Amosando publicacións coa etiqueta Asfaltos Tóxicos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Asfaltos Tóxicos. Amosar todas as publicacións

martes, febreiro 20, 2018

A contaminación da Ría de Ferrol por residuos asfálticos, de novo na Comisión Europea - Logo da confirmación xudicial da existencia de delito medioambiental, dirixímonos por segunda vez á CE demandando máis e mellores controis - Denunciamos o incumprimento da sentenza que esixe a retirada dos residuos e a descontaminación desta zona do concello de Cabanas.


A contaminación da Ría de Ferrol por residuos asfálticos, de novo na Comisión Europea. | Logo da confirmación xudicial da existencia de delito medioambiental, dirixímonos por segunda vez á CE demandando máis e mellores controis. | Denunciamos o incumprimento da sentenza que esixe a retirada dos residuos e a descontaminación desta zona do concello de Cabanas.

En marzo de 2016 a Comisión Europea, en resposta a unha pregunta parlamentaria da eurodeputada galega Lídia Senra denunciando o verquido de residuos asfálticos en Ferrolterra por parte empresa Bentum Recycling Centrale, apuntou ao incumprimento da Directiva 2008/98/CE, pero afirmou non se poder pronunciar definitivamente até ter sido resolto o proceso xudicial activo nese momento na Galiza[1].

Dado que o Xulgado do Penal N2 de Ferrol xa se pronunciou a través da Sentenza 00212/2017 confirmando a existencia dun delito contra o medio ambiente por parte do importador,  e dando orde de retirar as aproximadamente 135.000Tn de residuos acumuladas nun monte do Concello de Cabanas dende ano 2009 -procedentes do porto de Rotterdam-, Senra vense de se dirixir novamente á CE.

Nesta segunda interpelación -adxunta- subliña que a investigación xudicial afirma que se importaron ao porto de Ferrol 800.000Tn de residuos asfálticos empregados en obras de administracións públicas e privadas, sen que ninguén informara sobre o cumprimento da directiva para asegurar a descontaminación das superficies contaminadas.

Ademais, contrariamente ao exposto na sentenza, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística legalizou o acúmulo urbanísticamente ao considerar estes residuos como áridos, “sen ter en conta que a Ría de Ferrol foi clasificada como sensíbel e, por se fora pouco, sen proceder á súa retirada pese á orde xudicial”, denunciou a eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE-NGL).

Dada a gravidade desta situación e a finalización do proceso xudicial en marcha, Lídia Senra, plantexa á CE a pertinencia de que considere iniciar una investigación sobre a posíbel infracción do establecido pola normativa comunitaria relativa á xestión de residuos, así como de levar adiante investigacións que clarifiquen en que condicións reais está a ter lugar o tratamento, transporte e depósito de residuos tóxicos entre os Estados membro.

Bruxelas, 19  de Febreiro de 2018.

[1]Máis información: NdP180316 A CE apunta vulneración da Directiva 2008/98/CE na contaminación do Río Baa por residuos asfálticos.

Máis información: Lídia Senra Rodríguez, Eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
19 de fevereiro de 2018 15:38

____________________

sábado, marzo 19, 2016

A Comisión Europea apunta vulneración da Directiva 2008/98/CE (Sobre Xestión de Residuos) na contaminación do Río Baa (concellos de Cabanas e Fene) por residuos asfálticos


A CE apunta vulneración da Directiva 2008/98/CE na contaminación do Río Baa por residuos asfálticos. | A CE resposta a unha pregunta rexistrada por AGEe recoñecendo a infracción malia non poder actuar até finalizar a vía xudicial no Estado. | A Plataforma en Defensa do Río Baa trasladou tamén esta denuncia á CE durante o encontro convocado por Senra en Bruxelas en decembro.

A Comisión Europea vén de respostar unha pregunta parlamentaria rexistrada pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, denunciando o verquido de residuos asfálticos da empresa Bentum Recycling Centrale, que entraron na Galiza a través do porto de Ferrol no ano 2009 procedentes do porto de Rotterdam.

Dita pregunta realizouse en coordenación ca Plataforma de Defensa do Río Baa, un dos colectivos que acudiu a Bruxelas o pasado mes de decembro no marco do encontro sobre a contaminación das rías e ríos galegos convocado pola eurodeputada de AGEe co obxectivo de facer unha posta en común destas loitas e ter un encontro directo ca Comisión Europea, presente na xuntanza a través da Dirección Xeral de Medio Ambiente.

Á pregunta rexistrada por Alternativa Galega de Esquerda en Europa, a Comisión Europea (CE) resposta apuntando a vulneración da Directiva 2008/98/CE, xa que especifica que os Estados membro non só teñen a obriga de incorporar aos seus ordenamentos xurídicos as normas sinaladas na citada Directiva, senón tamén a de "aplicar as súas disposicións de maneira eficaz e completa, neste caso para asegurar a descontaminación das superficies contaminadas con residuos asfálticos"; "responsabilidade que claramente o Estado español está obviando", recalcou Lídia Senra, "á vista da existencia inda a día de hoxe de 135.000 toneladas de asfalto acumuladas sobre o río Baa sen que nunca se teñan cumprido as restricións esixidas para o seu almacenamento, e cómpre lembrar ademais que este río desauga na ría de Ferrol".

Aliás, a Comisión explica que, malia a estar informada deste caso concreto, non pode tomar inda medidas ao respecto por estar aberto un proceso xudicial [1] en relación a este verquido -un xuízo penal por delito ambiental que resolveu precisamente hoxe a apertura de xuízo oral [2]-.

"A sociedade galega leva denunciando esta situación diante das institucións europeas dende o ano 2009", salientou Lídia Senra, "a contaminación no río Baa e ría de Ferrol, onde ningunha das Administracións competentes parece disposta a cumprir a legalidade, é unha indignante mostra máis da situación de desprotección na que se atopan os ríos e rías galegas". Un preocupante escenario que foi denunciado polas organizacións reunidas en Bruxelas en decembro, que concluíron sen dúbidas, logo da posta en común de diversas problemáticas relacionadas ca hidrografía galega, que "unha das principais ameazas son precisamente as Administracións", lembrou hoxe a eurodeputada galega, "vémolo neste caso, pero puidémolo ver claramente tamén no caso da renovación de ENCE na ría de Pontevedra por parte do PP en funcións, e noutros moitos. Non podemos permitir que quen teñen que protexer a nosa biodiversidade estean a dar mostras dun comportamento totalmente irresponsábel".

Na defensa do Río Baa

A Plataforma de Defensa do Río Baa está integrada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), as asociacións ecoloxistas Adega e Verdegaia, a Plataforma de Defensa dos Camiños e a de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo. Levan tempo denunciando que a auga do río que comparten os concellos de Fene e Cabanas está contaminada por culpa dos refugallos altamente tóxicos depositados ilegalmente no monte dos Cocidos, na Parroquia de Laraxe. AGE ten presentado tamén iniciativas no Parlamento galego a este respecto, atopándose sempre co voto en contra do PP.

Na xuntanza mantida ca Comisión Europea durante a súa estancia en Bruxelas no pasado mes de decembro de 2015, dende a Plataforma exemplificaron a situación con datos concretos, tales como o desecamento realizado no río nun tramo de máis dun quilómetro, a alteración da capa freática pola construción da autovía a Lavandeira, o aumento de vertedoiros incontrolados en Cabanas e Fene, a tala indiscriminada de vexetación e a acumulación de residuos asfálticos contaminantes. “A día de hoxe residuos procedentes de Holanda seguen depositados nun terreo forestal de Cabanas”, ilustraron xa nese primeiro contacto persoal ca Comisión Europea.

As asociacións integrantes da Plataforma esixen o inmediato subsanamento destas agresións ao río Baa e que se proceda “á recuperación integral dun espazo de extraordinario valor patrimonial”.

Bruxelas, 18 Marzo 2016.

[1] Un contencioso-administrativo interposto pola Asociación Galega de Áridos por considerar fraudulento o certificado europeo -marcado CE- expedido por la firma holandesa Eeland Certification localizado nestes residuos.

[2] Máis información contactando ca Plataforma de Defensa do Río Baa: Xosé Mauel Sardiña (636 280 513).

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). |Equipa de Comunicación AGEe. |
lidia.senra@europarl.europa.eu |
http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
18 de março de 2016 15:39

_____________