Amosando publicacións coa etiqueta #XusticiaParaSamuel. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #XusticiaParaSamuel. Amosar todas as publicacións

venres, xullo 09, 2021

Manifestación na Coruña: 'Ante o odio e a violencia, non mostres indiferencia' - #XusticiaParaSamuel - O domingo 11 de xullo, ás 19:30hs, desde a Praza da Palloza ate a de María Pita


O pasado 5 de xullo tiveron lugar 80 concentracións na Galiza e decenas máis en cidades de todo o Estado. Reunímonos miles de persoas pedindo #XusticiaParaSamuel, asasinado nunha malleira grupal ao berro de maricón na Coruña a noite dese mesmo sábado.

Saímos a berrar contra a  LGBTIfobia asasina. A dicir que nos están a matar mentres a policía e os medios din que non ten nada que ver que o fagan ao berro de maricón. Atácannos máis e máis mentres vemos como se lexitiman os discursos de odio da extrema dereita. Pero ademais das agresións que sufrimos na rúa, no traballo ou nos centros de estudo, o pasado 5 de xullo foi a policía a que cargou en Madrid ás ordes do Ministerio de Interior e a Delegación do Goberno, deixando feridas e detidas.

Ao día seguinte a portavoz do Goberno dixo que "o goberno apoia as actuacións dos Corpos e Forzas de Seguridade no  reestablecemento da orde que se viu alterado". Todo atado e ben atado. Mentres tanto, seguen minimizando, negando e atrasando todo o posible a Lei Trans, mantendo o aparello racista de estranxeiría e fronteiras que nega a entrada, tamén a quen foxe da persecución á súa identidade  sexoxenérica, ou dando acubillo a sectores  transodiantes que se xuntan coa extrema dereita. Isto tamén é  LGBTIfobia.

A  LGBTIfobia non só vén en grupo a dar malleiras, ás veces tamén actúa a  porrazos, co uniforme e o casco posto, ou  ninguneando e desprezando desde comisarías e xulgados ás vítimas de agresións  LGBTIfóbicas por parte desta xustiza patriarcal e reaccionaria. Imos pelexar e organizarnos contra as agresións  LGBTIfóbicas, non só a defendernos, a atacar este sistema patriarcal e capitalista que nos está matando. Cando non se nos pode sacar o diñeiro, cando cuestionamos os límites, acábase o  arcoiris e a tolerancia e chegan os  porrazos.

Os lavados de cara das forzas represivas do estado unha semana antes no Orgullo  LGBTI disipáronse a golpe de  porrazo contra quen protestaba polo asasinato  homofóbico de Samuel. Non hai campaña de  pinkwashing que oculte que enviaron á policía para golpear brutalmente unha manifestación que rexeita o asasinato dun mozo ao berro de maricón, como o fai en desafiuzamentos, fronteiras ou piquetes.

Estamos ata arriba de raiba e ímola organizar, porque se tocan a unha, organizámonos miles. A mesma represión que sufrimos en canto deixamos de ser rendibles é a que abarca máis aló da disidencia sexual, tamén á clase traballadora e a mocidade cando sae a loitar, ás persoas  migrantes ou a quen  desafíe este réxime herdeiro do franquismo por moito que se pinte de rosa un día ao ano.

É necesario que nos organicemos, por iso desde diferentes colectivos convocamos mobilizacións contra a  LGBTIfobia e a represión en todo o estado español ao longo desta fin de semana. A solidariedade entre as loitas desde unha perspectiva  antirracista,  antipatriarcal e  anticapitalista é unha das nosas maiores armas.  Unámonos pois para unir todas estas forzas que tanto medo danlle a este sistema.

As organizacións LGBT+ galegas convocamos manifestación nacional na cidade da Coruña este domingo día 11 ás 19h30, e chamamos a toda a sociedade galega a acudir á nosa chamada, do mesmo xeito que fixo este luns nas prazas das súas localidades. Contra a LGBTfobia, contra a invisibilización, contra a represión da disidencia, tomemos as rúas!

Se calquera outra organización LGBT+ quere participar na convocatoria pode pórse en contacto connosco [avanteferrol@gmail.com].
 
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de julho de 2021 08:00

_______