Lugo e Vigo) protestaron con cazolada, chifres e proclamas "contra a destrución" de postos de traballo e para "esixir a consolidación de todo o emprego temporal de longa duración" ante o proceso de estabilización laboral prevista na lei de interinos que entrou en vigor a finais do pasado ano.

O persoal mobilizado -tras unha convocatoria unitaria de todos os sindicatos a través do comité intercentros- advirte do próximo despedimento de 40 persoas de confirmarse os plans de estabilización de emprego da dirección da CRTVG e pide que o proceso abranga todo o persoal "temporal en fraude", que cifran nuns 300 traballadores e traballadoras nos últimos tempos, moitos deles recoñecidos como fixos tras reclamación e sentenza xudicial.

Esta primeira xornada de mobilizacións -que seguirán o 12 de abril- coincide co 203º venres negro impulsado por Defende A Galega, colectivo que denuncia a "manipulación" e o "desmantelamento" da CRTVG e que leva case catro anos esixindo o cumprimento da lei de medios e a remuda do director xeral. Alfonso Sánchez Izquierdo está a piques de cumprir trece anos no cargo a pesar de que a súa continuidade tiña que terse sometido a votación en 2012.

"Agora que vai haber remuda na Xunta, decidirase o partido que ten a maioría parlamentaria a poñer en marcha a remuda do director xeral da CRTVG? A lei está para cumprila", pregúntase Defende A Galega sobre Sánchez Izquierdo, que a finais do vindeiro mes de maio superará o tempo que Feijóo leva na presidencia da Xunta. Chegou case canda el pero marchará -agás sorpresa- moito máis tarde.

Foi o 29 de maio de 2009 cando Alfonso Sánchez Izquierdo tomaba posesión como director da CRTVG, designado directamente pola Xunta, en aplicación da lei coa que se crearan os medios públicos de comunicación galegos en 1984. Feijóo -que levaba apenas un mes como presidente da Xunta-, asegurou que o pactara co daquela secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, que o negou. Case trece anos despois, Sánchez Izquierdo continúa no cargo por tempo indefinido tras estrear o seu terceiro consello de administración.

A nova lei dos medios públicos de comunicación establece que a dirección xeral da nova Corporación debería ser elixida por maioría reforzada do Parlamento: dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45), o que coa correlación de forzas daqueles anos -e tamén coa actual- obrigaba a que o PP pactase o nome con, cando menos, outro grupo político.

Mudanza na lei para mantelo no posto

A lei fixaba tamén un prazo de seis meses (a mediados de xuño de 2012) para elixir os novos órganos directivos e, seis meses despois, a lei xa se incumpría. Entre outros aspectos, porque aínda non culminara a transformación do ente nunha única corporación, o cal non sucedeu ata o 1 de xaneiro de 2016. Meses antes, tras un pacto entre PP e PSdeG do que se desmarcara o resto da oposición, o Parlamento deu elixido coa maioría reforzada que marca a lei os membros do novo Consello de Administración da CRTVG -catro a proposta dos populares e dous, dos socialistas-.

Aqueles nomeamentos activaban o mecanismo legal para, case catro anos despois do prazo legal, remudar a Sánchez Izquierdo. Pero, inmediatamente despois, a Xunta mudou as regras do xogo.

Aproveitando a tramitación da lei de acompañamento dos orzamentos de 2016, a Xunta introduciu unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da lei dos medios públicos. Como informou Praza.gal, aquela reforma aprobada en solitario polo PP permitiu, na práctica, que Sánchez Izquierdo continuase indefinidamente no posto que aínda segue exercendo. Preguntada ao respecto pola oposición a finais de 2020, a Secretaría Xeral de Medios limitouse a responder que a remuda chegará cando haxa "diálogo" ao respecto.

No pasado verán, tras a ratificación dos novos membros do Consello de Administración, Defende A Galega volveu urxir o cumprimento íntegro da lei de medios, incluíndo o nomeamento da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento. Este venres, o 203º negro, volveuno reclamar.

Publicado en Praza Pública por Miguel Pardo [*] @depunteirolo | 8 de abril de 2022. | Baixo lizenza  Creative Commons BY-SA.

[*] Miguel Pardo. | Entre A Coruña e o Ortegal. Antes en La Opinión, Depor Sport, L-V ou Xornal de Galicia. Co-autor de La imagen del mundo árabe y musulmán en la prensa española (2010, Fundación Tres Culturas).
_______

martes, abril 30, 2019

#DefendeAGalega XV Premio José Couso de liberdade de prensa, que concedeu o Clube de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia, o galardón entrega-se este venres 3 de maio


#DefendeAGalega
@DefendeAGalega

O 3 de maio entrégannos en Ferrol o #PremioCouso Recollerano no nome de #DefendeAGalega dous compañeiros expedientados tralo seu apoio aos #VenresNegros: Tati Moyano e Carlos Jiménez. Polo servizo público e o dereito á información. Acompáñanos!


Actos en Ferrol

Comezarán cunha ofrenda floral no monumento "As Ceibes" do Cantón de Molíns, onde intervirá a xornalista ferrolá Patricia Hermida, ás 7 da tarde. Rematado o acto do cantón, sobre media hora mais tarde está previsto o comezo da gala de entrega do premio, no Teatro Jofre, que concluirá co concerto a cargo de Petit Swing.

As entradas poden-se retirar con antelación nas taquillas do Teatro Jofre

Desde este martes 30 de abril de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas.
Son gratuitas e poderanse retirar un máximo de dúas por persoa.


#DefendeAGalega


É o lema da mobilización semanal das traballadoras e dos traballadores dos medios públicos galegos, que xunto ás camisolas negras se converteu no último ano nun exemplo de dignidade e de resistencia en defensa do valor da información, sen a cal non é posible exercer a liberdade, e do valor do público, imprescindible para garantir o principio de igualdade de oportunidades. | + Info.


José Couso Permuy

Naceu en Ferrol o 5 de outubro de 1965 e morreu asasinado en Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres exercia como reporteiro gráfico en zona de guerra, en plena invasión de Iraq de 2003, cando un carro de combate estadounidense disparou ao Hotel Palestina no que se atopaba. | Ir ao buscador libre DuckDuckGo.

Premio José Couso de liberdade de prensa

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol crearon este premio en memoria do cámara ferrolán José Couso Permuy, disparado no Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres cubría o conflicto bélico en Iraq para os informativos de Tele 5.

Quere-se personalizar na súa figura a xornalistas, da Galiza ou non, que cada ano son asasinad@s, maltratad@s ou privad@s dos seus dereitos como persoas e como informadoras. | Ir á Web.
________

domingo, abril 14, 2019

'Defende a galega' gaña o premio José Couso de Liberdade de Prensa - O persoal da CRTVG que loita contra a manipulación e censura no medio público galego son os gañadores da XV edición deste galardón