Amosando publicacións coa etiqueta CIG-Saúde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CIG-Saúde. Amosar todas as publicacións

sábado, decembro 03, 2011

A CIG-Saúde denuncia as mentiras sobre a atención sanitaria ás persoas sen recursos e desempregadas

CIG-SAÚDE DENUNCIA: "AS MENTIRAS SOBRE A ATENCIÓN SANITARIA AS PERSOAS SEN RECURSOS E DESEMPREGADAS/OS"

A continuación reproducimos o escrito dirixido á Xerencia da Área Sanitaria de Xestión Integrada de Ferrol, en relación a unha das maiores agresións da Consellería de Sanidade, ás persoas máis débiles: os recortes de prestacións sanitarias a inmigrantes, paradas/os de longa duración e persoas sen recursos.

A/A. XERENCIA DE XESTIÓN INTEGRADA DE FERROL.

A Orde da Consellería de sanidade de 5 de Setembro de 2011 (DOG 173, 29 de Setembro do 2011) “Pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento o dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego”, na súa aplicación práctica supón, que as persoas que tiñan solicitado a tarxeta sanitaria como persoas sen recursos antes do 29 de setembro, teñen médico asignado, poden ser citados e teñen a prestación farmacéutica.

Despois do 29 de Setembro, as persoas sen recursos que se encontren en tramitación da tarxeta sanitaria teñen garantida tan só a asistencia de urxencia/emerxencia.

As/os solicitantes dunha atención sanitaria, tanto urxente como non urxente vénse na obriga de asinar un compromiso de pago. Por entrar máis en detalle, son clasificados como usuarios “PRIVADOS” e quedan rexistrados como “persoas sen recursos económicos suficientes en tramitación. Só asistencia urxencia/emerxencia”.

A todo isto aclarar que a Orde da Consellería engade unha serie de requisitos para poder acadar unha asistencia sanitaria completa:
- No caso de persoas sen recursos económicos: se require unha antigüidade como residente no estado Español mínima de 183 días. Polo tanto, unha persoa que non cumpra este requisito estará sen ningún tipo de prestación ata que teña a antigüidade antes citada e poida solicitar PSR, tendo nese momento dereito tan só a unha prestación de urxencia/emerxencia.

- No caso dos desempregados: ter estado como traballador activo ou agotada a prestación ou o subsidio de desemprego no período comprendido nos 12 meses anteriores a solicitude. Polo que unha persoa que non cumpra este requisito se atopa que ten dereito tan só a unha prestación de urxencia/emerxencia.

Esta orde da Consellería de Sanidade deixa as persoas sen recursos económicos suficientes, esperando por unha tarxeta sanitaria que tarda meses en ser concedida, tendo dereito tan só a unha atención sanitaria urxente co correspondente compromiso de pago e o que é moito máis grave deixa sen asistencia sanitaria de ningún tipo ás persoas maiores de 18 anos sen recursos, que leven menos de 183 días en España.

Resulta indignante que a Consellería de Sanidade diga que é a única Comunidade Autónoma que “garante de oficio a asistencia sanitaria a desempregados de longa duración e persoas sen recursos”. Un verdadeiro insulto para toda a poboación, sobre todo para as persoas con maiores dificultades.

De todos é sabido que antes desta Orde da Consellería de Sanidade unha persoa sen recursos que estaba en tramitación da súa tarxeta sanitaria, tiña dereito a asistencia sanitaria en iguais condicións que o resto dos usuarios do SERGAS (podía pedir cita no seu médico, tiña dereito a medicamentos, tiña dereito a consulta cun especialista, etc.).

Podemos afirmar que a Consellería está a mentir, a proba desta afirmación está na orde da Consellería publicada en DOG, nas informacións sobre os protocolos remitidos aos profesionais responsables da tramitación da tarxeta sanitaria e aos centos de persoas que a día de hoxe non teñen dereito a acudir a unha consulta médica nin a ter medicamentos.

Por todo o anteriormente exposto solicitamos da Xerencia de Xestión Integrada da Área Sanitaria de Ferrol unha resposta ás seguintes preguntas:

1ª.- Unha persoa que este empadroada na Área Sanitaria de Ferrol e non teña 183 días de residencia no estado Español:

Ten dereito a consulta médica, non urxente? Ten dereito a medicamentos? Ten dereito á asistencia sanitaria igual que unha/un traballadora/or en activo? Ten dereito á atención de urxencia/emerxencia? No caso de solicitar ou facer uso dalgunha de estas prestacións, ten obriga o persoal da Área sanitaria de Ferrol de facturar o servizo?

2ª.- Unha persoa que este empadroada na Área Sanitaria de Ferrol, que cumpra os requisitos para a tramitación do PSR e que teña a súa solicitude en trámite:

Ten dereito a consulta médica, non urxente? Ten dereito a medicamentos? No caso de solicitar ou facer uso dalgunha de estas prestacións, ten obriga o persoal da Área sanitaria de Ferrol de facturar o servizo e de que a persoa asine un documento de compromiso de pago?

3ª.- Unha persoa que nos 12 meses anteriores á solicitude de tarxeta sanitaria, non tivera estado cómo traballadora/or en activo, ou percibise o subsidio de desemprego:

Estaría na situación reflexada no punto 2?

4ª.- Se a resposta é si, nos remitimos ás preguntas realizadas no punto 2.

Cantas persoas se atopan, no momento actual, na Área Sanitaria de Ferrol, nalgunha das situacións anteriormente reflectidas?

Ante a gravidade da situación, quedamos á espera dunha resposta.

Ferrol a 21 de novembro de 2011.

Asdo:
Ana Mª Arto Blanco.
Secretaria Comarcal CIG-Saúde Ferrol.

Ana Arto 647938026
Sandra Martínez 630594691
Merche Díaz 670264501
Local Marcide 981334566
www.cig-saude.org
scigasf@sergas.es


Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
2 de dezembro de 2011 20:08
_____________

mércores, novembro 02, 2011

Manifestación Comarcal en Defensa do Emprego e do Sector Naval - Domingo 6 de Novembro


Unha gran manifestación comarcal percorrerá Ferrol o 6 de novembro en defensa do emprego e do naval

A marcha sairá ás 12 do mediodía dende o Inferniño e concluirá na Praza do Concello.

O domingo 6 de novembro a cidadanía de Ferrolterra está chamada a participar nunha gran manifestación comarcal convocada por CIG, CCOO, UGT e USTG en defensa do emprego e do sector naval. A marcha partirá dende o Inferniño baixo o lema “Polo emprego e o futuro da comarca. O naval é fundamental. Carga de traballo xa”.

MANIFESTACIÓN COMARCAL
DOMINGO 6 DE NOVEMBRO ÁS 12 DO MEDIODÍA
DESDE O INFERNIÑO -FERROL

A manifestación comarcal desenvolverase baixo o lema”Na defensa do emprego e do naval” e nela agárdase unha importante participación cidadá. Neste senso, os voceiros da CIG de Ferrol, Manel Grandal e Xesús A. López Pintos, lanzaron unha chamada a toda a cidadanía para que participe na mobilización, xa que o naval é un sector primordial para a comarca.

Sen esquecer a importancia dos restantes sectores produtivos, que tamén terán cabida nesta manifestación, cómpre subliñar que da actividade de Navantia dependen arredor de 17.000 empregos, cifra que acada unha especial relevancia dados os elevados niveis de paro que rexistra a comarca e a ausencia de alternativas económicas. Os voceiros da CIG de Ferrol volveron reiterar que se hai un sector que amortece a caída do emprego este é sen dúbida o naval.

Alén da manifestación convocada polos catro sindicatos, os traballadores e traballadoras de Navantia e da industria auxiliar aprobaron en asemblea un novo calendario de mobilizacións en demanda de carga de traballo para o sector e para esixir a construción do dique flotante. O vindeiro mércores 28 de setembro, o persoal dos dous estaleiros realizará, por volta das 11 da mañá, unha marcha dende Navantia até o Concello de Ferrol, onde os representantes do persoal teñen previsto manter un encontro co alcalde para trasladar as súas reivindicacións.

Deste xeito, os traballadores/as retoman as masivas mobilizacións realizadas nos pasado mes de maio na demanda da consecución de nova carga de traballo que permita o mantemento dos empregos. Nesta ocasión, as reivindicacións estarán moi centradas na petición de construción do dique flotante, unha infraestrutura “vital” que permitiría paliar o problema inmediato da falta de actividade e incrementaría a capacidade das instalacións da ría de Ferrol, permitíndolle facer fronte aos cambios que se están operando no sector de reparacións e carenas.

Neste senso, dende a CIG de Ferrol lembran que esta unha das áreas con maior proxección de Navantia, polo que as súa ampliación resulta imprescindíbel para estar no mercado de reparación de buques ao máximo nivel de competitividade. Sobre esta cuestión, Grandal criticou a falta de actuacións concretas por parte das administracións para pór en marcha esta plataforma, a pesar de que no propio Parlamento galego se aprobou, co apoio de todas as forzas políticas, unha proposta para demandar da Xunta e do Goberno español accións conxuntas de cara a conseguir este obxectivo.

A COMARCA ESTÁ EN XOGO !!!
PARTICIPA NA MANIFESTACIÓN !!!

CIG-Saúde
Ana Arto 647938026
Sandra Martínez 630594691
Merche Díaz 670264501
Local sindical 981334566

Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
2 de novembro de 2011 17:47
_______________

Pode-se ver, nos seguintes enlaces, o que din as centrais sindicais de clase ao respecto desta manifestación e da convocada en Vigo para o mesmo día 6N. Unhas centrais convocan, outras non convocan e outras foron excluídas da convocatoria.

Centrais Sindicais con presencia na Galiza:
____________________

venres, agosto 26, 2011

A CIG-Saúde denuncia recortes en materia de transporte sanitario


CIG-SAÚDE INFORMA: RECORTES EN MATERIA DE TRANSPORTE SANITARIO QUE A TODAS/OS NOS AFECTAN.

A Consellería de Sanidade pretende introducir no transporte de enfermos en ambulancia coa xustificación da crise económica, os seguintes recortes:
  • Eliminación do técnico-axudante nas ambulancias medicalizadas.
  • Supresión do uso universalizado das ambulancias sanitarias.
  • Eliminación da obrigatoriedade de pago por parte do Sergas destes servizos, o que supón o copago dos mesmos
  • Supresión das ambulancias asistenciais do 061 en Baiona, Ponteareas, Marín e A Mariña luguesa, e dunha das ambulancias medicalizadas en Vigo.
Este conxunto de decisións supoñen un paso máis na estratexia da Xunta de Galicia de desmantelamento dos servizos sanitarios, terán graves consecuencias para a rapidez e seguridade da atención das urxencias, a calidade da mesma e o dereito á asistencia universal e gratuíta dos cidadáns e cidadás de Galicia.

Tan só temos o camiño da mobilización:

- Día 29 de agosto ás 13h, concentración diante da Fundación Urxencias Sanitarias 061 en Santiago de Compostela.

-Asemblea traballadoras/es do transporte o 31 de Agosto do 2011, ás 21h, salón de actos CIG Ferrol:

(Folga xeral 8 de setembro).


¡POLOS POSTOS DE TRABALLO E UNHA SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE!

http://www.cig-saude.org/ferrol/

Enviado por:
cig-saude.asf
-cig-saude.asf@sergas.es-
26 de agosto de 2011 12:02
___________________

martes, xaneiro 11, 2011

Este Domingo 16 de Xaneiro realizara-se un roteiro pola Costa Ártabra -LIC, polo treito costa acantilada de Ares

Roteiro: L.I.C. Costa Ártabra; treito: costa acantilada de Ares.
  • Data: Domingo, 16 de Xaneiro de 2011.
  • Partida: Ás 10:30 hs da Praza de Galiza (Ferrol) en autobús regular, calculando chegar a Ares arredor das 11:00 hs.
  • Remate: Ás 18: 30 hs no Mosteiro de Sta. Catalina (Montefaro); recolleranos un autobús para regresar a Ferrol.
  • Percorrido do roteiro: 15 Km, con dificultade media-baixa.
Iniciarase o roteiro na Vila de Ares rematando na outra extrema da costa, no Mosteiro de Santa Catalina (Montefaro). Visitaremos os últimos vestixios do Castelo de Ares, engulidos pola vexetación, nas proximidades do porto. Bordeando a costa acantilada observaremos fermosas panorámicas da Ría de Ares, coas Illas Miranda en primeiro plano. Continuaremos o percorrido até a Punta Insuela, para coñecermos o castro marítimo e as Bocas do Sangue; denominación que recibe unha cova de aproximadamente 130 m de lonxitude. Desde aquí continuaremos o percorrido cara Punta Avarenta, para coñecer o impacto da E.D.A.R. - Sul nesta paraxe natural. Logo continuaremos bordeando a costa até chegar a Chanteiro, para coñecer a Capela de Nosa Señora da Mercede (S. XIV). Camiñaremos de novo cara Punta do Segaño para visitar as fortificacións e baterías de defensa costeira onde, ademáis, poderase contemplar o impacto ambiental do Porto Exterior sobre a ría de Ferrol. Desde aquí, subiremos pola aba ocidental de Montefaro para coñecer as baterías defensivas da Pena do Lagarto e da Bailadora, disfrutando ao mesmo tempo de fermosas panorámicas. Xa no alto
da Bailadora, a 266 m sobre o nivel do mar, descenderemos cara o Mosteiro de Santa Catalina, onde remataremos o roteiro.

Por suposto, no transcurso do roteiro faremos un alto no camiño para xantar e repousar nun lugar a convir.

Ademáis do xantar, recoméndase levar roupa e calzado axeitados.

Prezo Soci@s: 5 Euros.

Prezo Non Soci@s: 7 Euros.

Prazo de Inscrición: Até o Venres 14 de Xaneiro.

Contactos: 616039268 (Antón); 661636946 (Miguel);
ferrol@verdegaia.org

Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
11 de janeiro de 2011 08:11
http://www.cig-saude.org/ferrol/
____________________