Este venres 19 de marzo, hai unha Acción Global polo Clima, en miles de lugares, pobos e cidades, terá lugar unha mobilización popular en defensa do planeta. O movemento internacional "Fridays for Future" convoca esta acción mundial, na Galiza o son máis de 85 organizacións e colectivos os que conflúen no Movemento Galego polo Clíma. que convoca accións locais en cidades e vilas da nosa Terra.
En Ferrol este venres 19 de marzo de 2021, ás 12 do mediodía, concentración no Cantón, no Día Global de Accións polo Clima.
"O quecemento global é consecuencia directa do modelo de produción e consumo que continuamente se demostra incapaz de satisfacer as necesidades vitais das persoas. Un modelo que precariza ás persoas e pon en situación de vulnerabilidade a gran parte da poboación mundial, especialmente ás mulleres, así como aos ecosistemas e o resto de seres vivos que habitan este planeta. Un modelo que arrisca a nosa supervivencia como especie, ao basearse na explotación ilimitada e acelerada dos recursos fósiles, mineiros e naturais, impactando de maneira inxusta nas poboacións máis pobres e vulnerables. Pero, nesta crise, a ciencia tamén sinalou a vía de actuación, que non é outra que a redución e descarbonización do noso sistema económico, especialmente nas sociedades industrializadas occidentais que temos máis responsabilidades e maiores capacidades. Un sistema económico que se paralizou ante a crise do coronavirus e que debemos reformularnos antes de reiniciar. Temos que modificar radicalmente o noso modelo de producir e consumir respectando os límites biofísicos..."
Movemento Galego polo Clíma
O Movemento Galego polo Clima xorde en Galiza como resposta á convocatoria de mobilización mundial feita polo movemento xuvenil Fridays For Future Future (Venres por Un Futuro) do pasado 27 de setembro do 2019, co obxectivo de saír á rúa e reclamar accións urxentes que fagan fronte á mudanza climática, garantindo un futuro ecosocial xusto para todas.
Até o momento, máis de 85 colectivos galegos xuntáronse para facer fronte á Emerxencia Climática que vive o planeta. Se queres unirte a este movemento asina o manifesto e contáctanos.
Contacto:
movementogalegopoloclima@gmail.com
#NonMaisPromesasBaleiras
_______