xoves, xullo 08, 2021

Gas extraído por medio do destrutivo fracking descargou-se en Reganosa - O buque 'Flex Endeavour' cargado con miles de toneladas de gas natural licuado, estivo descargando no peirao de Punta Promontoiro, na Ría de Ferrol


O LNG Tanker "Flex Endeavour", arribou ao porto de Mugardos onte mércores 7 de xullo, para descargar en Reganosa. Actualmente o buque está navegando baixo bandeira de conveniencia de Malta. Un buque de grande porte, de 295 metros de eslora e 46 de manga, construído hai só catro anos, en 2018.

O "Flex Endeavour", procedente do Golfo de México, cargou o GNL en Port of Ingleside, que está situado no condado de San Patricio, Texas (United States - USA). O buque gaseiro que arribou á Ría de Ferrol, trouxo gas natural licuado (LNG) de Estados Unidos, extraído por medio da destrutiva técnica do fracking (fracturamento hidráulico).

A técnica de extracción coñecida como fracking, é moi daniña para a saúde e o medio ambiente, onde se libran grandes cantidades de metano á atmosfera, e inxectan no subsolo grandes cantidades de sopa química moi tóxica, contribuíndo deste xeito ao cambio climático, e a contaminación das augas subterráneas e o subsolo. De feito no artigo 9 da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética aprobada nas Cortes Xerais este 20 de maio de 2021, prevé expresamente a denegación de autorizacións de explotacións de hidrocarburos que empreguen a técnica fractura hidráulica de alto volume.

O "Flex Endeavour" descargou 164.138 m3 de GNL (Segundo o Xestor Técnico do Sistema) no despropósito gasista de Reganosa. Foron decenas de miles de toneladas de gas natural licuado, as que se descargaron para a perigosa regasificadora. Mentres se producía a descarga, perante 24 horas, aumentou de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna. Para a regasificación de tal cantidade de GNL, van-se utilizar máis de 2.500 millóns de litros de augas do mar, ao que se lle engadirá hipoclorito sódico, tamén obtido da auga do mar nun proceso de electrólise. Esa auga que se utiliza para a regasificación, volve á Ría, arrefriada entre 4 e 6°C e en forma de sopa química, ao que se lle engadiron sulfitos para rebaixar a incidencia dos hipocloritos, mais millóns de litros de auga volven á Ría esterilizados sen apenas vida orgánica (con grande parte dos microorganismos mortos) contribuíndo a empobrecer a biodiversidade da contorna marítima.  

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas, contribúe ao deterioro da Ría e ao cambio climático, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Foi construída e posta e funcionamento, sen avaliación ambiental e a sabendas de que, a súa localización, incumpría a lexislación medio ambiental en vigor. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa. Agora co novo goberno se lle aprobou a avaliación ambiental, sen ter en conta a súa localización, alegando que xa é unha infraestrutura construída e en funcionamento. Reganosa segue operando sen os permisos de construción e  autorización de funcionamento, despois de 18 anos de comezar a súa construción e a 14 de comezar a funcionar. Despois das cinco sentenzas do Tribunal Supremo que anulou os permisos e autorización, a regasificadora tivo que volver a tramitar os mesmos.

Planta de gas fora da Ría !!

#GasNoneSolucion

Gas: os excesos dun sistema que pagas na factura. Un especial dixital realizado por "Ballena Blanca".

Gas e fracking. | Ecoloxistas en Acción.

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Foto: O "Flex Endeavour" descargando no peirao de Reganosa, na noite do 7 de xullo de 2021.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon