Amosando publicacións coa etiqueta Denuncias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Denuncias. Amosar todas as publicacións

sábado, xuño 27, 2009

Membros do Consello de Administración da Televisión Galega [CRTVG] cobraban por asistir a calquera acto ao que fosen convitados

Conselleiros de TVG ingresaron ata 150.000 euros nun ano
Os representantes cobraban por ir ao fútbol e a funerais

Por Pablo López
25.06.2009


A política de austeridade da que presume o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non chegou ao Consello de Administración da televisión autonómica. Os 12 conselleiros da compañía CRTVG recentemente elixidos polo Parlamento aseguráronse co seu nomeamento uns ingresos que roldan os 90.000 euros anuais, no seu maior parte, grazas ao elevado número de consellos e comisións que celebran. A marca de ingresos é para o portavoz dos conselleiros do PP, José Luís Iravedra, que chegou a recibir 152.132 euros en 2005.

Para completar estas cantidades, Iravedra, que foi presidente do PP de Lugo, beneficiouse dun sistema que funcionou ata 2006, que permitía aos conselleiros cobrar por asistir a calquera acto ao que fosen invitados. Iravedra facturou 199 en cinco anos. Dá igual que fose unha conferencia sobre o transplante hepático con doante vivo, un funeral ou un partido da selección galega de fútbol.

Unha ex conselleira confesa: "Se non había orde do día para convocar unha comisión, inventábase; o importante era cobrar, aínda que logo as reunións durasen 30 segundos". A situación adquiriu tal cariz que, en marzo de 2006, os conselleiros aprobaron por unanimidade deixar de cobrar por asistir a actos. Pero a convocatoria de consellos e comisións seguiu a gran ritmo, para completar uns ingresos fixos que son de 2.700 euros mensuais ata convertelos en soldos de 90.000 euros ao ano.

A voracidade de Iravedra para pasar ao cobro todo tipo de actos levoulle a facturar por asistir a actos dificilmente relacionables coa súa actividade como conselleiro. Por exemplo, a unha conferencia sobre o desafío da enerxía atómica na II Guerra Mundial, os actos do Día do Augardente en Portomarín ou ao pregón de Nadal da Asociación de Belenistas de Lugo. Tamén á recollida de credenciais dos propios conselleiros. Destaca o elevado número de invitacións que o ex presidente do PP lucense recibía, e aceptaba, procedentes do Grupo El Progreso, editor do diario El Progreso de Lugo.

Iravedra ingresou 553.020 euros das arcas de TVG nos últimos cinco anos. Nese período, os conselleiros custaron ao erario público 5,6 millóns de euros. A pesar de que os estatutos da compañía establecen que os conselleiros deben ser profesionais de recoñecido prestixio, os partidos galegos propuxeron para a lexislatura recentemente comezada a alcaldes como o de Verín (PP), sindicalistas (PSOE) ou os seus secretarios de Organización e Política Municipal (BNG). O Consello de Administración de CRTVG é o único órgano elixido polo Parlamento de Galicia con capacidade para establecer o seu propio sistema retributivo.

Fonte: El País


Enviado por:
santiago diaz-garzón morillo -xantia@mundo-r.com- 26 de junho de 2009 00:43

_________________

xoves, xuño 25, 2009

O BNG advirte que o Museo da Natureza carece dun informe que garanta a súa seguridade

O grupo Municipal do BNG no Concello de Ferrol advertiu esta mañá que o Concello de Ferrol non ten elaborado o informe que certifique a seguridade das instalacións do Museo da Natureza que a S.G.H.N. ten aberto no edificio do antigo Hospicio.

A edil nacionalista, Elia Rico, censurou a irresponsabilidade do goberno municipal por permitir que se abran ao público unhas instalacións que non cumpren os mínimos requisitos de seguridade e que estan a poñer en perigo aos visitantes desta instalación. Así mesmo se preguntou quen será o responsábel de se producir un novo desprendemento.

O BNG constatou que a negativa do edil de urbanismo Angel Mato a facilitar unha copia deste informe ao noso grupo se debe a que o único informe existente sobre esta instalación é da data na que se produciu o derrumbamento que obrigou a pechar o Museo ao público hai máis dun ano.

Elia Rico, indicou que logo do ano tan chuvioso que tivemos, o que indubidabelmente pode afectar a estructura do edificio, como é posíbel que o goberno municipal permita a apertura sen garantir cun informe dos técnicos municipais que non existe ningún tipo de perigo. Asi mesmo, se pregunta que técnico foi o que valorou que sexa de 6 persoas o número máixmo de persoas que pode estar na sala e a que razóns obedece.

O BNG considera que o goberno municipal non cumpriu o seu compromiso de habilitar a Casa do Coronel para albergar o Museo da Natureza o que obriga a entidade naturalista a retomar a súa actividade nunhas condicións precarias.

Elia Rico, criticou que o Goberno Local sendo coñecedor do aparente perigo existente nas instalacións do antigo hospicio mire cara outro lado e aínda así siga desviando visitantes a esta instalación en precario desde as súas oficinas de información turística.

Grupo Municipal do BNG.

Enviado por:
Correo electronico BNG
-bng@ferrol.es-
24 de junho de 2009 13:30

__________________

mércores, xuño 10, 2009

Manifesto contra a marxinación e censura da música galega na Radio Pública Galega

No portal KomuniKando.net -Música da Galiza- denuncián eliminación da música galega do programa ABERTO POR REFORMAS. Programa de música até agora dirixido por Xurxo Souto e que na súa nova xeira, logo do cambio político na Xunta de Galicia e na CRTV, leva-o o xa famoso xornalista e presentador dos manipulados informativos matutinos na Radio Pública Galega da era Fraga, Xusto López Carril.

No Portal KomuniKando.net, podes atopar información, foros, propostas e os audios da despedida do program por parte de Xurxo Souto e o primeiro programa dirixido por Xusto López Carril. Convidamos-vos a que pasedes polo portal de música KomuniKando.net toda unha gozada.

A continuación transcribimos o Manifesto que se está a asinar na defensa da música galega, contra a súa censura e marxinación.

Xurxo

Pasa a ser agora ...

"alberto por reformas" na radio Gallega


MANIFESTO BÁSICO POLA DEFENSA DA RTVG
Contra a censura e a marxinación da música galega

"Artigo 16 da lei 9/1984 da RTVG: A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega“.

Diante da eliminación da música galega do programa ABERTO POR REFORMAS, e en relación coa deformación e perversión dos seus contidos…

Consideramos que este programa viña sendo…
  • Un programa plural, aberto á cidadanía e participativo, como a sociedade na que queremos vivir e, precisamente por iso, um programa onde a música se vivía con vitalidade, intensidade e enerxía.
  • Un programa cun forte pulo dinamizador para a música que se está a facer hoxe na nosa lingua, no noso país, como un espello diario no que a xente preocupada pola música de calquer tendencia ollabamos unha realidade socio-cultural que está a transformar a historia da nosa música.
  • Un programa, enraizado na radio de todos e todas as galegas, cunha vocación pública fundamental, ofrecendo a música que se está a facer no noso país como un ben público de interese xeral.
  • Un programa que axudaba a tecer os fios da rede sociocultural da música galega, que nos relaciona ás persoas que facemos a música do século XXI coas persoas que queren gozar, emocionarse e vivir a música do presente.
  • Un programa que, durante os seus máis de 900 (¿?¿¿) días de emisión, día a día, fixo que –como recolle o Plan Xeral de Normalización da Língua Galega , aprovado por consenso polos tres partidos políticos maioritarios- o galego estivese vinculado e fose vivido por milleiros de persoas como referente de modernidade, como un motor de normalidade língüística cotiá.
  • Un programa que materializaba de forma sobresaliente a natureza e principios da propia CRTVG, no artigo primeiro da súa Lei de Creación: a promoción, difusión e impulso da lingua galega .
  • Un programa que, nun contorno social e mediático onde a cultura, a lingua e a música galega son minoritarias, minorizadas e desprezadas por múltiplos agentes sociais e institucionais, se baseaba na posta en valor da nosa cultura, a nosa lingua e a nosa música.
  • Un programa absolutamente xeneroso, respectuoso e honesto nas relacións humanas coa xente que está criar, a comunicar, a compartir, a impulsar, a gozar coa música deste país.
  • Un programa, ademais, aberto a culturas e músicas de todo o planeta, poñendo a música galega en relación -en pé de igualdade- coa doutras partes do mundo, con especial interese polas músicas irmás da Lusofonía.
...e por iso...
  • Entendemos que esta medida de eliminación da música en língua galega supón un paso máis na política de represión, empobrecemento e marxinación que os responsábeis políticos da Xunta de Galiza están a realizar contra a lingua e a cultura dos galegos e galegas.
  • Queremos denunciar, como xente preocupada pola nosa música e a nosa cultura, esta agresión dirixida –cunha intención política e simbólica evidente- contra un dos veículos de comunicación do movimento de Rexurdimento Musical que as novas xerazóns do mundo da música estamos a protagonizar, impulsado por unha sociedade que sabe valorar a sua criatividade.
  • Queremos posicionarnos e defender de forma decidida, belixerante e irrenunciábel a presenza da música galega na nosa Radio Pública.
  • Queremos dirixirnos á xente sensível coa nosa cultura e coa nosa música, para sumarse a esta denuncia, a esta reivindicación lexítima: A MÚSICA GALEGA DE VOLTA Á RÁDIO GALEGA!
  • Pedimos que se restableza un programa diario que de conta dos traballos musicais editados en galego e que conte cos seus protagonistas e que a nova programación non elimine contidos culturais propios en todas as súas variantes: música, cine, libros e arte en xeral.
Se apoias este manifesto, entra na web de Komunikando.net cubre o formulario e envianos os teus datos.

Ver a lista de apoios

_________________

Non pode ser que cada vez que chova se poña en perigo o grande valor que ten a Biblioteca-Hemeroteca do Ateneo Ferrolán

Estes días de intensas chuvias amosaron unha vez máis o estado no que se atopa o edificio do Ateneo Ferrolán, tantas veces denunciado pola Xunta Directiva da entidade. O Concello de Ferrol ten acordada a reforma do edificio, mais non é quen de poñer en marcha a necesaria e urxente intervención, comezando polo arranxo do tellado, para evitar males maiores. Non pode ser que cada vez que chova se poña en perigo o grande valor que ten a Biblioteca-Hemeroteca da entidade e desta vez que chegara xa até o segundo andar na Sala de Exposicións, onde na actualidade esta exposta unha valiosa e interesante colección "Mulleres que cambian o mundo. A muller como motor do desenvolvemento" organizada pola Rede Social Ferrolterra [Solidariedade Internacional, Mundo Cooperante, Lena, Enxeñería sen Fronteiras, Axuda en Acción e Fuco Buxán]. Non pode ser que continuamente se estexa denunciando este problema nun edificio público do propio Concello e quen ten a responsabilidade non faga nada para evitar o continuo deterioro do mesmo.

O ATENEO FERROLAN INUNDASE DENDE A SÚA BIBLIOTECA-HEMEROTECA

A Xunta Directiva RECLAMA A EXECUCIÓN XA DO PROXECTO DE REHABILITACIÓN DO EDIFICIO.

O Ateneo INÚNDASE dende a Biblioteca-Hemeroteca (unha xoia única na comarca de Ferrol) a auga xa chega ás salas de exposicións ..... aguantará o edificio máis?



Enviado por:
ateneoferrolan.secretaria@gmail.com
10 de junho de 2009 11:04


Ateneo Ferrolán
Fundado en 1879 “Un Lugar de Encontro para a Cultura”
http:// www.ateneoferrolan.org
e-mail:
a_ferrol@teleline.es Telf.: +34 981 357 970 Fax: 981 354 098
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204, 1º.CP.15402 - FERROL (A Coruña)
Apdo. Correos: 303

_______________

luns, abril 27, 2009

Verdegaia e a Sghn denuncian: "A tiros no medio dun LIC"

[Clicar acima para ampliar]

Verdegaia e SGHN veñen de presentar denuncia na Demarcación de Costas de Galicia e na Consellería de Medio Ambiente, e califican de atentado ambiental, a celebración o sábado, 18 de abril, dunha proba cinexética con cans no Areal de Vilarrube, unha zona incluída no Lugar de Importancia ComunitariaCosta Ártabra”, que forma parte da Rede Natura, está incluído no Catálogo de humidais de GaliciaTrasdunas de Vilarrube” e figura no Inventario dos sistemas dunares do Ministerio de Medio Ambiente “Sistema dunar de Vilarrube”.

Desde Verdegaia e SGHN consideramos estes feitos un atentado ambiental intolerable perpetrado sen a autorización da Demarcación de Costas de Galicia e ignoramos se contaban coa autorización que se precisa para este tipo de actividades da Consellería de Medio Ambiente. Convocados pola “Sociedad de Cazadores de Valdoviño”, o sábado 18 de abril, varias decenas de cazadores “desembarcaron” cos seus cans e coas súas escopetas no sistema dunar de Vilarrube e levaron a cabo unha competición cinexética na modalidade “San Huberto”.

Hai que lembrar que este espazo está incluído no LIC “Costa Ártabra”, polo que a actividade cinexética é absolutamente incompatible coa conservación dos valores naturais que motivaron dita protección. Trátase dunha zona cun altísimo valor ecolóxico, xa que nela medran varias especies de plantas endémicas vulnerables ou en perigo de extinción como Ophrys sphegodes (unha orquídea que xa está en plena floración), Antirrhinum majus subespecie linkianum, Linaria aguillonensis e Crepis novoana (endemismo único da Ría de Cedeira), entre outras. Ademais xa hai varios anos que esta área é unha das zonas de campeo preferidas da aguia peixeira, unha especie migradora de altísimo valor que pouco a pouco vai recolonizando a costa galega. Dende logo, este tipo de agresións contra o hábitat non van contribuír ao seu establecemento definitivo nesta área. Outra das especies importantes presentes no sistema dunar é a lontra, que goza de todas as proteccións legais existentes, tanto a nivel galego como estatal e comunitario.

Como se sabe, este tipo de sistemas dunares é zona cría de numerosas aves e, por enriba, xusto nestas datas, sucede o período de cría da maioría delas. A realización desta actividade cinexética, con máis de trinta cazadores e os seus cans polas dunas, xunto cos disparos das súas escopetas, seguro que supuxo a destrucción ou o abandono da maior parte dos niños. Ademais, sabemos que este tipo de sistemas dunares son moi fráxiles: é por iso polo que se colocaron pasarelas sobre as dunas para evitar a erosión que provocan os usuarios da praia e tamén por iso (e para recuperar a naturalidade do espazo), foi polo que a Dirección Xeral de Costas derrubou unhas 50 casetas que diversos particulares dispuxeran sobre a duna gris. Este esforzo conservacionista está en total contradición, e resulta baldío, se se permite que se desenvolvan actividades como a celebrada o pasado 18 de abril: as ducias de cazadores, cos seus cans, os xuíces e organizadores da proba xunto co público asistente provocan danos considerables sobre o sistema dunar.

Outro dos feitos lamentables que se rexistraron foi a presencia dos vehículos todoterreo dentro do sistema dunar, cando a normativa de protección prohibe terminantemente a entrada de vehículos a motor nel. A súa circulación sobre as dunas puido provocar danos irreparables sobre as mesmas, algo que haberá que avaliar en vindeiras datas. Tamén ignoramos se na proba se comprobou que se utilizase munición sen chumbo, tal e como establece a Dirección Xeral da Natureza para evitar a contaminación que o seu uso pode provocar nas augas e polo risco que supón para algunhas especies de aves acuáticas a súa inxestión, ou se se recolleron os cartuchos durante a mesma. Dende Verdegaia e SGHN queremos dicir tamén que lamentamos profundamente a actitude do Concello de Valdoviño participando na organización dunha actividade destas características, máis ou menos “turística”, sen ter en conta os impactos negativos que poden xerar no contorno natural. Por todas estas razóns, Verdegaia e SGHN denunciamos e demandamos:
  • Que se identifique e sancione, de acordo coa lexislación vixente, aos organizadores desta proba cinexética, xa que consideramos que estes feitos constitúen un delito ecolóxico.
  • Que se prohiba durante todo o ano a práctica de calquera actividade cinexética ou calquera outra que non sexa compatible co mantemento das funcións ou valores polos que se declarou ZEPVN, así como calquera outra que poida prexudicar significativamente a conservación do sistema dunar de Vilarrube ou do humidal “Trasdunas de Vilarrube” de acordo coa normativa vixente.

Enviado Por:
-ferrol@verdegaia.org-
27 de abril de 2009 15:47






______________

venres, abril 24, 2009

Protección de Datos debe esclarecer a situación de preto de 60 cámaras de vídeo vixilancia instaladas no edificio Telefónica da Coruña

Recentemente, o MpDC tivo coñecemento sobre o sistema de vídeo-vixilancia instalado no edificio da mercantil Telefónica España S.A.U. sito na cidade da Coruña. Así, no exterior e interior de devandito edificio, están instaladas preto de sesenta cámaras de vídeo vixilancia. Ante tales feitos, esta asociación ponse en contacto coa Axencia Española de Protección de Datos para procurar o esclarecemento de varias cuestións que son de vital importancia no que respecta aos dereitos das persoas.

As cámaras atópanse situadas no exterior de devandito edificio e están orientadas á vía pública, ao que hai que engadir que algunhas das que se atopan no vestíbulo controlando o taboleiro sindical. O dito taboleiro foi cambiado de lugar pasando a estar situado nas proximidades das videocámaras para gravar dun modo máis eficaz a cantos se dirixen ao mesmo, tanto a observar como a colocar boletíns informativos, o que viola claramente tanto a intimidade persoal como a liberdade ideolóxica e por suposto a liberdade de afiliación sindical. Estes feitos denotan, ao ver do colectivo, un excesivo control de Telefónica España SAU sobre os seus traballadores.

Os dispositivos gravan a cantos cidadáns transitan polas proximidades do edificio e as pantallas de control das imaxes están á vista de cantos transitan polo exterior, vulnerando o dereito á intimidade. Tales artefactos de gravación comezaron a funcionar sen que os traballadores nin os representantes sindicais recibisen comunicación da súa posta en funcionamento.

En primeiro lugar, o Movemento denuncia que adoptar como medidas a instalación de cámaras sen existir indicios nin motivos suficientes para a súa instalación resulta moi gravoso e desproporcionado a respecto da finalidade perseguida, pois de existir indicios que xustifican o principio de proporcionalidade, parece obriga de devandita empresa a de facilitar alternativas. Desde o Movemento afírmase tal cousa xa que esa mesma cámara recolle a vida diaria de cantos cidadáns pasan por diante do edificio, invadindo a súa intimidade.

Por todo o exposto, o MpDC solicita que a Axencia Española de Protección de Datos informe quen é o responsable do tratamento de datos e, xa que logo, do ficheiro de imaxes gravadas polas cámaras ademais de se o ten inscrito no Rexistro Xeral de Protección de Datos da Axencia Española de Protección de Datos.

Ademais, o Movemento pregunta á AEPD se a empresa encargada de instalar as cámaras se atopa incluída no Rexistro destinado a proceder a instalacións, nese caso, dispón de licenza do mesmo xeito que pide ao organismo estatal que sancione os feitos segundo a lexislación vixente.

Esta asociación agradecería á Axencia Española de Protección de Datos que investigase sobre os feitos anteriormente expostos, así como do cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa imperante tanto en materia laboral, como de protección de datos e do cumprimento da normativa vixente en materia de vídeo cámaras en lugares públicos manténdonos informados de cantas actuacións leven a cabo con relación a este asunto.

En movemento
www.movemento.org

Movemento polos Dereitos Civís. r/ Rosalía de Castro 29. Galerías Belén 102.15703 Santiago de Compostela. mpdc@movemento.org

Contacto: 610858850 (Renato Núñez)
______________

venres, abril 03, 2009

En defensa do mantemento dos postos de traballo e do carácter público do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Xosé Manuel Pazo Blanco
-manolopazo@gmail.com
-
2 de abril de 2009 16:14





A CIG-Ensino está empeñada en defender os postos de traballo e o carácter público do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no que se insiren as GALESCOLAS fronte á ofensiva do PP que manifestou as súas intencións privatizadoras satisfacendo así aos grupos empresariais e relixiosos que queren recuperar para si unha serie de servizos que estaban a prestar desde o ensino privado, fundacións e agrupacións confesionais. Para iso non tiveron escrúpulos en levantar unha campaña de difamación sen precedentes e que non se lembra a respecto de ningún centro de traballo ou administración na historia do noso país. A falla de escrúpulos destes grupos canalizaron a través de “La Voz de Galicia” os seus ataques conseguiron deixar moi danada a imaxe deste organismo da administración co obxectivo de proceder ao seu desmantelamento. Fronte a iso é importante unha reacción social co fin de frear este proceso involutivo que non só afecta aos traballadores e traballadoras que están sendo obxecto de toda clase de insultos senón aos propios servizos sociais que a nosa sociedade precisa así como políticas dirixidas á igualdade (Centros de I+B) ou á educación sexual (Centros Quérote) que están intimamente ligadas coa nosa actividade docente.

Por iso pregamos que sirvas de contrapunto informativo á campaña de intoxicación que estamos a sufrir e que asines no MANIFESTO de defensa dos postos de traballo e o carácter público do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Podes atopar máis información nestas ligazóns:

VÍDEOS
BOLETÍNS
Saúdos cordiais

CIG-ENSINO

Xosé Manuel Pazo Blanco
______________________