venres, febreiro 03, 2023

Hoxe venres 3 de febreiro, comeza o Ciclo de Cultura Democrática 'Cóntamo Ti', coa presencia dos exalcaldes de Ferrol: Manuel Couce, Xaime Bello, Juan Juncal e Vicente Irisarri - Ás 7 da tarde no Centro Cívico de Canido

Tags


CANIDO LANZA O CICLO DE CULTURA DEMOCRÁTICA “CÓNTAMO TI”

Coa colaboración das xornalistas Rebeca Collado, Marta Corral, María Luaces,
Araceli Pita e Alicia Seone.

En abril de 2019 a Asociación Veciñal de Canido organizaba un encontro con 8 candidatos á Alcaldía, baixo a metodoloxía “Pecha Kucha”, no que cada opción política expuxo o seu proxecto en 20 imaxes x 20 segundos, tendo tan só un total de 6 minutos 40 segundos para a exposición. Esta sesión tivo moito éxito en canto á participación numerosa dun público moi plural. Se ben, este método resultou moi ríxido para os candidatos, que apenas tiveron tempo para defender o seu programa.
Hoxe, as entidades residentes no Centro Cívico de Canido (AV Canido, ASC Muíño do Vento e Rádio Filispim) presentan un novo ciclo de 6 xornadas, no que pretenden dar a coñecer os candidatos ás Eleccións Locais, baixo un formato moito máis próximo e amable, con conversas que durarán 1 ½ hora.

O obxectivo deste ciclo é profundar sobre temáticas de interese para o barrio e a cidade, coñecer aos candidatos a Alcaldía e os seus programas concretos de actuación.

Inténtase achegar á veciñanza información valiosa sobre diversos aspectos das políticas públicas locais que tan presentes están no día a día, corrixindo certa desafección pola vida comunitaria. Neste sentido, chama a atención que Ferrol é unha localidade cunha alta porcentaxe de voto en branco, con gran fragmentación e polarización social, con cambios de goberno constantes, gobernos en minoría e unha falta de visión estratéxica, de futuro. Esta carencia de políticas públicas a longo prazo é aínda máis ameazante nun territorio que posúe uns indicadores socioeconómicos ligados a altas taxas de desemprego, pobreza e avellentamento da poboación. Ferrol precisa de altas doses de deliberación a de acordos en asuntos clave que excedan os períodos temporais dos 4 anos de mandato.

É así como nace o ciclo CÓNTAMO TI #ISTONONÉUNMITN, que dará inicio o próximo venres 3 de febreiro ás 19:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico de Canido cunha sesión inaugural. Nesta sesión participarán 4 ex-alcaldes (que xa non son elixibles na próxima convocatoria electoral). Algúns xa están retirados da política e van ofrecer a súa visión da cidade co paso de tempo e dende a súa experiencia de xestión.

Neste primeiro encontro contaremos con Manuel Couce (alcalde en 1989 -1991, 1991-1995), Xaime Bello (1999-2003), Juan Juncal (2003-2007) e Vicente Irisarri (2007-2011).

Nas seguintes sesións terán lugar varios diálogos cos candidatos á Alcaldía que xa foron presentados formalmente. Estes encontros terán lugar:

1.- Venres 10 de febreiro ás 19:00 horas, Jorge Suárez (Ferrol en Común)
2.- Venres 17 de febreiro ás 19:00 horas, Iván Rivas (BNG)
3.- Venres 24 de febreiro ás 19:00 horas, José Manuel Rey (PP)
4.- Venres 3 de marzo ás 19:00 horas, Ángel Mato (PSdG-PSOE)

O esquema de preguntas para os encontros cos Alcaldables seguirá o mesmo patrón: E ti, de quen vés sendo? Biografía da persoa candidata.

Dime con quen andas… Equipo de candidatura, sinerxías e colaboracións.

Éche o que hai! Resumo das propostas realizadas durante este mandato, vinculadas a Canido.

Que hai do meu? Principais liñas estratéxicas para Ferrol e en especial, plan de acción para Canido 2023/2027

En todas as sesións haberá un espazo para as preguntas do público, grazas a un sistema de tarxetas que serán clasificadas pola organización durante o evento, para trasladarllas aos poñentes. Aquelas preguntas que queden sen reposta, por mor do tempo, serán publicadas na web do evento: https://contamoti.avcanido.org/ na que se pode atopar toda a información do ciclo e na que se irá subindo información actualizada. Os eventos serán emitidos e gravados por Rádio Filispim. Unha vez rematadas as sesións individuais, celebrarase un encontro conxunto cos candidatos, cuxa data está aínda por concretar, previsiblemente a finais de marzo. Dende as entidades organizadores comunícase que se abre unha canle de recollida de desexos cidadáns, podendo enviar arquivos de audio con frases curtas nas que se manifesten necesidades concretas e proxectos a realizar (máximo 30 segundos). Os arquivos deberán ser enviados por e-mail avcanido@gmail.com Durante o último evento, conxunto entre os candidatos a Alcaldía, proxectaranse as voces da veciñanza. O ciclo pretende, ademais, ter continuidade máis alá das Eleccións Locais de Maio, con máis encontros de seguimento tanto do labor do goberno local como da oposición, tratando temas específicos que afecten ao barrio de Canido e ao municipio.

https://contamoti.avcanido.org/


_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon