Amosando publicacións coa etiqueta Cangas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cangas. Amosar todas as publicacións

martes, xullo 28, 2009

O 1 de Agosto: Manifestación en Cangas contra a construción do Porto Deportivo de Massó

"En Cangas está previsto que o porto deportivo, para 420 amarres, avance 312 metros mar dentro cun espigón de 600 metros enfronte do recheo de Bouzas. Ocuparía unha lámina de auga de 212.348 metros cadrados, logo dunha obra de alta dificultade técnica polas profundidades de máis de 15 metros en que debe realizarse e os noiros submarinos, nunha zona de intensas correntes".

MANIFESTACIÓN EN CANGAS CONTRA A CONSTRUCIÓN DO PORTO DEPORTIVO DE MASSÓ


Sábado 1 de agosto de 2009, ás 20:00 hrs, dende a Alameda Vella de Cangas
  • Porto ilegal
  • sen licencia municipal
  • sen Plan de Usos
  • sen Plan Especial
  • sen PXOM
  • Destrúe postos de traballo
  • destrúe a ría
  • ameaza ao pequeno comercio
  • Para beneficio duns poucos
  • saltando leis e acordos de goberno
  • con represión policial brutal

PARALIZACIÓN XA!!

www.cangasnonsevende.org


O litixio do porto de Cangas atáscase nos xulgados
Os opositores paralizan as obras en previsión de "feitos consumados"

Primitivo Carbajo
Vigo - 26/07/2009


A construción do porto deportivo en Cangas leva catro anos paralizada pola obstrución veciñal que abandera o Foro Social. As denuncias de promotores e opositores ao proxecto -por coaccións, desordes ou motivos ambientais- acumúlanse nos xulgados e outros despachos e prometen continuar sen que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acabe de sustanciar a legalidade da concesión, que sen dúbida marcará un punto de inflexión nos termos do conflito. Residencial Marina Atlántica, a promotora da obra, aduce o esgotamento de prazos no seu programa de execución e os opositores resisten para que non suceda como no caso análogo da mariña de Punta Lagoa, aos pés do monte da Guía, na mesma ría de Vigo, declarada ilegal cando xa estaba construída e con mal remedio.

O informe de Pesca, vinculante, desapareceu do expediente

En Cangas está previsto que o porto deportivo, para 420 amarres, avance 312 metros mar dentro cun espigón de 600 metros enfronte do recheo de Bouzas. Ocuparía unha lámina de auga de 212.348 metros cadrados, logo dunha obra de alta dificultade técnica polas profundidades de máis de 15 metros en que debe realizarse e os noiros submarinos, nunha zona de intensas correntes.

As obras comezaron en agosto de 2005 e, en outubro, a obstrución veciñal que, cos seus altibaixos, dura ata hoxe. O porto deportivo, segundo os seus detractores, destruirá un banco marisqueiro que explota a confraría de pescadores, que espera desde fai catro anos o pronunciamiento do TSXG no contencioso que expuxeron.

O tribunal xa avanzou un criterio sobre os intereses dos pescadores cando denegou a paralización cautelar das obras que pedía a confraría: un aval de 631.000 euros depositado pola construtora compensaría os posibles danos. Pero o expediente da concesión do porto deportivo por parte da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) presenta fisuras que ensombrecen a tramitación e alimentan, sen contradición, os argumentos dos opositores á mariña.

A APV convocou o concurso para crear o porto deportivo en decembro de 2003. A concesión que gozaba Massó Hermanos e que sucesivamente pasou aos traballadores, cando a empresa crebou, e a Frigoríficos del Morrazo, que comprou despois terreos e dereitos, refírese a "terreos con destino a fábrica de conservas, a súa ampliación, ramplas e varaderos". O concurso para o porto deportivo convócase sen que conste por que, como nin cando cambiou o uso dos terreos, aínda que para entón Ingenieria Civil del Atlántico xa estaba realizando o proxecto de Marina para Frigoríficos del Morrazo.

O informe, preceptivo e vinculante, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, que se opón á remodelación, sinala que para a revogación das autorizacións marisqueiras afectadas é necesaria a declaración de utilidade pública das obras e tramitar a expropiación dos dereitos que corresponden á confraría. Nada diso fíxose aínda. A APV asegura ata, en febreiro de 2005, non recibir ese informe de Pesca, aínda que está documentada a súa entrada en dúas ocasións, e esta é a principal lagoa, aínda que non a única, que argumentan os detractores da mariña.

O proxecto someteuse a información pública en agosto de 2004 e en marzo de 2005 Residencial Marina Atlántica recibiu a concesión, que recoñece a súa titularidade sobre a zona de dominio público marítimo terrestre, uns 45.000 metros, a pesar de ser terreos "inalienables, imprescriptibles e inembargables".
_____________

xoves, xullo 23, 2009

Reportaxe sobre as 16 detencións en Massó





Presentamos unha reportaxe de máis de vinte minutos con numerosas entrevistas a acrivistas, viciñas, mariñeiros de Cangas, na xornada do 21 de xullo, o dia despois de que 16 persoas foran detidas diante das obras ilegais do porto deportivo de Massó, cando estaban a realizar unha sentada para evitar que entraran novas máquinas e camións que pretenden continuar co recheo e coa destrución nesta zona. Tamén achegamos galería fotográfica deste dia nesta ligazón.

Comeza a peza desde primeira hora da mañá cando tivo lugar unha concentración que reclamaba diante do concello a posta en liberdade de seis das 16 detidas, que pasaron a noite nos calabouzos.

A chegada da alcaldesa do concello, do BNG, Clara Millán, sorrindo diante das e dos concentrados, que aínda que detiveron a unha concelleira do seu propio goberno non foi quen nin de condenar a represión violenta nin de amosar solidariedade, foi o primeiro momento de tensión da xornada, pola desbordante mostra de cinismo e indiferenza amosada pola máxima responsábel da administración local desta vila.

Despois unha manifestación percorria o centro de Cangas até chegar aos xulgados, onde se agardou a saida das 6 persoas detidas, que declararon diante da xuiza até pasadas as tres da tarde.

Ao longo da xornada houbo novas concentracións, unha asemblea viciñal no concello, que rematou cunha nova manifestación polo centro de Cangas, chamando ao pobo de Cangas a continuar a loita pola defensa da terra e contra a destrución do territorio en Massó.

Enlace orixinal en GZVideos
____________

martes, xullo 21, 2009

Solidariedade coa veciñanza de Cangas na súa loita pola defensa do litoral


A Confraría de Pescadores e o Foro Social de Cangas, levan tempo mobilizando-se e denunciando o recheo da Ría de Vigo en Punta Balea. Pois non só se trata da instalación dun macro proxecto turístico no litoral de tod@s nós, senon que coa actuación urbanística que inclúe un porto deportivo, van destruir un dos bancos máis ricos de ameixas e navallas da Ría de Vigo. Alí a promotora Marina Atlántica [participada por Caixanova, Grupo Atlántico e Puentes y Calzada] está a construír un porto deportivo de luxo, para que os ricos poidan atracar os seus "Yates", malia un informe negativo da Consellería de Pesca e multitude de actuacións xudiciais pendentes de resolver.

O porto deportivo é parte dun macroproxecto que inclúe centos de apartamentos de luxo e un centro comercial no edificio da antiga Conserveira Massó.

Desde o inicio das obras o movimento social opositor ao macro proxecto turístico, ven-se mobilizando para paralizar as obras e impedir deste xeito a política de feitos consumados. Práctica habitual dos especuladores de turno. "Marina Atlántica non ten permiso para urbanizar en terra tras a caída do PXOM do anterior goberno local do PP. Polo contrario, si dispón dunha autorización da Autoridade Portuaria de Vigo para o porto deportivo, permiso que remata este ano. Por iso pretende acelerar a súa construción, malia estar recorrida xudicialmente".

A mañá de onte 20 de Xullo, a Guardia Civil cargou contra a veciñanza que se manifestaba pacíficamente contra a destrución do noso litoral para a construción da urbanización de luxo e o porto deportivo. Foron 16 as persoas detidas, entre elas unha concelleira da Acción Canguesa de Esquerdas e integrantes do Foro Social de Cangas e da Confraría de Pescadores.

Desde Ártabra 21 queremos amosar a nosa solidariedade coa veciñanza de Cangas e denunciar as agresións e detencións, denunciar que os responsabeis das administracións, unha vez máis, poñen-se do lado dos especuladores e non dubidan en mandar as forzas represivas contra a veciñanza que se manifesta pacificamente contra a política especulativa e de feitos consumados que se manifesta en defensa do litoral, do medio ambiente e da riqueza marisqueira que son moitos postos de traballo e un medio de vida de centos de persoas.

Desde Ártabra 21 demandamos a liberdade de todas a persoas detidas e a paralización das obras xá !

Enlace de interese:

http://www.cangasnonsevende.org/
______________

Videos relacionados en GZVideos:
_________________

Brutal intervención da Guardia Civil en Cangas - Massó: 16 persoas detidas

Galiza Non Se Vende. 20 de xulho 2009. Cangas

BRUTAL INTERVENCIÓN DA GARDA CIVIL EN CANGAS - MASSÓ

DEZASEIS PERSOAS DETIDAS

Hoxe en Cangas, unha vez máis, a intención de reiniciar as obras en Massó tinguiuse de violencia e represión, pero desta vez rebasou tódolos límites. Dende primeira hora da mañá, numerosas veciñas e veciños de Cangas, e membros de colectivos sociaise e ecoloxistas, que facían garda no Salgueirón, como cada mañá, para impedir as obras ilegais do porto deportivo de Massó, foron agredidos violentamente e detidos pola Garda Civil.

A rede Galiza Non Se Vende amosa a súa indignación por este novo acto autoritario, que criminaliza toda protesta lexítima en defensa dos valores da ría, e denuncia que, unha vez máis, a Garda Civil está a protexer intereses privados, protexendo unha obra ilegal con enorme impacto sociambiental, en vez de protexer e tutelar o interés xeral e colectivo e o respecto á legalidade vixente.

A DESTRUCION DA RIQUEZA COMUN

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo, faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, navalla, ostra, centola, ourizos... Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

A ILEGALIDADE COMO MEDIO, A REPRESION COMO SISTEMA

As ilegalidades e irregularidades que rodean este proxecto son de enormes magnitudes. Baste dicir, por mor da brevedade, que a empresa construtora chegou a inscribir no Rexistro da Propiedade de Cangas como pleno dominio un espazo de dominio publico maritimo terrestre.

Esta mañá varios camións e escavadoras, sen ningunha licenza para tal actividade, pretendían acceder pola zona da Torre (inmediacións do edificio principal da antiga factoría de Massó) ao punto de vertedura de entullos fronte á fábrica para poder seguir executando as obras. Unhas 15 persoas que tentaban de forma pacífica (nunha sentada) impedir o acceso dos camións que non contaban con licencias foron desaloxadas violentamente e agredidas pola Garda Civil, e varios resultaron feridos. Unha ambulancia recollía a un membro do Foro Social de Cangas tras recibir unha forte agresión nunha perna recentemente operada.

Despois da carga da Garda Civil, nun clima de tensión e nerviosismo, leváronse a cabo numerosas detencións (16 persoas) baixo cargos ficticios, para evitar que seguiran as protestas e entorpecementos das obras, que ata agora foran paralizadas.

Entre os detidos están numerosos activistas de colectivos integrantes da rede Galiza Non Se Vende: Tiago, do Foro Social, detido e esposado por estacionar o vehículo diante das obras; Sangabriel, do Foro Social de Cangas, agredido cun porrazo na cara; Edi, de Bouzas Móvete, agredido e esposado; Sabela, de Verdegaia, agredida e lesionada nunha perna; Pichi, de Luita Verde; Pasatem, de Caleidoskopio; Pipas, de Fuga em Rede; Iria, da Ría Non se Vende; todos eles inmobilizados de forma violenta e detidos sobre as doce do mediodía. Da mesma forma, detiveron a Marichu Álvarez, do grupo municipal ACE do Concello de Cangas. A moitos dos detidos os trasladaron esposados ate os furgóns como se de criminais se tratase. A indignación veciñal por estas detencións supuso a unánime repulsa e a enérxica protesta dos alí presentes (20-30 persoas), grupo que aumentaba en número pola chegada de novos veciños que secundaban a protesta e apoiaban aos compañeiros e compañeiras detidas.

Sobre a 13 horas, a maquinaria pesada seguía intentando acceder á zona a pesar das protestas. O concelleiro de Urbanismo de Cangas, Mariano Abalo, que chegou ao lugar cando tivo coñecemento dos feitos, ordeou a paralización de toda maniobra da maquinaria pesada.

Malia a represión que os colectivos, veciñas e veciños en defensa da ría e do territorio están a sufrir por parte das forzas e corpos de seguridade ao servicio de proxectos privados, a defensa de Massó --convertida xa en símbolo da loita polo respecto á terra-- seguirá viva e non permanecerá impasible ante calquera agresión.

Esta tarde, a rede Galiza Non Se Vende convoca a unha concentración en Cangas en apoio aos detidos, privados de liberdade por defender os valores da ría e o interese público; e por tentar impedir a execución dun proxecto ilegal, destrutor de postos de traballo e devastador do medio.

UNHA INOPERANCIA XUDICIAL SELECTIVA

Desde hai catro anos a Confrarìa de Pescadores "San José" de Cangas ten interposto un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra estas obras, que vulneran a concesiòn estatal que esta confrarìa ten para faenar nesas augas. Ese Tribunal denegou a paralizaciòn cautelar das obras, denegaciòn que foi recorrida polo pòsito cangués hai xa tres anos ante o Tribunal Supremo. Ambolosdous contenciosos durmen nalgunha estanterìa de tan altos tribunais. En cambio, os xulgados son ràpidos à hora de practicar dilixencias contra os membros dos movementos sociais opositores ao proxecto.

SUBDELEGADO DO GOBERNO... ¿OU GOBERNADOR CIVIL?

DESTITUCIÓN

A Rede Galiza Non se Vende denuncia a utilizaciòn da Garda Civil como forza represora e policía privada ao servizo de intereses particulares, contrarios ao ben común, que destrúen a riqueza do noso mar e a nosa terra. Polo tanto, e ESIXE A INMEDIATA DESTITUCIÒN DO ACTUAL SUBDELEGADO DO GOBERNO EN PONTEVEDRA, DELFÌN ALVAREZ, por estes e por outros feitos xa anteriormente denunciados, intolerables nun estado pretendidamente democrático, que nos transportan a tempos pasados e o fan merecedor do antigo nome de "Gobernador Civil y Jefe Provincial del Movimiento"

¡NON AO PORTO DEPORTIVO DE MASSÓ!

A rede Galiza Non Se Vende esixe, asemade, a inmediata paralización das obras e a retirada deste proxecto ilegal, fruto da especulación urbanística, que destrúe o medio natural; as actividades sustentables e os postos de traballo a elas asociadas; o patrimonio cultural e a identidade mesma de Cangas e de Galicia.

¡LIBERDADE INMEDIATA PARA OS DETIDOS!

Os 16 detidos mantiveron a dignidade diante de quen carece dela, e negáronse a declarar perante a Garda Civil. Sobre as 20.45 horas foron liberados 10 deles, baixo a obriga de acudiren a declarar cando lles sexa requirido. Os outros 6 foron trasladados a Pontevedra, obrigados a pasar alí a noite antes de seren trasladados mañá ao xulgado. Resulta moi revelador do proceder do subdelegado Álvarez o feito de que os 6 sexan cangueses, a metade deles do Foro Social de Cangas. Entre eles está Ricardo, o recentemente operado da perna onde hoxe sufriu unha brutal patada, e que foi atendido nunha ambulancia. Fixéronlle unhas placas e déronlle un calmante. E levárono.

Resulta moi alarmante o rumor de que algúns deles van ser acusados de... ¡ATENTADO!.

De isto confirmarse, significaría que o estado tenta empregar técnicas policiais e xudiciais de loita antiterrorista para desactivar os movementos sociais. Significaría, que en lugar de evoluír cara a sustentabilidade e a democracia participativa, o estado involuciona cara a unha neodictadura ao servizo do capitalismo neoliberal. Evolución que os cidadáns deste estado pretendidamente democrático non podemos, nin debemos, nin imos tolerar, porque, alén da natureza, a cultura e a xustiza social, a nosa mesma liberdade está en perigo.

Polo tanto, e mentras preparamos as denuncias pertinentes, ESIXIMOS A INMEDIATA LIBERDADE DE TIAGO, SANGABRIEL, RICARDO, MARICHU, SÉ E IRIS.

CANGAS NON SE VENDE

A RÍA NON SE VENDE

GALIZA NON SE VENDE
_________________

xoves, xuño 18, 2009

Sábado 20 de Xuño Manifestación en cangas na defensa do Salgueirón: Non ao Porto deportivo de Massó



O vindeiro Sábado 20 de Xuño, ás 8 da Tarde manifestación desde a Alameda Vella de Cangas até o Salgueirón.

SOS Massó non á construción do Porto Deportivo, na defensa do Salgueirón

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, ostra, navalla... Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

En terra este proxecto busca especular con 200.000 m2 para a construción de vivendas de luxo, hoteis e un centro comercial. Moitos deses metros cadrados son de dominio público, outros zona industrial e unha boa parte está cualificada como espazo natural protexido: Espazo Natural Barra–Cabo home.

Desde hai máis de tres anos a oposición veciñal artellada en torno ao Foro Social de Cangas evitou o inicio das obras coa súa presencia e vixianza diaria no lugar para impedir o paso das máquinas, resistindo sempre pacificamente. Tres anos. Tódolos días. Pacífica e pacientemente.

Desde o pasado luns día 25 de maio, seis furgóns da Garda Civil e máis de 20 axentes están a protexer o desenvolvemento dos traballos dunha obra manifestamente ilegal.

A loita de Cangas na defensa do espazo natural de Massó é un gran símbolo e a súa resistencia durante tres anos un exemplo.

CONVOCAN:

Enviado por:
foro social de Cangas
-forosocialpoladefensadopobo@yahoo.es-
18 de junho de 2009 13:17

________________

xoves, abril 17, 2008

Este domingo 20 de Abril, mobilización en Cangas do Morrazo, contra a construción do porto deportivo e zona residencial de luxo, no antigo Massó

De: foro social de Cangas -fosocialpoladefensadopobo@yahoo.es-
Para:artabra21@gmail.com
Data: 16 de abril de 2008 14:20
Asunto: CONCENTRACIÓN EN CANGAS, ESTE DOMINGO, DÍA 20, ÁS 12:00 H. NA ALAMEDA VELLA - S.O.S. MASSÓ



CONCENTRACIÓN EN CANGAS, ESTE DOMINGO, DÍA 20, ÁS 12:00 H. NA ALAMEDA VELLA - S.O.S. MASSÓ


CONVOCADA POR:

CANGAS NON SE VENDE
A RÍA NON SE VENDE
GALIZA NON SE VENDE

A situación en Cangas é crítica:

A empresa Puentes y Calzadas está querendo forzar a recualificación dos terreos do Salgueirón mediante a ameaza de reinicio inmediato das obras do porto deportivo que a oposición veciñal ten paradas dende hai dous anos e medio.

Un novo Plan Xeral está iniciándose e este mesmo mes tense que presentar o seu avance.

Hai fortísimas presións sobre o grupo de goberno (ACE, BNG, PSdeG-PSOE) para o troco da actual cualificación de industrial a unha de residencial, con obxecto de desenrolar unha urbanización de luxo.

Os terreos pertencían á antiga conserveira Massó e teñen un altísimo valor patrimonial (están declarados como ben de patrimonio industrial), natural, botánico e, pola súa cercanía ao núcleo de Cangas, representan un pulmón vital para cubrir o tremendo déficit de Cangas en zonas verdes.

No mar, a construcción dun inmenso porto deportivo, nunha zona de escaso calado e gran riqueza pesqueira e marisqueira, modificaría as correntes da ría, deixando un canal de só 1,3 millas ate o macrorecheo de Bouzas, o que pode comprometer aínda máis o crítico estado de saúde dunha ría da que dependen miles de familias.

A lentitude da xustiza (hai máis de cinco denuncias en curso e dous contenciosos administrativos da Confraría de Cangas), a ambición de empresarios e financeiras (Caixanova), e o estudiado desleixo de múltiples políticos involucrados, pode permitir unha absurda pero tremendamente lucrativa recualificación.

ACUDIDE Á ALAMEDA VELLA DE CANGAS
O DOMINGO 20 ÁS 12.

Non permitamos a consumación desta aberración

Esta concentración está convocada por A RÍA NON SE VENDE dentro das actividades que fan referencia ao día da Terra (22 DE ABRIL), que comezan cun roteiro en bici dende a praza do Rei de Vigo as 10h do día 20, proseguen con actividades de troco e mesas informativas de coletivos na Alameda Vella de Cangas coincidindo coa concentración, e rematan cunha charla coloquio sobre os impactos do cambio climático o día 21 as 19 horas na biblioteca do casco vello de Vigo
_______________

venres, febreiro 16, 2007

Rede Litoral Vivo: Confírmase a concentración convocada para o sábado 17 de febreiro, ás 17 hrs, na Alameda Vella de Cangas

Da Rede LItoral Vivo recibeuse este email, que se comunica a todos cantos teñan preocupacion por estos asuntos e poidan ter a oportunidade de asistir o sabado a Concentración convocada en Cangas

Confírmase a concentración convocada para o sábado 17, AS 17 HORAS, na Alameda Vella de Cangas.

As asociacións compoñentes do Foro Social de Cangas convocan unha concentración o próximo sábado 17 de febreiro as 17 horas.

O motivo é expresar o rechazo a unha actuación xudicial de dúas velocidades: rápida contra os veciños e veciñas de Cangas acusados de delito de coaccións por paralizar as obras do porto deportivo, incluíndo a ameaza dunha actuación policial contundente, e lenta para todos os expedientes xudiciais e administrativos abertos contra os promotores do porto e a Autoridade Portuaria de Vigo, tendo como exemplos o prolongamento no tempo de mais de un ano da petición de paralización cautelar, a ralentización do expediente aberto pola Fiscalía de Medio Ambiente por indicios de delito contra a ordenación do territorio, falsidade documental e prevaricación (entre outros), ou a falla de resposta de Costas á petición de apertura de expediente de deslinde que clarifique o rexistro como propiedade privada dunha finca de dominio público marítimo terrestre.

Estanse a realizar contactos con asociacións interesadas na defensa do medio ambiente do ámbito galego para que se sumen a concentración e expresar xuntos o rechazo a un urbanismo destrutor que se atreve a saltarse as leis e presiona a xustiza, forzas do orden e medios de comunicación para conseguir os seus obxectivos.

FORO SOCIAL DE CANGAS