martes, maio 17, 2022

En galego agora e sempre, ... Por Celso Posada Fernández


Neste 17 de Maio Día das Letras Galegas volvemos de novo a saír as rúas moitas cidades, vilas e pobos do noso país Galiza e por enriba de todo as rúas de Santiago de Compostela, pra participar nunha grande Manifestación convocada pola plataforma social Queremos Galego  con saída as 12:00 da Alameda.

A Plataforma Queremos Galego é unha plataforma cidadá, conformada por máis de 500 entidades sociais e culturais do país así como por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.

Volvemos de novo a saír as rúas de Galiza pra dicir que queremos vivir os 365 días do ano en galego, pra denunciar o ataque e agresión constante do goberno da Xunta de Galicia do PP a nosa lingua e porque cremos que un novo futuro é posíbel e necesario pra nosa lingua. 

A lingua galega une e  é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza.

Un futuro novo para o noso idioma é posíbel, como demostran os centos de colectivos que actúan día a día para garantir o futuro de Galiza e do seu idioma; as miles de persoas que reclaman atención en galego ou respecto pola legalidade na toponimia e que vencen as dificultades e se propoñen falar galego sempre; as familias que se esforzan en transmitir a lingua malia non poderen contar con espazos fundamentais como o ensino, os xoguetes, deseños animados e toda a oferta imprescindíbel que lle é negada ao galego; ou como tamén demostran os concellos de todas as cores que se organizan para promoveren conxuntamente a normalización lingüística a nivel local.

Porén, toda esta mobilización colectiva precisa do acompañamento e do esforzo das institucións e poderes públicos, que ademais da obriga moral de defenderen os nosos intereses colectivos teñen a obriga legal de promoveren e garantiren a posibilidade de uso do galego en todo e para todo: garantindo o galego como lingua vehicular no ensino en todas as materias e etapas e nas actividades extraescolares, o seu uso en toda a administración, na xustiza, nas empresas; a súa dispoñibilidade no audiovisual tanto con producións galegas como a través da dobraxe e lendaxe. Precisamos xa un goberno que actúe en todos os ámbitos e contribúa xunto á sociedade a darlle un novo futuro á lingua, para podermos vivir en galego agora e sempre.

Como dicía o escritor, intelectual galego Castelao: Se aínda somos galeg@s é por obra e gracia do idioma.

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. É un activista en diferentes movementos sociais de Ferrolterra. Militante do BNG e a UPG. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre.| No Facebook. | En Twitter. | Artigos en: Nós Diario, Diario de Ferrol, Galicia Confidencial, Ferrol 360, GalizaLivre, Praza Pública, El Comunista e Ártabra 21.

Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
16 de maio de 2022 10:5

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon