Amosando publicacións coa etiqueta Sermos O Diario Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sermos O Diario Galego. Amosar todas as publicacións

mércores, maio 08, 2019

'Nós Diario', o nome do xornal en papel que impulsa Sermos Galiza - Após realizar a Xunta Xeral de Accionistas, Sermos Galiza S.A. presentou publicamente o cabeceiro de Nós Diario, o xornal en papel, con edición dixital os 365 días do ano, que verá a luz a finais de 2019


Nós Diario, o nome do xornal en papel que impulsa Sermos Galiza. | Após realizar a Xunta Xeral de Accionistas, Sermos Galiza S.A. presentou publicamente o cabeceiro de Nós Diario, o xornal en papel, con edición dixital os 365 días do ano, que verá a luz a finais de 2019.


Sermos Galiza S.A. presentou o cabeceiro e as características principais de Nós, o diario en galego que verá a luz a final de ano. Fíxoo nun acto que decorreu na mañá do sábado, após a Xunta Xeral de Accionistas, na Nave de Vidán en Compostela, onde se fixeron públicas as principais liñas de deseño do diario en papel, que nacerá á par dun diario dixital cunha importante presenza audiovisual.

O primeiro en tomar a palabra foi Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., quen lembrou as datas significativas que marcaron a posta en marcha do diario en galego. “A primeira, o 24 de novembro de 2017, día en que fixemos pública a intención de ofrecer máis contidos a través dun diario en papel durante cinco días á semana. A decisión susténtase en dúas ideas base: un diario en papel é necesario e é posíbel”, expuxo o tamén conselleiro delegado, que foi debullando a cronoloxía da iniciativa.

Costa afirmou que o proxecto foi concibido “sobre o marco da pluralidade e do diálogo entre Sermos Galiza S.A. e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real, na certeza de que esta iniciativa ten que abranguer e ser participada por todas as persoas que conforman a nosa base lectora”. “É así como queremos construír este diario de intereses galegos, profesional e colaborativo para así ofrecer información e análise con rigor e perspectiva propia ao servizo, sempre, do pobo galego”, engadiu.

"Os primeiros números cero do diario en papel verán a luz a finais de ano e a partir do 2 de xaneiro de 2020 sairá ás rúas de terzas feiras a sábados e no formato web, todos os días do ano"

Desde hoxe comeza a conta atrás para que no final deste ano poidamos ter nas mans un diario que servirá para facer normal o que agora é unha anomalía, para traer ao primeiro plano informativo todos os temas que agora non se ven reflectidos na prensa convencional, para botar unha ollada construtiva cara á realidade galega, para contribuír a conformar, como pobo, unha opinión obxectiva e contrastada sobre todo o que nos afecta”, destacou. Os primeiros números cero do diario en papel comezarán a prepararse no mes de outubro e verán a luz a finais de ano e a partir do 2 de xaneiro de 2020 o diario en papel sairá ás rúas de terzas feiras a sábados e no formato web estará actualizado todos os días do ano.

Un xornalismo socialmente responsábel

María Obelleiro, directora de Sermos Galiza, interveu para dar a coñecer as características do diario, que apostará, dixo, nun “xornalismo socialmente responsábel, con información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas que non dirixirá o lectorado, senón que contribuirá a que sexan as lectoras e os lectores quen conformen a súa opinión en base á obxectividade e ao contraste”. “Así é como queremos construír a actualidade, pois o xornalismo non debería buscar máis recompensa que a satisfacción de facilitarlle ao lectorado máis elementos de xuízo para se formar unha idea do mundo”, salientou.

A xornalista expuxo a estrutura do diario en papel, que contará con catro seccións principais que evitarán a lectura fechada dos medios convencionais. Así, presentará a información nos módulos Galiza, Economía-Traballo, Internacional e Cultura-Axenda. Ademais, incorporará tres seccións de ruptura (Opinión, En foco e Última, que cada día recollerá o editorial coa análise do medio en relación á actualidade).

A respecto da axenda, a xornalista apuntou que “Nós Diario quere situarse na vangarda, con temáticas que carecen de espazo na axenda mediática e que afectan e preocupan ás galegas e galegos”. “Cultura, traballo, ecoloxía, feminismos, lingua, historia, diáspora, economía, memoria, dereitos e liberdades civís, mobilidade… son algúns dos fíos que tecerán os textos do xornal”, agregou.

"O proxecto vai alén do diario en papel, pois a aposta é multisoporte, cun dixital que se actualizará os 365 días do ano e que potenciará o contido audiovisual"

A directora de Sermos Galiza puxo énfase na característica multisoporte de Nós Diario, pois o proxecto vai alén do xornal en papel –que se publicará de terzas a sábados, este día co Sermos Galiza como suplemento fin de semana– para reforzar a aposta no dixital, que se actualizará os 365 días do ano e que potenciará as pezas audiovisuais, unha tendencia consolidada na rede. A reflexión e a información en profundidade virá da man de Sermos Galiza, pois o actual semanario vira en suplemento de fin de semana.

Pepe Barro: “O novo deseño debe expresar futuro

Pepe Barro, deseñador, responsábel da creación do proxecto gráfico, tomou a palabra para explicar que Nós “xa fala de historia, de cultura, de galeguismo. O novo deseño debe expresar futuro e, tal como fixo Castelao, usamos os códigos do noso tempo, do deseño internacional”. “Procuramos unhas letras con valores branco-negro semellantes ao ‘Nós’ histórico, e só revirando o acento, ampliándoo e pintándoo de azul dicimos Galiza: todos e todas ‘a nosa voz entenden’”, sinalou.

O deseñador subliñou o uso da tipografía do profesor galego da Universidade de Vigo, Marcos Dopico. “A Atlántica Serif Display é unha versión das clásicas letras con remates –serif– para tamaños grandes, concibida cunha forte personalidade que dará carácter aos titulares do xornal. Máis Grotesk é a versión de Dopico das clásicas letras de pau seco que en Nós Diario estarán de apoio. Isaac Estreita é tamén outra tipo que reinterpreta un canon, desta vez o das letras estreitas ou condensadas”, afirmou o grafista. Para corpo do texto, Barro optou pola Georgia, unha tipografía caracterizada pola súa lexibilidade.

O nome

A denominación Nós é unha creación orixinal de Castelao que responde a unha encomenda do escritor Eladio Rodríguez, que en 1918 bota a andar unhas páxinas especiais sobre literatura galega no xornal coruñés El Noroeste. A denominación e a súa forma gráfica son parte do deseño da cabeceira que realiza Castelao.

Despois foi o título do seu Álbum Nós e logo, no mesmo ano da exposición pública do Álbum, pasou a dar nome á revista. En 1920, tal como apunta Vicente Risco: “O Castelao foi o padriño: o tíduo Nós pertenecíalle a il; era o do seu fermoso álbum, no que Galiza xeme, chora, maldizoa e rebélase en cincuenta sepias ademirábeles”. Co mesmo pronome plural, en 1927 Ánxel Casal nomea á súa editora: Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Co diario en papel, que aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e a ser referente no panorama mediático da Galiza, Nós continúa na vangarda e camiña cara ao futuro.

"As persoas participantes foron agasalladas cunha publicación especial de doce páxinas que amosan parte do deseño de Pepe Barro"

Ao rematar o acto, Sermos Galiza entregou ás persoas asistentes unha publicación especial de doce páxinas en que se amosan parte do deseño de Pepe Barro e onde escriben o propio grafista, Xoán Costa, María Obelleiro e a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo. Na próxima semana este adianto do deseño de Nós Diario será entregado ás persoas subscritoras de Sermos Galiza co semanario.

A subscrición, o paso necesario


Sermos Galiza, S.A. marcou en 3.000 as presubscricións mínimas para garantir a estabilidade financeira precisa que permitiría manter a edición do diario. Despois de percorrer Galiza para difundir o proxecto, acadáronse. Así o lembraba o presidente do Consello de Administración, quen agradeceu o apoio de todas as persoas asinantes. As subscricións, advertía, "son o pasaporte a unha viaxe que nos levará a facer de Nós Diario un xornal forte, aberto a todas e a todos os que apostan no desenvolvemento económico, social e cultural do noso país".

Cantas máis mans sirvan como base do diario, máis calidade xornalística poderemos ofrecer”, salientaba Costa, “o apoio económico é a mellor maneira de garantir a estabilidade necesaria para poder ofrecer un xornalismo de calidade”.

⏩ Nesta ligazón recóllense as distintas modalidades de subscrición.

⏩ Publicado en Sermos Galiza - 04.05.2019 | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-nd/2.5.

⏩ Álbum fotográfico do acto de presentación. | Ir á Web.
________

luns, xaneiro 21, 2019

Lográmolo: en 2019 haberá un diario en galego - O representará un punto de inflexión no panorama mediático coa saída, a finais de ano, dun diario en papel en Galego - As máis de 3.000 presubscricións logradas até o momento supoñen o pasaporte para que a lingua galega e a defensa dos intereses galegos sexan protagonistas dun xornal aberto a todo o pobo

De esquerda a dereita: Xoán Colazo, Xurxo Souto, Nicolasa Castro, Roberto Vilameá, Marga Romero,
Xoán Costa, Rubén Lois, Nemésio Barxa, Sira Vidal e Manuel da Cal, diante do mapa de Fontán,
no Parlamento de Galiza. (Foto Xoan Muras.)
Un diario en papel en galego verá a luz a finais de 2019. O que naceu como un proxecto hai apenas un ano farase realidade ao lograrmos chegar ás 3.000 presubscricións, o obxectivo mínimo marcado para garantir a estabilidade financeira que permita afrontar os custos de edición do diario en papel e na internet. Unha cantidade que aspiramos a aumentar ao mantermos aberto o formulario de subscrición.

2019 representará un punto de inflexión no panorama mediático coa saída, a finais de ano, dun diario en papel en galego, como acordou na mañá do sábado o Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A., que celebrou simbolicamente a decisión cunha fotografía no Parlamento galego ante o mapa de Fontán, quen permitiu descubrir Galiza no debuxo exacto do país.

Para uns a Terra é o pequeno berce no que naceron: apenas un fermoso val (...). Para outros, a Terra é tan grande que soamente alcanzan a vela no mapa de Fontán”, deixou escrito Castelao a respecto da célebre Carta Xeométrica. Adiantándose ás imaxes dos satélites, Domingo Fontán logrou fotografar Galiza e situala na vangarda científica. E Galiza é o norte do compás do diario en galego, que camiñará de maneira construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da realidade galega. Unha realidade esquecida nas páxinas dos xornais e que nos levarán a reflectir unha cartografía completa de Galiza onde teñan cabida temáticas como o traballo, a cultura, a ecoloxía, os feminismos, a lingua, a diáspora, a economía, a memoria, a historia ou os dereitos e liberdades civís.

As máis de 3.000 presubscricións logradas até o momento supoñen o pasaporte para que a lingua galega e a defensa dos intereses galegos sexan protagonistas dun xornal aberto a todo o pobo e que tratará cantos asuntos repercutan sobre o benestar económico, social e cultural de Galiza. O proxecto, presentado publicamente o 29 de xaneiro de 2018 en Compostela, perante unha nutrida representación da sociedade galega, nacía vinculado a conseguir o obxectivo de 3.000 subscricións, o mínimo que garantiría a estabilidade financeira precisa para afrontar os custos de edición do diario en papel e do diario dixital.

Subscricións abertas para sermos máis fortes


Unha vez acadada a cifra, o Consello de Administración de Sermos Galiza afanarase en ampliar apoios para dotar dunha maior fortaleza o diario. De aí que se manteña aberto o formulario de subscricións, que pode facerse chegar a través desta ligazón ou por correo postal. “Queremos ir a máis. Por iso nos diriximos a quen dubidaba do proxecto: coñeceremos as páxinas do xornal a finais de 2019”, salienta Xoán Costa, presidente e conselleiro delegado do Consello de Administración, que apela a xuntar máis apoio económico daquelas persoas cun pensamento e comportamento aberto, actual e implicado que non ven satisfeitas na prensa convencional as súas ideas de avanzo social.

Cantas máis sexamos, de maior calidade será un xornal nacional, profesional e colaborativo que ofrecerá información de terzas feiras a sábado, nun total de 260 edicións en papel ao ano, e todos os días na súa versión dixital. O futuro, expón Costa, pasa polo xornalismo multiplataforma e polas sinerxias entre a edición impresa –que segue a ser o soporte que maior credibilidade comporta– coas posibilidades audiovisuais que ofrece a rede. Acompañará o diario en papel –que constará de 32 páxinas a cor– Sermos Galiza que deixará de editarse de maneira autónoma como semanario para se converter no suplemento do novo xornal.

Agradecemento do Consello de Administración

O presidente do Consello de Administración lembra que “cando anunciamos o proxecto eramos conscientes de que partiamos coas limitacións de quen comeza sen apoios de ningunha grande empresa ou grupo de presión detrás, mais tiñamos o convencemento de lograrmos que as galegas e galegos non aforrarían esforzos para facer do soño unha realidade”.

Diciamos no final da campaña: se ti estás, chegamos. E así foi. De aí que o Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A. queira expresar o seu agradecemento máis sincero a todas cantas persoas que procuran un cambio de seu no país e que acreditan nun diario imprescindíbel para que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada”, conclúe Xoán Costa, que chama a seguir sumando mans baixo a convición de que para nos erixir nunha sociedade libre, necesitamos unha prensa incorruptíbel e independente dos grandes poderes.

Podes subscribirte ao diario en galego nesta ligazón.

https://www.sermosodiariogalego.gal/participa/

Fonte: Sermos Galiza. | Baixo Licenza Creative Commons - by-nc-nd/2.5.
________

domingo, novembro 18, 2018

Outra prensa é posíbel e necesaria, ... Por Erik Dobaño - O lectorado non baixou, hai que dar con el


Por Erik Dobaño [*]
18.11.2018


Podemos confiar na política ou no Goberno como axentes de cambio social? Nestes tempos os axentes son outros, e a comunicación social é un campo de batalla central.

A disputa está aberta e nada indica que vaian gañar os de sempre: as forzas (no campo da comunicación de masas) non parecen tan desequilibradas e están mudando as regras, o espazo para a disidencia ensanchou. Internet é a ferramenta dunha democratización da comunicación social que aínda non se trasladou á esfera política, pero ese proceso xa comezou, e está producindo cambios nun sistema de medios de comunicación galego estabilizado desde a era Fraga, pero que hoxe debe responder ás mudanzas no xornalismo, e nos modelos de negocio.

Hai tres motivos polos que o público deixou de ir ao quiosque: xa non lle interesa o que lle contan na prensa, interésalle máis o que lle contan noutros sitios ou viuse na obriga de reducir o consumo e prescinde dela. Só un deles ten que ver coa economía doméstica. Nesa crise da prensa diaria en papel, convertida en sinécdoque da transformación dos medios de comunicación, non todo é culpa da situación económica ou da popularización de internet.

As vendas de xornais caen en picado desde hai dous lustros, as tarifas publicitarias abarátanse até o límite da rendibilidade, a diminución de ingresos trouxo despedimentos e deterioro das condicións laborais dos xornalistas. Encadéanse as malas noticias: a eliminación de persoal e a precariedade rebaixan a calidade dos xornais, a necesidade de dispor de fontes regulares de ingresos esixe un aliñamento firme das empresas cos poderes públicos e privados que as financian, a perda de independencia redunda no afastamento do público, e as empresas, moi debilitadas, non son quen de ocupar os espazos que seu público vai descubrindo para seguir informado mentres elas teiman en soster un modelo de negocio e un modelo de xornalismo.

Porén, a crise da prensa en papel non liquidou demasiados xornais. Na Galiza o sistema de medios de comunicación social apenas se viu alterado malia o derrube das cifras de vendas. Resisten grandes e pequenos xenerosamente alimentados con cartos públicos mentres intensifican a explotación das traballadoras e dos traballadores.

Hoxe a televisión, as redes sociais e a radio toman máis vantaxe respecto da información en papel e van minando a influencia dos xornais nas axendas políticas e cidadás. Pero a fascinación polo papel non desapareceu.

Lugares comúns

O discurso académico sobre o sistema de medios de comunicación social no país está cheo de lugares comúns. Un deses lugares comúns que dificultan unha reflexión seria sobre que é o que é este sistema mediático estabelece que as empresas de comunicación definen as súas propias estratexias empresariais e destas depende o seu éxito ou fracaso. Isto é falso, e nunca foi certo.

A estrutura galega de medios configurouse durante os gobernos de Manuel Fraga na Xunta de Galiza. É produto da adaptación dos mecanismos de propaganda e control da ditadura ás novas formas dun Estado de administración multinivel. Os medios dominantes son empresas que medraron polo sometemento ao poder das armas; as demais foron eliminadas. As subvencións públicas na era Fraga (e as achegas privadas desde o poder) definiron o éxito ou fracaso das diferentes empresas. O poder político determinou a funcionalidade dos medios. Están ao seu servizo.

O sistema de medios de comunicación social galego non é plural nin polarizado, como suxiren as definicións académicas. É homoxéneo. Non hai diferenza na xestión e execución entre os medios públicos e os medios privados, que ao fin son ferramentas de control social ao servizo dun único poder que está fóra dos medios. Non existe, en puridade, un sistema (presuporía un dinamismo que está ausente) e o que funciona é unha estrutura consolidada desde hai décadas na que os actores non compiten, senón que asumen os roles precisos cando o poder o determina.

Nunca antes vivimos unha época con tanta información en circulación nin cunha axenda de asuntos tan ampla. Entramos no campo da disidencia e as regras están mudando. O xornalismo ten que mudar, os modelos de negocio están mudando, o sistema de medios apuntalado polos poderes políticos e económicos tamén será movido.

Condicións

Non hai que facer moito máis esforzo que desprenderse de todo o que aprendemos nas redaccións e nas relacións dentro das redaccións, e nas relacións coa academia, coas asociacións de xornalistas e coas asociacións da prensa nestes últimos 25 anos, e elevarse un pouco por riba dos prexuízos que esixen un método que moitas veces oculta a verdade para responder con seguridade á pregunta tácita no titular: éo, e ademais, necesaria.

Pero os poderes que mandan nos medios non van deixar medrar nada que non se adapte á propia estrutura. A primeira condición de posibilidade desa outra prensa é nacer oculta ao poder e afastada da estrutura. Medrar cara ás raíces, cara a abaixo.

No pasado, o poder tiña a capacidade de definir o espazo, as regras e os actores. Iso fixo Fraga coa herdanza do franquismo. Renovou a estrutura. No canto das armas, utilizou diñeiro. Transformou a organización local e provincial da influencia dos medios. Fraga utilizou a televisión e a radio públicas galegas para alentar unha comunicación de masas rexional. Precisaba dun medio escrito que completara o campo e atopouno en La Voz de Galicia, que foi o instrumento para adaptar o mercado de prensa ás esixencias do poder fraguista a través dun esforzo editorial sen precedentes no Estado, con edicións en todas as cidades e nas comarcas máis populosas e abundantemente subvencionado desde a Xunta de Galiza (como acredita en parte o DOG, pero só en parte) até hoxe mesmo. La Voz quedou coa metade do pastel (cartos e lectores); o resto de medios hexemónicos ficaron confinados ás áreas de influencia, locais ou provinciais, que foran conquistando mais tamén sostidos desde o poder polos mesmos mecanismos. Todos. Sen excepción. Era como volver parar o tempo. Outros corenta anos.

Aquí o relato da academia funciona mellor como retrato: un medio dominante no territorio (coa televisión e a radio públicas como caixas de resonancia… La Voz marca a axenda), medios confinados a espazos reducidos, conxunto con escasa relevancia no sistema de medios estatal, e tamén escasa penetración da prensa estatal, estabilidade, un mercado cativo (que dirían os economistas) cun público tamén preso.

O que desgasta esa estrutura non é a crise. Pode que a crise acelere o proceso. Mais o desgaste comezou hai tempo. Mesmo hoxe a estrutura perdeu parte da súa capacidade de condicionar os discursos académico e social sobre si mesma. E os lugares comúns constrúense agora na rede. O factor que desbarata a estabilidade, os futuros previsíbeis, é internet.

Contrapoder

O xornalismo alternativo (en canto penetrado por valores democráticos) na web, no audiovisual e tamén en prensa existe desde hai anos e prolifera nos espazos para a comunicación social que foi abrindo internet. O que non existen son medios alternativos masivos, salvo nalgunhas nacións do Estado con sistemas mediáticos consolidados e non subsidiarios do español.

En Catalunya hai unha prensa escrita, medios audiovisuais e dixitais escritos e falados en catalán que funcionan como contrapoder e acompañan o proceso descolonizador en marcha. En Euskadi ese mesmo contrapoder mediático sobreviviu á represión das liberdades que até hai pouco circunscribíase ao ámbito vasco e que agora se estende a todo o Estado. Estes contrapoderes mediáticos en Catalunya e Euskadi, masivos nunha medida de conxunto, teñen dúas características comúns: están creados na lingua propia e desde a esquerda política catalá e vasca. Son unha fenda no sistema.

A segunda condición de posibilidade desa outra prensa nun país como Galiza é medrar desde posicións de contrapoder en defensa da lingua e da transformación social. Cara ás raíces, cara a abaixo, até facer fenda na estrutura.

As mudanzas empezan por afectar o xornalismo e continúan polos modelos empresariais que son precisos para dar acubillo a ese xornalismo democratizador, comprometido cun oficio no que "non é a imparcialidade, senón a independencia o que realmente importa" (James Harding, ex director de The Times) e comprometido coas cuestións fundamentais do seu tempo.

E neses modelos o de menos son as plataformas, que teñen un futuro común no xornalismo alternativo, que funciona igual de ben no papel que na web ou no audiovisual. Rebaixadas as barreiras para participar da tecnoloxía, o papel é unha ferramenta máis, nin moito menos obsoleta. O seu abandono polo público non ten tanto que ver coa crise nin con internet como co primeiro dos motivos polos que se foi deixando de ir aos quiosques.

Hai máis de vinte anos preguntábanlle a Rosana Rossanda polas circunstancias que fixeran posíbel Il Manifesto. Esta foi a resposta: "Un pequeno periódico independente vive se non está menos, senón máis informado que os demais, se selecciona sen sectarismos as súas prioridades de información, se non esconde o seu punto de vista, e se acepta o debate e a crítica. Ningún dos grandes periódicos cumpre todas estas opcións".

Hoxe sabemos que non son as empresas de comunicación as axentes nos procesos de comunicación social, nin moito menos as xornalistas e os xornalistas, e xamais o foron as lectoras e os lectores. Por iso, a terceira condición de posibilidade para esa outra prensa é nacer como empresa contraria aos verdadeiros axentes da comunicación e constituírse como empresa popular, aberta, plural, na que as decisións se sosteñan no compromiso das xornalistas e dos xornalistas e no das lectoras e lectores. E estes dous planos, o da empresa de comunicación como ferramenta de contrapoder e como fórmula de comunicación desde abaixo, coinciden no eixo da democratización.

Oportunidade

Hai que atender a urxencia da oportunidade. Antes que posíbel, esa outra prensa é necesaria no país. Ten espazo, porque a tarta de lectores dos grandes medios diminuíu, pero non diminuíron os lectores. Foron abandonados. Probabelmente a perda de potencia do sistema mediático teña que ver coa súa incapacidade de ocupar todos espazos aos que se abriu internet, e neses espazos que fican baleiros está o futuro. Están o espazo da lingua e o da transformación social. O espazo da democracia, o do pluralismo, o da información veraz e o da descolonización das mentes. O espazo do feminismo e o do ecoloxismo. Son estes lugares nos que se atopan as lectoras e lectores.

Desde o punto de vista da lingua, semella que o galego anda nunha situación crítica. Os indicadores están en vermello. Pode que sexa posíbel minorizar unha lingua até o límite da extinción, mais hoxe eses espazos para a resistencia multiplicáronse. Facer comunicación en galego nunca foi máis sinxelo. Pero ollo, non se trata de facer comunicación social só polo feito de facela en galego. Iso sería limitar os espazos.

Desde o punto de vista da transformación social, os indicadores teñen a mesma cor. E aquí si que a comunicación social debería ser instrumental. Como ferramenta de contrapoder. Tampouco será preciso teorizar nesta argumentación respecto do sufrimento que vai aparellado á descomposición do réxime político e económico actual. A oportunidade está na urxencia.

Estas son só unhas bases para pensar na necesidade de crear novos medios que compitan de verdade contra esa estrutura mediática en declive, pero que aínda non colapsou (veremos o tempo que lle leva…).

Os públicos volverán ao papel, irán e virán, navegarán pola rede ou polas ondas do audiovisual. Elixirán en cada momento a súa plataforma. Pero o papel non morreu; son os enroques editoriais, que nada teñen que ver co xornalismo e moito co interese das empresas de manterse subsidiadas, porque é o que fixeron sempre, á calor do poder, os que provocaron a fuxida das lectoras e dos lectores.

Hai aínda unha razón máis para acreditar nas posibilidades dunha prensa galega en papel e na súa necesidade: o papel é, xa hoxe, imprescindíbel en calquera estratexia de derrubamento da estrutura mediática porque é o franco máis débil dela.

[*] Erik Dobaño Salgado, Ourense 1970. Licenciado en Políticas (Complutense, 1993) Máster en Xornalismo (La Voz de Galicia, Univesidade de A Coruña, 1994) Máster en Comunicación e Marketing Político (Universidade de Santiago de Compostela, 2014). Escribeu en xornais convencionais como La Voz de Galicia, La Región, Diario 16, ... e na actualidade participa en: adiante laduda, entrenosdigital, sermosgaliza). | No twitter. |

[Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego"]

Fonte: Sermos - O Diario Galego. | 13 de Novembro de 2018.

_______

domingo, agosto 26, 2018

Apoiemos a 'Sermos O Diario Galego' - Sermos Galiza reforza a aposta por un diario galego para 2019 - En novembro de 2017 Sermos Galiza S.A. fixo pública a intención de lanzar un diario en papel en 2019, sustentado a súa viabilidade en lograr 3.000 subscricións. Aquela aposta permanece viva e contarmos en 2019 cun diario en papel é un obxectivo posíbel - Mais aínda o obxectivo de 3.000 subscritoras non foi acadado


En novembro de 2017 Sermos Galiza S.A. fixo pública a intención de lanzar un diario en papel en 2019, sustentado a súa viabilidade en lograr 3.000 subscricións. Aquela aposta permanece viva e contarmos en 2019 cun diario en papel é un obxectivo posíbel.


Co resultado do traballo desenvolto desde aquela e coa certeza de lograrmos o obxectivo marcado, Sermos Galiza S.A. fai un chamamento a apoiar este proxecto en base ás seguintes consideracións:

1º) Sermos Galiza S.A. presentou en xaneiro deste ano a proposta de editarmos un Diario Galego. A mesma produciuse despois dunha ampla recollida de ideas e suxestións no marco da celebración do V aniversario –en 2017– da posta en marcha do semanario “Sermos Galiza” e do dixital www.sermosgaliza.gal e contou coas inestimábeis achegas do Grupo Impulsor do Diario Galego, que ficou conformado por un amplo e representativo abano da sociedade galega con 178 persoas.

2º) A proposta atopou un xeneroso acollemento na base de subscritoras e subscritores do semanario “Sermos Galiza” así como noutros públicos aos que fomos quen de chegar por medio da organización de 50 presentacións públicas e tamén de campañas de difusión nas redes sociais. No contacto directo coas persoas que se achegaron a escoitar as liñas básicas deste proxecto que denominamos “Sermos O Diario Galego” establecemos un diálogo enriquecedor onde se agrandou e mellorou a perspectiva que un medio de comunicación alternativo e galego debe ter presente. Este laborioso traballo non tería sido posíbel sen a participación de ducias de entidades sociais e de persoas a título particular que se implicaron na promoción destes actos públicos e aos que lles expresamos a nosa gratitude e recoñecemento.

3º) As enerxías despregadas por todo o núcleo de persoas relacionadas directa ou indirectamente con Sermos Galiza S.A. (accionistas, subscritoras, lectoras, xornalistas e membros do Consello de Administración) foron moitas, mais foron insuficientes. Sabemos que hai moito público que non coñece aínda o proxectoSermos O Diario Galego” que busca a edición dun diario en papel cinco días á semana e un diario dixital de actualización permanente. Un proxecto que precisa diálogo e contraste de opinións para ter unha base sólida, sustentado nas subscritoras e nos subscritores, sen dependencia das axudas públicas –discrecionais na súa inmensa maioría– e tamén sen submisións aos grandes patrocinadores publicitarios de carácter privado que xeran fidelidades na redacción das novas moitas veces incompatíbeis coa defensa dos intereses das galegas e dos galegos.

4º) O resultado da campaña de subscricións a trinta e un de xullo e que se puxo en marcha –fundamentalmente no segundo trimestre deste ano– é de 1.515 persoas con todos os datos correctamente recollidos. A data do trinta e un de xullo foi determinada pola empresa para ponderar como ía a marcha do proxecto e sabermos se podía ser verificábel en 2019 pois o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. sempre tivo presente que a campaña de subscricións debía comezar e rematar no mesmo ano, isto é, en 2018, para non xerar falsas expectativas que puidesen pór en risco a credibilidade do xa existente, isto é, o semanario Sermos Galiza e o diario en liña www.sermosgaliza.gal.

5º) A cifra de apoios recadados para a subscrición está –a trinta e un de xullo– no 50% do obxectivo que ciframos como necesario para garantir a viabilidade económica e a calidade xornalística do proxectoSermos O Diario Galego”. O resultado fica para aquén das posibilidades que a sociedade galega ten. Afirmámolo despois do contraste feito con todas as persoas que se achegaron aos actos ou coñeceron polas redes sociais o proxecto, e que demandaban da empresa promotora máis tempo para conectar con quen aínda non o coñecía, maiores enerxías na divulgación e socialización do mesmo e confianza en nós mesmos como pobo que é quen de pór en marcha unha voz galega independente e plural no panorama mediático.

6º) Tendo presentes todos os datos e as consideracións anteriores o Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. constatou o que xa intuía no momento da partida: que o obxectivo das 3.000 subscricións é difícil mais é posíbel acadalo en 2018. É así que acordou retomar a campaña de subscricións e desenvolvela até o 31 decembro mais facelo de xeito improrrogábel. Se non se lograr ese obxectivo continuaremos editando –iso si, con melloras substanciais– os medios que temos (semanario “Sermos Galiza” e dixital www.sermosgaliza.gal). De lograrmos esa cifra mínima de subscricións Sermos O Diario Galego sairá no segundo semestre de 2019. Lembramos que non se pasará a cobro ningún recibo até termos garantidas esas 3.000 subscricións.

7º) Sermos Galiza S.A., a través da súa actual base de accionistas, subscritoras, persoas lectoras e entidades sociais, esforzarase –dentro das súas posibilidades materiais– en mellorar a campaña de contacto e difusión do proxecto “Sermos O Diario Galego” na sociedade galega. Entre outras iniciativas publicarase un número cero de “Sermos O Diario Galego” para termos –aínda que só sexa como aproximación– unha idea estética e de contidos do proxecto. Non desaproveitaremos a posibilidade de que un medio de comunicación de calidade, crítico e en lingua galega se faga cun espazo propio no panorama mediático actual, tendo unha clara vocación galeguizadora. Agardamos contar co teu apoio facéndote asinante.

Sermos: "O Diario Galego".
https://www.odiariogalego.gal/

facebook | twitter
_____________