Amosando publicacións coa etiqueta Eliximos Narón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eliximos Narón. Amosar todas as publicacións

luns, xaneiro 21, 2019

O que ten sepultado o Pazo de Cultura, segundo Eliximos Narón


O que ten sepultado o Pazo de Cultura.


O goberno do Tripartito xa entrou na súa precampaña electoral, dirixido por TEGA pero co beneplácito de BNG e PSOE, están a publicitar todo o que lles interesa destacar que lles poida dar boa imaxe para afianzar o seu voto, e para que os “acomodados” queden en casa e non vaian votar, pois en Narón hai unha alta porcentaxe de abstencións nas eleccións municipais (48% fronte ao 36% de media na provincia no 2015) que beneficia a TEGA, pois o votante regular non adoita variar o seu voto, xeralmente son os que van ocasionalmente ao colexio electoral (que lles move o descontento) os que poden dar un envorco aos resultados.

Como consecuencia do crecemento do Concello, foi crecendo entre os naroneses o concepto de Narón como un concello coa súa propia identidade que, acompañado da bonanza económica e do boom da construción, levou a TEGA a pensar nas macro-construcións para o seu autobombo, sendo o seu máximo expoñente o Pazo dá Cultura. Unha obra cun custo xa de seu alto (12 millóns) pero que foi incrementándose polas deficiencias (tanto do deseño como da execución) que obrigaron a realizar reformas e que dispararon o custo moi por encima do seu prezo oficialmente recoñecido. Foi unha época na que como “novos ricos” quixeron vivir por encima das posibilidades do Concello alcanzando un gasto de 41,2 millóns en 2009 e unha débeda de 12,6 millóns.

Unha década despois a débeda está case igual, con 12,2 millóns, aínda que mellor “escondida”: 2 millóns de débeda coa Deputación para pagar en 10 anos, 8,7 millóns con ACUAES (a pagar en 46 anos no recibo do saneamento) e 1,5 millóns de COSMA (que tamén vai aos recibos de auga e saneamento). Así, que isto lles permite publicitar que xa non teñen débeda bancaria, e, estando todos os medios á súa disposición, é a única mensaxe que se transmite.

Unha década tamén pasou dende a apertura do Pazo dá Cultura, o que aproveitan para facerse propaganda indirecta de precampaña contando aquilo que lles interesa: a parte visible e maxestosa do Pazo pero, como di o famoso proverbio “Non hai que esquecer que o que a árbore ten de florido vive do que ten sepulto” xa que, ademais do elevado custo que supuxo a súa construción, existe un elevado custo para o seu funcionamento que se sustenta principalmente dos impostos dos naroneses, quen en moitos casos non pisaron nin unha soa vez o Pazo, mentres que o que de verdade necesitan é que se cubran os deficientes servizos básicos (auga, rede de sumidoiros, beirarrúas, contorna accesible, atención social, etc.).

Publicitan que 425.000 espectadores visitaron o pazo nos seus 10 anos de vida, aínda que non se sabe cantos deses espectadores son de Narón, tema que ao Tripartito non lle interesa tratar, pero ALGO QUE SI LLE INTERESA AOS NARONESES QUE VEN COMO SE SUBVENCIONAN COS SEUS IMPOSTOS AS ENTRADAS DE ESPECTADORES DE TODA A COMARCA a actuacións das que, en moitos casos, non poden gozar.

Pódese estimar que nos últimos 5 anos pasaron polo Pazo 240.000 espectadores que deixaron en entradas 1 millón de euros, pero os gastos do Pazo foron de 9,5 millóns, é dicir que, aproximadamente, por cada 10 euros gastados no Pazo os espectadores (sexan de Narón ou non) só poñen 1, os restantes 9 van a cargo dos naroneses, no que constitúen subvencións ocultas (non recoñecidas legalmente).

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
20 de janeiro de 2019 16:47

_________

martes, xaneiro 15, 2019

Eliximos Narón Informa e analiza sobre os efectos do cambio do sistema de carga no contrato de recollida de lixo que está licitando o Concello



Efectos do cambio do sistema de carga no contrato de recollida de lixo.


O prego técnico di que “Se aposta pola introdución do sistema de carga lateral mono-operado para a práctica totalidade do Concello”, sen máis explicacións e sen xustificar a rendibilidade do investimento necesario en maquinaria e equipamento, que ascende a 3,4 millóns de euros (a amortizar nos 10 anos de contrato propostos). Analizamos a continuación as implicacións funcionais dos cambios no sistema de recollida:

Man de obra: Non se reduce a necesidade da man de obra porque, aínda que no camión de carga lateral só vai o condutor, require doutra persoa que, cun coche auxiliar (o que implica gastos adicionáis), vai diante recollendo bolsas de residuos depositadas fora dos contedores e apartando posibles obxectos que impidan operar ao camión; persoa que antes facía o mesmo, pero ía co camión, e que tamén achegaba os contedores para a súa descarga.

Tempos de recollida e percorrido: son maiores coa carga lateral, pois os camións de carga traseira coa axuda do peón son máis rápidos.

Accesibilidade: segundo o tipo de contedor, adoitan ser de apertura máis simple e accesible.

Ruído: redúcese xa que os contedores non se arrastran polo chan e o camión adoita ser máis silencioso.

Contedores: permite contedores de maior capacidade, o cal só supón unha vantaxe en lugares de alto volume de residuos (moitas vivendas xuntas) e que actualmente esixen de varios contedores iguais para dar cabida a todos os residuos entre recollidas. Con todo, o feito de empregar contedores de maior capacidade non debería de implicar unha diminución significativa do número de puntos de recollida, xa que se trata de ofrecer un servizo próximo ao cidadán.

Localización dos Contedores: ademais de ter que adaptar algunhas bases para os novos contedores ou ter que eliminar as suxeicións dos vellos tamén está o condicionante de que todos os contedores deberán de estar no lado dereito do sentido de avance do camión, nun só lado no caso de rúas dunha soa dirección ou nas que o camión só faga o recorrido nunha dirección, o cal pode ser un problema en bastantes casos.

Puntos de recollida: redúcense para a fracción resto ao 63 % e ao 60% o de envases, fixando a condición de que os usuarios non deban andar máis de 100 metros ata o máis próximo. Esta redución pode estar parcialmente xustificada pola eliminación de contedores duplicados nun mesmo punto de recollida debido ao seu menor tamaño, pero dificilmente explícase unha baixada do 37%. Os puntos de recollida selectiva xa son escasos actualmente fronte á fracción resto (43% envases, 15% papel/cartón e 12% vidro), o cal provoca protestas e desincentiva á reciclaxe, e, en lugar de aumentar, vai sufrir unha forte redución (40%) para os envases, algo que non vai contribuír a alcanzar os obxectivos fixados pola lexislación.

Frecuencias de recollida: As variacións destacadas son unha redución ao 50% na fracción resto da zona urbana, manténdose aproximadamente igual nas restantes zonas e, en consecuencia, prevese un posible incremento dos malos cheiros (ao pasar a recoller cada dous días en lugar de diariamente) e de reboses, pois a frecuencia redúcese á metade pero a capacidade dos contedores non se duplica senón que crece só nun 66 %. Nas recollidas selectivas aumenta, excepto na zona rural que se reduce á metade sen xustificación coñecida, duplícase na zona urbana e triplicase na semiurbana e polígonos, aínda que non parece que ofreza ningunha vantaxe práctica dado que as capacidades tamén se incrementan e estes materiais non adoitan xerar cheiros ou outras molestias como a fracción resto; é máis, podería verse como un gasto innecesario de recursos e combustible.

Á vista do exposto, podemos concluír que as únicas vantaxes significativas da proposta son unha certa mellora na accesibilidade e a diminución do ruído na recollida, melloras que non xustifican os sobre custos que comporta o cambio.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
11 de janeiro de 2019 08:30

_________

Enlace relacionado:

https://www.naronparticipa.es/

___________

venres, xaneiro 04, 2019

Segundo Eliximos Narón: O Tripartito quere facer o parque fluvial co sacrifico de algúns propietarios - A participación novamente escondida aos naroneses


O Tripartito quere facer o parque fluvial co sacrifico dalgúns propietarios.


Estivemos a manter contacto con máis de una decena de propietarios afectados pola expropiación do parque fluvial do río Freixeiro, os cales non están de acordo coa proposta de expropiación do Concello, pois valora as propiedades rurais en 5,11 €/m² e o solo urbano en 26,54 euros/m².

Despois de estudar o proxecto de expropiación, atopamos datos erróneos e que Proyfe escolleu opcións menos favorables para os propietarios.

Os motivos do desencanto na zona rural é que en expropiacións anteriores, a cargo de outras entidades, se chegaron a pagar cerca 52 €/m² por propiedades similares. Ademais, o Concello comprou no 2016 unha parcela detrás do asilo de anciáns de Piñeiros, de características similares aos terreos agora comprados e destinado tamén ao parque fluvial, que foi pagado a 13,48 euros/m², é dicir, 2,5 veces máis. Tamén acaba de comprar para o parque neste pasado mes de decembro outras dúas a 21,75 €/m² e a 7,50 euros/m² respectivamente.

No solo urbano tamén podemos dicir que, a falta dun calculo exacto, obtemos valores catro veces superiores aos de Proyfe.

Moitas das sentenzas sobre expropiacións coinciden na mesma idea: “implantar servizos para a cidade non se pode facer a costa do sacrifico singularizado duns propietarios”, senón que debe primar o “principio de equidistribución das cargas e dos beneficios” recollido na lexislación.

Resulta evidente que o Tripartito naronés non está a tratar igual a todos os veciños, estamos a falar dun claro agravio comparativo, e de que este Goberno se está a aproveitar do descoñecemento dos propietarios para comprar o máis barato posible sen importarlles si é xusto.


A participación novamente escondida aos naroneses.

A participación cidadá en Narón é unha pantomima moi vella na que desgraciadamente xa case ninguén cre, aínda que o Tripartito non a ignora porque é algo que lle vén imposto legalmente, e porque lles dá certa visibilidade ante os veciños, especialmente á concelleira do PSOE.

Veñen gastándose ao redor de 40.000 euros anuais para contratar a unha empresa para organizar 26 reunións (e levantar actas, algo reservado a un funcionario no regulamento) con entidades veciñais ao longo do ano (uns 1.540 euros por reunión de unha hora de duración aproximadamente), reunións ás que xeralmente acoden máis políticos que veciños (en moitas ocasións só 2 ou 3 persoas das entidades convocadas) e nas que pouco máis se fai que recoller algunhas queixas ou peticións de mellora, ás veces históricas, ás que na súa maioría non se lles dá resposta, nin se actúa en consecuencia. Os famosos orzamentos participativos volveron ser unha quimera outra lexislatura máis.

O pasado ano abriuse un período para presentar propostas para a reforma do regulamento de participación cidadá, só Eliximos e unha persoa presentaron propostas, pero como non gustaron, e coa desculpa de introducir melloras relativas a igualdade de xénero, non se chegaron a debater nin a considerar, así que foi outra burla máis.

Como agora a lei obriga a someter “consulta pública” certas normas e regulamentos (con carácter previo a súa elaboración), e hai que xustificar que se fai algo en canto a participación, contratouse unha plataforma para colgar documentos e que a xente poida opinar. Por certo, optouse por unha plataforma de participación cara e bastante deficiente, en lugar de instalar software gratuíto e de mellor resultado.

A plataforma Narón Participa estreouse coa publicación de 3 ordenanzas e 2 regulamentos a comentar en 15 días e sen publicidade, tras as críticas ampliouse o prazo a 2 meses e publicitouse un pouco. Como era de esperar houbo pouca participación, pois á xente cústalle bastante tragarse 100 páxinas de regulamentos para analizalos e propoñer melloras nun prazo de 15 días, máxime sen garantías de que sirva de algo. Ningunha explicación sobre as mesmas, tampouco reunións, nin diálogo, nin debates, así que a participación só é para quen o poida facer por internet.

Agora a historia repítese, o 26 de decembro quitan simultaneamente 4 regulamentos e un expediente de contratación (algo non previsto) sen publicidade e sen que ninguén se decate, con prazos de 16 días en 3 casos e un mes nos outros dous. Falta novamente a transparencia, parece que se trata de xustificar o requisito pero sen dar pé á participación (nin sequera por internet).


Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/


Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
1 de janeiro de 2019 19:43
30 de dezembro de 2018 23:55
_____________

Enlace relacionado:

https://www.naronparticipa.es/

_________________________

venres, decembro 21, 2018

Os afectados de O Val recollen 824 firmas para pedir á conselleira que se cancele todo proxecto de senda peonil e ciclista na parroquia


Os afectados de O Val recollen 824 firmas para pedir á conselleira que se cancele todo proxecto de senda peonil e ciclista na parroquia


No escrito remitido esta semana á Conselleira, subscrito por 824 firmas, afirman:

Os afectados pola senda despois dun longo proceso no que sentimos ignorados polas Administracións, tras meses solicitando ser escoitados e a apertura de negociacións sobre o proxecto, para finalmente ser enganados polos membros do Goberno local, perdemos a confianza nas Administracións e agora rexeitamos abrir unha negociación para chegar a un novo proxecto da senda e acollémonos á súa decisión de non executar a obra.

Doutra banda, este rexeitamento facémolo extensivo aos outros tramos de senda nas estradas da Xunta en O Val
.”

Tamén queren lembrarlles novamente ás Administracións que cumpran coas leis que elas impoñen, así como as palabras do fiscal coordinador de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado, Bartolomeu  Vargas, que a pasada semana alertaba dos perigos que provoca o mal uso dos patinetes eléctricos e bicicletas, que están a causar problemas cos peóns, que están a ser os grandes prexudicados polos vehículos de mobilidade persoal, e quería deixar clara unha cousa: «As beirarrúas son para os peóns, que son quen máis dereitos teñen nas cidades».

Os afectados cren que a fiscalía debería de poñer freo ás actuacións da Xunta, que presume de levar construídos 100 Km. de sendas mixtas para ciclistas e peóns, obtendo de Europa fondos que deberían ir destinados a carrís bici segregados, destinados ao desenvolvemento dunha mobilidade alternativa real en Galicia.

A Orde VIV/561/2010 di “Os carrís reservados ao tránsito de bicicletas terán o seu propio trazado nos espazos públicos urbanizados, debidamente sinalizado e diferenciado do itinerario peonil”, e o mesmo Plan Director de Mobilidade Alternativa de Galicia fala de xurisprudencia sobre o tema recollendo que «o ciclista ten a condición de condutor de vehículo, e que as beirarrúa e as zonas peonís son destinadas ao tránsito de peóns, “en ambos os casos sen excepción ningunha”».

---

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
21 de dezembro de 2018 08:47

_______________

Enlace relacionado:
Monográfico - Senda Peonil e Ciclista AC-116 no Va.| Narón Aberto - venres, 20 de xullo de 2018 | Ir á Web.


Foto de José Pardo.
________________________

luns, decembro 17, 2018

Eliximos pide a participacion de Narón no Programa de rexeneracion e renovacion urbana e rural do Plan Estatal de Vivenda - ...nos últimos anos a sociedade estase a dar conta da necesidade de cambiar o modelo de vivenda e de urbanización cara a un modelo sustentable e tamén accesible...


Co paso dos anos as áreas urbanas van sufrindo un proceso de degradación física, social e ambiental. A degradación física é a máis evidente e, a veces é parcialmente corrixida, pero vén seguida da ambiental e finalmente a social, que se manifesta en aspectos como o envellecemento demográfico, perda de poboación, abandono de actividades económicas ou baixo nivel de ingresos das persoas residentes.

Por outra parte, nos últimos anos a sociedade estase a dar conta da necesidade de cambiar o modelo de vivenda e de urbanización cara a un modelo sustentable e tamén accesible. Un cambio de modelo que buscase o equilibrio entre a forte expansión promotora dos anteriores anos e o insuficiente mantemento e conservación do parque inmobiliario xa construído, non só porque constituía un alicerce fundamental para garantir a calidade de vida e o goce dun medio urbano adecuado por parte de todos os cidadáns, senón porque ademais, ofrecería un amplo marco para a reactivación do sector da construción, a xeración de emprego e o aforro e a eficiencia enerxética, en consonancia coas esixencias derivadas das directivas europeas na materia.

Aínda que sen chegar á degradación de barrios doutros concellos, como Ferrol, no que xa teñen declaradas cinco zonas clasificadas ARI (Áreas de Rehabilitación Integral) e para as que no pasado mes de outubro se aprobaron 158 proxectos cunha inversión de 5,3 millóns de euros, en Narón temos bastantes areas urbanas que xa levan anos requirindo de unha actuación que as revitalice, como poden ser as Vivendas da Mariña (as máis antigas foron construídas en torno ao ano 1960), as Casas do Bispo, as vivendas de San Clemente, ou o barrio da Solaina.

Na Solaina encóntranse construcións de todas as idades pero en xeral envellecidas, e non hai máis que darse un paseo polo barrio nun sábado para ver moitos baixos de comercios pechados e pouca actividade salvo en zonas concretas. Logo, para ver a diferenza, ir a pasear pola nova praza da Gándara.

O programa de axudas do Plan Estatal permite actuar en distintas liñas que poden ir dende o fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, a súa conservación, a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade das vivendas, e a mellora da calidade, accesibilidade e sustentabilidade do medio urbano.

Dende Eliximos pedímoslle ao Tripartito que leve a cabo os traballos necesarios para que a veciñanza de Narón poida optar a estas axudas no 2019, xa que non encontramos ningunha razón para seguir pospoñéndo.


---

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
17 de dezembro de 2018 12:10

__________

Enlace de interese:
Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 | Programas de axudas á vivenda | Programa 7: Fomento da rexeneración e renovación urbana e rural. | Ir á Web.

________________________________

Multiplicación de obras de precampaña en Narón, construidas para 'arranxar' - 'Outro clásico das obras municipais é a falta de planificación, de criterio ou de coherencia', din desde Eliximos Narón


Cando se cambiou a normativa para evitar a multiplicación de inauguracións en campaña electoral xa se intuía que a picaresca española atoparía outra forma para que os políticos se “luzan” en campaña e precampaña.

Entre formulas xa empregadas e seguida polo Tripartito de Narón é deixar o groso das obras e investimentos para o ano preelectoral. O diñeiro que non se foi investindo en anos anteriores foise acumulando e agora en precampaña desbórdanse de investimentos e obras.

O de “desbordan” tamén vén a conto porque se desborda a capacidade de xestión do Concello cos servizos técnicos, os de intervención e sobre todo o de contratación desbordados e sen capacidade para dar saída ao traballo acumulado. Aínda que isto xa non é algo novo, pois xa vimos que moitas das obras aprobadas o pasado ano, e que deberían terse licitado en 2017, pasáronse a este ano, e bastantes aínda están en proceso de licitación en decembro de 2018.

Outro clásico das obras municipais é a falta de planificación, de criterio ou de coherencia. Así nos atopamos con casos curiosos dos que imos citar algúns como exemplo:

Falta de accesibilidade. Levamos dende o 2015 pelexando pola accesibilidade en Narón, e xa sabemos que é difícil e custoso emendar ou mellorar a realidade xa presente, pero o que non ten desculpa é que as novas obras fáganse con deficiencias de accesibilidade. Conseguimos que se refixesen algúns proxectos para emendar as deficiencias antes de comezar as obras, e noutros conseguimos melloras a posteriori, aínda que noutros non se nos fixo caso, e seguen propoñendo novas obras nas que non se teñen en conta todos os requirimentos legais, aínda que si afirmen o contrario; así que a situación é que se están empezando a facer accesibles algúns espazos mentres que, doutra banda, fanse novas obras sen accesibilidade.

Parques infantís. Aprobouse algún novo parque con chan de cortiza de piñeiro, cando xa se estaban adaptando os existentes con lousas de caucho, e constrúese agora estando aprobada a renovación dos chans para substituír as lousas por un chan continuo de caucho en 10 parques, xa que as lousas non deron o resultado esperado porque se despegan levantándose polas beiras e provocando caídas. Sen embargo, con gran bombo tamén están a anunciar a renovación do parque infantil da Gándara, cun investimento de preto de 154.000 euros e a renovación xeral das súas instalacións, mentres se reutilizan as lousas no lugar de aproveitar a obra para substituílas tamén por un chan continuo, a pesar de que segundo a alcaldesa “Esta praza é un dos espazos máis concorridos da nosa cidade polos nenos e nenas e precisa dun cambio, con novos elementos de xogo e melloras de seguridade”.

Iluminación deficiente. A iluminación é algo esencial en zonas públicas tanto por seguridade, ante posibles actos vandálicos ou fronte a accidentes, como para un uso e goce seguro. Con todo é un dos aspectos máis esquecidos polo Tripartito. Atopámonos con:
  • Iluminación mal distribuída, como no parque de Freixeiro ou na reformada praza do colexio de Xuvia, con zonas moi escuras (1 lux, fronte aos 20 requiridos) e moi preto outras moi claras (280 lux), e mesmo farois instalados entre as ramas das árbores que non cumpren a súa función.
  • Iluminación deficiente en novas instalacións, aínda que teñen algunha porque reciben a da contorna, como na pista multideporte de O Alto (Santa Tecla), algúns parques infantís, ou as escaleiras de acceso ao parque de Piñeiros, etc.
  • Ausencia de iluminación, como o caso do novo parque anexo ao local social de Sedes en cuxo proxecto non se contemplaba iluminación ningunha.
  • A sobreiluminación, incriblemente tamén se dá, chegando mesmo a multiplicala en máis de 2 veces. Por exemplo, o pavillón do colexio da Solaina na que se renovan as lámpadas para, supostamente, mellorar a eficiencia enerxética da instalación, e poñen unha iluminación de 480 lux cando son requiridos 200 para este tipo de instalacións. Está claro que substituír focos doutro tipo polos LED aforran enerxía pero aínda máis se aforraría se se poñen os necesarios e non o dobre, non só en enerxía senón tamén no material da instalación.
• Caldeiras de gasóleo (Viva a eficiencia enerxética !!). Cando as administracións española e europea están a apostar por retirar os combustibles fósiles das fontes enerxéticas e temos alternativas non só máis ecolóxicas senón máis viables economicamente, acaban de aprobar a instalación de caldeiras de gasóleo en para quentar a auga das duchas de instalacións deportivas como na Solaina e O Cadaval. Certo que uns quentadores solares non serían prácticos para este tipo de instalación (aínda que si poderían complementala) pero tendo canalización de gas natural próxima sería a opción para escoller por múltiples vantaxes:
  • Non require dun local específico para a súa instalación, como si require o depósito e a caldeira de gasóleo, e que obrigan a facer obra civil.
  • A caldeira é moito máis barata e con menores necesidades de mantemento e limpeza.
  • O combustible é menos contaminante e non vota fumes molestos para a veciñanza.
  • Ofrece auga quente con moita máis rapidez que a caldeira de gasóleo, etc.
Ademais, hai outros aspectos que non se teñen en conta como a eficiencia enerxética da instalación (caldeira, depósitos, tubaxes, etc.) que varía segundo o tamaño, a capacidade, o illamento, etc. de todos os elementos da instalación.
Pero os naroneses xa poden durmir tranquilos porque (para compensar) o Concello adheriuse á “Declaración de compromiso dos gobernos locais coa axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable”.

Estes son algúns exemplos sen querer entrar en moitos detalles, pero o tema daría para escribir un pequeno (o gran) libro.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
14 de dezembro de 2018 13:59

__________

venres, outubro 26, 2018

A senda da Deputación en San Xiao, un novo despropósito, di o comunicado feito público por Alfonso Casal Pita, concelleiro de Eliximos Narón Electores


A senda da Deputación en San Xiao, un novo despropósito.


A petición da asociación de veciños, estivemos a estudar a situación da senda peonil en construción de San Xiao, e da ampliación e modificación do trazado da estrada de Xuvia a Castro.

A sorpresa foi maiúscula cando vimos que a nova senda non respecta o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se modificou especificamente para recoller os cambios da estrada, é dicir, que a senda peonil en tramos importantes discorre por encima do que ten que ser a nova estrada ou, dito doutro xeito, que cando se faga a nova estrada hai que desfacer boa parte da senda.

Evidentemente isto é unha mala noticia por diversas razóns:

• Supón un novo malgaste, totalmente inxustificado, do diñeiro público.

• Resulta un atraso no obxectivo de chegar a ter o viario reformado.

• Os veciños non terán por onde camiñar cando se fagan as obras da nova estrada.

Atopámonos novamente cun goberno municipal que mira para outro lado cando se trata obras doutra administración a pesar de ser ilegais.

Resulta impensable que a un veciño lle deixasen ampliar unha casa que está fóra de aliñación ou construír en terreo polo que está trazada unha rúa, isto sería unha prevaricación. Entón ¿por que se lle permite á Deputación?.

Ademais da ilegalidade ou o malgaste que supón a senda atopámonos con outros típicos problemas destas obras como o de non axustarse ao proxecto e as chapuzas.

A senda en lugar de ir transcorrendo a nivel da estrada, para o que había que facer algún desmonte, vai subindo e baixando co desnivel do terreo de forma que resulta inaccesible dende a estrada ou para os peóns que queiran pasar á senda dende a outra beira. Tamén as propiedades quedan sen acceso adecuado á estrada. Finalmente, chegado unha zona estreita, mesmo a cambian de man dereita á esquerda para non afrontar unhas expropiacións que van ser inevitables co ensanche da estrada; algo que non se recolle no proxecto e que obriga a un cruzamento aos peóns.

A senda non discorre polo seu trazado definitivo segundo o PXOM, pero tampouco segue o trazado do proxecto pegada á estrada e cunha cuneta formigonada por medio, senón que vai facendo un percorrido un tanto aleatorio esquivando no posible os postes do tendido eléctrico, incluíndo algunha “S” polo medio.


Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
26 de outubro de 2018 12:00

_______________