Amosando publicacións coa etiqueta Erik Dobaño Salgado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Erik Dobaño Salgado. Amosar todas as publicacións

domingo, novembro 18, 2018

Outra prensa é posíbel e necesaria, ... Por Erik Dobaño - O lectorado non baixou, hai que dar con el


Por Erik Dobaño [*]
18.11.2018


Podemos confiar na política ou no Goberno como axentes de cambio social? Nestes tempos os axentes son outros, e a comunicación social é un campo de batalla central.

A disputa está aberta e nada indica que vaian gañar os de sempre: as forzas (no campo da comunicación de masas) non parecen tan desequilibradas e están mudando as regras, o espazo para a disidencia ensanchou. Internet é a ferramenta dunha democratización da comunicación social que aínda non se trasladou á esfera política, pero ese proceso xa comezou, e está producindo cambios nun sistema de medios de comunicación galego estabilizado desde a era Fraga, pero que hoxe debe responder ás mudanzas no xornalismo, e nos modelos de negocio.

Hai tres motivos polos que o público deixou de ir ao quiosque: xa non lle interesa o que lle contan na prensa, interésalle máis o que lle contan noutros sitios ou viuse na obriga de reducir o consumo e prescinde dela. Só un deles ten que ver coa economía doméstica. Nesa crise da prensa diaria en papel, convertida en sinécdoque da transformación dos medios de comunicación, non todo é culpa da situación económica ou da popularización de internet.

As vendas de xornais caen en picado desde hai dous lustros, as tarifas publicitarias abarátanse até o límite da rendibilidade, a diminución de ingresos trouxo despedimentos e deterioro das condicións laborais dos xornalistas. Encadéanse as malas noticias: a eliminación de persoal e a precariedade rebaixan a calidade dos xornais, a necesidade de dispor de fontes regulares de ingresos esixe un aliñamento firme das empresas cos poderes públicos e privados que as financian, a perda de independencia redunda no afastamento do público, e as empresas, moi debilitadas, non son quen de ocupar os espazos que seu público vai descubrindo para seguir informado mentres elas teiman en soster un modelo de negocio e un modelo de xornalismo.

Porén, a crise da prensa en papel non liquidou demasiados xornais. Na Galiza o sistema de medios de comunicación social apenas se viu alterado malia o derrube das cifras de vendas. Resisten grandes e pequenos xenerosamente alimentados con cartos públicos mentres intensifican a explotación das traballadoras e dos traballadores.

Hoxe a televisión, as redes sociais e a radio toman máis vantaxe respecto da información en papel e van minando a influencia dos xornais nas axendas políticas e cidadás. Pero a fascinación polo papel non desapareceu.

Lugares comúns

O discurso académico sobre o sistema de medios de comunicación social no país está cheo de lugares comúns. Un deses lugares comúns que dificultan unha reflexión seria sobre que é o que é este sistema mediático estabelece que as empresas de comunicación definen as súas propias estratexias empresariais e destas depende o seu éxito ou fracaso. Isto é falso, e nunca foi certo.

A estrutura galega de medios configurouse durante os gobernos de Manuel Fraga na Xunta de Galiza. É produto da adaptación dos mecanismos de propaganda e control da ditadura ás novas formas dun Estado de administración multinivel. Os medios dominantes son empresas que medraron polo sometemento ao poder das armas; as demais foron eliminadas. As subvencións públicas na era Fraga (e as achegas privadas desde o poder) definiron o éxito ou fracaso das diferentes empresas. O poder político determinou a funcionalidade dos medios. Están ao seu servizo.

O sistema de medios de comunicación social galego non é plural nin polarizado, como suxiren as definicións académicas. É homoxéneo. Non hai diferenza na xestión e execución entre os medios públicos e os medios privados, que ao fin son ferramentas de control social ao servizo dun único poder que está fóra dos medios. Non existe, en puridade, un sistema (presuporía un dinamismo que está ausente) e o que funciona é unha estrutura consolidada desde hai décadas na que os actores non compiten, senón que asumen os roles precisos cando o poder o determina.

Nunca antes vivimos unha época con tanta información en circulación nin cunha axenda de asuntos tan ampla. Entramos no campo da disidencia e as regras están mudando. O xornalismo ten que mudar, os modelos de negocio están mudando, o sistema de medios apuntalado polos poderes políticos e económicos tamén será movido.

Condicións

Non hai que facer moito máis esforzo que desprenderse de todo o que aprendemos nas redaccións e nas relacións dentro das redaccións, e nas relacións coa academia, coas asociacións de xornalistas e coas asociacións da prensa nestes últimos 25 anos, e elevarse un pouco por riba dos prexuízos que esixen un método que moitas veces oculta a verdade para responder con seguridade á pregunta tácita no titular: éo, e ademais, necesaria.

Pero os poderes que mandan nos medios non van deixar medrar nada que non se adapte á propia estrutura. A primeira condición de posibilidade desa outra prensa é nacer oculta ao poder e afastada da estrutura. Medrar cara ás raíces, cara a abaixo.

No pasado, o poder tiña a capacidade de definir o espazo, as regras e os actores. Iso fixo Fraga coa herdanza do franquismo. Renovou a estrutura. No canto das armas, utilizou diñeiro. Transformou a organización local e provincial da influencia dos medios. Fraga utilizou a televisión e a radio públicas galegas para alentar unha comunicación de masas rexional. Precisaba dun medio escrito que completara o campo e atopouno en La Voz de Galicia, que foi o instrumento para adaptar o mercado de prensa ás esixencias do poder fraguista a través dun esforzo editorial sen precedentes no Estado, con edicións en todas as cidades e nas comarcas máis populosas e abundantemente subvencionado desde a Xunta de Galiza (como acredita en parte o DOG, pero só en parte) até hoxe mesmo. La Voz quedou coa metade do pastel (cartos e lectores); o resto de medios hexemónicos ficaron confinados ás áreas de influencia, locais ou provinciais, que foran conquistando mais tamén sostidos desde o poder polos mesmos mecanismos. Todos. Sen excepción. Era como volver parar o tempo. Outros corenta anos.

Aquí o relato da academia funciona mellor como retrato: un medio dominante no territorio (coa televisión e a radio públicas como caixas de resonancia… La Voz marca a axenda), medios confinados a espazos reducidos, conxunto con escasa relevancia no sistema de medios estatal, e tamén escasa penetración da prensa estatal, estabilidade, un mercado cativo (que dirían os economistas) cun público tamén preso.

O que desgasta esa estrutura non é a crise. Pode que a crise acelere o proceso. Mais o desgaste comezou hai tempo. Mesmo hoxe a estrutura perdeu parte da súa capacidade de condicionar os discursos académico e social sobre si mesma. E os lugares comúns constrúense agora na rede. O factor que desbarata a estabilidade, os futuros previsíbeis, é internet.

Contrapoder

O xornalismo alternativo (en canto penetrado por valores democráticos) na web, no audiovisual e tamén en prensa existe desde hai anos e prolifera nos espazos para a comunicación social que foi abrindo internet. O que non existen son medios alternativos masivos, salvo nalgunhas nacións do Estado con sistemas mediáticos consolidados e non subsidiarios do español.

En Catalunya hai unha prensa escrita, medios audiovisuais e dixitais escritos e falados en catalán que funcionan como contrapoder e acompañan o proceso descolonizador en marcha. En Euskadi ese mesmo contrapoder mediático sobreviviu á represión das liberdades que até hai pouco circunscribíase ao ámbito vasco e que agora se estende a todo o Estado. Estes contrapoderes mediáticos en Catalunya e Euskadi, masivos nunha medida de conxunto, teñen dúas características comúns: están creados na lingua propia e desde a esquerda política catalá e vasca. Son unha fenda no sistema.

A segunda condición de posibilidade desa outra prensa nun país como Galiza é medrar desde posicións de contrapoder en defensa da lingua e da transformación social. Cara ás raíces, cara a abaixo, até facer fenda na estrutura.

As mudanzas empezan por afectar o xornalismo e continúan polos modelos empresariais que son precisos para dar acubillo a ese xornalismo democratizador, comprometido cun oficio no que "non é a imparcialidade, senón a independencia o que realmente importa" (James Harding, ex director de The Times) e comprometido coas cuestións fundamentais do seu tempo.

E neses modelos o de menos son as plataformas, que teñen un futuro común no xornalismo alternativo, que funciona igual de ben no papel que na web ou no audiovisual. Rebaixadas as barreiras para participar da tecnoloxía, o papel é unha ferramenta máis, nin moito menos obsoleta. O seu abandono polo público non ten tanto que ver coa crise nin con internet como co primeiro dos motivos polos que se foi deixando de ir aos quiosques.

Hai máis de vinte anos preguntábanlle a Rosana Rossanda polas circunstancias que fixeran posíbel Il Manifesto. Esta foi a resposta: "Un pequeno periódico independente vive se non está menos, senón máis informado que os demais, se selecciona sen sectarismos as súas prioridades de información, se non esconde o seu punto de vista, e se acepta o debate e a crítica. Ningún dos grandes periódicos cumpre todas estas opcións".

Hoxe sabemos que non son as empresas de comunicación as axentes nos procesos de comunicación social, nin moito menos as xornalistas e os xornalistas, e xamais o foron as lectoras e os lectores. Por iso, a terceira condición de posibilidade para esa outra prensa é nacer como empresa contraria aos verdadeiros axentes da comunicación e constituírse como empresa popular, aberta, plural, na que as decisións se sosteñan no compromiso das xornalistas e dos xornalistas e no das lectoras e lectores. E estes dous planos, o da empresa de comunicación como ferramenta de contrapoder e como fórmula de comunicación desde abaixo, coinciden no eixo da democratización.

Oportunidade

Hai que atender a urxencia da oportunidade. Antes que posíbel, esa outra prensa é necesaria no país. Ten espazo, porque a tarta de lectores dos grandes medios diminuíu, pero non diminuíron os lectores. Foron abandonados. Probabelmente a perda de potencia do sistema mediático teña que ver coa súa incapacidade de ocupar todos espazos aos que se abriu internet, e neses espazos que fican baleiros está o futuro. Están o espazo da lingua e o da transformación social. O espazo da democracia, o do pluralismo, o da información veraz e o da descolonización das mentes. O espazo do feminismo e o do ecoloxismo. Son estes lugares nos que se atopan as lectoras e lectores.

Desde o punto de vista da lingua, semella que o galego anda nunha situación crítica. Os indicadores están en vermello. Pode que sexa posíbel minorizar unha lingua até o límite da extinción, mais hoxe eses espazos para a resistencia multiplicáronse. Facer comunicación en galego nunca foi máis sinxelo. Pero ollo, non se trata de facer comunicación social só polo feito de facela en galego. Iso sería limitar os espazos.

Desde o punto de vista da transformación social, os indicadores teñen a mesma cor. E aquí si que a comunicación social debería ser instrumental. Como ferramenta de contrapoder. Tampouco será preciso teorizar nesta argumentación respecto do sufrimento que vai aparellado á descomposición do réxime político e económico actual. A oportunidade está na urxencia.

Estas son só unhas bases para pensar na necesidade de crear novos medios que compitan de verdade contra esa estrutura mediática en declive, pero que aínda non colapsou (veremos o tempo que lle leva…).

Os públicos volverán ao papel, irán e virán, navegarán pola rede ou polas ondas do audiovisual. Elixirán en cada momento a súa plataforma. Pero o papel non morreu; son os enroques editoriais, que nada teñen que ver co xornalismo e moito co interese das empresas de manterse subsidiadas, porque é o que fixeron sempre, á calor do poder, os que provocaron a fuxida das lectoras e dos lectores.

Hai aínda unha razón máis para acreditar nas posibilidades dunha prensa galega en papel e na súa necesidade: o papel é, xa hoxe, imprescindíbel en calquera estratexia de derrubamento da estrutura mediática porque é o franco máis débil dela.

[*] Erik Dobaño Salgado, Ourense 1970. Licenciado en Políticas (Complutense, 1993) Máster en Xornalismo (La Voz de Galicia, Univesidade de A Coruña, 1994) Máster en Comunicación e Marketing Político (Universidade de Santiago de Compostela, 2014). Escribeu en xornais convencionais como La Voz de Galicia, La Región, Diario 16, ... e na actualidade participa en: adiante laduda, entrenosdigital, sermosgaliza). | No twitter. |

[Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego"]

Fonte: Sermos - O Diario Galego. | 13 de Novembro de 2018.

_______