Amosando publicacións coa etiqueta Alexandre Carrodeguas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alexandre Carrodeguas. Amosar todas as publicacións

martes, setembro 10, 2013

Saneamento si, mais non así (III), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormentas' nos parques públicos


Por Miguel Reimúndez e Alexandre  Carrodeguas [*]
10.09.2013


Nos anteriores artigos facíamos referencia ás importantes eivas ambientais e prexuizos económicos do proxecto de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol. A estas eivas xuntanse a irresponsabilidade no gasto público e a inadecuación do proxecto á normativa hoxe vixente.

O "tanque de tormentas" do Parque Pablo Iglesias é unha mostra da falta de calidade ambiental, económica e social que caracteriza este proxecto, elaborado dende meros parámetros "industriais", baixo a premisa de facer cadrar as cifras de auga a recoller polos "tanques de tormentas" coa capacidade de tratamento da depuradora, que xa estaba construída cando o proxecto dos colectores e os tanques  é redactado no ano 2010.


Nestes complexos cálculos, a dispoñibilidade dos terreos e a menor molestia ao tráfico foron os únicos factores a considerar á hora de decidir a localización dos "tanques de tormentas". Outros, como son a destrución duns xogos infantiis, a afección a dous mil metros cadrados de parque, ou a máis que probable molestia por emisión sonora e de cheiros desagradables aos veciños, non foron considerados. Había e hai alternativas perfectamente viables dende un punto de vista técnico para quitar do parque Pablo Iglesias o "tanque de tormentas", como son situalo en terreos militares próximos ou baixo unha vía de tráfico rodado (opción que sí se adopta noutras cidades como Barcelona ou Zaragoza), como é a Avenida de Esteiro.

Como xa acontecera no Xardín das Ranitas, o factor do interese social non foi considerado nas ecuacións dos técnicos nin dos políticos. A esta falla de sensibilidade social, habería que engadir unha grave falta de responsabilidade política, materializada no malgasto de cartos públicos.

No ano 2011 déronse por rematadas as obras de saneamento do Río do Tronco, que custaron 1,8 millóns de euros, e cuxo obxectivo era eliminar verquidos de augas residuais ao seu leito. Máis este importante investimento resultou de todo inútil: o proxecto que se está a executar prevé que as augas residuais e pluviais antes separadas sexan mesturadas de novo no "tanque de tormentas" de Pablo Iglesias. Ademais o último tramo do río servirá de cloaca-aliviadoiro do saneamento cando chova moito e o colector non dea abasto a tratar tanta auga.

Deste modo, a atractiva posibilidade de recuperar o río en superficie, tanto no parque Pablo Iglesias como na praza do Río do Tronco, que se pretende re-urbanizar proximamente, farase inviable cando rematen as actuais  obras de saneamento.

Os pregos para a licitación destas obras aprobáronse o 25 de xullo de 2012, un día antes de que entrase en vigor o novo Regulamento Marco do Servizo de Saneamento e Depuración de Galicia. Este regulamento prohibe expresamente o verquido de augas brancas (subterráneas, fontes, manantiais, correntes superficiais...) ao sistema de saneamento, ao tempo que tamén prohibe a mestura de augas pluviais e augas residuais.

O sistema de saneamento que se está a instalar vai “boicotear” as melloras ambientais que esta norma pretende. Mentres os cidadáns e empresas terán que facer caso das prohibicións do decreto, os seus esforzos faranse inútiles cando as augas cheguen ao sistema público de saneamento.

Eivas ambientais, condicións económicas abusivas para a cidadanía, incumprimento da nova directiva europea da auga en redacción, renuncia á posta en valor de millóns de euros de investimentos públicos en saneamento  (os que sistemáticamente, rúa a rúa da cidade, están a separar augas pluviais e residuais dende hai décadas), perda de calidade dos espazos públicos... Todas son razóns máis que suficientes para debater a fondo o sistema de saneamento proposto e modificar o proxecto.

Temos que ser quenes, a cidadanía de Ferrol, de ser capaces de sanear e poñer en valor a nosa  ría. De facer valer os valores de uso e de utilidade social sobre valores espúreos de rendibilidade política inmediata. O horizonte do 2015 debería ser o do saneamento "integral" da ría e non o dunha nova frustración. Con este "saneamento" moitos creemos que chegamos tarde, mal e sen resolver os males que levamos tantos anos padecendo. Non podemos aceptar un modelo totalmente obsoleto de saneamento. A calqueira prezo.

Hai dous anos unha mobilización social importante en contra do tanque das Ranitas foi quen. Estamos a tempo de corrixilo. De todos nos depende.  A ría de Ferrol merece outra cousa.

[*] Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas, membros de Verdegaia.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
9 de setembro de 2013 14:53

_____________

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (II), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos

Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (I), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos
___________________

mércores, xullo 31, 2013

Por que salvamos a 'Ranita' e condenamos a 'Pablo Iglesias'?, ... Por Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos


Por Alexandre Carrodeguas [*]
31.07.2013


Cando falamos de cidades sostibles, de ecoloxía, de lugares de lecer para os nosos nenos e nenas non podemos permitir que unha das poucas zonas que temos para o seu goce se converta nunha zona degradada coa instalación dunha planta de tratamento de augas residuais e pluviais. Tendo tamén en conta que esta cidade é deficitaria en zonas verdes.

Como se sabe o "tanque de tormentas" que ía afectar o 'Xardín da Ranita' foi "relocalizado" pola confederación hidrográfica despois das protestas veciñais que reclamaban contra da súa instalación. Meses despois pretendese instalar, dentro do mesmo proxecto de saneamento, un "tanque de tormentas" aínda maior no parque Pablo Iglesias de Recimil.

A veciñanza de Ferrol Vello mobilizouse na 'Ranita' previo as pasadas eleccións municipais e conseguiron, co apoio de tódolos partidos presentes na corporación, que non se destruíra o seu Parque.

Un parque moi querido por tódolos Ferroláns.

No Parque 'Pablo Iglesias' os veciños e veciñas están tamén a loitar polo mesmo, por salvar un ben público desta cidade, para que siga sendo un espazo de lecer para o uso e goce de toda a veciñanza. O eco que están tendo estas dignas voces polo momento esta a ser ben cativo, non hai resposta positiva por parte do concello nin tampouco da maior parte do tecido asociativo da cidade.

Aínda estamos a tempo de conciliar o necesario saneamento da ría coa salvación dunha das principais zonas verdes da nosa cidade, todos sabemos que é necesario que preservemos o parque 'Pablo Iglesias' como unha zona verde entre os barrios de Esteiro-Recimil e Ultramar, máis tendo en conta que se fala de facer un 'bulevar' na avenida das Pías que deixaría unidos a estes dous populosos ensanches.

Temos que recordar que en Sevilla o Tribunal Supremo acaba de anular a construción dunha biblioteca nun parque público, baixo o argumento da prioridade da preservación da Zona verde como equipamento social básico.

O Supremo explica que as zonas verdes teñen sempre un réxime xurídico propio e peculiar, que introduce unha serie de garantías tendentes o mantemento da "intanxibilidade desas zonas", impedindo “que sexan borradas do debuxo urbanístico da cidade”.

Temos que ser capaces de modificar o proxecto e buscar localizacións alternativas que non degraden a calidade de vida de toda a cidadanía. Aínda que en Ferrol parece que sempre chegamos tarde para facer posible o necesario, sempre estaremos a tempo: Se na 'Ranita' puidemos modificar o proxecto porque non podemos salvar o noso 'Pablo Iglesias'?.

Salvemos a 'Pablo Iglesias', veciños e veciñas de Ferrol todo.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.





Enviado por:

Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
31 de julho de 2013 00:27
____________

sábado, xuño 01, 2013

As grandes superficies e o Ferrol que queremos, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
02.06.2013


A proliferación do modelo de grandes superficies comercias chega a nosa cidade. Cando se fala de relocalizar a economía, de mercados de proximidade, de pequeno comercio. En Ferrol imos en dirección oposta, cara a nada. O impacto nas economías locais das grandes superficies esta mai que estudado e avaliando, sobre todo, os prexuízos que ocasionan nas economías local.

Este tipo de instalacións fomentan un tipo de cidade segregada e especializada, lonxe da cidade ideal de barrios multifuncionais; é dicir de barrios con comercios, servizos etc. Tamén nos alonxa do modelo de cidade compacta e estenden o que os urbanistas chaman cidade difusa, aumentando o uso do vehículo individual e disuadindo a necesaria utilización do transporte público.

O que é mais grave en Ferrol e o fomento da perda de urbanidade do espazo central do barrio da Magdalena, xa en grave proceso de degradación comercial e urbana, o propiciar o traslado masivo da actividade comercial a periferia mais lonxana . A actividade urbana e a forma da cidade "compacta" vese así gravemente danada, mermando cada vez máis a función urbana tradicional. E promovese así unicamente unha cidade amorfa: E dicir sen forma, sen personalidade, sen valor.

O espazo público é aquel que se goberna desde o público, e así cada vez que estas grandes áreas comerciais avanzan na nosa cidade, estase limitando o espazo comunitario e privatizando os espazos de relación social para deixalos en mans de grandes multinacionais alleas o noso país. E hoxe están aquí e mañá poder irse deixando un rastro de destrución.

Non se entende tampouco que nesta crise que vivimos que nos levou ao marasmo e caos actuais, se siga cos mesmos modelos fracasados. Modelos de especulación urbanística, que moitas veces levaron aparellados casos de corrupción e malversación do diñeiro público. Temos casos moi próximos de denuncias asociadas a este tipo de expansións comerciais como e o caso da veciña cidade da Coruña, onde se leva xa desde fai moito tempo denunciando a destrución que supuxo e supón para a cidade a implantación ilimitada destas grandes areas comerciais.

En cambio en Vigo parece, que van xa por outro camiño e os tres sindicatos mais representativos da cidade acaban de facer público o seu rexeitamento a instalación dunha multinacional do sector en terreos comunais. Saben que hai que mudar. Pero no noso Ferrol semella que non nos queremos darnos conta e en vez de pararnos a reflexionar sobre a cidade que queremos, de como poñernos a traballar para recuperar a nosa cidade histórica. Camiñamos no sentido contrario e apostamos por un modelo suicida que non leva mais que a empobrecer a cidade, a empobrecela e degradala tanto social como cultural.

E hora xa por tanto de pensar doutra maneira, de non fragmentar mis a cidade, de non seguir destruíndo o pequeno comercio, de non seguir degradando e desurbanizando a Magdalena e Ferrol Vello, de non seguir con expansións urbanísticas irracionais e ilimitadas como as do Bertón. Nunha cidade en regresión demográfica permanente.

De pensar en serio que facemos co antigo cuartel do Sánchez Aguilera. De ir pensando en abrir o Arsenal o uso e goce público de toda a cidadanía de Ferrol. De derrubar a muralla dunha vez. De apostar por unha economía relocalizada onde a rehabilitación xogue un papel fundamental. Onde a ría sexa vista como unha fonte de vida e non de morte. Onde recuperamos de vez unha función para Ferrol, unha función que lle dea unha nova forma a esa cidade perdida.

E a instalación suicida de grandes superficies vai en dirección contrario a ese Ferrol que anelamos e polo que loitamos.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
31 de maio de 2013 17:11

________________

martes, febreiro 19, 2013

Nón señora Sestayo a rúa non é sua, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
19.02.2013


A diputada Sestayo arremete no seu último artígo contra aqueles que se sentiron molestos coa presencia dunha tal Talegón que iba acompañada polo ex-ministro de xustiza Lopez Aguilar, nas últimas mobilizacións da plataforma polos afectados polas hipotécas Non sei que era o que esperaba a esquerdista diputada Sestayo dos manfestantes: Agardaba acaso que se aplaudise o indulto de Zapatero o banqueiro Alfredo Saez, agardaría tamén que felicitasen os "socialistas y obreros" pola pinza co PP cando reformaron a constitución en dúas tardes, con nocturnidade e alevosia para primar o pago da débeda os chamados mercados.

Ou tiñan que aplaudir os descorteses manifestantes as reformas, (non seí  se nos deixarian chamarlles recortes) do governo Zapatero de Maio do 2010, que como eran dun chamado governo "progresista" fomentaron como todo o mundo sabe o benestar dos máis débiles; recortando as pensións, baixado os salarios dos funcionarios, e desregulando o mercado laboral, para ben "das maiorías sociais" e de "nuestros jovenes". Polo cal os cidadáns máis "débiles" debemos estarlles eternamente  agradecidos.

De que se pode sorprender a defensora das "camadas populares" cando o PSOE veu facendo políticas que beneficiaron a expansión da burbulla inmobiliaria, ou promovendo xulgados para axilizar os desafiuzamentos como presumía a defensora dos pobres inquilinos: Carme Chacón. E tendo todo isto en conta a diputada ferrolán ainda quere que lle pidamós perdón para que non  compare os dignos manifestantes co dereitoso Fraga e a súa famosa : "La calle es mía".

Señora Setayo vai sendo hora de que deixe de ser un anuncio de Ikea andante e poña os pés na realidade, na terra. Abra os ollos para darse conta que a loita social non se realiza no Twitter na hora da perruqueria. De que hai mais vida que a dos Pazos institucionais que tanto frecuenta como lle corresponde o seu partido. Vostede milita nun partido que forma unha pinza de ferro co outro partido sistémico e como tal formán A trave de ouro deste estraribel que tanto nos oprime. Son as dúas caras do rexímen do 78 que agora se tambalea.

Deixe xa de  xogar a política "progre"
Nón señora Sestayo a rúa non é sua.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
19 de fevereiro de 2013 12:44
_____________________

xoves, xuño 02, 2011

Sobre as eleccións: A esquerda a Praza e o Palacio, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
02.06.2011


As eleccións do pasado 22M devolven o concello de Ferrol á dereita do PP. Retomamos o péndulo no que se ten convertido a representación municipal desde as primeiras eleccións do 79. Neste caso mais que unha vitoria do PP, deberíamos falar dunha auto-derrota da chamada esquerda institucional. Aparte de factores alleos a nosa cidade, enmarcados no contexto xeral da crise económica, a chamada esquerda fai tempo que ten perdido a conexión coa realidade que queremos transformar.

O chamado "povo de esquerdas" ou non existe ou esta desmobilizado, non existe no sentido de que non esta constituído como tal, os que loitamos por políticas emancipadoras non podemos só apelar a un electorado nunhas eleccións concretas. Senón que teríamos mais ben de axudar a constituír ese "movemento" para poder logo representalo nas institucións. Ese movemento político sería o dos que buscan unha sociedade decente, na que as xentes non teñan que subordinarse para ter o simple dereito a poder vivir.

Cando a esquerda chega ao "palacio" e o non ter os "ancoraxes" na praza, acaba fagocitada pola lóxica institucional, pasando a formar parte do aparato de poder, da chamada "clase política". Por iso e moi importante a formación dese suxeito constituínte, desa esquerda encarnada que se vai auto-construíndo; nos centros de traballo, nas escolas, nos bairros, etc. Que por "programa" non leva unha formula allea o propio movemento real, senón algo que se vai construíndo a través das necesidades cotiáns "vividas" como necesarias. Polo tanto a nosa tarefa non sería a a construción dunha sigla determinada que funcione a modo de ferramenta puntual, como a auto-constitución dese novo "povo de esquerdas", que lle dispute a hexemonía a dereita.

A dereita disputa a hexemonía ideolóxica a través de moitos medios, mediáticos, relixiosos, empresariais.etc

Esta hexemonía como pensaba Gramsci ten que ser disputada por esa "plebe" que traballa por un outro mundo posible.

Temos que construír esa esquerda coa inmensa maioría dos traballadores, dos autónomos, dos pequenos propietarios e tendeiros, dos pequenos empresarios, etc., sexa mulleres ou homes.Temos que saír da relación endogámica entre militantes de grupos de esquerda e percatarnos de que as consignas que moitas veces utilizamos carecen de enganche coas experiencias, as preocupacións, e os padecementos enormes, reais, das nosas xentes que viven e traballan por saír adiante. Cando o sistema lles pecha todas as portas.

Por iso temos que saír xa aos barrios e iniciar a reflexión común, todos e todas xuntos, sobre as condicións que permitan esa outra sociedade política decente; na que a xente teña dereito a unha sanidade sen demoras, a unha escola pública sen discriminacións, a pensións dignas, a emprego, a ter cubertas as necesidades mínimas en calefacción, auga potable, electricidade, roupa, cultura … a non sentirse humillados polas administracións e as empresas. Cousas polo demais evidentes, que nestes tempos que se aveciñan se converten en revolucionarias. ¡Que tempos estes en que hai que loitar polo evidente¡

A esquerda ten sufrido unha gran derrota, temos que ser conscientes, estamos atravesando a travesía do deserto e non temos pois un movemento real organizado. Pasolini era o que falaba sobre o palacio e a praza, somos conscientes de que a nosa praza esta disgregada, atomizada, fragmentada; temos ingredientes pero non callan para facer a "maionesa necesaria", pero tamén sabemos que esta na nosa man, non hai ningún determinismo que nolo impida.

Sabemos que o programa temos que construílo partindo das necesidades inmediatas da xente e dos seus problemas cotiáns, que a xente e que ten que organizarse xa "capilarmente" como un tecido social alternativo. O capitalismo é xa unha cultura, non só é un sistema económico, e mudar unha cultura é algo moi de longo alcance e debe facerse a nível concreto neses barrios, nesas fábricas, neses lugares onde fai tanto tempo que non vamos. Poño o exemplo de Mehá en Mugardos, da loita contra a planta de gas: na parroquia que está máis preto da planta os veciños apenas estaban organizados, cada un estaba na súa casa vendo a televisión. Nesta cultura consumista e individualista que padecemos. Pois ben, a partir do inicio da loita creouse unha asociación de veciños, fixéronse debates e charlas e hoxe existe alí unha pequena comunidade de iguais. A partir dunhas necesidades sentidas, dunha loita concreta, dunha análise concreta, foron chegando a unha análise máis xeral encarnada e sentida.

Polo tanto o obxectivo é encarnarnos nesa democracia real que reivindica o movimento do 15-M, a praxes creadora dunha esquerda que sexa de loita e de goberno, que non sexa comisaria do poder económico, que non rompa o vínculo entre representante e representado, que fomente unha nova cultura democrática de vida. Este é o obxectivo político primordial, verdadeiramente democrático, ademais, no que participen as maiorías desposuídas e garantes da verdadeira democracia:

Por estes obxectivos loitan tamén en Ferrol os colectivos que van organizar en Ferrol no próximo setembro o Forum social Galego.

Fagamos camiño agardando novos maios, nestes caso maios floridos. Vémonos nas prazas.

EN LA PLAZA (Vicente Aleixandre)

No es bueno
quedarse en la orilla
como el malecón o como el molusco que quiere calcáreamente imitar a la roca.
Sino que es puro y sereno arrasarse en la dicha
de fluir y perderse,
encontrándose en el movimiento con que el gran corazón de los hombres
palpita extendido.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista ecoloxista e político de Ferrol Terra.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
1 de junho de 2011 15:45
_____________________