Amosando publicacións coa etiqueta Día da Patria Galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Patria Galega. Amosar todas as publicacións

xoves, xullo 19, 2018

Avante a República Galega - Em Ferrol, decorrerá umha ruada patriotica polas ruas do bairro da Madalena, este sábado 21 de julho que sairá às 12:30hs desde a Praça do Hino Galego de Esteiro


Sábado 21 às 12.30hs e por 4º ano consecutivo decorrerá a ruada patriótica polas ruas do bairro da Madalena. A saída será na Praça do Hino Galego em Esteiro.

A iniciativa parte de diversas entidades soberanistas da comarca de celebrar com umha Ruada Patriótica e festiva a comemoraçom do Dia da Pátria Galega deste ano 2018, no que se cumpre o 50 aniversário da primeira ocasiom na que o nacionalismo galego pôs em valor a data de 25 de Julho dando-lhe carácter de reivindicaçom do feito nacional da Galiza.

Ato que conta coa participaçom da Fundaçom Artábria, Bng Ferrol, Isca mocidade, Galiza Nova, Causa Galiza, Semente Trasancos, Erguer- Estudantes da Galiza, CIG-Ferrol e BRIGA.

Chamam a participar na ruada: "Avante a República Galega".

______________

mércores, xullo 18, 2018

Atos com motivo do Dia da Pátria - O 18 de julho umha jornada lúdico-reivindicativa - Sábado 21 a ruada patriótica polas ruas do bairro da Madalena de Ferrol, na praça do Hino Galego, às 12:30hs - O mesmo sábado 21 Festa do Dia da Pátria na Fundaçom Artábria e Concerto com Tecor Societário e Farrapos de ghaita


Atos com motivo do Dia da Pátria


Com motivo do Dia da Pátria o próximo 25 de julho, entidades soberanistas convocam diferentes atos na nossa cidade durante esta semana.

Quarta-feira, 18 de julho, a mocidade independentista convoca no nosso Centro Social umha jornada lúdico-reivindicativa para socializar a mobilizaçom nacional que decorrerá o próximo 24 de julho nas ruas de Compostela, e que conta com o apoio de mais de 20 entidades entre elas o da Fundaçom Artábria.


Sábado 21 às 12.30hs e por 4º ano consecutivo decorrerá a ruada patriótica polas ruas do bairro da Madalena. A saída será na Praça do Hino Galego em Esteiro. A mobilizaçom conta com o apoio, além da nossa associaçom, do Bng Ferrol, Isca mocidade, Galiza Nova, Causa Galiza, Semente Trasancos, Erguer. Estudantes da Galiza CIG-Ferrol e BRIGA.


No mesmo dia, à tarde, decorrerá a Festa do Dia da Pátria na Fundaçom Artábria. Desde as 20.30h haverá grelhada popular com chouriços a 2 euros. Às 22.30hs e com entrada de graça concerto com Tecor Societário e Farrapos de ghaita.

Desde Trasancos pola construçom nacional

A Fundaçom Artábria trabalha para que o nosso país esteja no lugar que lhe corresponde no espaço europeu e contribuímos com o nosso pequeno grao de areia na construçom nacional da Galiza, é por isso que:

1.- Apelamos à participaçom ativa em todas aquelas iniciativas patrióticas promovidas nos próximos dias ao longo da Naçom que reclamem a soberania e a independência nacional da Galiza.

2.- Apelamos à exibiçom da bandeira nacional nas varandas, janelas, fachadas de casas e vivendas da nossa base social.

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

....

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
16 de julho de 2018 13:14

__________

sábado, xullo 23, 2016

Avante a República Galega! é o lema do acto que vai ter lugar esta tarde do sábado 23 de Xullo, en Ferrol, co motivo do Día da Patria Galega, convocado polo BNG, Cerna, a CIG e a Fundaçom Artábria


Avante a República Galega!

Con este lema, vai ter lugar esta tarde do sábado 23 de Xullo, ás 20:30hs un acto en Ferrol, co motivo do Día da Patria Galega, convocado polo BNG, Cerna, a CIG e a Fundaçom Artábria.

Umha Ruada Patriótica que partirá desde a Praza das Angustias, para finalizar no Cantón de Ferrol, con bandeiras e música.

Desde as organizacións que convocan a Ruada Patriótica, animan a participar neste acto festivo coa bandeira Galega.
_________________

Dia da Pátria em Ferrol: Avante a República Galega! - Ruada por Ferrol e Festa na Fundaçom Artábria


Dia da Pátria em Ferrol: Avante a República Galega!

BNG, Cerna, CIG e a Fundaçom Artábria convocamos umha ruada patriótica o próximo sábado, 23 de julho, com motivo do Dia Pátria.

A iniciativa que parte de umha reuniom em regimem de autoconvocatória que decorreu há vários dias, revindicará de maneira festiva a República Galega.

A ruada partirá às 20.30h da Praça das Angustias para finalizar no Cantom de Molíns.

Animamos ao soberanismo galego da nossa comarca a participar na mesma e trazer a sua bandeira galega. 

Após a ruada, também no sábado, decorrerá no nosso Centro Social a festa do Dia da Pátria. Haverá grelhada popular e música tradicional.

Aproveitamos para informar-vos que o nosso Centro Social permanecerá fechado o 25 de julho, Dia da Pátria.

A Fundaçom Artábria trabalha para que o nosso país esteja no lugar que lhe corresponde no espaço europeu e aportamos o nosso pequeno grao de areia na construçom nacional da Galiza, é por isso que apelamos a:

1.- Secundar ativamente todas aquelas iniciativas patrióticas promovidas nos próximos dias ao longo da Naçom que reclamem a soberania e a independência nacional da Galiza.

2.- Pendurar nas varandas, janelas, fachadas de casas e vivendas da nossa base social a bandeira da Galiza.

Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
20 de julho de 2016 20:30

______________

luns, xullo 25, 2011

Celebrando o "Día da Patria Galega" - Día Nacional da Galiza - 25 de Xullo de 2011


Discurso "Alba de Groria" que o irmán Daniel -Alfonso Rodríguez Castelao- leu tal día como hoxe do ano 1948, no exilio de Bos Aires, na Arxentina.

25 de Xullo, "A festa maior de Galicia, a festa de tod@s @s galeg@s", Castelao.

Miñas donas e meus señores:

SI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.

Así dá comenzo a solemnidade d-este día; a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos. Pero ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque en tal día coma este revivien as lembranzas acuguladas, e coa moita destancia agrándase o prodixio da patria. Hoxe a nosa imaxinación anda por alá, en festa de saudades, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes... E dispóis de evocar o repique matutino das campás -mal ou ben, ao xeito de Otero Pedrayo-, eu podía evocar igoalmente, todol-os lances xubilosos d-este día, hora a hora, minuto a minuto. Pero ¡cómo se tornan tristes as alegrías evocadas lonxe da patria! ¡Cómo doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade! E cómo para min é certo o que dixo o mellor poeta da nosa estirpe:

Sen tí perpétuamente estou pasando
Nas maores alegrías, maor tristeza

Non; é moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito de futuro, como unha boa esperiencia. Podemos imaxinar, por exemplo, unha Santa Compaña de inmortaes galegos, en interminabel procesión. Alí veremos as nobres dinidades e os fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa Hestoria. Verémolos camiñar en silenzo, coa faciana en sombras e o mirar caído na terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideias tan vellas que hoxe nin tansiquera seríamos capaces de comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns verémolos revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras; pero os máis d-eles van descalzos e nús, cos osos prateados pol-o fulgor astral.

Ao frente de todos vai Prisciliano, o heresiarca decapitado, levando a súa propia caveira n-unha arqueta de marfin e afincándose n-un longo caxato, que remata coa fouce dos druidas, a modo de báculo episcopal. Siguen a Prisciliano moitos adeptos, varóns e mulleres. Detrás veñen dous magnates, que cicáis sexan: Teodosio, o grande Emperador de Roma, e San Dámaso, o Sumo Pontífice da cristiandade, seguidos ambos por unha hoste de soldados i ecresiásticos. Ollamos dispóis unha ringleira de mortos escrarecidos, que portan os atributos da súa dinidade ou da súa profesión. Alí distinguimos á virxe Eteria, a escritora pelengrina, con túnica de branco liño e camiñando con arfado compás. Ao hestoriador Paulo Orosio, discípulo de San Agostiño, que marcha pensatibre, c-un rolo de pergameos na man. Ao bispo e cronista dos tempos suevos, a Idacio, que alumea o camiño c-unha lámpara de bronce. A San Pedro de Mezonzo, o autor da Salve Regina Mater -o cántico e oración máis fermosa da Eirexa-, c-unha fragante azucena nos beizos. Ao fundador San Rosendo, que sostén litúrxicamente a custodia do noso escudo tradicional. E moitos, e moitos máis, que é dificultoso recoñecer. Logo vemos ao primeiro Arzobispo de Compostela, o gran Xelmírez, revestido de pontificial, con aurifulxente cortexo de mitrados e coengos. Após do perlado ven Alfonso VII, o Emperador, con cetro na destra, espada na sinistra e coroa de ouro e pedraría nas sens. Siguen ao Emperador: o Conde de Traba, seu aio, e demáis bultos da soberba feudal de Galiza. Ollamos dispóis aos monxes letrados, en longa fileira, con velas acesas e libros abertos. Ven detrás o mestre Mateo, o Santo dos Croques, co Apocalipsis debaixo do brazo, encabezando unha grea de arquiteitos e imaxineiros, que portan as ferramentas das súas artes. De seguida aparece unha moitedume de xograres e trovadores, en mistura de tipos e atavíos. Algúns semellan ter sido monxes; outros calzan esporas de ouro, en sinal de que foron cabaleiros; pero os máis d-eles van esfarrapados, con vellas cítaras, laúdes e zanfoñas ao lombo. Alí recoñecemos a Bernaldo de Bonaval, a Airas Nunes, a Eanes do Cotón, a Pero da Ponte, a Pero Meogo, a Xohán de Guillalde, a Meendiño, a Xohán Airas, a Martín Codax, a Paio Gómez Charino, a Macías, a Padrón, e moitos máis, todos con lume no peito. Non tardan en aparecer as dúas belidas e infortunadas irmáns, Inés e Xohana de Castro, a que reinou en Portugal dispóis de morta e a que foi raiña de Castela n-unha soia noite morna de vran, como dúas rosas de prata as coroas do seu efímero reinado. Veñen de seguida os moitos varóns altaneiros de Galiza, os señores feudales, que non souperon vivir en paz nin consigo mesmos, todos eles montados en bestas negras, dende Andrade, o Bó, seguido por un porco montés -símbolo totémico da súa casa-, até o valente Pedro Madruga, que leva o puñal da traición espetado nas costas. Como grupo singular destácase o Mariscal Pardo de Cela, xunto cos seus compañeiros de martirio inxustamente decapitado, que sosteñen con entrambas mans as propias cabezas, aínda frescas, que deitan sangue e piden xusticia. Tamén ollamos unha boa representación do feudalismo ecresiástico, e n-él distinguimos aos tres Arzobispos Fonseca, pai, fillo e neto, seguidos por unha mula cangada coas obras de Erasmo. E detrás de tanto señorío feudal ven a pé o seu mellor cronista, Vasco da Ponte. De seguida recoñecemos a impoñente tropa dos irmandiños, que arrastran cadéas, con bisarmas e fouces mangadas en paus, levando por abandeirado a Rui Xordo, que sostén en outo un facho de palla acesa e fumeante.

Eiquí comeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, como decae Galiza ao trocarse en povo vencido e subordinado. Pero sigue dando individualidades, como Sarmiento de Gamboa e os Nodales, que camiñan xuntos, portando astrolabios, atlas e cunchas estranas; o filósofo escéptico, Francisco Sánchez, con muceta de Doutor; os Virreis de Nápoles e das Indias, Conde de Lemos e Conde de Monterrei, que serviron lealmente a quen non merecía ser servido por ningún galego; os tres grandes Embaixadores filipescoz, Zuñiga, de Castro e Gondomar, que inútilmente derrocharon talento, sabiduría e artes diplomáticas; os escultores Moure e Ferreiro, xunto cos arquiteitos Andrade e Casas e Nóvoa, que ceibaron de cadeas a nosa orixinalidade oprimida; o P. Sarmiento e o P. Feixóo, que remediaron o retraso cultural de España coa súa poderosa erudición e o seu xenio enciclopédico. Ven axiña Nicomedes Pastor Díaz, coa súa lira de nacra, abrindo a renascencia literaria de Galiza e seguido pol-os poetas Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro, Lamas, Amado Carballo, Manoel Antonio e tantos outros, todos con estrelas sobor das súas frentes; os hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro, os patriotas Faraldo e Brañas, a pensadora Concepción Arenal, a escritora Pardo Bazán, e por fin o gran Don Ramón, ainda non ben descarnado...

Acabo de citar uns cantos bultos da Santa Compaña de inmortaes galegos, uns cantos nada máis, porque nos dous mil anos da nosa hestoria, os bultos cóntanse por milleiros.

Dí Oliveira Martíns que ha Hestoria non hai máis que mortos e que a crítica hestórica non é un debate, senón unha setencia. Pero todos sabemos que os mortos da Hestoria reviven e mandan sobor dos vivos -moitas veces desgraciadamente-, como todos sabemos que a mellor sentencia é a que se da dispóis d-un debate. Por eso eu gosto de poñer a debate a nosa Hestoria, non a nosa Tradición, porque si ben é certo que se pode compor unha grande Hestoria de Galiza con soio recoller as crónicas dos seus grandes homes, tamén é certo que ningún d-eles, nin todos xuntos, foron capaces de erguer a intransferibel automomía moral de Galiza á categoría de feito indiscutibel e garantizado. Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderabel, que eso é o que importa para gañar o futuro.

Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra, saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteita. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xerms incorruptibeis, da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.

Velahí o que eu quería dicir n-este Día de Galiza, en loubor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria, a todo-los galegos que residen n-esta terra que para nós é a segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.

---
Proclamas publicadas por A Nosa Terra:

A historia do Día da Patria
Fonte: Vieiros
---
Hoxe, os actos máis importantes de celebración teñen lugar en Compostela, manifestacións, concentracións, homenaxes e festas de confraternización: [Entrar]
_______________________

domingo, xullo 26, 2009

25 de Xullo de 2009: Galiza, unha Terra un Pobo e unha Fala

O 25 de Xullo, é unha data de reivindicación e celebración. A nación galega o é por vontade propia das galegas e galegos, mentras haxa vontedade de ser, de defender o propio, a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa económia, ... as galegas e galegos, teremos o noso país, seremos un pobo, seremos unha nación.

Miles de persoas acuden cada ano a Compostela, para denunciar os agravios que recebimos como pobo, para denunciar as agresións que recibe a nosa economía, a nosa industria, a nosa lingua, a nosa Terra, ... para reivindicar o orgullo de sermos galegas e galegos, para reivindicar o dereito de autodeterminación, un dereito inherente aos pobos.

Pola importancia do evento desde este sitio na rede queremos reproducir unhas crónicas que publican os xornais Galiza Hoxe e Vieiros.


Día da Patria
Causa Galiza: en demanda dunha República Galega

Os independentistas avogaron pola convocatoria, a curto prazo, dunha folga xeral nacional e reclamaron a autodeterminación e soberanía para Galiza.
Vieiros - Redacción - 19:00 25/07/2009

"Non estamos todos, faltan os presos" ou "son independentistas e non terroristas" foron algunhas das proclamas que percorreron a distancia que separa á Alameda de Compostela da Praza do Toural. Causa Galiza xuntou a dous milleiros de persoas, segundo a organización, en demanda do dereito de autodeterminación e da soberanía para Galiza.

"Reafirmamos a vontade de constituírmos o noso propio Estado: unha República Galega", iniciou a súa intervención Laura Bugallo (CIG), encargada este ano do discurso deste conxunto de colectivos. Cunhas palabras na que estivo moi presente a crise económica (o lema da plataforma para este día foi "Ante a crise do capital, soberanía nacional"), Bugallo asegurou que "é imprescindíbel tomar medidas resolutivas", entre as que citou "a curto prazo, a convocatoria dunha folga xeral nacional e a coordinación dos independentistas par facermos fronte con radicalidade á administración que reside Núñez Feijoo"; xa a medio prazo, falou de organizarse "para as batallas que se anuncian" e "avanzar a paso firme polo camiño da autodeterminación e soberanía".

Fronte ao Estatuto, soberanismo

Para Causa Galiza "a autodeterminación e soberanía son a chave que abre a porta a un futuro distinto do que se perfila no horizonte: a única alternativa política real neste país". Así, consideran a vía do Estatuto "unha fraude escotada que apenas foi útil para adormecer conciencias e facilitar que os nosos inimigos históricos avancen no espolio e a destrución de Galiza".

* Anterior: "A masa social soberanista non se debe organizar en compartimentos estancos".

Enlace orixinal en Vieiros.


POLO GALEGO E POLO EMPREGO
"Vencemos a Fraga, venceremos a Feijoo"

O voceiro nacional do BNG defendeu o galego "do ataque sen precedentes" orquestrado pola Xunta, avogou polo "dereito a traballar na nosa terra" e demandou un Estatuto de nación.
Vieiros - Isabel G. Couso - 16:30 25/07/2009

"Veñen contarnos, pero non teñen capacidade para facelo", ironizou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, no único silencio que se fixo durante o seu discurso a propósito do rebumbio causado polo sobrevoo dun helicóptero sobre a Praza da Quintana. E abofé que a dificultade para a contabilidade é palpábel, a tenor das xa clásicas contradicións sobre o número de persoas que tomaron parte na marcha convocada polos nacionalistas. As estatísticas van dende as 20 mil almas das que fala a organización até as 15 mil das que falan algúns medios. O que si non ten discusión é que eran milleiros os militantes e simpatizantes da formación quen, arroupados por pancartas e bandeiras, amosaron a súa enérxica entrega no Día de Galiza no que se manifestaron ao chamado de "Movámonos polo galego e polo emprego".

Acertos e erros, mais balance positivo

"Aquí estamos os que non renunciamos, nin renunciaremos xamais, á Patria Galega" berrou Guillerme Vázquez, segundos antes de que fose interrompido polo primeiro dos moitos aplausos que acompañaron a súa intervención. "Sei que ás veces podemos sentir certo desalento", concedeu en referencia aos resultados electorais do pasado primeiro de marzo, "mais o balance da experiencia do nacionalismo no goberno no país foi globalmente positivo; con acertos e erros, pero positivo".

O inicio do discurso tivo tamén palabras para o proceso asembleario vivido no seo do BNG: "puidemos caer na tentación de ficar lamentándonos, pero eliximos reaccionar", dixo, "temos Dirección e temos liña política definida". Cunha mensaxe de optimismo e nun chamamento á unión, Vázquez apelou á "convicción absoluta" de que o nacionalismo é a única alternativa ao goberno do PP e pediu "esforzo, entusiasmo e compromiso" aos afiliados e tamén a aqueles que aínda non son militantes, "para que vos sumedes a nós", porque "todos e todas temos cabida neste proxecto común".

Ataque sen procedentes sobre o idioma

O actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, centrou outra boa parte das críticas do voceiro nacional do BNG. A el acusouno de "estar ao servizo de minorías extremistas, de Aznar e de Rajoy" e de aspirar a "conseguir a España unilingüe". Tomando man de Castelao, de Rosalía ou de Carballo Calero, prognosticoulle un mal resultado no seu propósito: "o idioma dos nosos pais e avós, será o idioma dos nosos fillos e fillas! Terá mil primaveras máis!".

Ademais, lamentou que o Goberno estea en mans de quen "non acredita no autogoberno", quen, máis que defender os intereses de Galiza, pretende facer "carreira persoal, pregándose ao que lle ordenen dende Madrid" e quen goberna "para favorecer aos seus amigos", en referencia aos seus "esforzos por botar abaixo o concurso eólico".

Non queremos emigrar

A crise económica tamén estivo presente na alocución do portavoz nacional do BNG. O conflito do metal, as traballadoras de Caramelo, de Treves, os prexudicados polo peche da planta de Pascual ou os gandeiros afectados pola crise máis importante que se recorda no sector tiveron un espazo de solidariedade na compostelá Praza da Quintana. Entre aplausos, os nacionalistas apoiaron as súas reivindicacións, ao tempo que Guillerme Vázquez lamentaba que o Goberno "non defenda os intereses de Galiza".

Sobre o plan de financiamento, sobre a débeda histórica ou sobre a "necesaria soberanía económica" tamén falou Vázquez, desta volta citando a obra ensaística de Xosé Manuel Beiras.

Estatuto de nación

"Andan argallando unha reforma que consolide o noso país na segunda división", dixo o portavoz nacional, en referencia ao posicionamento mantido nos últimos días por PSdeG e PP sobre a reforma estatutaria. "Pois que saiban que para ese fin non van contar co BNG", berrou ao tempo que asegurou que os nacionalistas non consolidarán un "financiamento inxusto para Galiza", nin avalarán "un novo atraso na modernización ferroviaria", nin permitirán a "perda de control polo Goberno das caixas de aforro".

Neste marco, rexeitou o neoliberalismo: "o actual sistema económico é desigual e xerárquico", e defendeu "outro modelo económico e político, onde se respecte o libre dereito dos pobos a decidiren o seu destino". Así, asegurou que "fronte á claudicación e ao conformismo, aquí está o BNG!" e lembrou que "os dereitos non se regalan, conquístanse", ao tempo que alentou ao nacionalismo a traballar a prol deses dereitos tirando man do poeta Manuel María. "Non dubido que así o faremos; non dubido que o conseguiremos!", rematou, entre aplausos.

* Anterior: O BNG mobiliza os seus "polo idioma e polo emprego"

Enlace orixinal en Vieiros.


INDEPENDENTISMO
Causa Galiza chama á folga xeral e a lograr a autodeterminación
Unhas 1.500 persoas reclaman a soberanía nacional como a única alternativa política real deste país. Críticas ó bipartito por permitir a recuperación da Xunta por parte da "dereita máis conservadora"
R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO

Autodeterminación como única alternativa política real deste país. Con esta mensaxe, preto de 1.500 persoas percorreron onte as rúas de Santiago na manifestación convocada por Causa Galiza para esixir a constitución dun estado propio: a República Galega. Baixo o lema Contra a crise do capital, soberanía nacional, Causa Galiza fixo un chamamento á folga xeral para facer fronte á situación económica e a tomar a rúa como "un espazo o noso espazo natural de reivindicación".

Nunha convocatoria máis festiva que as ocasións anteriores, os manifestantes dirixíronse pouco depois das 13.30 horas cara á praza do Toural dende a Alameda con cánticos xa habituais nestas citas como Non estamos todos, faltan os presos; Presos á rúa, a loita continúa; ou Son independentistas, non terroristas. Tras o forte despregamento policial durante o percorrido, a manifestación foi recibida no Toural por un número desproporcionado de axentes antidisturbios, que foi contestado con sonoros asubíos, apupos e berros como Fóra as forzas da ocupaçón ou Fóra, fóra, fóra, policía española. A encargada de ler o manifesto deste ano foi a sindicalista da CIG, Laura Bugallo, quen reivindicou o "dereito de autodeterminación" dos galegos.

Do mesmo xeito, e ante unha crise que "deteriora as nosas condicións de vida e traballo e agudiza os peores efectos da histórica dependencia de España", Causa Galiza fixo un chamamento á folga xeral e á coordinación dos independentistas para "facer fronte con radicalidade á administración que preside Feijóo".Na súa intervención, Bugallo asegurou que a soberanía nacional é a "única chave que abre a porta a un futuro distinto", unha vez demostrada a "fraude da vía estatutista e do contrato con España, que apenas foi útil para adormentar conciencias e facilitar que os nosos inimigos históricos avancen no espolio e a destrución de Galiza". No comunicado tamén houbo críticas para os catro anos de goberno bipartito, ó que acusou de permitir que na "dereita máis conservadora" recuperara a Xunta. Algo que foi posible "pola aplicación continuísta por parte do PSdeG e BNG das políticas aplicadas durante o fraguismo".

Un manifesto cheo de autocrítica

Na súa terceira manifestación no Día da Patria, Causa Galiza non se esqueceu de facer autocrítica, tras recoñecer que os axentes políticos e sociais que vertebran a organización "non conseguimos materializar as expectativas creadas no 2007". Unha situación que se comprometeron a mudar, recuperando o rumbo orixinal e a ilusión ata converterse nunha ferramenta vital para conseguir a soberanía.

O acto de Causa Galiza concluíu entoando o Himno galego a ritmo de gaitas e sen a tradicional queima de bandeira española. A pesar dos momentos de tensión que se viviron ó final, con varios manifestantes encarándose ós axentes, os participantes na mobilización trasladáronse ata Belvís, onde se celebrou un xantar popular.

O DATO

Apoio ó Foro Social de Cangas contra o porto deportivo de Massó
Á marxe da faixa que abría a mobilización e as pancartas reivindicando a soberanía nacional e a repatriación dos presos, a manifestación de Causa Galiza solidarizouse cos incidendes ocorridos esta semana en Cangas e mostrou a súa oposición ó proxecto do porto deportivo de Massó. Inmediatamente despois da cabeceira, unha pancarta que rezaba Os peixes e mariscos non viven de redes e contaminación. Proxecto responsable e transparente para Massó recordaba o rexeitamento cidadán da actuación política, especulativa e tamén policial. Así, tras recordar que Goberne quen goberne, Galiza non se vende, e apuntar unha volta ó asalto ao territorio das Administracións, dende Causa Galiza sumáronse ó Foro Social de Cangas e á confraría de pescadores, que convocaron para o próximo sábado 1 de agosto ás 20.00 horas unha manifestación contra o macroproxecto de Massó.

OS DATOS


Xantar popular en Belvís
As actividades continuaron no parque de Belvís, onde se realizou un xantar popular e numerosas actividades ao longo de toda a tarde, con música, presentacións de libros e xogos tradicionais.

Medio cento de antidisturbios
Preto de cincuenta axentes antidisturbios rodearon o Toural, impedindo a entrada e saída dos manifestantes da praza e creando un cordón policial entre a manifestación do BNG e a de Causa Galiza.

Enlace orixinal en Galicia Hoxe



O Día da Patria
"Volveremos"...
"Se vencemos a Fraga, venceremos a Feijóo", proclama Guillerme Vázquez na súa estrea na Quintana como portavoz nacional dun BNG que xuntou unhas 15.000 persoas
R.C.B. . SANTIAGO

"Somos alternativa ó PP. Estou convencido de que volveremos gobernar Galiza. Se fomos quen de sobrevivir e vencer o PP de Fraga, seremos quen de sobrevivir e vencer o PP de Feijóo", proclamaba onte o mediodía Guillerme Vázquez, no seu primeiro Día da Patria como portavoz nacional do BNG. A gran cita anual mediante a cal os nacionalistas celebran o 25 de xullo congregou na praza da Quintana algunha menos xente da rexistrada nas últimas convocatorias, se ben o ton reivindicativo da manifestación que partiu da alameda compostelá baixo o lema de "Movámonos. Polo noso idioma, polo emprego", non decaeu en absoluto. Ó redor dunhas 15.000 persoas secundaron a convocatoria do Bloque e seguiron atentamente as palabras do seu líder.

Guillerme Vázquez chamou os nacionalistas para "dedicar todo o noso esforzo" a conseguir o grande obxectivo de recuperar o executivo galego. O voceiro admitiu que a cita electoral do 1 de marzo provocou "certo desalento" na formación, pero o Bloque está en condicións de dicir que "a experiencia no goberno foi positiva" e "ó servizo da nación e das maiorías sociais". Non obstante, tamén recoñeceu que "saimos do goberno perdendo apoio electoral", pero "soubemos reaccionar" e "sentamos as bases para poñernos a traballar polo país" e "non ficar presos do pasado para non converternos en estatuas de sal".

Como símbolo dunha nova era que o BNG está a encarar, co respaldo da Executiva Nacional detrás del, Vázquez fixo un chamamento para aumentar a afiliación do Bloque. "Convido os que non son aínda afiliados a que se fagan. Collemos todos neste proxecto común. Todos somos necesarios, pero vós -con referencia ás bases- sodes os únicos imprescindibles", dixo o dirixente nacionalista.

Vázquez centrou boa parte da súa intervención en arremeter contra o actual goberno da Xunta e asegurou que o executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo "non está a dar a talla". "Se está á fronte do goberno galego é para defender os intereses de Galiza e non para facer carreira política persoal, pregándose ó que lle ordenen dende Madrid", afirmou. Neste sentido, denunciou que o popular "aceptara, sen contraproposta ningunha, un novo atraso na modernización do noso ferrocarril, e o celebre como un feito histórico", con referencia ó Pacto do Obradoiro asinado esta semana entre Feijóo e o ministro de Fomento, José Blanco. Vázquez cualificou dito acordo de "pacto fraude" e "burla ó pobo galego". Na mesma liña, acusou a Feijóo de "non defender os intereses de Galiza, aceptando sen resistencia un financiamento inxusto para o noso país, pregándose mansamente ás ordes do PP en Madrid".

Vázquez tamén aproveitou para reivindicar, unha vez máis "a nosa condición de nación", e advertiu de que "o BNG non aceptará un Estatuto que andan xa a argallar PP e PSOE e que consolide a Galiza na Segunda División" entre as comunidades do Estado. "Que saiban que para ese fin non van contar co BNG. O PSOE é libre de pactar co PP o que queira, pero será o PSOE quen teña que explicarse diante da sociedade galega", advertiu. "Fronte á claudicación e o conformismo de PP e PSOE, que é demoledor para os intereses de Galiza, o BNG nin claudica nin se conforma. Os dereitos non se regalan, conquístanse", exclamou.

Guillerme Vázquez chamou tamén a defenderse dos "ataques" do PP, sobre todo no referido á lingua e ó emprego. Así, arremeteu contra a "liña de Feijóo, ó servizo de minorías extermistas, de Aznar e de Rajoy, da intolerante caverna españolista que quere impoñer un único idioma".

"Os problemas do noso país non terán solución da man de Feijóo, que non está disposto a exercer de presidente da Xunta con dignidade", dixo, para prometer que poñerá todo o seu esforzo en que o BNG volva a San Caetano.

PASO A PASO

Táboas fai arengas antes da invencible Iria Aboy

A coordinadora executiva do BNG, Teresa Táboas, foi a encargada de arengar, con moita forza e ánimo, os nacionalistas mentres agardaban a que toda a manifestación chegara á Quintana. A deputada aproveitou para deixar claro que a praza é "do pobo galego", e, fronte á intención da igrexa, que non está de acordo con que se celebren nela actos deste tipo, proclamou que "aquí imos estar todos os 25 de xullo".

Tamén interviu no acto a responsable de Galiza Nova, Iria Aboy, quen, tras ver a praza case ateigada de xente, proclamou a gusto, nun intento de pasar páxina definitiva tras a derrota electoral: "Houbo quen pensou que podía vencer o nacionalismo, pero seguimos en pé" e, así mesmo, "ninguén terá forza de abondo para" acabar co BNG.

AS FRASES


Guillerme Vázquez

"Estou convencido de que volveremos gobernar Galiza. Se fomos quen de sobrevivir e vencer o PP de Fraga, seremos quen de vencer o PP de Feijóo"

"O PSOE é libre de pactar co PP o que queira e nós somos libres para non ceder na defensa dos intereses de Galiza. Será o PSOE quen teña que explicarse diante da sociedade galega"

Enlace orixinal en Galicia Hoxe
__________