Amosando publicacións coa etiqueta EU-IU. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EU-IU. Amosar todas as publicacións

sábado, agosto 13, 2011

O Grupo Municipal de Esquerda Unida: “hai que cumprir e facer cumprir as disposicións en materia de normalización lingüística aprobadas por todas as Corporacións democráticas até agora”

INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

Ferrol, venres 12 de agosto de 2011
  • O GRUPO MUNICIPAL DE EU RECLAMA DO VOCEIRO DO PP QUE SE AXUSTE Á LEGALIDADE NA DEFENSA DO GALEGO
  • HAI QUE CUMPRIR E FACER CUMPRIR AS DISPOSICIÓNS EN MATERIA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA APROBADAS POR TODAS AS CORPORACIÓNS DEMOCRÁTICAS ATÉ AGORA, SUBLIÑA YOLANDA DÍAZ

O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere saír ao paso das posicións verquidas polo Voceiro do PP no Goberno Municipal, no que avanzou a súa defensa dos postulados máis contrarios ao proceso de normalización lingüística do galego, asumindo os postulados que buscan afogar a cultura galega e o noso idioma.

Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida subliñou que “hai que cumprir e facer cumprir as disposicións en materia de normalización lingüística aprobadas por todas as Corporacións democráticas até agora”. Normas que van dende a ordenanza de normalización lingüística até ao Plan de Normalización da nosa lingua, que busca espallar por todos os relanzos da vida social ferrolá, e que constitúen no eido local a plasmación do consenso democrático e das normas aprobadas no Parlamento Galego dende a fin da ditadura franquista. Neste eido, Yolanda Díaz salientou o traballo desenvolvido polas Comisións de traballo do Consello Municipal da Lingua no tempo en que se puxeron en marcha baixo o impulso de Javier Galán, insistindo no valor da súa continuidade e extensión.

Para Esquerda Unida se non se quere defender a lingua e cultura galegas hai que cambiar toda a lexislación; do contrario estamos a despeñarnos polos carreiros antidemocráticos, que son os únicos nos que periga o galego. So durante os reximes ditatoriais, en particular durante o franquismo, se atacou ao galego. O noso Grupo reclama do PP que non se sume aos coros interesados da ultradereita que tenta rachar consensos democráticos e construír unha guerra cultural na que somentes vai sufrir a nosa lingua e cultura.

Esquerda Unida fai un chamado ao Goberno para que amose con feitos o seu compromiso co galego, cun orzamento axeitado ás necesidades do proceso normalizador cara o orzamento de 2012, e co pulo ás comisión de traballo do Consello Municipal da Lingua seguindo o regueiro de traballo posto en marcha por Javier Galán.

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
12 de agosto de 2011 17:04


Ola !
Remitimos un Informacións do Grupo Municipal de EU Ferrol, no que reclamamos do Goberno Municipal o cumprimento da normativa de promoción ao galego vixente. Saúdos, Ramiro Marier
________________

martes, xaneiro 18, 2011

Esquerda Unida denuncia falla de programación das actividades extraescolares nos centros de Ferrol

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA DO GOBERNO MUNICIPAL QUE GARANTA UNHA EFECTIVA E REAL PROGRAMACIÓN DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES NOS COLEXIOS PÚBLICOS DA CIDADE.

AS NENAS E NENOS DE FERROL E AS SÚAS FAMILIAS NON MERECEN A INACCIÓN E MALFACER DA CONCELLERÍA DE EDUCACIÓN QUE OS PRIVA DELAS, SUBLIÑA SARI ALABAU.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere denunciar a situación que están a sufrir as nenas e nenos dos colexios públicos da cidade, e as súas familias, perante a situación creada - sen visos de arranxo - acerca da falla de programación das actividades extraescolares nos centros escolares. Nos colexios públicos da cidade toda a información que teñen as familias e que non hai data de comezo das actividades extraescolares. Todo isto cando estamos en xaneiro, superado o primeiro trimestre académico.

Temos que criticar con dureza que nun tema da meirande importancia a concellería desminta os seus compromisos públicos acerca da posta en funcionamento da programación das actividades extraescolares:a finais de setembro a concelleira de educación indicaba que xunto as actividades doutros anos se engadirían outras novas, caso de acordeón, artes plásticas ou fotografía. A penosa realidade actual é que non hai actividades extraescolares nos colexios públicos da cidade e que esta situación non ten data de resolución.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda da concellería de educación que poña remate o seu malfacer e faga efectivos os compromisos para desta maneira garantir que a partires de febreiro haxa unha programación de actividades extraescolares financiada con cartos municipais nos centros públicos.

As nenas e nenos de Ferrol e as súas familias non merecen a inacción e malfacer da concellería de educación, subliña Sari Alabau, membro da Comisión de Educación do concello.

Esquerda Unida considera indispensable proceder a arranxar esta situación de parálise e deixación de responsabilidades na prestación dun servizo complementario no eido educativo de primeira importancia para as familias e as súas crianzas. Estas actividades forman parte dunha concepción integral da educación e supoñen unha achega decisiva para acercar os centros o seu entorno. Non caben máis atrasos, cómpre unha acción rápida e dilixente para que sexan unha realidade de

Ferrol, 18 de xaneiro de 2011

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
18 de janeiro de 2011 14:37
Prezadas/os amigas/os: achegamos un Informacións do Grupo Municipal onde reclamamos que a concellería de educación poña en marcha o programa de actividades extraescolares que lamentablemente leva máis dun trimestre de atraso. Saúdos, Ramiro Marier
_______________

martes, decembro 14, 2010

Esquerda Unida reuneu-se coa asociación veciñal de Canido, para escoitar as súas demandas

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA DOTACIÓN NO VINDEIRO ORZAMENTO PARA FACER REALIDADE O LOCAL SOCIAL PARA O BARRIO DE CANIDO
ESQUERDA UNIDA CONSIDERA NECESARIO DOTAR A CANIDO DO EQUIPAMENTO DUN COMEDOR SOCIAL PARA ATENDER A CRECENTE DEMANDA DA VECIÑANZA

O Grupo Municipal de Esquerda Unida comprometeu o seu apoio, diante da directiva veciñal de Canido, para facer realidade o local social para o barrio. Yolanda Díaz, Javier Galán e Sari Alabau amosaron o seu respaldo a esta vella demanda veciñal, e afirmaron a vontade de EU de facer valer esta demanda na negociación dos orzamentos para 2011, de xeito que sexa unha das condicións necesarias para que EU faga seus os vindeiros orzamentos.

Doutra banda, a nosa organización fixo un repaso das necesidades do barrio e anotou a existencia dun amplo grao de acordo coa asociación veciñal e manifestou a nosa plena vontade de traballar para superar as eivas e necesidades que aínda ten o barrio histórico de Canido.

Esquerda Unida lembrou con ocasión desta visita a nosa proposta de facer realidade o museo da cidade e radicalo no barrio de Canido, no inmoble coñecido como chalet de Canido, onde se radicaba a empresa Fenya, e que foi obra de Rodolfo Ucha, marcando o tránsito do modernismo ao eclecticismo. Estamos certos que a consecución deste equipamento contribuirá a dinamizar a vida do barrio, sendo ademáis un equipamento cultural que encherá un baleiro histórico até o de agora.

Outra das reivindicacións que Esquerda Unida asume é a da dotación dun comedor social para os residentes do barrio que así o precisen. Os comedores sociais hoxendía constitúense como un dos recursos en benestar social que os barrios teñen a necesidade de posuír para atender a súa veciñanza.

O Grupo Municipal compartiu as inquedanzas da asociación en relación coa necesidade da disciplina urbanística por canto hai toda unha serie de inmobles en moi malas condicións e que precisan de intervencións e da atención e seguimento dende a concellería de urbanismo.

A necesidade de mellorar a seguridade nun barrio que conta con varias instalacións escolares ou a necesidade de rematar a traza do alcantarillado foron outras das demandas veciñais, que Esquerda Unida vai desenvolver no seu traballo cotián nas diferentes comisións informativas do concello.

COMUNICADO DE PRENSA DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA
Ferrol, martes 14 de decembro de 2010

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
14 de dezembro de 2010 16:00
Prezadas/os amigas/os: achegamos un Informacións do Grupo Municipal encol das nosas propostas para o barrio trala reunión mantida coa asociación veciñal de Canido. Grazas pola vosa atención. Saúdos, Ramiro Marier.
_________________

martes, outubro 26, 2010

A denuncia do Comité Cidadán contra Reganosa na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo segue aberta

Comunicado do Consello Comarcal de Esquerda Unida sobre Reganosa

ESQUERDA UNIDA AMOSA A SÚA SATISFACCIÓN POLA DECISIÓN DA COMISIÓN DE PETICIÓNS DO PARLAMENTO EUROPEO DE MANTER ABERTO O CASO DA PLANTA DE GAS DE REGANOSA

A INTERVENCIÓN DO NOSO GRUPO PARLAMENTAR EUROPEO AMOSOUSE DECISIVA PARA MANTER ABERTA A CAUSA DA RAZÓN E DA XUSTIZA, O NON Á PLANTA DE GAS

ESQUERDA UNIDA QUERE AGRADECER E SALIENTAR A ESTREITA COLABORACIÓN DO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA Á HORA DE SUMAR ESFORZOS PARA CONVENCER Á COMISIÓN DE PETICIÓNS

Nunha primeira valoración de urxencia o Consello comarcal de Esquerda Unida felicítase polo resultado do debate celebrado no Comité de Peticións do Parlamento Europeo, onte día 25, de resultas do cal o caso da planta de gas de Reganosa e o seu emprazamento queda aberto. Desbótase polo tanto o arquivo do caso, arelado polos intereses empresariais e as connivencias políticas que obsecuentemente aceptan unha instalación ilegal e perigosa, que suma xa tres sentenzas dos tribunais contrarias.

A nosa organización destaca o traballo desenvolvido polo noso Grupo Parlamentar europeo para defender e sumar apoios de cara ao mantemento do caso na instancia europea. O eurodeputado de Esquerda Unida, Willy Meyer, realizou outra vez un bo traballo en defensa dos intereses da cidadanía de Ferrolterra, que suma outra esperanza na súa loita cidadá a prol da legalidade e da seguridade, en suma da xustiza.

Cómpre salientar e agradecer a colaboración, que sempre resulta fundamental para facer avanzar a causa da xustiza e da legalidade no que atinxe á planta de gas, do Comité Cidadán de Emerxencia, que achegou traballo e argumentos a prol da decisión finalmente adoptado.

A situación dunha planta de gas superflua e deficitaria, ilegal e perigosa, ten que rematar co triunfo da rebeldía cívica que máis de 60 colectivos e asociacións alimentan hai un decenio de loitas e argumentos. Os moitos millóns de euros que nos custa a planta á cidadanía ao través das bonificacións estatais e no último período incluso de cartos da Xunta de Galicia para frear a saídas das caixas do seu accionariado, ten que finalizar. A decisión do Comité de Peticións do Parlamento Europeo é un novo alento a todas e todos os que na nosa bisbarra e no país traballan e soñan co final do pesadelo, de Reganosa.

Ferrol, martes 26 de outubro de 2010
Consello Comarcal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
26 de outubro de 2010 15:51

Prezad@s amig@s: achegamos un comunicado do Consello Comarcal de EU, cunha primeira valoración de urxencia, felicítandonos do resultado do debate sobre Reganosa na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que decidiu continuar co caso Reganosa. Un saúdo, Ramiro Marier
_______________________

Enlces relacionados:

Ártabra 21: O Comité de Peticións do Parlamento Europeo vai tratar o vindeiro 25 de Outubro a denuncia contra Reganosa, presentada polo Comité Cidadán en Novembro de 2007

 


____________________________

martes, setembro 07, 2010

Demandan que se elabore, de maneira participada, unha programación que permita acercar e divulgar a nosa poetisa do Rexurdimento, Rosalía de Castro, á sociedade ferrolá actual


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A FORMULAR UNHA PROPOSTA DE ACTIVIDADES ENCOL DO 125 ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO

EU DENUNCIA O DESINTERESE DA CONCELLERÍA PARA GARANTIR QUE FERROL XOGUE UN PAPEL PROTAGONISTA NESTE EFEMÉREDE

O Grupo Municipal de Esquerda Unida reitera a súa demanda á concellería de cultura e o Goberno Municipal para que formule coa máxima urxencia unha proposta de actividades conmemorativas do 125 cabodano do pasamento de Rosalía de Castro.

A Voceira do Grupo, Yolanda Díaz, salienta a necesidade e conveniencia de que a nosa cidade xogue un papel protagonista na divulgación e exaltación da nosa cultura e, en particular, dunha figura senlleira, da matriarca da nosa cultura, de Rosalía de Castro. Cómpre lamentar o silencio de morte do concelleiro de Normalización Lingüística neste eido e o seu absoluto desinterese.

Yolanda Díaz insta ao Goberno Municipal a cambiar de actitude e asumir un papel protagonista para producir no último cuadrimestre do ano un programa de actividades que permita achegar a figura e obra de Rosalía ao conxunto da nosa cidadanía.

Programa de actividades onde a nosa organización reclama que se elabore de maneira participada co movemento asociativo da cidade, en particular o vencellado á cultura galega.

Ferrol, 5 de setembro de 2010

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de setembro de 2010 17:13
_________________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Ferrol no 125 cabodano do pasamento da poetisa Rosalía de Castro
_________________________

En Ferrol, denuncian o mal remate das obras no barrio de Recimil: a pesares da recepción polo Concello das mesmas, nunha evidente deixación do control e garantía que ten que exercer a administración pública local

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O MAL REMATE DAS OBRAS ACOMETIDAS EN RECIMIL, CON BALDOSAS ROTAS, VERTEDURAS DE AUGAS, CABLES DA LUZ COLGANDO... A PESARES DA RECEPCIÓN DAS OBRAS POLO GOBERNO MUNICIPAL

ESQUERDA UNIDA ESIXE DO GOBERNO MUNICIPAL QUE IMPOÑA O ARRANXO DE TODAS ESTAS DESFEITAS

O Grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia o mal remate das obras acometidas no barrio de Recimil. Choven estas críticas da propia veciñanza que ten que contemplar o desleixo e mal acabado das mesmas en diferentes rúas do barrio. Situación que semella inconcebible trala recepción das obras hai nada polo concello.

Pavimentos rotos e non repostos, xunto con continuas verteduras das canalizacións cos conseguintes problemas co subministro da luz na rúa Betanzos, ou a imaxe de cables do tendido eléctrico colgando na rúa Sotomayor, cos riscos que supón para os peóns, denotan que as cousas non se están a facer de maneira correcta polo Goberno Municipal.

Esquerda Unida denuncia a falla de control do Goberno Municipal para atender ao correcto remate das obras no barrio e para a subsanar estas eivas, que molestan ás veciñas e veciños e afean ao barrio en xeral. A nosa organización ten que lamentar o desinterese e mal facer do Goberno que recepcionou as obras hai apenas uns días sen comprobar o estado real das mesmas.

O noso Grupo Municipal esixe do Goberno Municipal que realice as xestións axeitadas para garantir a reparación do que non está ben rematado e, xa que logo, permita unha adecuada recepción das obras.

Ferrol, luns 6 de setembro de 2010

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de setembro de 2010 17:13
_________________

sábado, agosto 21, 2010

No Pleno Municipal do 26 de Agosto, debatira-se unha moción de Esquerda Unida en apoio da Folga Xeral do 29S

Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL


retirada integra da contrarreforma laboral


Yolanda Díaz Pérez, Voceira do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A situación de crise económica e social derivada da aplicación das políticas económicas neoliberais da globalización capitalista está a producir unha catástrofe social no país e no Estado sen precedentes na nosa historia nos últimos trinta anos. Os datos do desemprego, onde hai que anotar preto de cinco millóns de traballadoras e traballadores no paro no conxunto do Estado, sumados os datos de paro rexistrado no noso país en xullo que contan 209.789 persoas e atopándose un terzo das mesmas sen recibir xa prestación por desemprego, sumados a realidade de precariedade, economía mergullada, carestía da vida e desafiuzamentos configuran unha realidade negra que está a cargar nas costas das clases traballadoras os custos da crise provocada polas políticas favorables ao capital, nomeadamente o financeiro e especulativo.

Neste contexto se teñen producido nos últimos meses unha avalancha de medidas adoptadas polo Goberno central de ataque sen concesións ás conquistas históricas da clase traballadora e dos sectores populares: o paquete de medidas de axuste por importe de 15.000 millóns de euros e que terá continuación no vindeiro orzamento e a contrarreforma laboral tramitada como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo son chanzos sobranceiros da estratexia gubernamental.

A devandita contrarreforma laboral non vai servir nen para crear emprego nen para reducir a escandalosa precariedade que padecen as traballadoras e traballadores galegos e do conxunto do Estado. Está deseñada para facilitar e abaratar os despedimentos, que xa son na práctica libres, porque amplía as causas para elo e reduce os dereitos de indemnización das traballadores e traballadores. Vai supor un reforzo para o poder empresarial á hora de modificar as condicións de traballo en todo o que atinxe a horarios, mobilidade xeográfica e funcional, etc. Xunto con iso debilita a tutela xudicial efectiva como garantía para a clase traballadora e a negociación colectiva, así como privatiza a xestión do desemprego coa aceptación da intermediación laboral privada.

Unha cuestión fundamental é o ataque que supón esta contrarreforma en canto debilita a negociación colectiva, ao facilitar as empresas a adopción de medidas de descolgue. Cómpre non esquecer que a negociación colectiva constitúe un ferramenta fundamental na defensa dos intereses da clase traballadora.

Incluso privatiza a xestión do desemprego, no canto de potenciar o servizo público de emprego, e amplía o campo de actuación das ETT,s aos sectores de risco e mailo emprego público.

As medidas son inxustas e erradas, porque o mercado de traballo adoece dunha excesiva e negativa flexibilidade externa como amosan as taxas de temporalidade e as facilidades para despedir (o exemplo son os máis de 13 millóns de contratos temporais asinados en 2009, en plena crise económica, nun contexto marcado pola destrución de emprego). As medidas a adoptar son outras moi distintas tanto no eido estrutural – para sentar as bases dun modelo produtivo e social sustentable - canto na conxuntura, no que atinxe a recuperar o creto para a economía produtiva, e impedir que o axuste fiscal programado polo Goberno deprima aínda máis a economía, prexudique a creación de emprego e alimente como resultante o déficit público.

Mais a espiral antisocial dun goberno obsecuente coas recomendacións do FMI, Banco Mundial e Comisión Europea, anuncia que á volta do verán vaise atacar o sistema público de pensións para alongar a idade de xubilación, que no noso país está por riba da media da UE e para mudar as bases de cálculo da vida laboral coa intención de reducir o monto final da pensión a percibir polo traballador. Medidas coherentes coa estratexia de debilitar o sistema de reparto e facer avanzar o de capitalización privado, verdadeiro programa final neste eido do capital financeiro.

Doutra banda, o Grupo Municipal de Esquerda Unida rexeita a falsa política da austeridade fiscal, que supón que teñamos unha das tributacións máis reducida e cunha menor progresividade, isto é, o paraíso para o capital e a burguesía nas súas fraccións máis acaudaladas. Valga o exemplo de que só a recuperación da progresividade fiscal perdida nos últimos 20 anos suporía un incremento de 66.000 millóns de euros anuais, que permitirían financiar a creación de emprego nos sectores como o da atención á dependencia, ensino ou sanidade, que forman parte dos dereitos económicos e sociais recollidos na Constitución, superando a fenda no gasto social que segue a separarnos dos estándares de benestar da UE.

En resumo, son moitos os ataques que están a sufrir as clases traballadoras, autónomos e pequeno empresariado para que o Goberno do Estado satisfaga as esixencias do gran capital. Son este conxunto de ataques aos nosos dereitos como traballadores e traballadoras os que levan ás centrais sindicais de clase CC.OO. e U.X.T. a convocar para o día 29 de setembro unha xornada de folga xeral para enfrontar as medidas aprobadas polo Goberno central que recortan dereitos sociais e que suprimen dereitos das traballadoras e traballadores.

O noso concello ten o deber cívico de tomar posición nunha cuestión política e social da meirande magnitude para a nosa sociedade. Xa que logo, o Grupo Municipal de EU formula, para a súa toma en consideración polo Pleno do concello de Ferrol, a seguinte proposta de ACORDOS:

Primeira.- O Pleno do concello de Ferrol acorda demandar do Goberno central a retirada integra da contrarreforma laboral tramitada no Congreso dos Deputados como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo e insta a este a retomar o diálogo social a partires das preocupacións e demandas das centrais sindicais de clase.

Segunda.- O Pleno do concello de Ferrol acorda instar ao Goberno central a que non aprobe ningunha reforma no eido das pensións que supoña unha redución respecto dos dereitos recoñecidos hoxendía ás traballadoras e traballadores, en particular o que fai o alongamento da idade de retiro ou á ampliación da base de cálculo da vida laboral.

Terceira.- O Pleno do concello de Ferrol acorda dar traslado destes acordos ao Goberno do Estado e á Comisión Executiva da Confederación Sindical de CC.OO. e á Comisión Executiva Confederal da UXT.

Ferrol, 18 de agosto de 2010.

Asdo. Yolanda Díaz Pérez

Voceira do Grupo Municipal de EU

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
18 de agosto de 2010 13:14

Prezad@s amig@s: achegamos unha moción presentada polo Grupo Municipal de EU en apoio da folga xeral convocada para o día 29 de setembro e que se debatirá no Pleno do concello do día 26 de agosto. Grazas polo voso interese. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________________________