Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos Fundamentais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos Fundamentais. Amosar todas as publicacións

luns, abril 30, 2018

Fracasa a tentativa de Navantia de criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras das auxiliares - Evidénciase que o obxectivo da empresa non era a declaración de folga ilegal senón amedrentar e desmobilizar o persoal


Fracasa a tentativa de Navantia de criminalizar a loita dos/as traballadores/as das auxiliares. | Evidénciase que o obxectivo da empresa non era a declaración de folga ilegal senón amedrentar e desmobilizar o persoal.

Este venres coñecíase a sentenza pola demanda que Navantia interpuxo contra a CIG e o comité de folga a raíz do conflito que o persoal das auxiliares levou adiante o pasado ano contra a precariedade e pola recuperación dos dereitos laborais e salariais. A resolución desestima a demanda pola falta de lexitimación activa de Navantia para iniciar un proceso de declaración ilegal dunha folga que non afectaba ao seu persoal e que, ademais, non foi impugnada polas empresas nas que si foi convocado o paro indefinido.

Fica demostrado que, tal e como defendeu a CIG, a demanda carecía de fundamento legal, quedando en evidencia que o verdadeiro obxectivo de Navantia non era conseguir a declaración de folga ilegal ou abusiva, senón amedrentar, desactivar e coaccionar aos traballadores e traballadoras que de xeito masivo e exemplar estaban a secundar a folga en defensa dos seus dereitos.

"Non nos van amedrentar"


O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que "Navantia debería pedir perdón polo seu burdo intento de deslexitimar a CIG e criminalizar o dereito á folga, pero tamén pola manipulación que fixo dos motivos que levaron á convocatoria e a terxiversación da resposta exemplar dos traballadores/as da industria auxiliar". Non cómpre esquecer que dende o inicio do conflito, Navantia, en vez de promover solucións, mantivo unha postura moi belixerante contra o persoal das subcontratas -e a CIG como organización sindical convocante-, procurando deslexitimar as súas demandas e boicotear a folga con todos os medios a súa disposición.

Carril subliña que a CIG non se vai amedrentar con este tipo de actuacións, "aínda que proveñan de empresas tan poderosas como Navantia", cando o que está en discusión é a defensa dos dereitos e acabar coa precariedade e a pobreza laboral. "Navantia ten que ter claro que seguiremos convocando as folgas que sexan necesarias ante a precariedade e o retroceso da condicións de traballo que padece o persoal das industrias auxiliares".

En igual sentido manifestábase o secretario nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, lembrando que, no propio día do xuízo, a central xa advertiu que, con independencia do resultado deste procedemento, "a CIG non vai abandonar a súa acción sindical, nin nos imos atemorizar".

Destaca Bouzas Aboi que a folga foi completamente legal e que a CIG estaba lexitimada polas diferentes asembleas de traballadores/as. "A folga é a ferramenta fundamental que como clase traballadora temos para defender os nosos dereitos e Navantia tomou a decisión de demandar como unha medida de forza para rematar co conflito nas auxiliares, coartar a liberdade sindical e amedrentar ao persoal para que deixaran de secundar a folga".

Falta de lexitimación


A sentenza estima as tres excepcións alegadas pola CIG: falta de lexitimación activa de Navantia para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada e seguida por persoal que non é o seu propio; falta de lexitimación pasiva dos membros do comité de folga para ser parte nun procedemento de carácter colectivo (que ademais non persegue a solución do conflito); e falta de adecuación do procedemento.

Non entra, polo tanto, a valorar o contido da demanda, mais si deixa constancia no relato de feitos probados de que os piquetes, fronte ao defendido por Navantia, actuaron sen violencia. Algo que a resolución considera se desprende incluso da proba achegada pala propia Navantia (vídeos, testemuñas, etc.), o que abunda na falta de fundamentos da demanda.

A CIG condena que unha empresa pública como Navantia utilice a xustiza para tentar restrinxir o dereito dos traballadores e traballadoras a reivindicar non xa melloras salariais e laborais, senón a recuperación dos dereitos roubados durante estes últimos anos. Como non pode ser doutro xeito, a CIG reafirma o seu compromiso na loita pola aplicación do acordos asinados para a industria auxiliar e a súa incorporación nun marco normativo que lle dea efectividade.

Fonte: Avantar. | Ferrol - 27 Abr 2018.  | Baixo licenza Creative Commons.
__________________

venres, abril 06, 2018

Paulo Carril: 'A folga non é un delito, é un dereito da clase traballadora que custou séculos conquistar' - A CIG rexeita o intento de Navantia de criminalizar a loita das auxiliares - A protesta convocouse con motivo da celebración do xuízo derivado da demanda interposta por Navantia contra a CIG e o comité de folga, e a través da que pretende que se declare ilegal o conflito que o persoal das auxiliares desenvolveu o pasado ano en demanda dos seus dereitos salariais e sociais


Delegadas e delegados da CIG concentráronse na mañá deste mércores, 4 de abril de 2018, diante dos xulgados de Ferrol en defensa do dereito á folga, ferramenta fundamental da clase traballadora na conquista dos seus intereses, e contra os intentos de criminalizar a loita obreira. A protesta convocouse con motivo da celebración do xuízo derivado da demanda interposta por Navantia contra a CIG e o comité de folga, e a través da que pretende que se declare ilegal o conflito que o persoal das auxiliares desenvolveu o pasado ano en demanda dos seus dereitos salariais e sociais.

"Hoxe vimos aquí reivindicar que o dereito á folga é un dereito fundamental e que Navantia, por moi poderosa que sexa, nin nos vai asustar nin vai impedir con demostracións deste tipo que defendamos o dereito á folga e o que fixemos ou teñamos que facer na nosa acción sindical para protexer os dereitos da clase traballadora". Así se manifestaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ás portas dos xulgados de Ferrol, cualificando o vivido hoxe como "un esperpento", por canto se busca que as traballadoras e traballadores vítimas da explotación "aparezamos como denunciados/as por facer valer os nosos dereitos".

Unha loita contra a precariedade


Para a CIG os intentos de Navantia por declarar a folga das auxiliares como ilegal ou abusiva teñen como obxectivo criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras das subcontratas, que en outubro do pasado ano secundaron masivamente durante 22 días unha folga para reivindicar o cumprimento dos acordos salariais e laborais de 2001, a súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia, e rematar así coa precariedade laboral instalada neste sector.

Cómpre lembrar que as empresas auxiliares deixaron de aplicar unilateralmente e sen negociación as táboas acordadas en 2001, despois da entrega dos últimos barcos para a armada australiana, contando para isto coa complicidade dos sindicatos españois e dos comités de empresa de Navantia. A este respecto, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, criticou a actuación de Navantia, pois en vez de supervisar e garantir as condicións de traballo do persoal da industria auxiliar, "se dedica a presentar denuncias. Pois ben, aquí nos ten enfronte".

Grandal rexeitou tamén o papel belixerante xogado por CCOO e UGT durante todo o tempo que durou a folga e lembrou que do conflito das auxiliares saíron unhas mesas de negociación coas que se pretendeu pechar en falso o conflito, mais nas que non se ten avanzado nada para garantir a recuperación dos dereitos dos traballadores e traballadoras das auxiliares. Este feito, para o representante sindical, confirma o acertado proceder da CIG coa convocatoria dunha folga en solitario que fora acordada e aprobada polas asembleas de traballadores/as.

"Seguiremos pelexando polos nosos dereitos"

Paulo Carril agarda que a xustiza "actúe como tal", na resgarda dun dereito fundamental como é o dereito á folga, "que á clase traballadora lle custou séculos conquistar". En todo caso advertiu que, "saia o que saia de aquí, a CIG actuará en consecuencia, demostrando que non nos amedrentan e que seguiremos pelexando polos nosos dereitos, porque non imos cesar de combater a precarización, o empobrecemento e a explotación, da que o persoal das auxiliares son un claro exemplo".

"Dicímoslle a Navantia que cantas veces queira verémonos nos xulgados, na rúa, ou onde sexa necesario, para defender os dereitos dos traballadores/as, fronte a unha empresa como esta que permite que haxa unha precarización brutal das condicións de traballo. Motivo que levou á convocatoria de folga nas auxiliares", subliñou o secretario xeral da CIG.

Neste senso, valorou que "nin nos engurramos nin damos marcha atrás" por este tipo de actuacións. Ao contrario, aseverou, "dannos máis forza nas reivindicacións que nos levaron a convocar a folga nas auxiliares e a entender que a folga é unha ferramenta fundamental da clase traballadora na defensa dos seus intereses".

Fonte: Avantar.
___________

venres, novembro 24, 2017

Hai 35 anos: expulsos do Parlamento galego 3 deputados nacionalistas por se negar a xurar a constitución española - A representatividade popular que lles outorgaran os votos de milleiros de galegos e galegas foilles roubada por unha aplicación retroactiva dunha normativa que obrigaba a xurar a 'carta magna', buscando provocar a expulsión dos tres parlamentares electos polo Bloque-PSG (Bautista Álvarez, Lois Dieguez e Claudio López Garrido)

O 24 de novembro de 1982, aos tres deputados -Bautista Álvarez, Lois Dieguez
e Claudio López Garrido, electos nas listas do Bloque-PSG, se lles impide
a entrada no Parlamento Galego (Daquela estaba no Pazo de Fonseca)

"Parlamento sin oposición, Parlamento de cartón"

Hai 35 anos: expulsos do Parlamento galego 3 deputados nacionalistas por se negar a xurar a constitución

O BNG apresenta o avanzo dun documental sobre un feito sen precedentes no Estado español. A aplicación retroactiva dunha normativa que obrigaba a xurar a 'carta magna', buscando provocar a expulsión dos tres parlamentares electos polo Bloque-PSG.

O 24 de novembro de 1982 tres deputados -Bautista Álvarez, Lois Dieguez e Claudio López Garrido-, eleitos pola candidatura Bloque Nacional-Popular Galego-PSG, eran expulsados do Parlamento de Galiza por se negar a xurar a Constitución española e defender os dereitos nacionais de Galiza. 35 anos despois, o BNG presenta o avanzo dun documentario no que se fai memoria dun feito político sen precedentes do Estado español.

O vídeo está concibido como un acto de denuncia e de recoñecemento político aos seus protagonistas, “precisamente nun momento de involución democrática no conxunto do Estado, marcado polo recorte de dereitos e liberdades, -tanto individuais como dos pobos-, e de criminalización das ideas políticas que non encaixan no status quo do actual marco institucional”, indican desde o BNG.


https://youtu.be/YanKkEnSWcQ

Publicado en 23 de nov de 2017 na Canle do BNG - Bloque Nacionalista Galego

O 24 de novembro de 1982 os tres deputados nacionalistas da coalición Bloque-PSG foron expulsados do Parlamento Galego por se negaren a xurar a Constitución Española. A representatividade popular que lles outorgaran os votos de milleiros de galegos e galegas foilles roubada por unha aplicación ideolóxica da lei ao servizo das forzas españolistas. Foi un caso único na historia da "democracia" española. Trinta e cinco anos despois, desde o BNG estamos a elaborar un documental que recupera e trae á actualidade o acontecido, porque hoxe volvemos vivir un claro proceso de criminalización das ideas e de involución nos dereitos democráticos. Os poderes do Estado e o españolismo político, mediático e económico, novamente, perseguen as ideas das e dos que defendemos liberdade, democracia e dereitos para os nosos pobos. Este pequeno teaser é simple adianto do video que vos presentaremos en poucas semanas. Onte, hoxe e mañá, no BNG estamos polo dereito a decidir e as liberdades democráticas. E hoxe toca dar #UnPasoAdiante para as conseguir.

http://www.bng.gal/
| Facebook | Twitter | Youtube |

Fontes: Sermos Galiza e BNG.

Sermos Galiza, é un outro semanario impreso, comprometido co Pobo, a Terra e a Fala que está nos quioscos os xoves, mais tamén pública-se todos os días en formato dixital: http://www.sermosgaliza.gal/. Baixo Licenza Creative Commons. Podes-te facer subscritor/a e/ou Participa. | Ir á Web
__________________

luns, xuño 04, 2012

O Concello de Compostela contra a liberdade de expresión: Enlace para asinar en contra de que o Concello de Compostela ilegalice as actividades na vía pública - Non deixemos que se estenda a represión da liberdade de expresión, mañá pode-nos tocar a nós

Na foto: o defraudador fiscal co amigo do alma

O Concello de Santiago de Compostela, gobernado até hai pouco tempo polo hipócrita e defraudador fiscal, Gerardo Conde Roa, do dereitista Partido Popular e agora polo seu amigo en políticas dereitistas, Ángel Currás Fernández, impoñen taxas á liberdade de expresión. Denunciemos tamén desde Ferrol esta práctica antidemocrática, non deixemos que se estenda a represión da liberdade de expresión, mañá pode-nos tocar a nós.

As compañeiras e compañeiros do Movemento polos Dereitos Civís -MpDC, envían-nos a seguinte nota co prego de difusión:

As organizacións culturais, sindicais, xuvenís... veñen realizando actividades na vía pública como concertos, manifestacións, concentracións, recollida de sinaturas.... Actividades que entran dentro de dereitos fundamentais como o dereito á reunión, liberdade de expresión, cultura, etc... e polo tanto gozan de protección constitucional e non poden ser prohibidos.

O Concello [en mans] do Partido Popular ven de aprobar unha ordenanza que conseguirá, na práctica, impedir estes dereitos á maior parte da cidadanía do Concello de Compostela. Por medio de taxas para REALIZA A SOLICITUDE, taxas para COLOCAR UNHA MESA NA VÍA PÚBLICA coa que recoller sinaturas, taxas para PODER INSTALAR UNHA MEGAFONÍA coa que ler un comunicado as organizacións non poderán exercer ese dereitos fundamentais ao non dispoñer de capacidade económica para facer fronte ás mencionadas taxas. Ademais o Concello pedirá fianzas (algo que xa ven facendo de forma ilegal) que poden chegar a ser desorbitadas como as de responsabilidade civil. Neste momento o Concello xa pide, de forma ilegal, fianzas de 600€ para a colocación dunha pancarta e 400€ para exhibir unha película ao ar libre. Por último, e se os medios económicos non foran suficientes para disuadir a calquera organización de realizar algunha actividade na vía pública de Compostela, os permisos outorgaran-se en precario, podendo o Concello anulalo en calquera momento.

En resumo, si unha organización xuvenil quere organizar unha concentración con recollida de sinaturas na vía pública terá que pagar unha taxa por solicitar o permiso no concello, outra taxa para a colocación da mesa ou calquera soporte divulgativo, outra taxas por enchufar o equipo de son co que ler o manifesto na concentración; ademais deberá aboar unha fianza discrecional por parte do Concello. Si consegue facerse cos medios económicos necesarios para cumprir con todos os requisitos descritos, ademais de realizar todas os trámites formais de forma correcta e que o Concello conteste (sendo habitual que non conteste) conseguirá unha autorización EN PRECARIO que poderá ser anulada en calquera momento polo Concello.

É evidente que a ordenanza ten obxectivo de fondo de limitar os dereitos fundamentais antes mencionados e polo tanto non pode ser aplicada.

Asina en: http://www.change.org/petitions/alcalde-de-compostela-non-ilegalices-as-actividades-sociais-na-v%C3%ADa-p%C3%BAblica
Colabora co MpDC:
Envía este mail aos teus contactos e anímaos a cubrir a ficha para recibir información do MpDC

Enviado por:
Movemento polos Dereitos Civís
-mpdc@movemento.org-
4 de junho de 2012 08:53
_____________