Amosando publicacións coa etiqueta Fran P Lorenzo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fran P Lorenzo. Amosar todas as publicacións

luns, xuño 28, 2010

PP, curas, Red Madre e a nai que os pareu


Por Fran P. Lorenzo
24.06.2010

O lema da Red Madre –o lobby antiabortista que impulsou a Iniciativa Lexislativa Popular, aprobada en solitario polos parlamentarios do PPdeG, para a promoción do embarazo– é, máis que un lema, un tétrico agoiro: “Nunca estarás sola”. A nai que os pareu, pensarán todas as mulleres que, despois de séculos de historia loitando pola súa independencia, polo dereito a decidir sobre o seu corpo, por un cuarto propio, por unha aspiración tan fundamental como é a do libre albedrío, afronten agora a perversa vontade dun grupúsculo radical, que teima en non abandonalas nunca, queiran ou non, como adoitan facer os virus entrometidos, as alerxias crónicas ou os terroristas emocionais ¿Pode haber actitude máis impositiva e despótica que a dalguén que hipoteca a nosa liberdade cun nunca..?

Por desgraza, o apoio que a Red Madre, o Foro da Familia ou o Opus Deimarcas brancas dun reaccionario sistema de valores e dunha única moral xudeo-cristiá– lles ofertan ás mulleres é a mesma que lle vén dispensando a Igrexa católica ao xénero feminino desde o tempo da Inquisición: un amparo exclusivamente relacionado coa culpa, a submisión e a redención dos pecados a través da maternidade.

[Mágoa que a chegada da 'pax popular' non se traducira aínda nun espectacular crecemento demográfico]

Só aptas para seren nais, receptáculos de esperma, sacrificadas profesionais con menos salario, amas de casa e abnegadas esposas… Nada mudou.

Unha das sumas sacerdotisas da Red Madrea que se apresenta baixo o moi galdosiano nome de Coloma Viúdez– achegouse este día ao Parlamento galego para poñerlle rostro e verbo do pobo de Deus a esa infamante pretensión do Partido Popular de triturar o dereito ao aborto e desautorizar unha práctica que nunca –e aquí si fica ben o nunca– foi un fin en si mesmo para ningunha muller.

A señora Viúdez fixo esvarar na súa alocución unha falsa e denigrante conclusión: as mulleres galegas teñen agora “a posibilidade de elixir”. Agora. Antes non. Non entendo por que esas mulleres –bioloxicamente dotadas con alertas de fertilidade– non se decataron, xa nos estertores do Bipartito, de que a vida do seus cativos sería posíbel con Núñez Feijóo e de que, como deixou entrever no Hórreo a deputada do PP, Belén Prado, os seus fetos de dous centímetros non morrerían sacrificados en infectas clínicas instaladas nas mazmorras de San Caetano. Mágoa que a chegada da pax popular ao proceloso océano dos preñes colectivos non se traducira aínda nun espectacular crecemento demográfico en Galicia. Cónstame, con todo, que Pilar Farjas, a Red Madre e o arcebispo de Santiago están trabajando en ello.

É complicado saber, cando fala o PP ou algún epígono, como Galicia Bilingüe ou a Red Madre, quen é o brazo armado de quen. O mesmo simulacro libertario, disfrazado de solidaria neutralidade; o mesmo saudábel apoliticismo; e unha lesiva e desconsiderada imposición dos seus valores políticos e morais conservadores. É nesa borrosa confluencia onde, paradoxalmente, se revela, con claridade, a similitude da mensaxe provida coa da ofensiva lingüística que aturamos os de galega fala. A posibilidade de elixir e a invocación da liberdade son consignas que valen igual para cargarse un idioma con respiración asistida, o galego, que para insuflarlle trazos de humanidade e intelecto a un embrión que non os ten. O non nato e o moribundo comparten cama. E ao pé do leito, abaneando o viático dos seus prexuízos, un crego fariseo. Grazas ao PP hoxe estamos un pouquiño máis nas mans.

franpl@galicia-hoxe.com

Fonte: Vai de Blog

[*] Fran P. Lorenzo (Vigo, 1973). Xornalista.
__________________________