Amosando publicacións coa etiqueta #EolicaAsiNon. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #EolicaAsiNon. Amosar todas as publicacións

sábado, decembro 11, 2021

A coordinadora galega 'Eolica Así Non' convoca 22 mobilizacións nas diferentes comarcas afectadas pola invasión eólica de Galiza - En Ferrol este sábado 11 de decembro andaina desde a Estación do Tren


MOBILÍZATE NA DEFENSA DAS MONTAÑAS FRONTE A INVASIÓN EÓLICA

Máis de 170 entidades que conforman a "Coordinadora Eólica Así Non" convídante a participar nalgunha das 22 mobilizacións que terán lugar, este sábado 11D, Día Internacional da Montañas para berrar alto e claro: “Na Defensa das Montañas, Eólica Así Non!”


E se non podes asistir a ningunha das concentracións ou manifestacións previstas, sobe á túa montaña e faite unha foto co lema “Eólica Así Non” e, logo, difúndea nas redes co cancelo #EolicaAsiNon

Con motivo do Día das Montañas, o vindeiro 11 de Decembro ás 11h terá lugar en Ferrol unha mobilización que empezará na estación de tren, percorrerá as rúas da cidade pasando pola Praza de España e rematará enfronte do Concello, na Praza de Armas.

A poboación galega só consume dous terzos da enerxía que xeramos agora mesmo, sen a necesidade de instalar un só muíño máis. E aínda así queren que o noso rural soporte a maior densidade de muíños por km2 do Estado, se está esta vaga de proxectos de polígonos industriais eólicos segue adiante. Isto significaría que un 25% do noso territorio sería catalogado coma poligonal de parques eólicos.

Está claro, ademais que estas empresas non están actuando de boa fé. Estes proxectos presentase fraccionados de tal xeito que poidan sortear os controis públicos. Non hai transparencia no proceso, non se lle informa os veciños e afectados, e estanse a atopar trabas administrativas incluso á hora de presentar as alegacións. Sabemos que a nosa rede eléctrica non podería soportar todos estes proxectos que intentan implantar. E ademais, agora decatámonos de que parte desta produción eléctrica enviaríase ao estranxeiro.

Temos constancia de que ningún dos parques instalados fai 15 ou 20 anos trouxo beneficio para a sua zona de asentamento. A proxección destes proxectos vai dirixida ao rural, un rural que novamente vaise ver sacrificado. E despois preguntarémonos por que se está despoboando. No caso de Muras, a sua poboación veuse reducida á metade en 20 anos. Non podemos aceptar que os custos e impactos se centralicen só nun territorio. A transformación física da nosa paisaxe vai afectar as nosas explotacións gandeiras e agrícolas, ao noso turismo, e en definitiva a todo o que coñecemos agora.

Defendemos as enerxías renovables, pero non podemos defender o espolio enerxético.

Por todo isto, e baixo o lema "EÓLICA ASI NON" convocamos os cidadáns ás mobilización que van ter lugar este sábado en Ferrol, e animamos os que non poidan achegarse a esta a que usen as distintas formas de protesta que ímos anunciar nas nosas redes sociais.

Luka, Ortegal di Non

Enviado por:
Ortegal Di Non
-ortegaldinon@gmail.com-
10 de dezembro de 2021 19:01

_______

mércores, novembro 24, 2021

A Plataforma 'Ortegal di non' organiza un acto sobre 'a invasión eólica no rural', na que participaran como poñentes Margarida Prieto e Andrés Castro, ambos do Sindicato Labrego Galego - o venres 26 no Centro Sociocomunitario de Mañón


INVASIÓN EÓLICA NO RURAL
O QUE NON NOS CONTAN DOS EÓLICOS
Charla informativa no Barqueiro.


Ortegal di non organiza unha charla o venres 26 no Centro Sociocomunitario de Mañón ás 19h na que participaran como poñentes Margarida Prieto e Andrés Castro, ambos do Sindicato Labrego Galego. Esta súmase ás múltiples accións que a plataforma leva realizado dende a súa creación fai escasamente 2 meses. Este Novembro acudiron co seu posto de información á Feira do Mel e da Mazá do Concello de Ortigueira, realizaron unha charla informativa e recollida de alegacións na parroquia de Barbos e  acudirán tamén á primeira edición do Festival de Outono que organiza a Granja Labrada o día 28 en Grañas, así como a cita xa habitual cada xoves no mercado local de Ortigueira.

A comarca do Ortegal vese afectada polo de agora por 3 proxectos P. E. Barqueiro, P. E. Balocas e P. E. San Brandán, San Cibrao. A plataforma defende a idea de que outro modelo enerxético é posible no que se inclúa un respecto pola natureza, o noso patrimonio e que afecte o menos posible aos habitantes  das nosas aldeas.

Hai estudos que demostran os efectos nocivos da implantación de estes muíños tan preto dos humanos e sentenzas a favor dos afectados noutros países europeos.

Ademais, estes proxectos farían perigar a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal, por non falar da economía local baseada na agricultura, o gando e o turismo rural.

Considera que hai outras opcións para contribuír ao aforro enerxético coma a creación de comunidades enerxéticas, a colocación de paneis solares nos teitos dos edificios en polígonos industriais xa en uso, unha concienciación cidadá do uso da enerxía, non aumentando a produción sen limite facendo desaparecer a nosa paisaxe e identidade.

A día de hoxe xa se sabe que parte da enerxía que Galicia xeraría pretendese exportar en forma de hidróxeno a outros países.

Estanse presentando proxectos en todo o rural para obter os cartos dos fondos europeos, a rede eléctrica actual non sería capaz de soportar as xeración de estes proxectos, temos unha rede mal planificada, pensada fai moitos anos para grandes centrais, na actualidade compensan as renovables con gas, o subir o prezo deste sube o prezo da electricidade. Aumentar a produción non abarataría o prezo final o consumidor, se non que descompensaría mais a rede o que se xoga aquí é obter fondos europeos non pesar no consumidor.

Pretendemos con estás accións concienciar á xente da manipulación que hai detrás deste boom da enerxía verde ca intención de que por unha vez se fagan ben as cousas dende a base, pesando nos cidadáns e non nos intereses das grandes corporacións.

Ortegal di Non

Contacto: ortegaldinon@gmail.com

#NonInvasionEolica
#EolicaAsiNon

Enviado por:
Ortegal Di Non
-ortegaldinon@gmail.com-
23 de novembro de 2021 23:14

_______

venres, outubro 29, 2021

A loita contra os megaproxectos eólicos é de todos e por todos, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
29.10.2021


Algunhas loitas son de todos, axuntan as persoas, cada un do seu pai e da súa nai, a veciños con vidas diferentes, a xente de distintas ideoloxías, eso é o que está sucedendo agora na Galiza co movemento nado para loitar contra os macroproxectos eólicos que ameazan ó rural galego e o seu xeito de vivir.

O movemento non é uniforme, en cada comarca, en cada aldea organizase dun modo diferente e está mellor ou peor organizado, pero nun movemento cun potencial de unidade transversal capaz de poñer de acordo as aldeas enteiras no seu afán de seguir vivas e non permitir que intereses económicos esmaguen a súa dignidade e destrúan o seu futuro.

Como ocorre neste tipo de movementos sempre hai quen intenta controlalos, ou busca sacar un rédito político, as multinacionais lles interesa calar as voces discordantes, adormecer a opinión pública, e enganar aos veciños afectados. Os poderes económicos sempre atopan políticos aos que comprar ou parvos útiles aos que utilizar para alcanzar os seus obxectivos.  

Persoalmente entendo que unha plataforma debe nacer da organización dos afectados a nivel individual, e fortalecerse coa achega doutras persoas solidarias, con asociacións de veciños, grupos ecoloxistas, etc. E cando a causa é xusta, como é o caso, debe estar apoiada, que nunca controlada, polo Goberno Municipal e os distintos grupos políticos.

Pero non o van a ter fácil, o rural galego xa ten demostrado noutras ocasións a súa capacidade de loita. Como galegos somos desconfiados, pois temos sido enganados e utilizados en demasiadas ocasións.

En cada comarca e en cada concello nacen plataformas para loitar pola nosa terra, polo noso presente, e polo futuro dos que virán detrás, algunhas nacen ben, son plataformas de afectados a nivel individual, coa participación de asociacións ecoloxistas ou veciñais, e tamén de persoas que aman a Galiza como a si mesmos, outras nacen mal, con políticos de mente estreita que tentan controlalas por medo a que alguén poida sacar un suposto beneficio electoral no futuro, ou ainda peor nacen controladas por persoas que se teñen vendido as multinacionais do sector.

En realidade é algo que ten pasado sempre, ben sexa na loita contra a megaminería, ou na loita contra os megaproxectos eólicos, ou en tantas outras.

Persoalmente estou convencido de que os traidores ao seu propio pobo serán arrastrados por unha marea humana que non se vai a parar por moitos atrancos que lles poñan no camiño.

A nosa Galiza profunda, o noso rural galego dará nesta batalla e a gañará, pobre do político que pense que pode enganar a este pobo, mais lle valería sacarse do medio antes de que suba a marea, ou mellor, escoller trincheira coa xente que loita polo que é xusto, que defende a súa su dignidade e a de todo un pobo contra xigantes que como no Quijote hoxe son muíños.

Esta loita a imos gañar entre todas e todos. A Galiza non se vende, se defende.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
28 de outubro de 2021 08:04

_______

luns, outubro 11, 2021

Novo Boletín Informativo Ambiental de Radio Cerna: achegamos un espazo de radio exultante de actualidade ambiental... a semana deixounos novas sobre Endesa e a súa intención de volver queimar carbón nas Pontes, o inicio da xudicialización eólica por parte de ADEGA, a publicación oficial do novo Plan Forestal... entre outras


Boletín informativo ambiental 08/10/2021

Hoxe achegamos un espazo de radio exultante de actualidade ambiental. A semana deixounos novas sobre Endesa e a súa intención de volver queimar carbón nas Pontes, o inicio da xudicialización eólica por parte de ADEGA, a publicación oficial do novo Plan Forestal ou o novo proxecto da Mina de Touro, entre outras... Escoita!

Queres coñecer a actualidade ambiental de Galiza? Escoita Radio Cerna!



Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Foto: Maquinaria pesada na Praia de Rodeira.

Enviado por:
Miguel Anjo Delegación Adega Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
8 de outubro de 2021 10:37

_______

xoves, setembro 30, 2021

Roteiro polo Coto da Lagoa, para coñecer o patrimonio paisaxístico e natural ameazado por un proxecto eólico - Domingo 3 de outubro, ás 10 da mañá, no local social da asociación viciñal de Marmacón (Papoi) - Ferrol

O vindeiro domingo día 3 de Outubro, está organizado un roteiro pola SGHN e outras entidades que están contra dos proxectos eólicos entre elas ADEGA, no monte da Lagoa con subida ate o coto, coa finalidade de coñecer o patrimonio paisaxístico e medio ambiental ameazado polo proxecto eólico mal chamado Monteventoso. Será un percorrido duns 8 Km, con saída do local da AVV de Marmancón (Papoi) ás 10 da mañá.

Punto de encontro (mapa):
https://goo.gl/maps/MgVwFegp969kGitG7

Participa !

"Non queremos un modelo eólico que rompe, deteriora e minusvalorara o noso territorio e a súa xente para o beneficio dos de sempre".

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Info baseada na enviada por:
Adega Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
30 de setembro de 2021 09:57

_______

martes, setembro 14, 2021

Unha plataforma veciñal para loitar contra o macroproxecto Parque Eólico Barqueiro: 'Ortigueira di Non' - Por unha transición enerxética xusta e sustentable


Non sei se vostede esta o corrente do que está a acontecer a día de hoxe nas nosas aldeas, e é que hai un movemento que pretende que se escoite a nosa voz. Un movemento que intenta paralizar o que vemos repetido na historia unha e outra vez. Fanse proxectos co único fin de acadar subvencións sen importar a quen se levan por diante. E esta vez temos algo que dicir: Ortigueira di Non!

ORTIGUEIRA DI NON realizou unha concentración diante do Concello o día do pleno extraordinario que tivo lugar o pasdo 9 de setembro, que se suma ás distintas formas de protesta que están a ter lugar nas últimas semanas, incluído "os roteiros reinvindicativos" que tiveron lugar o domingo5 de setembro e que finalizaban nun marco incomparable, Monasterio de Caaveiro, corazón das Fraguas do Eume onde estes muíños xigantescos tamén chegarían.

Esta plataforma é unha asociación veciñal e apolítica que emerxeu para loitar contra o proxecto Parque Eólico Barqueiro, un dos seis proxectos que ocuparían parte da zona de Ferrol Terra, Ortegal e Mariña.

O aluvión de proxectos eólicos débese ás axudas Next Generation que a Unión Europea está a conceder e ao afán das empresas por conseguir os fondos europeos.

ORTIGUEIRA DI NON está a favor das enerxías renovables. Pero considera que non se poden vulnerar os nosos dereitos e saltarse a lei vixente. Non se pode permitir a instalación de aeroxeradores de 200 metros a 300 metros das casas como se pretende, a destrución da nosa paisaxe, que é máis que un reclamo turístico para nós, sen un estudo tan básico como o de acuíferos, por exemplo. E moito menos permitir o espolio das terras dos nosos veciños. Todo iso para que se lucre unha empresa privada e nós os galegos, nin sequera a nosa comarca, teñamos ningún beneficio máis que a destrución da nosa contorna.

Cremos que como mínimo se debe informar á xente para que teñamos unha idea real do que todo isto significaría para a nosa comarca. E evitando así o botar as mans a cabeza unha vez que o mal xa esta feito.

Lucía Bermúdez Blanco, en representación
PLATAFORMA VECIÑAL ORTIGUEIRA DI NO

No facebook.

Manifesto de Caaveiro -  Por unha transición enerxética xusta e sustentable - 05.09.2021 | En formato pdf, 6 páxinas. | Baixar/Acceder.

Info baseada na enviada por:
Ortigueira Di Non
-ortigueiradinon@gmail.com-
7 de setembro de 2021 22:14

_______

sábado, setembro 11, 2021

Eólicos, así non, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
11.09.2021

EÓLICOS, ASÍ NON

Recentemente, e en calidade de delegada da organización política Ligando-LGD, veño de rexistrar no concello de Ferrol unha iniciativa contra dos macroproxectos eólicos no noso territorio. Iniciativa que consideramos necesario divulgar nos medios para compartila coa cidadanía. A razón de ser da Administración local non é outra que pór en marcha políticas de servizo á cidadanía, participadas por esta. Máis, cando esa cidadanía fica indefensa perante oligopolios económico-financeiros e lobbies enerxéticos.

Co cambio climático, eses territorios e espazos marítimos que van ser cedidos ao lobbie enerxético van necesitalos as comunidades locais para sobrevivir á incerteza e ás consecuencias dese cambio. Ceder eses territorios significa reducir a capacidade de resiliencia da sociedade ferrolá, contrariando a lóxica da supervivencia.

Por iso, consideramos un despropósito que a cidadanía de Ferrol se teña que informar polos medios de comunicación de que o seu alcalde fai de portavoz deses oligopolios enerxéticos que, por riba, nútrense de subvencións públicas. Apoiar desde o goberno local macroparques eólicos de gran impacto ambiental e patrimonial, arteiramente fraccionados para se poder tramitar na administración autonómica, sen comunicación previa aos afectados, está moi lonxe de calquera política democrática e relaciona perigosamente o goberno municipal cos intereses privados especulativos de grupos de poder alleos que cobizan os fondos europeos Next Generation. Fondos que deberían destinarse aos grupos sociais máis afectados pola crise da pandemia. Sobre todo, porque son empréstitos que o Estado terá que devolver e que recaerán, como sempre, na clase traballadora.

Ligando, como organización decrecentista que é, non se posiciona en contra da enerxía eólica per se anque así non por moitas razóns que paso a enumerar:

1- As enerxías renovabeis na lóxica capitalista, están moi lonxe de ser sostibeis e sociais.

Os megaproxectos -malia ser fragmentados- son sempre insostíbeis por motivos ecosociais. Nun mundo pospetróleo cara o que transitameos, estes megaproxectos especulativos e coloniais, son dependentes do petróleo. Os materiais dos eólicos fabrícanse, transpórtanse e instálanse de xeito directo ou indirecto co uso do petróleo. Parte dos seus compoñentes son moi difíciles, cando non imposibeis, de reciclar e moitos dos mesmos son extraídos e producidos en países que carecen de lexislación ambiental e laboral protectora. Supoñen un saqueo colonial alí onde se asentan, que é sempre na periferia dos grandes centros de consumo enerxético, en zonas colonialmente empobrecidas e indefensas, maiormente no rural. Por tanto, potencian o transporte da enerxía extraída -coa perda e derroche que iso implica- da periferia ao centro cando son as grandes cidades as grandes consumidoras.

2- Non estamos para malos investimentos en custosa tecnoloxía cuxo futuro a medio prazo xa é cuestionabel. Amais de destruir enormemente o territorio, xerarían unha débeda que habería que pagar con máis subas na xa inflada factura de electricidade, mentres se exporta a meirande parte da enerxía, como xa pasou coas aldeas sen luz á beira dos grandes encoros.

3- A instalación de parques eólicos debería realizarse onde se produce e consume enerxía, sobre todo, en solo industrial e urbano porque iso é o máis sustentabel e xusto. Cada vez haberá menos disponibilidade de camións, excavadoras, guindastres… menos disponibilidade de materiais por verse limitada a súa extracción e transporte. A eólica ten de ser, pois, local e comunitaria para poder recibir o calificativo de sostibel. 4-Das Renovabeis pódese tirar moita electricidade pero, no mellor dos escenarios, despois de anos dun desenvolvemento axeitado, poderíase obter delas unha cantidade igual ao 40% da enerxía total que se consume actualmente e non poderán sustituir por completo aos combustibeis fóseis. Polo que promover a idea de que as renovabeis van suplir ao petróleo e ao carbón, sen políticas de redución de consumos nin pór en marcha políticas decrecentistas é unha fraude á cidadanía e aboca ao desastre ás vindeiras xeracións.

5- Galiza é autosuficiente en enerxía eléctrica polo que é irracional e colonial calquera política enerxética de destrución do territorio para transportar (saqueo) a outros territorios que se libran así destas nefastas externalidades.

6- Non é de recibo que a administración faga inventario de Patrimonio ecolóxico e arqueolóxico para logo agasallalo ao lobbie enerxético. Desde Ligando, apoiamos totalmente aos comuneir@s afectados polo proxecto eólico P.E.BRIÓN no monte do Cha e suscribimos o seu rexeitamento, así como ao P.E.MONTEVENTOSO e P.E.FERROL.

É deber do goberno municipal velar pola conservación do territorio, máis do LIC Costa Ártabra e Rede Natura 2000, do patrimonio arqueolóxico catalogado (máis de medio cento de mámoas afectadas) e dos aproveitamentos comunais do Monte do Cha. Así como tamén protexer ás persoas das liñas de alta tensión, do ruído constante das pás xigantes, do efecto sombra, das interferencias nas comunicacións e os acuíferos, fontes e traídas dos que se abastecen os núcleos rurais. Non queremos torres de 200 m. de altura sobre os montes que abeiran a ría de Ferrol! No que ten á eólica mariña, Galiza é a segunda comunidade autónoma en produción de enerxía eólica polo que resulta abraiante e curtopracista sacrificar a biodiversidade única do litoral galego para exportar enerxía. Máis cando isto afundirá a un sector punteiro como é o pesqueiro-marisqueiro. Ao impacto económico súmase o impacto ambiental pois os proxectos San Brandán e San Cibrao son lindeiros cun dos máis importantes corredores de aves de Europa, co grave impacto ecolóxico sobre a avifauna. Polo que resulta grotesco defender a un tempo a eólica mariña e o turismo sostibel, por exemplo.

O goberno municipal ten a obriga de protexer os intereses da economía resiliente do sector pesqueiro e marisqueiro así como das comunidades costeiras afectadas, con miras á soberanía alimentar. Así como o deber de velar pola conservación dos ecosistemas litorais e mariños. Solicitamos deste goberno o posicionamento en contra de calquera megaproxecto eólico, terrestre e mariño que non obedeza ao interese do ben común de proximidade e produción comunitaria. A creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovabel que fomente o autoconsumo e o cooperativismo enerxético. Un programa municipal de reducción do consumo de enerxía, eficiencia e autonomía a nivel social e individual. Un aproveitamento descentralizado das fontes renovabeis retomando tamén as súas aplicación non eléctricas, ao parecer máis eficientes. Campañas educativas de concienciación nas que se priorice a necesidade de reducir consumos debido á escaseza enerxética nun mundo posfosilista. Políticas cara a re-ruralización e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, especialmente das necrópoles neolíticas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com
8 de setembro de 2021 20:58

_______