martes, febreiro 20, 2018

A contaminación da Ría de Ferrol por residuos asfálticos, de novo na Comisión Europea - Logo da confirmación xudicial da existencia de delito medioambiental, dirixímonos por segunda vez á CE demandando máis e mellores controis - Denunciamos o incumprimento da sentenza que esixe a retirada dos residuos e a descontaminación desta zona do concello de Cabanas.


A contaminación da Ría de Ferrol por residuos asfálticos, de novo na Comisión Europea. | Logo da confirmación xudicial da existencia de delito medioambiental, dirixímonos por segunda vez á CE demandando máis e mellores controis. | Denunciamos o incumprimento da sentenza que esixe a retirada dos residuos e a descontaminación desta zona do concello de Cabanas.

En marzo de 2016 a Comisión Europea, en resposta a unha pregunta parlamentaria da eurodeputada galega Lídia Senra denunciando o verquido de residuos asfálticos en Ferrolterra por parte empresa Bentum Recycling Centrale, apuntou ao incumprimento da Directiva 2008/98/CE, pero afirmou non se poder pronunciar definitivamente até ter sido resolto o proceso xudicial activo nese momento na Galiza[1].

Dado que o Xulgado do Penal N2 de Ferrol xa se pronunciou a través da Sentenza 00212/2017 confirmando a existencia dun delito contra o medio ambiente por parte do importador,  e dando orde de retirar as aproximadamente 135.000Tn de residuos acumuladas nun monte do Concello de Cabanas dende ano 2009 -procedentes do porto de Rotterdam-, Senra vense de se dirixir novamente á CE.

Nesta segunda interpelación -adxunta- subliña que a investigación xudicial afirma que se importaron ao porto de Ferrol 800.000Tn de residuos asfálticos empregados en obras de administracións públicas e privadas, sen que ninguén informara sobre o cumprimento da directiva para asegurar a descontaminación das superficies contaminadas.

Ademais, contrariamente ao exposto na sentenza, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística legalizou o acúmulo urbanísticamente ao considerar estes residuos como áridos, “sen ter en conta que a Ría de Ferrol foi clasificada como sensíbel e, por se fora pouco, sen proceder á súa retirada pese á orde xudicial”, denunciou a eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE-NGL).

Dada a gravidade desta situación e a finalización do proceso xudicial en marcha, Lídia Senra, plantexa á CE a pertinencia de que considere iniciar una investigación sobre a posíbel infracción do establecido pola normativa comunitaria relativa á xestión de residuos, así como de levar adiante investigacións que clarifiquen en que condicións reais está a ter lugar o tratamento, transporte e depósito de residuos tóxicos entre os Estados membro.

Bruxelas, 19  de Febreiro de 2018.

[1]Máis información: NdP180316 A CE apunta vulneración da Directiva 2008/98/CE na contaminación do Río Baa por residuos asfálticos.

Máis información: Lídia Senra Rodríguez, Eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
19 de fevereiro de 2018 15:38

____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon