Amosando publicacións coa etiqueta 10 de Marzo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 10 de Marzo. Amosar todas as publicacións

luns, marzo 08, 2021

Comité de Empresa de Pull&Bear Logística: Queremos facer un chamamento a clase obreira para saír a defender os nosos dereitos, entre eles o de ter un traballo digno e manifestar o noso apoio a folga xeral comarcal do vindeiro 10 de marzo


Folga comarcal do 10 de marzo

O comité de empresa de Pull&Bear Logística S.A. quere manifestar o seu apoio a folga comarcal do vindeiro 10 de marzo de 2021 e se solidariza coas empresas en conflito.

Queremos facer un chamamento á clase obreira para saír a defender os nosos dereitos, entre eles o de ter un traballo digno. Así mesmo queremos trasladar as unións comarcais que a loita ten que continuar despois do 10 de marzo, e estenderse por toda Galiza. Non poden volver a pasar outros 8 anos desde a derradeira folga comarcal, e desaproveitar toda esa forza e todo o potencial que ten a clase traballadora para mellorar as condicións de vida.

Sen mais, un saúdo de clase.

Ata a vitoria sempre, venceremos.

Narón, a 8 de marzo, de 2021

Comité de Empresa de Pull&Bear Logística
comitepyb@gmail

Enviado por:
comite pullbear
-comitepyb@gmail.com-
8 de março de 2021 21:35

_______

Foto de Arquivo - Asemblea no interior da empresa en Narón.
_______

sábado, marzo 06, 2021

Basta de agresións contra a clase traballadora! - Rescatar as persoas, non as empresas! - 10 de marzo: todas e todos á Folga Xeral! - CGT convoca Folga Xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal


Ferrolterra leva décadas padecendo unha grave crise: reconversión de Astano e reducións de persoal en Navantia, até o peche de moitas pequenas e medianas empresas. Nos últimos tempos a situación agravouse cunha nova onda de EREs ou peches: Poligal, Cándido Hermida, Noa, Galicia Textil, Gamesa, térmica das Pontes, centos de despedimentos na industria auxiliar de Navantia… Pode dicirse o mesmo da Mariña, onde só a loita obreira puido evitar de momento os despedimentos en Alcoa.

Os traballador@s desta comarca tamén vimos sufrindo, como o resto da clase obreira do Estado español, ataques permanentes en forma de contrarreformas laborais, contrarreformas das pensións, recortes nos servizos públicos (nomeadamente sanidade e ensino) e mesmo recortes nos dereitos democráticos (Lei Mordaza).

Todo isto non é consecuencia dun cataclismo natural, senón dunha política consciente por parte dos empresarios e os seus representantes políticos para EMPOBRECER á clase traballadora, e así ENRIQUECERSE eles aínda máis.

Para evitar a nosa resposta, os traballador@s sufrimos un constante bombardeo de mentiras para facernos crer que, se ás empresas lles vai ben, entón ós traballador@s tamén nos irá ben e, xa que logo, debemos mirar polos intereses da empresa. Nada máis falso.

En primeiro lugar, porque sobran os exemplos (o último Gamesa) de empresas que, tras irlles moi ben, pecharon.

E en segundo lugar, porque que haxa emprego (ou carga de traballo en Navantia) só é a metade do problema. A outra metade son as condicións laborais en que traballamos. Os empresarios e a dereita téñeno claro: hai que conformarse co que hai, pedir dereitos xa é vicio. Para a CGT, a actitude é toda a contraria: para mirar polos intereses das empresas xa están os empresarios; os traballadores temos que mirar polos nosos intereses propios, polos nosos intereses de clase porque se non miramos nós por eles, non mirará ninguén.

Hai un profundo malestar social latente pola situación sanitaria, económica e laboral. Se aínda non se converteu nunha protesta masiva é fundamentalmente polo papel de CCOO e UGT, empeñados nunha política de paz social que nos debilita e que na práctica equivale a colaborar nos ataques que sufrimos. Só hai que mirar o que fan en moitas empresas ou nas compañías de Navantia.

O desemprego, a desindustrialización, o empobrecemento non afectan  exclusivamente a Ferrolterra. Estamos ante unha auténtica guerra dos capitalistas contra toda a clase obreira. Esta situación ten unha causa: a economía de libre mercado, o capitalismo, un sistema que non pensa no benestar da maioría da sociedade, senón nos beneficios privados. As mesmas grandes empresas que levan anos amasando beneficios e recibindo moreas de cartos públicos deixan na rúa ós traballador@s, queren que sexamos nós os que paguemos os pratos rotos da súa crise.

A situación é grave. A CGT convoca a folga xeral do 10 de marzo en Ferrolterra e chama a tódolos traballadores e traballadoras a secundala. A CGT vai a esta folga coas reivindicacións que os traballador@s necesitamos:

✔ En defensa de tódolos empregos.
✔ Carga de traballo para Navantia.
✔ Contratación directa por Navantia da man de obra que necesita. Fóra a subcontratación. Por unha Navantia 100% pública.
✔ Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro de Siemens Gamesa.
✔ Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro da térmica das Pontes para, en combinación coa factoría das Somozas, crear un polo industrial de enerxías limpas e sostibles.
✔ Derrogación das reformas laborais e de pensións, tanto a de Rajoy como a asinada por Zapatero con CCOO e UGT. Redución da idade de xubilación con contratos de relevo.
✔ Por un Salario Mínimo Interprofesional de 1.200 € e un subsidio de desemprego indefinido igual ó SMI.
✔ Traballar menos para traballar tod@s: xornada laboral de 35 horas sen redución salarial.
✔ Expropiación sen indemnización e nacionalización baixo control obreiro da banca, para acabar cos abusos dos bancos privados e dispoñer de recursos para crear empregos e eliminar a lacra do paro.

É un erro pedir que o Estado entregue cartos públicos ás empresas privadas. Esa non é a solución, é xustamente o problema. O único xeito de defender os empregos existentes e unhas condicións laborais dignas é substituíndo as políticas económicas actuais, que antepoñen os intereses empresariais, por outras que antepoñan o benestar das persoas.

Por iso a CGT rexeita a participación da dereita e a patronal na manifestación. De verdade que os que nos despiden están preocupados polos parad@s? O único que queren son cartos para eles. Imos permitir que o PP se presente como defensor dos traballadores cando a súa reforma laboral permitiu que Gamesa pechase e cando atrasou as F-110 durante dous anos porque o seu ministro Morenés quería beneficiar á súa antiga empresa?

Non é coa dereita e a patronal de Ferrolterra con quen nos temos que unir, senón cos traballador@s doutras comarcas, para convocar unha folga xeral en Galiza que sexa un primeiro paso para a convocatoria dunha folga xeral en todo o Estado.

A renuncia do goberno de coalición a romper coas políticas capitalistas faise cada día máis evidente, envalentonando á dereita e ós sectores máis reaccionarios do aparato do Estado. As faragullas do chamado “escudo social” non frean a sangría social. Os fondos europeos para as empresas pagarémolos con máis austeridade. Estase a preparar unha nova onda de recortes, empezando pola reforma das pensións do ministro Escrivá.

O PSOE está xirando á dereita e tenta recompoñer as relacións co PP para sacar adiante esa axenda, o que agudiza os choques con Unidas Podemos, que ten que dar un puñazo na mesa, non lexitimar esas políticas e tomar o camiño da mobilización, o único que permite arrincar dereitos.

Si temos forza. Fai falla dicir ¡BASTA! mediante unha REBELIÓN SOCIAL DA CLASE TRABALLADORA. Outro sindicalismo é posible e necesario. Fai falla un sindicalismo combativo, de clase e asembleario, e tamén anticapitalista porque temos que atacar a raíz do problema, que é este sistema inxusto. Fai falla fortalecer o sindicalismo que representa a CGT.

DEFENDAMOS CADA POSTO DE TRABALLO

MANIFESTACIÓN as 12:00

CGT de Ferrolterra
623044900
http://www.cgtgalicia.org/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
06 de março de 2021 08:50

_______

O 10 de Marzo, o 'Día da Clase Obreira Galega', a comarca de Ferrolterra irá unha vez máis a folga, ... Por André Abeledo Fernández



Por André Abeledo Fernández [*]
06.03.2021


A comarca de FERROLTERRA irá a folga xeral o próximo 10 de marzo

O 10 de Marzo, o DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA, a comarca de Ferrolterra irá unha vez máis a folga.

Un 10 de Marzo que na nosa comarca mantense gravado a sangue e lume, un día de homenaxe e sobre todo de loita obreira.

Un sete de febreiro de 1972 tíñase asinado en Madrid, por parte do Sindicato Vertical un convenio interprovincial dos diferentes estaleiros do país.

O oito de febreiro celebrábase en Ferrol unha asemblea de traballadores que se manifesta en contra da sinatura, e convocase unha nova asemblea para o día nove de Marzo. A resposta por parte da patronal a esta convocatoria é o despido de seis dirixentes sindicais.

O día nove de Marzo, ante o despedimento dos dirixentes obreiros os traballadores deciden parar a produción e concentrarse dentro do estaleiro ata que os seus compañeiros foran readmitidos. Ala polas tres da tarde a empresa ameaza aos traballadores co desaloxo policial. Sobre as cinco da tarde a policía entra na factoría e desaloxa aos traballadores pola forza co resultado de máis de vinte feridos.

Os enfrontamentos entre os traballadores e a policía trasládanse as rúas e durante a noite escóitanse os primeiros disparos das forzas de represión franquista.

As 7:30 da maña do día dez  de marzo de 1972 os traballadores  concéntranse ante as portas pechadas do estaleiro de Bazán, uns 4.000 obreiros que deciden dirixirse cara o outro estaleiro da comarca, Astano, para unirse a os seus compañeiros de loita.

Pero ao chegar ao cruce de As Pías atópanse coa emboscada da Policía Armada que disparan sobre os traballadores desarmados.  

Nese  momento e nese lugar foron asasinados Amador e Daniel,  os seus nomes quedan desde entón gravados a sangue e lume, Amador Rey Rodríguez e Daniel Niebla García, mártires da clase obreira galega.

Tamén  máis de 40 feridos, moitos dos cales non acudiron ao hospital por medo a ser detidos.

Durante varias horas Ferrol quedou nas mans dos obreiros, respondendo o goberno fascista cortando as comunicacións, incluídas as telefónicas, ata que logrou concentrar os efectivos necesarios para ocupar a cidade pola forza.

Nos días posteriores a solidariedade obreira estendeuse por toda a comarca e por toda Galiza, parando outras fábricas e respondendo a poboación cun forte apoio aos familiares dos represaliados.

O balance da loita foi brutal: 2 traballadores asasinados, 16 feridos de bala, decenas de feridos por outras causas, 160 despedidos, 60 encadeados e 50 multados con cifras que ían desde as 50.000 pesetas as 250.000, cantidades colosais naqueles tempos.

Nos días posteriores producíronse numerosas detencións de sindicalistas, militantes comunistas e activistas de distinto signo. Pero tamén nos días posteriores se propuxeron mobilizacións de protesta e solidariedade por Galiza, Estado Español e a nivel internacional.

Moitos traballadores organizados e conscientes de ser clase obreira, foron presos e posteriormente xulgados por un Consello de Guerra e condenados a varios anos de prisión. Outros foron sancionados con multas e 23 deles foron procesados polo Tribunal de Orden Público (TOP), no coñecido como «proceso dos 23 de Ferrol», que derivou en condenas de entre un e catro anos.

Os asasinatos e a violencia policial nos sucesos de Ferrol non derivaron en responsabilidade algunha, nin para os autores materiais ni para os responsable políticos e policiais que foron os autores intelectuais dos crimes contra a clase obreira galega.

A mellor maneira de renderlles homenaxe aos camaradas Amador e Daniel e a todos os que sufriron a represión da ditadura franquista e a patronal é seguir loitando.

Hoxe as diversas Reformas Laborais, perpetradas tanto polo PP como polo PSOE, roubaron a la clase obreira os dereitos conquistados con sangre, suor e lágrimas.

É importante e necesario aprender como se gañaron os dereitos, en loitas como a do 10 de marzo de 1972, os dereitos que nos roubaron e nos rouban, a dignidade que nos pisan, precisan dunha resposta a altura dos que loitaron por conquistalos.

O 10 de Marzo debe ser ante todo una xornada de loita das traballadoras e traballadores da Galiza, para poder honrar a memoria de quen o deu todo, ata a vida por defender a dignidade e os intereses da clase obreira.

Unha comarca que foi motor industrial e referente da loita sindical na Galiza e no Estado español, atópase hoxe agonizante despois de ser traizoada por tódolos gobernos e tódalas as administracións.

Dende a reconversión do PSOE de Felipe González que decidiu ferir de morte a industria Naval na Comarca matando a ASTANO e deixando a BAZAN gravemente ferido, ata un «Plan Ferrol» que prometía reindustrializar a nosa Comarca e que ao final quedou en practicamente nada.

Os distintos gobernos a nivel Estatal e Nacional, en Madrid e en Santiago, seguiron dándonos as costas e afondando na ferida pola que a Comarca se vai desangrando.

NAVANTIA, ENDESA, POLIGAL, NOA, GAMESA, e un longo etcétera de empresas que foron afondándose na lameira das crises que sempre pagamos a un prezo desorbitado nesta terra de loita e traballo.

Existe unha débeda histórica con Ferrolterra, unha débeda aínda máis grande dende a mirada da esquerda.

Aquí naceu o día da clase obreira galega, o 10 Marzo de 1972 a sangue de traballadores valentes que defendían os seus dereitos foi derramada, en plena ditadura franquista a clase traballadora desta comarca loitadora estivo disposta a dar a vida, como a deron Amador e Daniel, aquel día que quedará gravado na historia da clase traballadora.

Hoxe continúa a sangría na nosa Comarca, fai pouco con POLIGAL e NOA MADERA CREATIVA, agora cos despedimentos na fábrica de GALICIA TEXTIL de Xuvia, o peche de GAMESA-SIEMENS e a situación que segue a ser desesperada en NAVANTIA.

Agora máis que nunca, cun goberno que se di de esquerdas, cunha ministra de traballo nacida na nosa comarca que coñece ben a historia da comarca traizoada, da loita obreira, do noso movemento sindical, debemos reclamar xustiza para Ferrolterra.

A comarca do 10 de Marzo, do día da clase obreira galega, das folgas xerais e comarcais con suceso, das manifestacións masivas, reclama hoxe e unha vez máis xustiza e reparación.

HONOR, XUSTIZA E REPARACIÓN para Amador e Daniel, que eran obreiros e fillos do pobo galego.

Tomaremos unha vez máis as rúas na comarca de Ferrolterra para loitar polo noso presente e polo futuro da nosa comarca.


[*] André Abeledo Fernández (Delegado da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia de A Coruña).

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
6 de março de 2021 11:41

_______

martes, febreiro 02, 2021

As organizacións sindicais acordan mudar a folga xeral en Ferrolterra para o 10 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día da Clase Obreira Galega


 
Os secretarios comarcais de CIG, UGT e CCOO compareceron esta mañá en rolda de prensa para informar de decisión de trasladar a convocatoria da folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal para o 10 de marzo, Día da Clase Obreira galega, a causa da situación sanitaria e das limitacións na mobilidade. Para ese día está prevista tamén unha manifestación que sairá ás 12 horas dende a rotonda do Alcampo (na Avda. da Gándara) e discorrerá pola estrada de Castela até a Porta Nova.

Manuel Anxo Grandal, secretario da CIG de Ferrol, subliñou que esta non foi unha decisión doada, tendo en conta a crítica situación Sociolaboral e económica da comarca "que precisa de medidas e actuacións urxentes por parte dos gobernos". Por iso, lanzou un chamamento  a toda a cidadanía "para lograr que tanto a folga como a mobilización sexan un éxito de participación".

Grandal puxo como exemplo da crise da comarca o peche de Gamesa, o desmantelamento da central das Pontes no marco dun proceso de transición enerxética que non é xusto, a falta de carga de traballo en Navantia, o ERE de Galicia Téxtil, a destrución produtiva da ría, o abandono do sector agrogandeiro, ou os peches no sector servizos, acelerados pola pandemia, pero que xa se viñan arrastrando de antes.

Ferramenta fundamental de loita

Neste senso, subliñou que a folga é a ferramenta de loita que ten a clase traballadora, polo que animou a saír á rúa este 10 de marzo "data de conmemoración do asasinato de Amador e Daniel en 1972 no marco dunha loita obreira pedindo xustiza social", e neste 2021 "iso é o que temos que reclamar tamén nós, xustiza social". "Xogamos-nos un dereito fundamental, poder vivir e traballar dignamente na nosa terra e, como tal dereito, temos que defendelo", afirmou Grandal.

Denunciou que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal esmorecen por inanición e son as administracións española e galega ás que teñen que aplicar medidas concretas e urxentes para reverter o peche de industrias, a destrución de emprego, o incremento da exclusión social, a perda de poboación, o deterioro dos servizos públicos ou o déficit histórico de infraestruturas na comarca. "Xa non valen máis mesas, nin máis estudos, nin máis milongas, a Xunta e o Goberno español teñen que tomar decisións políticas de inmediato e facer os investimentos necesarios", aseverou.

Grandal reiterou o chamado á participación masiva na folga e mobilización do 10 de marzo para, precisamente, premer e obrigar as administracións a actuar "porque as medidas que se necesitan dependen da vontade política. Porque nos xogamos existir ou non existir".

Fonte: Avantar. | Ferrol - Creative Commons.
_______