O pasado 5 de xullo tiveron lugar 80 concentracións na Galiza e decenas máis en cidades de todo o Estado. Reunímonos miles de persoas pedindo #XusticiaParaSamuel, asasinado nunha malleira grupal ao berro de maricón na Coruña a noite dese mesmo sábado.
Saímos a berrar contra a LGBTIfobia asasina. A dicir que nos están a matar mentres a policía e os medios din que non ten nada que ver que o fagan ao berro de maricón. Atácannos máis e máis mentres vemos como se lexitiman os discursos de odio da extrema dereita. Pero ademais das agresións que sufrimos na rúa, no traballo ou nos centros de estudo, o pasado 5 de xullo foi a policía a que cargou en Madrid ás ordes do Ministerio de Interior e a Delegación do Goberno, deixando feridas e detidas.
Ao día seguinte a portavoz do Goberno dixo que "o goberno apoia as actuacións dos Corpos e Forzas de Seguridade no reestablecemento da orde que se viu alterado". Todo atado e ben atado. Mentres tanto, seguen minimizando, negando e atrasando todo o posible a Lei Trans, mantendo o aparello racista de estranxeiría e fronteiras que nega a entrada, tamén a quen foxe da persecución á súa identidade sexoxenérica, ou dando acubillo a sectores transodiantes que se xuntan coa extrema dereita. Isto tamén é LGBTIfobia.
A LGBTIfobia non só vén en grupo a dar malleiras, ás veces tamén actúa a porrazos, co uniforme e o casco posto, ou ninguneando e desprezando desde comisarías e xulgados ás vítimas de agresións LGBTIfóbicas por parte desta xustiza patriarcal e reaccionaria. Imos pelexar e organizarnos contra as agresións LGBTIfóbicas, non só a defendernos, a atacar este sistema patriarcal e capitalista que nos está matando. Cando non se nos pode sacar o diñeiro, cando cuestionamos os límites, acábase o arcoiris e a tolerancia e chegan os porrazos.
Os lavados de cara das forzas represivas do estado unha semana antes no Orgullo LGBTI disipáronse a golpe de porrazo contra quen protestaba polo asasinato homofóbico de Samuel. Non hai campaña de pinkwashing que oculte que enviaron á policía para golpear brutalmente unha manifestación que rexeita o asasinato dun mozo ao berro de maricón, como o fai en desafiuzamentos, fronteiras ou piquetes.
Estamos ata arriba de raiba e ímola organizar, porque se tocan a unha, organizámonos miles. A mesma represión que sufrimos en canto deixamos de ser rendibles é a que abarca máis aló da disidencia sexual, tamén á clase traballadora e a mocidade cando sae a loitar, ás persoas migrantes ou a quen desafíe este réxime herdeiro do franquismo por moito que se pinte de rosa un día ao ano.
É necesario que nos organicemos, por iso desde diferentes colectivos convocamos mobilizacións contra a LGBTIfobia e a represión en todo o estado español ao longo desta fin de semana. A solidariedade entre as loitas desde unha perspectiva antirracista, antipatriarcal e anticapitalista é unha das nosas maiores armas. Unámonos pois para unir todas estas forzas que tanto medo danlle a este sistema.
As organizacións LGBT+ galegas convocamos manifestación nacional na cidade da Coruña este domingo día 11 ás 19h30, e chamamos a toda a sociedade galega a acudir á nosa chamada, do mesmo xeito que fixo este luns nas prazas das súas localidades. Contra a LGBTfobia, contra a invisibilización, contra a represión da disidencia, tomemos as rúas!
Se calquera outra organización LGBT+ quere participar na convocatoria pode pórse en contacto connosco [avanteferrol@gmail.com].
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de julho de 2021 08:00
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon