mércores, maio 08, 2019

'Nós Diario', o nome do xornal en papel que impulsa Sermos Galiza - Após realizar a Xunta Xeral de Accionistas, Sermos Galiza S.A. presentou publicamente o cabeceiro de Nós Diario, o xornal en papel, con edición dixital os 365 días do ano, que verá a luz a finais de 2019


Nós Diario, o nome do xornal en papel que impulsa Sermos Galiza. | Após realizar a Xunta Xeral de Accionistas, Sermos Galiza S.A. presentou publicamente o cabeceiro de Nós Diario, o xornal en papel, con edición dixital os 365 días do ano, que verá a luz a finais de 2019.


Sermos Galiza S.A. presentou o cabeceiro e as características principais de Nós, o diario en galego que verá a luz a final de ano. Fíxoo nun acto que decorreu na mañá do sábado, após a Xunta Xeral de Accionistas, na Nave de Vidán en Compostela, onde se fixeron públicas as principais liñas de deseño do diario en papel, que nacerá á par dun diario dixital cunha importante presenza audiovisual.

O primeiro en tomar a palabra foi Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., quen lembrou as datas significativas que marcaron a posta en marcha do diario en galego. “A primeira, o 24 de novembro de 2017, día en que fixemos pública a intención de ofrecer máis contidos a través dun diario en papel durante cinco días á semana. A decisión susténtase en dúas ideas base: un diario en papel é necesario e é posíbel”, expuxo o tamén conselleiro delegado, que foi debullando a cronoloxía da iniciativa.

Costa afirmou que o proxecto foi concibido “sobre o marco da pluralidade e do diálogo entre Sermos Galiza S.A. e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real, na certeza de que esta iniciativa ten que abranguer e ser participada por todas as persoas que conforman a nosa base lectora”. “É así como queremos construír este diario de intereses galegos, profesional e colaborativo para así ofrecer información e análise con rigor e perspectiva propia ao servizo, sempre, do pobo galego”, engadiu.

"Os primeiros números cero do diario en papel verán a luz a finais de ano e a partir do 2 de xaneiro de 2020 sairá ás rúas de terzas feiras a sábados e no formato web, todos os días do ano"

Desde hoxe comeza a conta atrás para que no final deste ano poidamos ter nas mans un diario que servirá para facer normal o que agora é unha anomalía, para traer ao primeiro plano informativo todos os temas que agora non se ven reflectidos na prensa convencional, para botar unha ollada construtiva cara á realidade galega, para contribuír a conformar, como pobo, unha opinión obxectiva e contrastada sobre todo o que nos afecta”, destacou. Os primeiros números cero do diario en papel comezarán a prepararse no mes de outubro e verán a luz a finais de ano e a partir do 2 de xaneiro de 2020 o diario en papel sairá ás rúas de terzas feiras a sábados e no formato web estará actualizado todos os días do ano.

Un xornalismo socialmente responsábel

María Obelleiro, directora de Sermos Galiza, interveu para dar a coñecer as características do diario, que apostará, dixo, nun “xornalismo socialmente responsábel, con información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas que non dirixirá o lectorado, senón que contribuirá a que sexan as lectoras e os lectores quen conformen a súa opinión en base á obxectividade e ao contraste”. “Así é como queremos construír a actualidade, pois o xornalismo non debería buscar máis recompensa que a satisfacción de facilitarlle ao lectorado máis elementos de xuízo para se formar unha idea do mundo”, salientou.

A xornalista expuxo a estrutura do diario en papel, que contará con catro seccións principais que evitarán a lectura fechada dos medios convencionais. Así, presentará a información nos módulos Galiza, Economía-Traballo, Internacional e Cultura-Axenda. Ademais, incorporará tres seccións de ruptura (Opinión, En foco e Última, que cada día recollerá o editorial coa análise do medio en relación á actualidade).

A respecto da axenda, a xornalista apuntou que “Nós Diario quere situarse na vangarda, con temáticas que carecen de espazo na axenda mediática e que afectan e preocupan ás galegas e galegos”. “Cultura, traballo, ecoloxía, feminismos, lingua, historia, diáspora, economía, memoria, dereitos e liberdades civís, mobilidade… son algúns dos fíos que tecerán os textos do xornal”, agregou.

"O proxecto vai alén do diario en papel, pois a aposta é multisoporte, cun dixital que se actualizará os 365 días do ano e que potenciará o contido audiovisual"

A directora de Sermos Galiza puxo énfase na característica multisoporte de Nós Diario, pois o proxecto vai alén do xornal en papel –que se publicará de terzas a sábados, este día co Sermos Galiza como suplemento fin de semana– para reforzar a aposta no dixital, que se actualizará os 365 días do ano e que potenciará as pezas audiovisuais, unha tendencia consolidada na rede. A reflexión e a información en profundidade virá da man de Sermos Galiza, pois o actual semanario vira en suplemento de fin de semana.

Pepe Barro: “O novo deseño debe expresar futuro

Pepe Barro, deseñador, responsábel da creación do proxecto gráfico, tomou a palabra para explicar que Nós “xa fala de historia, de cultura, de galeguismo. O novo deseño debe expresar futuro e, tal como fixo Castelao, usamos os códigos do noso tempo, do deseño internacional”. “Procuramos unhas letras con valores branco-negro semellantes ao ‘Nós’ histórico, e só revirando o acento, ampliándoo e pintándoo de azul dicimos Galiza: todos e todas ‘a nosa voz entenden’”, sinalou.

O deseñador subliñou o uso da tipografía do profesor galego da Universidade de Vigo, Marcos Dopico. “A Atlántica Serif Display é unha versión das clásicas letras con remates –serif– para tamaños grandes, concibida cunha forte personalidade que dará carácter aos titulares do xornal. Máis Grotesk é a versión de Dopico das clásicas letras de pau seco que en Nós Diario estarán de apoio. Isaac Estreita é tamén outra tipo que reinterpreta un canon, desta vez o das letras estreitas ou condensadas”, afirmou o grafista. Para corpo do texto, Barro optou pola Georgia, unha tipografía caracterizada pola súa lexibilidade.

O nome

A denominación Nós é unha creación orixinal de Castelao que responde a unha encomenda do escritor Eladio Rodríguez, que en 1918 bota a andar unhas páxinas especiais sobre literatura galega no xornal coruñés El Noroeste. A denominación e a súa forma gráfica son parte do deseño da cabeceira que realiza Castelao.

Despois foi o título do seu Álbum Nós e logo, no mesmo ano da exposición pública do Álbum, pasou a dar nome á revista. En 1920, tal como apunta Vicente Risco: “O Castelao foi o padriño: o tíduo Nós pertenecíalle a il; era o do seu fermoso álbum, no que Galiza xeme, chora, maldizoa e rebélase en cincuenta sepias ademirábeles”. Co mesmo pronome plural, en 1927 Ánxel Casal nomea á súa editora: Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Co diario en papel, que aspira a ampliar o espazo galego de comunicación e a ser referente no panorama mediático da Galiza, Nós continúa na vangarda e camiña cara ao futuro.

"As persoas participantes foron agasalladas cunha publicación especial de doce páxinas que amosan parte do deseño de Pepe Barro"

Ao rematar o acto, Sermos Galiza entregou ás persoas asistentes unha publicación especial de doce páxinas en que se amosan parte do deseño de Pepe Barro e onde escriben o propio grafista, Xoán Costa, María Obelleiro e a catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo. Na próxima semana este adianto do deseño de Nós Diario será entregado ás persoas subscritoras de Sermos Galiza co semanario.

A subscrición, o paso necesario


Sermos Galiza, S.A. marcou en 3.000 as presubscricións mínimas para garantir a estabilidade financeira precisa que permitiría manter a edición do diario. Despois de percorrer Galiza para difundir o proxecto, acadáronse. Así o lembraba o presidente do Consello de Administración, quen agradeceu o apoio de todas as persoas asinantes. As subscricións, advertía, "son o pasaporte a unha viaxe que nos levará a facer de Nós Diario un xornal forte, aberto a todas e a todos os que apostan no desenvolvemento económico, social e cultural do noso país".

Cantas máis mans sirvan como base do diario, máis calidade xornalística poderemos ofrecer”, salientaba Costa, “o apoio económico é a mellor maneira de garantir a estabilidade necesaria para poder ofrecer un xornalismo de calidade”.

⏩ Nesta ligazón recóllense as distintas modalidades de subscrición.

⏩ Publicado en Sermos Galiza - 04.05.2019 | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-nd/2.5.

⏩ Álbum fotográfico do acto de presentación. | Ir á Web.
________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon