Amosando publicacións coa etiqueta Alternativa Galega de Esquerda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alternativa Galega de Esquerda. Amosar todas as publicacións

luns, decembro 03, 2012

Unha Crónica aproximada da IIIª Asemblea do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio a Alternativa Galega de Esquerda

Clicar acima do collage para ampliar a imaxe

Un centenar de persoas asistiron en Ferrol á IIIª Asemblea do Movemento Social de apoio de AGE. Activistas do movemento veciñal, ecoloxista, feminista, sindical, cultural, de distintas plataformas cidadás... estaban convocadas a debater guiándose por unha orde do día que, aínda que densa, foi desenvolvéndose paso a paso grazas á capacidade política que emana do colectivo e da experiencia de anos de loita común.

Só se puido contar nesta ocasión coa asistencia da deputada Yolanda Díaz. O deputado Antón Sánchez desculpou a súa ausencia por motivos de saúde.

En relación da folga xeral do dia 14 de novembro, debateuse sobre as expectativas e distintos tipos de resposta que xerou, e a participación na mesma dos movementos socias, con distintas iniciativas na nosa comarca. Valorou-se como moi positiva a iniciativa da "Culebra Social". Houbo dúas propostas para que a asemblea as vaia madurando, concretando e reflexionando sobre elas. Un “Plan de Emerxencia de Contestación Social”, en relación á necesidade de resposta inmediata e organizada a respecto dos sucesivos decretos do goberno do PP, e outra para apoiar novas convocatorias de folga, con iniciativas “sustentadoras da vida”.

Resaltou-se a importancia das vindeiras mobilizacións unitarias como a convocada para o Martes 4 de Decembro en Defensa da Sanidade Pública; ou a prevista para o, tamén Martes 11 do mesmo mes contra as taxas xudiciais.

En relación ao proceso de creación da Alianza Social Galega, expresouse a vontade de que esta se constitúa a nivel comarcal. Así vai-se solicitar o próximo día 10 de decembro na reunión que esta plataforma vai manter en Compostela. Activistas da Marcha Mundial das Mulleres presentes na asemblea, informaron da mobilización europea polo Día Mundial dos Dereitos Humanos, invitando a todas as organizacións a convocar un acto conxunto diante do centro de saúde Fontenla Maristani, o propio día 10 ás 18hs, con micrófono e actividades abertas. Esta proposta estaba acompañada do apoio do Foro Galego de Inmigración e Lazos.

En relación á proposta de concretar o xeito de relacionarse esta asemblea co Grupo Parlamentar, apareceron distintas propostas (por comisións ou na propia asemblea) para un debate que fica aberto, achegando as seguintes reflexións comúns:

De todas as iniciativas do Grupo Parlamentar de AGE, das que deu lectura  e explicación Yolanda Díaz (IBI Igrexa Católica, IBI vivendas baleiras, Medididas Tributarias xustas, minas de Corcoeso, Pacto contra a pobreza, Pesticidas, Paz e cambio climático, Fadesa, Decreto do Galego, nova banca pública galega, desafiuzamentos, ...) , a maioría eran descoñecidas para as persoas participantes na asemblea. Deste xeito confirmase a falta de canles comunicacionais entre a cidadanía e o Grupo Parlamentar. Apuntouse como medida paliativa mais inmediata a axilización da creación dunha web informativa e colaborativa, do grupo parlamentar da coalición.

Alertou-se sobre a importancia de dar a coñecer publicamente as iniciativas  presentadas e nas que se están traballando, aumentando o énfase sobre o traballo parlamentario encetado, pois co que queda a maioría da xente só é co que os media pregoan e ao PP lle interesa: que estamos "pelexando por uns metros cadrados de espazo no parlamento".

As iniciativas valoráronse moi positivamente, incluíndo unha reflexión sobre a necesidade de realizar algunha actuación xa sobre a loita de Reganosa. Manifestou-se de forma explícita que se solicitase no Parlamento a petición dunha Auditoría que nos levase ao non pagamento da Débeda Ilexítima e propor a través do mesmo unha actuación directa para pedir responsabilidades xudiciais aos banqueiros culpábeis da estafa á cidadanía. Considerou-se moi importante loitar contra o saqueo do que noutrora foran as caixas de aforros galegas e propor a creación dunha banca pública galega, sobre todo neste momento que xa anuncian a inminente venda de novagaliciabanco, despois de despedir a miles de traballadoras e traballadores, e ser salvado con diñeiro público.

Considerou-se como moi importante o compromiso das e dos activistas dos movementos sociais na divulgación, apoio e colaboración en todas as iniciativas do Grupo Parlamentar, incluída a súa defensa como no caso, neste momento, dos intentos de marxinalización dentro das propias dependencias do Parlamento. Neste sentido, reflexionouse sobre a necesidade de compaxinar a mobilización e concienciación social, co traballo parlamentar, único xeito de conseguir o efecto transformador e rupturista que anceiamos.

Cumpre sinalar a participación nesta asemblea do compañeiro Rafael Pillado, que aínda convalecente dunha recente operación, quixo estar uns minutos con nós, para contribuír na análise e nas propostas.

Por último acordouse que as persoas que convocaron esta terceira asemblea, xunto ás que se sumaron na propia asemblea, organicen a próxima convocatoria.

Narón, a 30 de novembro de 2012

A Comisión para convocar a seguinte Asemblea quedou constituída por:

Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Carlos Varela, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez, Mel Sanxoan e Bernardo Cuétara.

Nota.- Esta Comisión tería só por obxecto: acordar día, hora e lugar da vindeira Asemblea, fixar os seus obxectivos  e elaborar a proposta de orde do día.

Aviso:  Esta é unha crónica aproximada, polo que se prega quen quixer completar a crónica, envie as aportacións ao correo-e asemblea.apoio.alternativa@gmail.com.

ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR
Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio á coalición
Alternativa Galega de Esquerda

Correo-e:
asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

Blogue:
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com
Enviado por:
Asemblea Popular Alternativa
-asemblea.apoio.alternativa@gmail.com
 2 de dezembro de 2012 22:29

_____________

xoves, novembro 29, 2012

O Venres, 30 de Novembro, en Ferrol nos locais da Sociedade Deportiva e Recreativa de Canido, celebrara-se a III Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda

Unha nova Asemblea Popular en apoio á Alternativa Galega de Esquerda, que desta vez se celebrará en Canido.

Esta é unha Asemblea Aberta a todas as persoas que consideren que a Alternativa Galega de Esquerda é unha expresión política válida, onde o movemento social de Ferrol Terra poda confiar as súas reivindicacións e demandas; para que estas cheguen ao Parlamento Galego.

A cita é o Venres, 30 de Novembro, ás 19hs en Ferrol, nos locais da Sociedade Deportiva e Recreativa de Canido
.

III Asemblea do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda

O pasado Venres 2 de Novembro, celebrabamos no Auditorio da Praza de Galicia do Concello de Narón, a II Asemblea do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda. Con anterioridade, antes das Eleccións Lexislativas Galegas do 21 de Outubro, celebramos unha Asemblea en Ferrol, no Centro Cívico Carvalho Calero do Inferniño, o 28 de Setembro, de activistas do movemento social de Ferrol Terra, en apoio da coalición electoral. Como resultado desa asemblea, asinábase un manifesto onde, ademais de amosar as razóns deste apoio, a propia asemblea convertíase en sentinela do mandato popular.

Criába-se así un espazo de reflexión e activismo político, fora das estruturas das organizacións políticas, de participación directa da cidadanía e confluencia das distintas opcións e visións que apoian a Alternativa Galega de Esquerda.

Na citada segunda asemblea, reflexionamos e acordamos diferentes asuntos recollidos na crónica aproximada xa publicada e outros acordos para a Folga Xeral do 14N.

Por último acordouse que as persoas que convocaron esa segunda asemblea, xunto ás que se sumaron na mesma, fixeran, despois do 14N unha nova convocatoria. Estas persoas terían só por obxecto: acordar día, hora e lugar da vindeira Asemblea, fixar os seus obxectivos e elaborar a proposta de orde do día.

Estas persoas abaixo relacionadas, tomamos a iniciativa de convocar unha terceira Asemblea en Ferrol, nos locais da Sociedade Recreativa e Deportiva de Canido, situada na Rúa Insua, para o venres 30 de novembro ás 19hs, coa seguinte orde do día:
  1. Elección de dúas persoas que moderen a asemblea (unha muller e un home).
  2. Análise da folga do 14N. E despois que?
  3. Alianza Social Galega. Propostas para conformala na nosa comarca.
  4. Propostas para o deseño das relacións da Asemblea co Grupo Parlamentar de AGE.
  5. Rogos e preguntas.
Por outra banda acordou-se convidar á Yolanda Díaz e Antón Sánchez, membros do Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda, para participar nesta Asemblea, para que nos expliquen os obxectivos inmediatos do citado Grupo e someter-se ás preguntas que houber (Yolanda e Antón xa confirmaron a súa presencia).

En Ferrol, a 23 de Novembro de 2012

Asinan esta convocatoria: Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Carlos Varela, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez e Mel Sanxoan.

ESPALLA E DIFUNDE !!

Nota.- Achegamos documentos, da Alianza Social Galega e a Circular Nº1 sobre reparto do Grupo Parlamentario nas comisións do Parlamento Galego, en ficheiros anexos formato -pdf.

DECLARACIÓN DE APOIO Á FOLGA XERAL DO 14 DE NOVEMBRO.
https://docs.google.com/open?id=0BzsqFzZzVAmJa3NKM1hHTHliZms

MANIFESTO DA ALIANZA SOCIAL GALEGA.
https://docs.google.com/open?id=0BzsqFzZzVAmJTzhsYVk5X2I4OTQ

Circular Nº1 sobre reparto do Grupo Parlamentario nas comisións do Parlamento Galego.
https://docs.google.com/open?id=0BzsqFzZzVAmJaTFCUFhLV05JT1k

***

ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR
Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio á candidatura da Alternativa Galega de Esquerda

Correo-e:
asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

Blogue:
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com
_____________

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición Non de Lei para evitar que continúe a vaga de desafiuzamenos e as súas dramáticas e mortais consecuencias no noso país


O grupo parlamentario asegura que a dramática situación actual impón a esixencia de desenvolver as oportunas actuacións públicas.

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou esta mañá unha Proposición Non de Lei para evitar que continúe a vaga de desafiuzamenos e as súas dramáticas e mortais consecuencias no noso país.

Os membros do Grupo Parlamentar consideran intolerábel a situación social que se vive no noso País, resultado da vaga de desafiuzamentos que enchen a cotidianeidade dramática das familias traballadoras. Esta situación imponnos a esixencia de desenvolver as oportunas actuacións públicas para evitar unha problemática inxusta que está a causar alarma social, pobreza e marxinalidade, e mesmo mortes. Os datos semellan un berro elocuente encol dunha realidade que antepón o lucro privado aos dereitos recollidos na Constitución e no Estatuto.

Alternativa Galega de Esquerda acredita a urxencia de modificar a legalidade de maneira que resolva tanto a situación das familias que están a piques de sufrir a perda da súa vivenda canto permita atender a situación das familias que xa a perderon.

No noso País a media de desafiuzamentos diarios é de 16, segundo os datos proporcionados polo arquivo estadístico do Consello Xeral do Poder Xudicial, que recolle a perda da vivenda ou local comercial por parte de 3.037 propietarias e propietarios no primeiro semestre do ano. Os datos son moi superiores aos dos anos pasados a causa tanto da dureza da crise canto da veracidade e completitude dos mesmos, en canto recollen tamén os lanzamentos acordados nos xulgados de primeira instancia. Nos primeiros seis meses deste ano formalizáronse 1.320 casos de execucións hipotecarias. As cifras oficiais, nada sospeitosas de tentar provocar alarma social, son estarrecedoras: dende 2008 ordenáronse 7.367 execucións que remataron en desafiuzamentos en 5.994 dos casos. Estas cifras impóñennos actuar a favor das persoas e familias afectadas por esta problemática.

Os últimos pronunciamentos públicos de diferentes entidades oficiais apuntan á urxencia para reformar unha lexislación que ampara hoxendía múltiples abusos do poder financiero. As propostas presentadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial ou a iniciativa da Avogacía Xeral da Unión Europea dan razón aos grupos políticos e ás entidades de loita social que vimos denunciando e contrapropoñendo diversas iniciativas neste senso dende hai varios anos.

Por iso, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda acredita na necesidade de modificar en profundidade a lexislación para evitar inxustizas flagrantes e escandalosos procedementos sumarios para botar as persoas das súas casas, para protexer aos debedores fronte os abusos das entidades financieiras que socorremos de cote con milleiros de millóns de cartos públicos, de xeito que sexa efectivo o dereito constitucional a unha vivenda digna en todos os supostos de desafiuzamentos por insolvencia das persoas residentes.

O Grupo Parlamentario considera que cómpre tramitar con urxencia e participadamente as medidas suficientes que eviten que ningunha persoa máis fique na rúa, sen un teito, e para que ningunha persoa afogada polo drama da perda da súa vivenda se suicide. “Se non modifican políticas que levan á xente a suicidarse, estamos santificando políticas criminais” concluíron.

Por iso, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha Proposición non de Lei na que se establecen os seguintes puntos:

1.- Que a Xunta de Galiza suspenda por un período de cinco anos todas as actuacións xudiciais do IGVS que se realicen para desafiuzar a calquera persoa residente nunha vivenda deste Instituto en atención á situación de depresión económica na que nos atopamos e ás súas secuelas en termos sociais e económicos.

2.- Que se consitúa unha Comisión Galega contra os Desafiuzamentos coa participación dos grupo políticos e entidades sociais que traballan nestra problemática para mediar nos casos en que o procedemento ameace coa perda da vivienda a persoas afectadas e achegue solución en todos os casos para evitar o desafiuzamento.

3.- Que se inste ao Goberno do Estado a modificar a Lei de Enxuizamento Civil, cunha disposición transitoria para que nos procedementos de execución hipotecaria que afecten á vivenda habitual do debedor ou dos seus familiares directos, que tiveran rematado coa resolución que comporte o desafiuzamento, o xuíz ou xuíza, a petición das persoa afectada ou das administración públicas competentes na materia dos servizos sociais ou de oficio, deberá decretar a suspensión da dilixencia de desafiuzamento, ate que as partes intervintes ou as administración públicas competentes non presenten un acordo ou proposta que garanta o dereito da persoa afectada a seguir a dispor da mesma ou distinta vivenda nas debidas condicións de habitabilidade e vecindade, mediante título que asegure estabilidade residencial por un período mínimo de cinco anos e nas condicións económicas axustadas ás posibilidades da persoa afectada.

4.- Que esta suspensión se acordará tamén nos procedementos nos que xa se tentara unha ou máis veces o lanzamento e queden pendentes de practicalo.

5.- Que se introduza un procedemento incidental, polo que as persoas titulares de vivendas nas que teñan a súa residencia habitual ou a dos seus familiares directos, e que se atopen hipotecadas, poidan instar á suspensión temporal do pagamento das cotas, sen acreditación de novos intereses, por xusta causa consistente en situación de paro, accidente laboral, larga enfermidade, desgraza familiar ou infortunio semellante, sen ingresos mínimos suficientes para atender ás necesidades alimenticias e as cotas hipotecarias, e namentres se manteña a situación de emerxencia ou as autoridades competentes en materia de servizos sociais e de vivienda, presenten unha solución que garanta o dereito a dispor dunha vivenda digna.

6.- Que se introduzan as medidas legais e regulamentarias necesarias para que NOVAGALICIA BANCO, en tanto que entidade financeira intervida polo Estado e que inclúe activos inmobiliarios residenciais, poña de xeito inmediato a disposición das autoridades galegas e locais o dereito de uso- por un tempo máximo de cinco anos- das vivendas baleiras e que reúnan as condicións de habitabilidade cando así sexan requeridas por resolución que xustifique a necesidade de dispor das mesmas para atender as necesidades de aloxamento de persoas e familiares que perderan o uso dunha vivenda ou se atopen en risco inmediato de perdela por causa dos procedementos de desafiuzamentos xa executado ou por desafiuzamentos arrendaticios.

7.- Que tanto para a elaboración da normativa que se propón nesta Proposición non de Lei canto para a reforma lexislativa instada se faga partícipe ás Plataformas de Afectados pola Hipoteca (PAH) que polo seu traballo social desenvolto nestes anos nos procesos de solidariedade coas familias afectadas coñecen en profundidade a súa realidade e as necesidades derivadas da mesma.

Compostela, 28 de Novembro de 2012

Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda

Publicado por:

ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR
Asemblea do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio á coalición Alternativa Galega de Esquerda

Correo-e:
asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

Blogue:
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
28 de novembro de 2012 23:40
http://lupeces.blogspot.com
__________________________________

domingo, novembro 25, 2012

Galiza: o camiño que vén, ... Por Antón Gómez-Reino Varela - 'Tone'

Por Antón Gómez-Reino Varela - 'Tone' [*]
25.11.2012


As actuais políticas anticrise implican a sistemática voadura do Estado de benestar peninsular, o que leva a ruptura do pacto social e político sobre o que se asentaba o réxime xurdido da Transición. De aí a intensidade que adquire hoxe a discusión en torno ao modelo territorial. Neste escenario, como entender os resultados das eleccións autonómicas do 21 de outubro en Galiza?

Dicía Nietzsche que "cando a casa está en chamas, un esquécese até da comida". E tras catro anos de goberno Feijoo, o incendio era ubicuo. No plano cultural, con políticas de apartheid lingüístico, recortes ou malgasto. No social, con máis dun 17% da poboación vivindo por baixo do limiar da pobreza. Ou no político, cunha proposta de diminución do número de escanos dirixida a laminar a pluralidade na cámara. A xestión de goberno, entendida como destrución programada do público, foi unha constante do PPdeG.

Poderiamos pensar entón, volvendo a Nietzsche, ao seu incendio e esquecementos, que foi froito do colapso psicolóxico dun país en chamas, que non poucos cidadáns de esquerda decidiron esquecerse de exercer o seu voto o 21 de outubro. Sería posible explicarnos como é que os dous espazos da esquerda representativa "BNG e AGE" esqueceron marcar distancias coa socialdemocracia do réxime "PSdG", ou como gran parte dos movementos sociais parecemos esquecer que o noso papel, nun contexto de excepción e desmoronamiento profundo dos dereitos sociais, é marcar axenda propia e axitar a rúa ampliando o campo político.

Pero é probable que, máis que un estraño esquecemento, o terreo no que nos movemos fose o da reorientación propia dun momento bisagra novas alianzas. Bisagra, por arriba, ao atoparnos na recomposición dunha esquerda nacional que chegou ao proceso electoral fracturada por primeira vez en case 30 anos "tras a ruptura do BNG en febreiro", en conflito aberto polo dominio do campo propio "o nacionalista" e á procura partidaria de capturar a canalización do descontento. E tempo bisagra tamén por abaixo, dada a conxuntura duns movementos sociais en momento de impás, recolocación e creación de novas alianzas

Nun territorio onde o movemento 15M non tivo unha potencia de evocación e articulación similar a outros lugares do Estado, as relacións entre indignación e movementos sociais tardaron máis do esperado en producir renovación e sinerxías. Con todo, nas citas movilizadoras previas ao proceso electoral "15O, 14N, 12M, 29M" a cidadanía expresara o seu descontento ante a austeridade e a destrución do welfare, o que fixo de Galiza un dos territorios ibéricos con maior porcentaxe de poboación tomando as rúas.

Con este escenario previo chégase á campaña. Desde a perspectiva de movemento, sobre o BNG pesaba aínda a laxa dos erros do goberno bipartito, fortemente castigados pola esquerda social. De igual forma, o xiro á esquerda e soberanista sinalado discursivamente carecía dos elementos procedimentais e temporais precisos para a súa constatación. De face á cidadanía en xeral, a pouca capacidade para xerar innovación e ilusión política, facía do BNG unha opción á baixa con poucas posibilidades de canalizar o descontento social.

A irrupción de AGE, cunha intelixente campaña baseada en elementos de comunicación política, unha clara adaptación do discurso á realidade das demandas contemporáneas, un bo traballo en redes sociais e un reflexo en medios convencionais superior ao habitual "froito, en parte, do interese dos grupos de poder en desgastar ao BNG", tornouse meteórica a cada intervención de Xosé Manuel Beiras, que rompeu a campaña demostrando como a incorrección política é un elemento crave para conectar co desasosego no corpo social.

Analizando o resultado electoral, apuntemos como positivo que o 24% de votantes situasen co seu voto en partidos que din representar políticas de oposición ao sistema capitalista, pregoando o camiño do dereito a decidir respecto diso da cuestión nacional. No lado negativo, á marxe de análises concretas da arquitectura electoral "con desigual distribución de escanos entre provincias e tendencia favorable a reforzar maiorías de dereita" e os seus reflexos parlamentarios, hai que dicir que, a pesar da caída do PSdG "que apunta, como no resto do Estado, o camiño da Pasokización" o réxime aguanta, cun PP que a pesar de perder 130.000 votos, mantén fortes as súas redes clientelares e conserva o 45% dos sufraxios. Aínda que a vertixinosa velocidade electoral maquillou a realidade, o certo é que máis que novas formas de relación do interfaz representativo cos movementos e a cidadanía, apenas puidemos ver, desde as esquerdas nacionais, posicionamentos de conxuntura e xestos, cando non caricaturas. A este respecto, a coalición AGE, de discurso innovador pero composta en gran medida por vella política, ten que clarificar o seu futuro. Dun lado conta cun peso desmedido dunha EU (EU) "practicamente inexistente até agora en Galiza" que aínda precisa demostrar a realidade da súa pregoada autonomía da matriz estatal e a súa diferenciación e independencia do pouso centralista e de réxime do PCE. Do outro temos ANOVA, cunha figura con próxima data límite, a de Beiras, sobre a que pivota o proxecto, o que resta espazo para a aparición de novas caras e renovados protagonismos, e onde as vellas prácticas verticais litigan cunha nova xeración política altermundialista. Minoritaria, si, pero enraizada nos movementos sociais.

Pola súa banda, o BNG segue sendo unha gran máquina militante "con presenza real no corpo social e especial hexemonía no sindicalismo combativo" pero con risco de converterse en residual de non mutar. Ben faría en facer unha análise radical do seu camiño e do sentido da súa existencia tal como coñecémolo. Ante o desafío histórico no que nos atopamos, as ferramentas que atravesan hoxe a esquerda política, aínda en transformación, seguen sen alcanzar o imprescindíbel grao de validez. En realidade, o que manexamos está aínda radicalmente afastado á representación horizontal, múltiple, participada e democrática que todos dicimos querer crear.

O espazo amplo e plural a construír pasa por dúas posibilidades e tres premisas. As posibilidades son: ou se dá unha transformación e alianza das forzas políticas con representación parlamentaria afrontando de cheo as contradicións de romper co partido clásico. Ou, finalizado un novo acto de traxicomedia política e cosificación "BNG+AGE", os movementos emprendemos un camiño propio, ao modo, atendendo á nosa singularidade, das Candidaturas de Unitat Popular catalás. Con radicalidade, xenerosidade e transparencia como premisas, ambas as posibilidades son complexas mais posíbeis. É tempo de construír un novo marco transformador. A tenor da intelixencia, a vontade e a capacidade política de cada un, dilucidaremos, en breve, os movementos e a esquerda política que temos. Tocará decidir, en función do país que queremos, os camiños a tomar. Con ambición e audacia, iso sempre: ao modo do'77, aquí e agora, tamén o queremos todo.

[*]
Antón Gómez-Reino Varela -'Tone', activista en diversos centros sociais galegos. Membro de FugaEmrede e da Rede de Dereitos Sociais da Coruña. Membro do Consello do Foro Social Galego. Forma parte do Consello Editorial de Altermundo. Técnico Superior en Saúde Ambiental e Educador Ambiental. Con experiencia profesional no sector da comunicación e na xestión integral de eventos. Activo en iniciativas de transformación social locais vinculadas a análise crítica do territorio urbano. A nivel internacional ten participado de proxectos de cooperación así como en varias Comisións de Observación de Dereitos Humanos, tanto en América Latina, como en Oriente Medio. Membro de Hábitat Social Soc. Coop. Galega. Antón foi integrante da representación galega, na II Flotilla da Liberdade a Gaza, en 2011.

Antón no buscador de google.

Publicado en Diagonal, o 23 de Novembro de 2012.
Números 185 - 186
Foto: PACMA

Licenza
Creative Commons  CC by-SA
______________

luns, novembro 05, 2012

O Movemento Social de Ferrol Terra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda realizou a súa segunda Asemblea

O Movemento Social de Ferrol Terra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda realizou a súa segunda Asemblea, onde analizou os resultados das pasadas eleccións galegas do 21O, acordou un apoio activo á Folga Xeral do 14N e decidiu como se autoconvoca.

Crónica aproximada da II Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra

A II Asemblea Popular do Movemento Social de Ferrol Terra en apoio á coalición de Alternativa Galega de Esquerda, reuniu no Auditorio de Narón a 72 persoas vinculadas aos movementos veciñais, sindical, feminista, ecoloxista e cultural. Unha asemblea que comezou elixindo ás dúas persoas, un home e unha muller, que coordinaron o desenvolvemento da mesma, que transcorreu desde ás oito da tarde ás dez da noite.

1º No primeiro punto da orde do día figuraba a análise dos resultados electorais. Todas as intervencións lamentaban non ter conseguido o primeiro dos obxectivos da coalición que era ter arrincado a maioría absoluta ao PP. Mais tamén se sinalaba que esta maioría absoluta se tiña acadado con tan só o 24% dos votos posíbeis, ao que hai que sumar a perda de mais de 135.000 votos, ao respecto das pasadas eleccións galegas celebradas en 2009. Todos estes factores, fan que o próximo goberno da Xunta parta de escaso apoio popular (unha minoría dunha persoa de cada catro). Comentouse tamén a perda de apoio dos partidos da oposición (Psoe-Bng), mais de 350.000 votos que, ademais da febleza da súa oposición na anterior lexislatura, sumaron, nas formas na campaña electoral, cunha homologáción co PP, sendo este o maior beneficiado. Sinalouse tamén a nosa incapacidade para conectar cos mais de 70.000 votos nulos e brancos que mostraron doutro xeito a indignación cidadá, e a incapacidade para frear o aumento da abstención (Dos case medio millóns de votos que perderon os partidos que se sentaban nas bancadas do Horreo, a grande maioría foron para a abstención e o voto nulo e branco).

Resaltáronse os valores da Alternativa Galega de Esquerda que fixeron posible os resultados tan positivos en tempo récord de: a xenerosidade para unirse as catro formacións políticas; a activación dun sector da cidadanía máis consciente en apoio ao proxecto; o papel das redes sociais para canalizar ese apoio e amplificar a mensaxe; o papel de Beiras, xunto a moitas outras persoas, que souberon explicar o proxecto de AGE, que é moito máis que unha proposta programática.

En todas as intervencións insistíase na necesidade de afortalar e ampliar a coalición; de constituír, o grupo parlamentar, como un poder obediente á cidadanía e á súa expresión organizada, os movementos sociais; de non defraudar ás esperanzas da cidadanía e construír as ferramentas que posibiliten a organización popular ao redor deste proxecto.

2º No segundo punto da orde do dia analizouse a convocatoria de Folga Xeral do 14N e o papel que esta asemblea debera cumprir neste proceso. En todas as intervencións falouse do apoio á unidade sindical; de como afrontar a ofensiva de ameazas e represalias que as traballadoras e traballadores van sufrir no posto de traballo se queren secundar a convocatoria; da necesidade de incorporar a esta mobilización a autónomos, desempregados e desempregadas, e outros sectores sociais, que están a sufrir as consecuencias das políticas neoliberais, e de como non están aínda suficientemente explicadas as razóns para esta Folga.

Aprobouse a iniciativa de solicitar dos sindicatos a convocatoria urxente na comarca da rede Alianza Social Galega, para canalizar a colaboración e apoio aos sindicatos do movemento social e cumprir os obxectivos da Folga Xeral do 14N en Ferrol Terra. De efectivizar este acordo quedou encargada unha pequena comisión de persoas vinculadas ao movemento sindical.

3º Por último acordouse que as persoas que convocaron esta segunda asemblea, xunto ás que se sumaron na propia asemblea, fagan, despois do 14N unha nova convocatoria.

Narón, a 2 de novembro de 2012

A Comisión para convocar a seguinte Asemblea quedou constituída por:

Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Carlos Varela, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez e Mel Sanxoan.

***
Nota 1.- Esta Comisión tería só por obxecto: acordar día, hora e lugar da vindeira Asemblea, fixar os seus obxectivos  e elaborar a proposta de orde do día.

Nota 2.-Quen observe que se omitiron, ao seu parecer, asuntos significativos tratados na Asemblea que faga a súa contribución enviando un correo a:

asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

--

ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR

Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio á candidatura de Alternativa Galega de Esquerda

Correo-e:
asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

Blogue:
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com

**

Enviado por:
Asemblea Popular Alternativa
-asemblea.apoio.alternativa@gmail.com-
3 de novembro de 2012 19:57
_________________

xoves, novembro 01, 2012

Convocatoria da II Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda - Venres 2 de Novembro - Auditorio da Praza de Galicia do Concello de Narón

II Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio de Alternativa Galega de Esquerda

O pasado 28 de setembro, o Centro Cívico Carvalho Calero, acollía a celebración dunha asemblea de cidadáns e cidadás, activistas do movemento social de Ferrolterra, en apoio á candidatura de Alternativa Galega de Esquerda.

Como resultado desta asemblea, asinábase un manifesto onde, ademais de amosar as razóns deste apoio, a propia asemblea convertíase en sentinela do mandato popular.

Criábase así un espazo de reflexión e activismo político, fora das estruturas das organizacións políticas, de participación directa da cidadanía e confluencia das distintas opcións e visións que apoian a Alternativa Galega de Esquerda.

As persoas abaixo asinantes, que participamos nesta primeira Asemblea, tomamos a iniciativa de convocar unha segunda Asemblea no Auditorio da Praza de Galicia do Concello de Narón (situado na mesma praza onde está o Centro de Saúde, a mesma Casa do Concello e enriba dun centro comercial), para o venres 2 de novembro ás 20hs, coa seguinte orde do dia:
  1. Análise dos resultados electorais e perspectivas de futuro.
  2. A Folga Xeral o 14 de novembro.
  3. Propostas de auto-organización da Asemblea do Movemento Social.
En Ferrol, a 27 de outubro de 2012

Asinan esta convocatoria: Rafael Pillado, Lupe Ces, Suso Díaz, Elena Casal, César Pena, Lucia Vizoso, Miguel López, Suso Pazos, Lalán, Alexandre Carrodeguas, André M. Ces, Daniel A. Martínez, Marcelo R. Serantes, Pablo Portero, Paula Meizoso, Inácio Martínez, ...

ESPALLA E DIFUNDE !!

Contacto:

ASEMBLEA DE SENTINELAS DO MANDATO POPULAR

Asemblea do Movemento Social de Ferrolterra en apoio á candidatura da Alternativa Galega de Esquerda

Correo-e:
asemblea.apoio.alternativa@gmail.com

Blogue:
http://asembleadeferrolterra.blogspot.com
---

venres, outubro 26, 2012

As eleccións galegas e o reto para os próximos anos, ... Por Alberto Pradilla

"O PP está derrotado politicamente, aínda que se consolidou nas urnas"
[Xosé Manuel Beiras, parlamentario electo de AGE]

Nacido en Santiago de Compostela en 1936, Xosé Manuel Beiras é o gran referente histórico do nacionalismo galego de esquerdas. En 1982 foi un dos promotores do Bloque Nacionalista Galego, formación que abandonou para formar, este mesmo ano, Anova Irmandade Nacionalista, que concorreu, dentro da coalición Alternativa Galega, aos comicios do domingo, obtendo nove escanos.


Alberto Pradilla [*]
25.10.2012


Regresa unha das personalidades históricas do nacionalismo galego de esquerdas. Xosé Manuel Beiras, fundador do Bloque Nacionalista Galego (BNG), volverá sentar no parlamento de Santiago tras os comicios do domingo. Nesta ocasión non o fará á fronte da formación que el mesmo fundou, senón encabezando Alternativa Galega de Esquerda, unha «unidade de acción» entre Anova (creado polo propio Beiras tras abandonar o que foi o seu partido durante case tres décadas) e Esquerda Unida, a marca galega de EU. Xuntos formaron o que en campaña denominaron como «Syriza galega», en referencia á esquerda radical grega, logrando un resultado que non entraba nos seus cálculos máis optimistas, que non contemplaban o esborralle dos seus antigos compañeiros do BNG. A maioría absoluta de Alberto Nuñez Feijóo constitúe o outro vértice da ecuación política xurdida tras o paso polas urnas. «Cre que apagarán os lumes que están ardendo na cidadanía pero non é así», afirma Beiras, que avoga por unha lexislatura na que a súa formación condicione a acción do Goberno sen esperar a que Feijóo mova ficha. Ao mesmo tempo, defende seguir construíndo pontes entre a cidadanía e os movementos sociais.

«Feijó non pinta nada. É un correveidile que vai facer o que lle digan desde Moncloa», asegura. No horizonte, un posible acelerón nas políticas de desmembramiento dos dereitos sociais que xa se puxeron en marcha durante a actual lexislatura. Aínda que Beiras négase a cualificalos de recortes. «É unha amputación brutal». A isto súmaselle o que o veterano político cualifica, ironicamente, como a «brigada de demolicións»: a aposta do Goberno do PP por «desmonatar peza a peza o autogoberno». Na súa opinión, Feijóo «utilizou as institucións para destruír o autogoberno», algo insólito, que «non ocorreu nin sequera nos tempos de Fraga».

A pesar diso, a dereita española volveu a imporse nas urnas, ampliando en escanos a súa maioría absoluta. Con todo, Beiras asegura non ter unha sensación agridoce. «Feijóo e compañía, renova a súa maioría pero están derrotados politicamente», afirma. Ademais, non se pode esquecer que a lista do PP perdeu case 150.000 votos respecto das últimas eleccións. A iso súmaselle a lei electoral, cuxas matemáticas favorecen aos grandes. «Ao desfondarse o PSOE, o PP ten todos os restos», argumenta, para explicar como a pesar da caida en número de votos, Feijóo obtén unha maioría absoluta máis folgada (41 escanos).

Obxectivos cumpridos

«Nós tiñamos dous obxectivos. Unha que era condición necesaria pero non suficiente para o segundo. O primeiro, activar a todo o electorado abstencionista por desesperación, por desencanto, por frustración, e servir, xa que logo, de ponte, cara ás institucións políticas. Iso lográmolo en moita medida. A resposta foi impresionante. O proceso de activación foi extremadamente positivo», afirma Beiras. «O que dependía de nós, lográmolo», insiste. «O PP gobernou contra a maioría social, baseouse na agresión ás clases populares. Se, neste contexto, os que están na oposición non conseguen que chegue deteriorado é porque non o fixeron ben», considera, para engadir que «en gran medida o PP é responsabilidade de quen non soubo facer o que tiña que facer».

Para Beiras, o verdadeiramente relevante destes comicios foi o surgimiento dun novo modelo político. «Representamos un cambio na cultura política que ten que ver coas experiencias aprendidas nos movementos altermundistas e antisistémicos», indica. Tras a ruptura co BNG chegou a fundación de Anova. De aí, a proposta dunha fronte ampla e o pacto con Esquerda Unida. «Isto non é un matrimonio, é unha unidade de acción para crear un grupo cun programa que é un instrumento para esta lexislatura».

Tras un proceso a contrarreloxo no que os intereses de Mariano Rajoy obrigaron a Feijóo ao adianto electoral, Alternativa Galega irrompeu como «un híbrido entre a esquerda ruputurista que está en auxe no Estado co nacionalismo que non quixo entrar na deriva do BNG». Neste sentido, considera que dentro desa esquerda federalista que representa EU, «cada vez con máis contixentes que non forman parte das vellas estruturas do PC». Aí sitúa as diferentes interpretacións sobre o modelo territorial.

«A aposta é por un cambio de réxime, nas nosas bases hai independentistas, hai sectores soberanistas pero que ante o que está ocorrendo apostamos por ter a independencia como un obxectivo ao que disparamos por elevación». Dentro dese modelo, avoga por un novo escenario que permita todas as opcións.

Dentro dun contexto de crise xeneralizada, de cambio de réxime, o veterano dirixente aposta polos movementos altermundialistas e antisistémicos como espellos para as estruturas políticas que están por vir. Aínda que tamén, aprendendo das experiencias pasadas. «Debemos de ter conciencia de que estamos nun escenario análogo ao dos anos 70, hai que aprender do que ocorreu entón».

O reto para os próximos anos é, segundo Beiras, «maximizar a eficacia nos xeitos de actuar congruentes» coas novas formulacións. Volva a un parlamento que cualificou de «cámara de gas» cun propósito: «non esperar a ver que fai o Goberno, senón tomar a iniciativa». «Que sexa o Executivo o que está contra a cidadanía», resume.

Fonte: gara.naiz.info

[*] Alberto Pradilla, escritor e xornalista Navarro.
_____________