Amosando publicacións coa etiqueta Democracia Real xa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Democracia Real xa. Amosar todas as publicacións

luns, maio 16, 2011

Concentración en Ferrol de Democracia Real Xa!


Este domingo decenas de miles de cidadáns e cidadás saíron ás rúas da maioría das cidades de todo o Estado convocados polo movemento “Democracia real xa” para mostrar a súa desconformidade co actual sistema político e económico, esixindo un cambio de rumbo e priorizando as políticas sociais e a participación cidadá sobre os recortes que se están levando a cabo desde as distintas administracións no marco de a crise capitalista actual.

Estas mobilizacións amosan a preocupación e indignación dos cidadáns polas consecuencias da crise económica e a resposta política á mesma, pola indefensión do cidadán de a pe fronte á corrupción dalgúns políticos, de empresarios e banqueiros.

Reclamouse que os poderes públicos respecten dereitos básicos como a vivenda, o traballo, a cultura, a saúde, a educación, a participación política, o libre desenvolvemento persoal e o dereito ao consumo dos bens necesarios para unha vida sa e feliz.

Tamén reclamaron cambios na Lei Electoral “que ofrezan vías para unha auténtica participación cidadá”, e avogou por “o fin das subidas de impostos indiscriminadas e a privatización do sector público”.

En Ferrol a concentración que reuniu preto de 1000 persoas tivo lugar na Praza de Armas, onde se deu lectura ao manifesto da Plataforma e a unha carta remitida por José Luís Sampedro, animando á cidadanía á participación activa en defensa do Estado de Benestar.

--
fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es


Enviado por:

Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
16 de maio de 2011 00:50
________________

Enlace relacionado:

15 de Maio - En Ferrol tamén vai ter lugar unha mobilización do movimento Democracia Real Xa - Manifesto - Vídeo - Carta de José Luis Sampedro !
____________________________

sábado, maio 14, 2011

15 de Maio - En Ferrol tamén vai ter lugar unha mobilización do movimento Democracia Real Xa - Manifesto - Vídeo - Carta de José Luis Sampedro !

O Domingo 15 de Maio de 2011, están convocadas mobilizacións en toda a península,  na Galiza: en Compostela, Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Ferrol. No resto do Estado son máis de 60 e en Portugal 11.

En Ferrol, a mobilización, consistirá nunha Concentración ás 6 da Tarde do Domingo 15M de 2011, está convocada na Praza de Armas.

Manifesto DEMOCRACIA REAL XA

Somos persoas normais e correntes. Somos coma ti: xente que se levanta polas mañás para estudar, para traballar ou para buscar traballo, xente que ten familia e amizades. Xente que traballa arreo todos os días para vivir e darlles un futuro mellor a quen nos rodea.

Algunhas destas persoas considerámonos máis progresistas, outras máis conservadoras. Unhas crentes, outras non. Unhas temos ideoloxías ben definidas, outras considerámonos apartidarias e outras apolíticas… Pero todas e todos estamos preocupados, indignados polo panorama político, económico e social que vemos arredor de nós. Pola corrupción da clase política, empresarial e da banca… pola indefensión da cidadanía de a pé.

Esta situación fainos dano día tras día. Pero se nos unimos, podemos mudala. É hora de pórse en movemento, hora de construírmos entre todos, entre todas, unha sociedade mellor. Por iso sostemos firmemente o seguinte:
  • As prioridades de toda sociedade avanzada deben ser a igualdade, o progreso, a solidariedade, o libre acceso á cultura, a sustentabilidade ecolóxica e o desenvolvemento, o benestar e a felicidade das persoas.
  • Existen uns dereitos básicos que deberían estar cubertos nestas sociedades: dereito á vivenda, ao traballo, á cultura, á saúde, á educación, á participación política, ao libre desenvolvemento persoal e ao consumo dos bens necesarios para unha vida saudable e feliz.
  • O actual funcionamento do noso sistema económico e gobernamental non atende a estas prioridades e constitúe un atranco para o progreso da humanidade.
  • A democracia parte do pobo (demos = pobo; cracia = goberno), de xeito que o goberno debe ser do pobo. Así e todo, a maior parte da clase política nin sequera nos escoita. As súas funcións deberían ser as de levar a nosa voz ás institucións, facilitando a participación política e cidadá mediante vías directas e procurando o maior beneficio para o groso da sociedade, non a de se enriqueceren e medraren a expensas de nós, atendendo unicamente aos ditados dos grandes poderes económicos e aferrándose ao poder mediante unha ditadura partitocrática encabezada polas inamovibles siglas do PPSOE.
  • A ansia e acumulación de poder nunhas poucas mans xera desigualdade, crispación e inxustiza, o cal conduce á violencia, que nós rexeitamos. O obsoleto e antinatural modelo económico vixente bloquea a maquinaria social nunha espiral que se consome a si mesma enriquecendo unha minoría e sumindo o resto na pobreza e escaseza. Até o colapso.
  • A vontade e fin do sistema é a acumulación de diñeiro, primándoa por riba da eficacia e o benestar da sociedade, estragando recursos, destruíndo o planeta, xerando desemprego e consumidores infelices.
  • Os cidadáns somos parte da engrenaxe dunha máquina destinada a enriquecer unha minoría que non sabe nin das nosas necesidades. Somos xente anónima, pero sen nós, nada disto existiría, pois nós movemos o mundo.
  • Se como sociedade aprendemos a non confiar o noso futuro a unha abstracta rendibilidade económica que nunca redunda en beneficio da maioría, poderemos eliminar os abusos e carencias que todos e todas nós sufrimos.
  • É necesaria unha revolución ética. Puxemos os cartos por riba do ser humano, mais temos que pólos ao noso servizo. Somos persoas, non produtos do mercado. Eu non son só quen compro, por que o compro e a quen llo compro.

Por todo o exposto, estamos indignados, estamos indignadas.
Cremos que podemos mudalo.
Cremos que podemos axudar.
Sabemos que, unidos, podemos.
Sae connosco. É o teu dereito.




Enlace co Blogue de Ourense:
http://democraciarealxaourense.wordpress.com/

Enlace en Portugal:

http://15maio.blogspot.com/

http://www.facebook.com/Democracia.Verdadeira.Ja

Enlace co Blogue Democracia Real Xa:
http://democraciarealya.es/

Enlace co evento en Ferrol:
Democracia Real Xa Ferrol no facebook

Greaçao A rasca Portugal no facebook:
Geração à Rasca - Portugal no facebook

Enlaces relevantes:
_____

Carta de José Luís Sampedro [*] para todos os que queremos unha Democracia Real Xa, Sábado, 14 de Maio de 2011 ás 16:43

Queridos amigos:

Ante a imposibilidade de asistir á vosa convocatoria, desexo con estas liñas manifestar a miña adhesión á iniciativa ¡Democracia real xa! Naturalmente interpretando a palabra "real" como adxectivo referido a realidade e non a realeza.

Fai uns meses uninme a Stéphan Hessel prologando o seu panfleto Indignádevos. Era un chamamento a non aceptar sen máis a tiranía do poder financeiro e o abandono dos valores que encarnaba a nosa civilización (Europa). Pouco despois, Rosa María Artal tomou a substitución e baixo o título Reacciona invitounos a uns cantos estudiosos a profundar nas razóns para actuar fronte á crise económica, política e social do sistema.

Agora é a vosa quenda, moito máis importante. Ilusióname ver que os receptores da mensaxe, moi certeramente, comprendestes que non basta con indignarse, que é necesario converter a indignación en resistencia e dar un paso máis. O momento histórico impón a acción, a mobilización, a protesta, a rebelión pacífica. O chamamento a indignarse non debe quedar nun best-seller facilmente digerible polo sistema e así o estades demostrando con esta convocatoria.

Por iso adhírome ás vosas reivindicacións, fago meu o manifesto, solidarízome e desexo un clamoroso 15-M. Pero sobre todo, anímovos a avanzar na loita cara a unha vida máis humana. Os medios oficiais non se van a envorcar convosco e atoparedes moitos obstáculos no camiño, pero está en xogo o voso futuro. O 15 de maio será algo máis que un oasis no deserto; será o inicio dunha ardua loita ata lograr que, efectivamente, nin sexamos nin nos tomen por "mercancía en mans de políticos e banqueiros". Digamos NON á tiranía financeira e as súas consecuencias devastadoras.

[*] José Luís Sampedro, nado en Barcelona o 1 de febreiro de 1917, é un escritor e economista de orixe catalá. [+Info]
_____________________

Apoios en Ferrol:
  • O colectivo F-CAPE apoia e participa na CONCENTRACIÓN convocada por DEMOCRACIA RAL XA! na Praza de Armas de Ferrol, o Domingo 15 de maio, ás 18 hs.
  • A. VV. FERROL VELLO Xunta Directiva, Vémonos, Un saúdo. avvferrolvello@yahoo.es
  • A Asociación Cultural FUCO BUXÁN apoia e participa na CONCENTRACIÓN convocada por DEMOCRACIA RAL XA! na Praza de Armas de Ferrol, o Domingo 15 de maio, ás 18 hs.
  • Apoio a convocatoria de DEMOCRACIA REAL XA! en Ferrol Esquerda Unida eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
________________