Amosando publicacións coa etiqueta Iolanda Teixeiro Rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iolanda Teixeiro Rei. Amosar todas as publicacións

sábado, setembro 11, 2021

Eólicos, así non, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
11.09.2021

EÓLICOS, ASÍ NON

Recentemente, e en calidade de delegada da organización política Ligando-LGD, veño de rexistrar no concello de Ferrol unha iniciativa contra dos macroproxectos eólicos no noso territorio. Iniciativa que consideramos necesario divulgar nos medios para compartila coa cidadanía. A razón de ser da Administración local non é outra que pór en marcha políticas de servizo á cidadanía, participadas por esta. Máis, cando esa cidadanía fica indefensa perante oligopolios económico-financeiros e lobbies enerxéticos.

Co cambio climático, eses territorios e espazos marítimos que van ser cedidos ao lobbie enerxético van necesitalos as comunidades locais para sobrevivir á incerteza e ás consecuencias dese cambio. Ceder eses territorios significa reducir a capacidade de resiliencia da sociedade ferrolá, contrariando a lóxica da supervivencia.

Por iso, consideramos un despropósito que a cidadanía de Ferrol se teña que informar polos medios de comunicación de que o seu alcalde fai de portavoz deses oligopolios enerxéticos que, por riba, nútrense de subvencións públicas. Apoiar desde o goberno local macroparques eólicos de gran impacto ambiental e patrimonial, arteiramente fraccionados para se poder tramitar na administración autonómica, sen comunicación previa aos afectados, está moi lonxe de calquera política democrática e relaciona perigosamente o goberno municipal cos intereses privados especulativos de grupos de poder alleos que cobizan os fondos europeos Next Generation. Fondos que deberían destinarse aos grupos sociais máis afectados pola crise da pandemia. Sobre todo, porque son empréstitos que o Estado terá que devolver e que recaerán, como sempre, na clase traballadora.

Ligando, como organización decrecentista que é, non se posiciona en contra da enerxía eólica per se anque así non por moitas razóns que paso a enumerar:

1- As enerxías renovabeis na lóxica capitalista, están moi lonxe de ser sostibeis e sociais.

Os megaproxectos -malia ser fragmentados- son sempre insostíbeis por motivos ecosociais. Nun mundo pospetróleo cara o que transitameos, estes megaproxectos especulativos e coloniais, son dependentes do petróleo. Os materiais dos eólicos fabrícanse, transpórtanse e instálanse de xeito directo ou indirecto co uso do petróleo. Parte dos seus compoñentes son moi difíciles, cando non imposibeis, de reciclar e moitos dos mesmos son extraídos e producidos en países que carecen de lexislación ambiental e laboral protectora. Supoñen un saqueo colonial alí onde se asentan, que é sempre na periferia dos grandes centros de consumo enerxético, en zonas colonialmente empobrecidas e indefensas, maiormente no rural. Por tanto, potencian o transporte da enerxía extraída -coa perda e derroche que iso implica- da periferia ao centro cando son as grandes cidades as grandes consumidoras.

2- Non estamos para malos investimentos en custosa tecnoloxía cuxo futuro a medio prazo xa é cuestionabel. Amais de destruir enormemente o territorio, xerarían unha débeda que habería que pagar con máis subas na xa inflada factura de electricidade, mentres se exporta a meirande parte da enerxía, como xa pasou coas aldeas sen luz á beira dos grandes encoros.

3- A instalación de parques eólicos debería realizarse onde se produce e consume enerxía, sobre todo, en solo industrial e urbano porque iso é o máis sustentabel e xusto. Cada vez haberá menos disponibilidade de camións, excavadoras, guindastres… menos disponibilidade de materiais por verse limitada a súa extracción e transporte. A eólica ten de ser, pois, local e comunitaria para poder recibir o calificativo de sostibel. 4-Das Renovabeis pódese tirar moita electricidade pero, no mellor dos escenarios, despois de anos dun desenvolvemento axeitado, poderíase obter delas unha cantidade igual ao 40% da enerxía total que se consume actualmente e non poderán sustituir por completo aos combustibeis fóseis. Polo que promover a idea de que as renovabeis van suplir ao petróleo e ao carbón, sen políticas de redución de consumos nin pór en marcha políticas decrecentistas é unha fraude á cidadanía e aboca ao desastre ás vindeiras xeracións.

5- Galiza é autosuficiente en enerxía eléctrica polo que é irracional e colonial calquera política enerxética de destrución do territorio para transportar (saqueo) a outros territorios que se libran así destas nefastas externalidades.

6- Non é de recibo que a administración faga inventario de Patrimonio ecolóxico e arqueolóxico para logo agasallalo ao lobbie enerxético. Desde Ligando, apoiamos totalmente aos comuneir@s afectados polo proxecto eólico P.E.BRIÓN no monte do Cha e suscribimos o seu rexeitamento, así como ao P.E.MONTEVENTOSO e P.E.FERROL.

É deber do goberno municipal velar pola conservación do territorio, máis do LIC Costa Ártabra e Rede Natura 2000, do patrimonio arqueolóxico catalogado (máis de medio cento de mámoas afectadas) e dos aproveitamentos comunais do Monte do Cha. Así como tamén protexer ás persoas das liñas de alta tensión, do ruído constante das pás xigantes, do efecto sombra, das interferencias nas comunicacións e os acuíferos, fontes e traídas dos que se abastecen os núcleos rurais. Non queremos torres de 200 m. de altura sobre os montes que abeiran a ría de Ferrol! No que ten á eólica mariña, Galiza é a segunda comunidade autónoma en produción de enerxía eólica polo que resulta abraiante e curtopracista sacrificar a biodiversidade única do litoral galego para exportar enerxía. Máis cando isto afundirá a un sector punteiro como é o pesqueiro-marisqueiro. Ao impacto económico súmase o impacto ambiental pois os proxectos San Brandán e San Cibrao son lindeiros cun dos máis importantes corredores de aves de Europa, co grave impacto ecolóxico sobre a avifauna. Polo que resulta grotesco defender a un tempo a eólica mariña e o turismo sostibel, por exemplo.

O goberno municipal ten a obriga de protexer os intereses da economía resiliente do sector pesqueiro e marisqueiro así como das comunidades costeiras afectadas, con miras á soberanía alimentar. Así como o deber de velar pola conservación dos ecosistemas litorais e mariños. Solicitamos deste goberno o posicionamento en contra de calquera megaproxecto eólico, terrestre e mariño que non obedeza ao interese do ben común de proximidade e produción comunitaria. A creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovabel que fomente o autoconsumo e o cooperativismo enerxético. Un programa municipal de reducción do consumo de enerxía, eficiencia e autonomía a nivel social e individual. Un aproveitamento descentralizado das fontes renovabeis retomando tamén as súas aplicación non eléctricas, ao parecer máis eficientes. Campañas educativas de concienciación nas que se priorice a necesidade de reducir consumos debido á escaseza enerxética nun mundo posfosilista. Políticas cara a re-ruralización e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, especialmente das necrópoles neolíticas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com
8 de setembro de 2021 20:58

_______

martes, xullo 13, 2021

Ferrol e Vigo: entre concellos sostibeis? ... Por Iolanda Teixeiro Rei - ...imposibel que sustitúan o petróleo e demais combustibeis foseis cos niveis de consumo actuais


Iolanda Teixeiro Rei [*]
13.07.2021


FERROL E VIGO: ENTRE CONCELLOS SOSTIBEIS?

Desprazarnos en transporte ecolóxico de Ferrol a Vigo é, canda menos, un deporte de risco. Como o tren Ferrol-Vigo é un relicto daquela primeira locomotora que louvara Curros cal símbolo do progreso decimonónico, non queda outra  que ir en bus ate Coruña e alí coller o tren cara a cidade de os luns ao sol. Estes atrancos ocorren entre concellos que din estar na mobilidade sostibel e na loita contra o cambio climático. Que pouco custa se vestir de verde!  A palavra sostibel é o novo talismán do mercado.

Na estación de Urzaiz están a crear un mastodonte de Intermodal que, máis que estación, promete ser outro grande centro comercial coas marcas transnacionais de rigor. O mastodonte branco leva no seu ventre unhas longas escaleiras elétricas, esa versión tecno das serpes chuchonas da nosa tradición, para acceder ás catacumbas dos cais ou plataformas dos camiños de ferro. Aínda non se decataron de que as obras faraónicas non só son un derroche nun mundo de pobreza enerxética senón que tampouco resultan eficientes pois as distancias a percorrer, aínda eletrificadas, son tan grandes que distraen do obxectivo para o que foron creadas, desprazármonos,  facéndonos perder o máis valioso na vida, o tempo. Algúns defenderán que son necesarias para portar as pesadas maletas sen se decatar de que existen as rampas sen eletrificar e que xa hai milenios que se inventou a roda anque custara barro e fariña aplicala ás maletas.

O caso é que havía que presentar en Vigo un livro saído do 1º Congreso da Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo titulado: Decrecemento. Construindo alternativa na livraría Cartabón e xusto á mesma hora do partido de fútbol España-Italia. Há que ter afouto!. Mais todos ficamos pasmados do cheo de público. Alí, mentres España perdía, nós debatiamos sobre a pobreza enerxética, o espolio das comunidades e os recursos territoriais para a falsa transición enerxética do capitalismo verde,  sobre o perigo das antenas 5G, os límites do planeta, a emerxencia climática... Houvo acertadas críticas contra o tecno-optimismo xeralizado e a volta á normalidade do derroche aínda no cerne dunha pandemia cuxo acontecemento non foi máis do que a crónica dunha morte anunciada. Volveuse a suliñar, outravolta, a diferenza entre tecnoloxía e enerxía, o eterno tema ignorado polos medios de comunicación e a clase política, incluído o ministerio de Transición enerxética. De que vale o carro elétrico, a lavadora… sen enerxía para que funcione?. O gran tabú da escaseza enerxética séguese agochando á cidadanía. Porque do contrario os Fondos de Recuperación Next Generation non se malgastarían en macroestruturas e megaproxectos de renovabeis (macroparques eólicos, megaprantas de paneis solares…) que venden como verde o que non o é para lucrar aos mesmos oligopolios elétricos que manteñan en vela a tantas familias.
 
Como di Pedro Prieto, vicepresidente da Asociación para o Estudo dos Recursos Enerxéticos (AEREN), nin o hidróxeno nen o litio son fontes de enerxía senón, e no mellor dos casos, só vectores enerxéticos ou transportadores da mesma, evidentemente sempre con perdas. E aínda agochando o neocolonialismo que implica o saqueo das reservas de auga, materias primas e terras raras e a destrución de territorios e as súas comunidades será imposibel que sustitúan o petróleo e demais combustibeis foseis cos niveis de consumo actuais. Co que Reducir e Repartir devera ser a bandeira dunha política racional dunha esquerda hoxe ausente.

Así, malia que inzemos a nosa Terra de xigantescos muíños de vento para regalar a nosa enerxía eólica aos centros urbanos e que sigan a derrochar eletricidade en luxos innecesarios esquecendo o futuro dos seus propios fillos, mesmo así non será dabondo para poder descarbonizar este noso mundo de irracional consumismo e desigualdade.

E todo isto veu a conto da presentación dun livro saído dun rico e participado congreso dunha Rede que pretende sentar as bases para artellar o Decrecemento nos territorios da nosa biorrexión do Eo-Navia/Galiza/ O Bierzo, procurando ser fío conductor dunha proposta global para o futuro da humanidade, en arelas de continuar o debate aberto e participativo.

Entrementres, o alcalde de Vigo, cegado por unhas luces ben pouco ilustradas, na Gran Vía, a colocar escaleiras elétricas de subida cara o coñecido Corte comercial. A fame e a obesidade, as dúas facianas dun mundo entolecido que pretende salvar as encostas do progreso eletrificando o propio colapso.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
12 de julho de 2021 18:42

_______

luns, xuño 21, 2021

Á mestra Chelo Bereijo, In Memoriam, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Grazas, Chelo por todo o que me brindaches, por todo o que nos brindaches. Ti es e serás por sempre aquela espiga de trigo malva


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
21.06.2021

 
Á MESTRA CHELO BEREIJO[1], IN MEMORIAM

Sê todo em cada coisa.
Poe quanto és no mínimo que fazes.
Ricardo Reis


Ás veces aínda agardo que xurdas no medio da práctica de tai chi con aquel teu sorriso debruzado, como a piques de confesar algunha brincadeira e con aquela ollada pillabana baixo duns enormes lentes de sol. Agardo que te pasmes do teu cansazo despois de ter feito unha morea de cousas a media mañá, cando calquera, tres décadas máis nova, estaría derreada. Agardo que me adiantes un novo capítulo do conto da Tía Sebastiana. Sabes que esa personaxe é a miña preferida entre todas as túas creacións contistas. A Sebastiana, esa muller gozadora da vida, que conserva a sabencia ancestral do rural galego e abraia de que se poida vivir no formigueiro isolado das cidades.

Ás veces decátome que xa non estás connosco, que finaches recén estreado o ano, que non nos voltaremos atopar, que xa non te disfrazarás no Antroido, nin nos agasallarás cos teus xabóns de lavanda, polo Nadal. Nin iremos ás fogatas do San Xoán do barrio. Co que a ti che prestaban as festas cíclicas tradicionais!. E aínda entón, agardo.

Nada, senao o instante me conhece, dime Pessoa ao abrir, ao chou, Como viver (ou nao) em 777 frases de Pessoa, o livro que escollín na túa biblioteca cando a túa sobriña mo brindou. Somos o instante, ese intre partillado no que rimos, choramos ou nos confesamos. Este intre en que te escrevo aquelo que se garda das palavras,  o que sempre te quixen dicir e adiei.

Cada pessoa é apenas o seu sonho de si próprio. E ti, Chelo, fostes moitos soños na túa vida livre e ricaz. Coñecínte xa ti xubilada mais atesouravas, porén, no teu espírito, a vizosa candura das crianzas. Aprendíchesme o valor do intre e o instinto de rebeldía. Afouta mestra que se enfrontou de fite á sensatez eficiente da madureza prematura da infancia, a esa educación bancaria que sumetía aos nenos aos moldes dos adultos tirándolles o intre creativo, a posibilidade da empatía, do autocoñecemento espellado no compañeiro, a sensibilidade do debruzar no tempo, sen retallos febrís nin fabrís. Ti viñas de artellar no San Isidro o xogo livre, abrindo a infancia nedense ás posibilidades dunha nova escola, dunha nova pedagoxía que respectara ao neno como ser senlleiro, non como adulto en potencia. Teño imaxinado a túa aula, como me contabas, como me amosavas nas fotos, cheas de material de desfeito, roupa vella e trastos aos que os nenos lles argallavan novos usos. Os baixos dunha mesa podíanse converter nun castelo para onde cabalgavan os cativos, ao galope, nun cavalo que parecía unha cadeira ou un paraugas. De súpeto, os nenos mudavan as normas e o castelo convertíase nunha cova chea de toda caste de animais. Case todos pelexavan por ser leóns ou ursos. Sermos, e nao sermos mais!... Ó leoes nascidos na jaula!... (Pessoa) E ti, alí, observando, invisivel, profundando na personalidade única de cada pequeno, pescudando nos seus conflictos emocionais só espellados no territorio liberado do mundo lúdico, gozando e reaprendendo da túa neneza, da valía do pensamento máxico, da improvisación, da solidariedade, do conflicto aberto e a deboura a redor dos roles e a súa asunción. Porque a vida é un xogo, un goce, pracer e dor na mesma moeda.  Ser forte é ser capaz de sentir, dicía o heterónimo de Pessoa, Álvaro de Campos.

Neste intre, cando se achega a noite meiga, a luz máis longa do teu benquerido sanxoán, ás portas do vindeiro encontro de familiares e  amizades na túa linda horta, consciente da túa ausencia, da finitude da vida, de todas as vidas, da liberdade de ser que lles regalaches a tantas roladas ao comezo da escola... reivindico no teu nome o valor vital do xogo livre como dereito ao gozo colectivo. Non só para as crianzas senón tamén para nós, xa madurecidas polas inevitaveis bategadas da lucidez. Nao sei quantas almas tenho. Cada momento mudei.

Neste intre onde se educa na sumisión virtual, expondo a infancia aos videoxogos, ao lecer monitorizado, onde o xogador é tan semellante ao envilecido ludópata de Dostoyevski a asolagar a súa anguria e sofrimento nunha rebeldía desviada.

Neste intre penso en ti e cavilo que ías alén do aprender xogando da pedagoxía moderna. Porque endexamais ficaches só no utilitarismo, na utilidade do xogo para educar-domesticar, senón que, respectando a infancia, afondaches na valía do xogo en si mesmo, no xogo polo xogo que é, ou devera ser, a vida. Porque ti es para min como aquela espiga tan especial (do teu conto) que nacera verde, fórase poñendo dourada e cando quixo ser livre amosouno escollendo aquela cor malva. Orgullosa de marcar a diferenza nun mundo de pobreza uniformada. Facendo parte dun pan, por todas, partillado.

Grazas, Chelo por todo o que me brindaches, por todo o que nos brindaches. Ti es e serás por sempre aquela espiga de trigo malva.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.


Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
17 de junho de 2021 22:52

_______

Imaxe da Tía Sebastiana: Debuxo do conto "A tía coñecendo Madrid".

[1] Consuelo Bereijo Picos (Chelo), mestra e escritora, foi profesora de infantil no CEIP San Isidro de Neda. Faleceu o venres 15 de xaneiro de 2021, aos 78 anos de idade. | O blogue de Chelo Bereijo Picos "A que ule un conto".
https://aqueuleconto.blogspot.com/. | Facebook. | Publicacións en Issuu.

Nota.- No blogue de Chelo, por problemas de edición o conto "A espiga de trigo malva" non se pode ver, mais para quen teña interese, pode acceder a el neste enlace:

https://issuu.com/viaxes/docs/a_espiga_75ee3c0cf5ce80

Conto dunha espiga que decide ser malva, publicado en decembro de 2017.
_______

luns, maio 17, 2021

Letras Galegas: Kodokushis, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
17.05.2021


LETRAS GALEGAS: KODOKUSHIS

Acontecen cousas ben chocantes (máis no sentido portugués de ferintes ca no galego- RAG de sorprendentes). Veredes, tras sete anos da aprobación da lei Paz-Andrade para o achegamento ao mundo da lusofonía abraia que fixera máis polo desenvolvemento desa lei a marca branca dalgún supermercado do que o Parlamento galego, concellos, sindicatos e outras institucións. E non precisamente ese supermercado que fachendea de vivir como galegos. A marca branca daqueloutro supermercado aforrará custes identificando as mercadorías en dúas linguas, o castelán e o portugués. De resultas, por unha cambadela do mercado, moitos galegos recuperaron a palavra luva fronte ao castelanismo guante que aínda así vai gañando con folgura. O supermercado sabe que aos galegos vainos vender o mesmiño anque non nos fale na nosa lingua, non así aos portugueses. E, de resultas, nós decatámonos do mal que falamos a nosa propia lingua. Son cousas!.

Porén, non devemos desbotar esta conxuntura para mellorar o noso nível lingüístico. Así descubrín eu que borracha é  a ficus elastica, o que nós chamamos goma por interferencia do castelán e non ten nada a ver con bébeda nin con aquelas laranxas borrachas polas que rifavamos cando nenos. Tambén aprendín que flocos son os do millo alén das folerpas de neve e os farrapos de gaita.

E falando de gaitas, a miña primeira lembranza de algo galego foi unha pequena gaita feitío souvenir que meus pais penduraran no recibidor da vella casa de Xoane sendo eu moi nena. Eu non sabía que tiñamos lingua propia pois cando nacín onde ía que nos fora expropiada. Meus pais só a empregavan de xeito emocional, cando contavan certas cousas ou cando berravan. Daquela eu non sabía que era un idioma, o que tería de ser meu, mais sentía que as cousas que máis amavan meus pais tiñan esoutra pronuncia. Cando dicía unha parvada meu pai chamavame panocha ou pinocha. Cando faciamos unha trasnada, miña nai dicía, por ex., que cativos, no hago obra de ellos. Porque miña nai era vilega, da Real Villa de Neda namentres meu pai era aldeán, de Pazos.

Eu coñecín o galego falado por escoitarllelo aos vellos e a algúns nenos que viñan a Ferrol dende as aldeas e aos que aínda nos meus tempos alcumávanos de pailáns. O galego escrito coñecino a través da poesía do Rexurdimento. Curros foi o primeiro pois meu pai adoitava recitar de memoria bocados de poemas maiormente do anticlerical celanovés. De súpeto, vindo a conto ou non, declamava Leis hai, din os ricos, que os probes protexen. Que leis nin que raios, Deus dixo entre dentes. Se che outra vin nunca, que o demo me leve!. Eu devecía por esas expresións. Na adolescencia foi meu irmao maior quen mercara livros galegos. Así coñecín a Rosalía, Pondal, Castelao, Pedrayo e tantos outros. Ensaios e novelas que me fixeron reparar en que o galego era unha lingua de seu non unha deturpación do castelán. Unha lingua perseguida e aldraxada polos proprios galegos. Non havía internet mais tiñamos aquela livraria pequecha, case clandestina, das dúas irmás, Delta, se a memoria non marra. Aquelas livreiras ferrolás fixeron máis polo galego do que calquera equipa de normalización lingüística.

Hoxe aprender galego é ben doado. Iso si, un galego pobre, castelanizado. Nunca tan capacitados estiveron os estudantes mais nunca tan pouco se falou. E como se pode ter competencia nunha lingua esmorecente?. Pode que só viaxando a certas aldeas relictos ou a Portugal, Brasil, Cabo Verde… mais para iso hai que ter algún elo cos devanceiros, coa nosa historia, un pouco de dignidade. O esforzo por aprender quen somos, por descubrir a nosa identidade ten máis vencello co mañá que co pasado, contra o que acreditan tantos progresistas desleigados.

Porque entrementres lle deamos as costas á nosa lingua, e malia a ter galegos morriñentos en Londres, poderemos fachendear de plurilingües, de dominar o castelán, inglés, chinés ou esperanto sen nos decatar de sermos dominados, como inermes   kodokushis, eses mortos no isolamento que só se atopan, após longo tempo, porque non pagan os seus tributos, teñen as caixas dos correios atoadas de publicidade ou fican coas luces acesas a pleno sol sen se amolar polo calote do oligopolio elétrico. Uns ninguén que van para ningures.

Ferrol a, 15 de maio, de 2021

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
15 de maio de 2021 22:25

_______

Foto: Pradela (A Pobra do Brollón) - Galiza.

martes, abril 27, 2021

Turismo sélfico, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Tras os packs turísticos para viaxantes pasivos arrastrados a duras xeiras de turismo low cost onde o único seguro era a rápido desprazamento no espazo e o despilfarro do tempo, asistimos ao que poderiamos chamar tecnoturismo nudista

Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
27.04.2021


TURISMO SÉLFICO

Antes de nada precisemos que o termo turismo sélfico non alude a un xeito de viaxar para afondar no noso self ou conciencia reflexiva. Non ten nada a ver con profundar na individualidade e o autoconcepto para lle dar un sentido á vida. Mais que nada porque iso podíano facer os viaxeiros -cando viaxar era privilexio dunha elite- mais nunca os turistas.

Nos tempos de xentrificación e  turismo de masas o self está máis perto da idea conductista de nos considerar a nós mesmos como obxectos que do enfoque psicoanalítico de Kohut vencellado á autorreferencia (autoimaxe, autoestima e autoeficacia). Porque que crenzas, conceptos e representacións subxectivas pode ter un turista accidental en tempos de pandemia? Tras os packs turísticos para viaxantes pasivos arrastrados a duras xeiras de turismo low cost onde o único seguro era a rápido desprazamento no espazo e o despilfarro do tempo, asistimos ao que poderiamos chamar tecnoturismo nudista. Unha sorte de exhibicionismo nas redes promovido por unha política de tecnofilia, incompativel cun mundo de escaseza enerxética e luita contra o cambio climático.

O concello de Ferrol vén de se postular como pioneiro na Galiza neste eido instalando postes en distintos puntos da cidade para se facer o selfie perfecto. O devandito poste non é máis do que un pau metálico cun artello onde se pon o móbil para se autorretratar co fondo elixido polo executivo. Dous mil euros por pau que custou a brincadeira. Doce mil euros en total para tirarse fotos en seis lugares, disque estratéxicos, da cidade. Praza de Armas cos tilos e o concello de fondo. Praza de Galicia co Teatro Jofre. Amboaxe co polémico marqués. Xardíns de Herrera. O porto de Curuxeiras e o Auditorio de Ferrol. Sinceiramente, non sería máis acaído que os turistas trouxeran o seu propio pau de selfies na mochila e decidiran eles que subir, se suben, ás redes?. Ou é que presumimos de políticas de infantilización?

A concelleira de turismo que anda no Edusi vendendo o turismo sostivel de calidade non terá onde investir eses doce mil euros para atraer un turismo digno dese adxectivo? Non hai moito que os surfeiros reclamavan aseos públicos todo o ano na costa. Urinarios dos que carece toda a cidade. Unha carencia que resultou limitante da mobilidade durante o peche da hostelería. Non hai moito que desde a organización Ligando reclamavamos tambén cabinas de teléfono público, fontes ou carrís-bici. Porque iso é que fai habitavel unha cidade que non ha ser pensada só para o turismo.

Porén, e como os cartos públicos de Concello e Deputación xa están desbotados nos paus sélficos eu mudaría a ubicación para salientar un Ferrol histórico e social crítico onde se autorretratar. Poría un pau para facerse un selfie perante o chalet de Canido como exemplo da arquitectura modernista de Ucha. Un pau perante as ruínas da casa natal de Carvalho Calero para que se tiren o sefie os irmandados de Vila do Conde. Outro diante do muro que isola Ferrol da ría máis contaminada de Europa. Outro onde saia a única planta de gas dentro dunha ría. Outro diante da estación de tren xunto a un cartaz que poña Pacto pola Mobilidade Sostibel 2021 e o último pau na costa Ártabra para albiscar os eucalitos  e o deleixo na Rede Natura.

Con esta política turística mal chamada sostivel e a última ordenanza de seguridade non nos vai tremer o brazo ao facer selfies senón ao coller a bici para transitar sen emisións contaminantes. Porque certamente as cidades non son intelixentes senón quen as governa e a súa cidadanía.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
26 de abril de 2021 20:44

_______

martes, marzo 16, 2021

Iniciativa de Ligando Ferrol que rexistrará próximamente no Concello, reclamando un servizo de transporte público Ferrol-Coruña de calidade


A organización política Ligando Ferrol vai rexistrar no Concello de Ferrol, unha iniciativa para reclamar un servizo de transporte público entre A Coruña e Ferrol de calidade. A continuación transcribimos o texto da citada iniciativa:

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

INICIATIVA PARA UN TRANSPORTE PÚBLICO FERROL-CORUÑA DE CALIDADE

Iolanda Teixeiro Rei, con D.I. número XX.XXX.XXX-X, enderezo en Rúa Xxxxx Xxxxx, X, X, Ferrol, e en calidade de Delegada da organización política LiGanDo-LGD en Ferrol,

EXPÓN:

Hai xustamente catro anos, en marzo de 2017, LiGanDo-LGD rexistrou unha iniciativa neste concello na defensa do transporte público para Ferrol. Propuñamos a creación dunha Empresa Municipal de Transporte na liña do Plan MOB cunha serie de medidas para desincentivar o uso do vehículo privado e reconstruir a cidade como espazo comunitario a prol da mobilidade sostibel.

Alén diso no noso programa municipal propuñamos a posta en marcha dun Plan de Implantación de Mobilidade Sostibel adaptado ás novas directrices que se traspoñen do marco legal da Lei deTransición Enerxética e Cambio Climático. Entre outras propostas, reclamabamos un paquete de medidas de presión fronte á Xunta de Galicia orientadas a defender os intereses de Ferrol na planificación do sistema metropolitano de transportes, polo que apontabamos entre os obxectivos prioritarios a ampliación de horarios e frecuencias nas comunicacións Ferrol-Coruña, tanto en autobús como en tren.

Pois ben, polas testemuñas de usuarios tanto nas estacións como nas redes sociais, lonxe de mellorar o servizo, as novas concesións correspondentes á segunda parte do novo Plan de Transporte de Galicia que comezou a fins do pasado ano 2020, non fixeron máis do que deteriorar o transporte público en toda Galiza. Deterioro que prexudica, como sempre a estudantes e clase traballadora e supón un atentado contra a política de mobilidade sostibel para enfrontar o cambio climático.

A nova concesión da Xunta de Galicia no transporte metropolitano vén de provocar un caos con graves incidencias como a supresión dos servizos dos traballadores e dos universitarios así como unha reestructuración do servizo nas liñas regulares ofertando uns traxectos máis longos e menos vantaxosos sen cubrir as necesidades dos usuarios pois a demanda é maior do que o servizo prestado, deixando aos pasaxeiros no medio da cidade da Coruña en lugar de na estación, incrementando o tempo de traslado e chegando a suprimir incluso a parada nos hospitais, circunstancia que se pode cualificar de criminalidade.

Parece que o servizo máis prexudicado está a ser o de Ferrol-Coruña da primeira hora do día, pois coa anterior concesionaria había un servizo desde as seis e media da mañá cada media hora intercalando estrada e autoestrada e, a maiores dous servizos de universitarios e outros dous de traballadores que foron suprimidos. A falla de información da empresa e a falla de horarios nas estacións e nas paradas aumenta aínda máis o desconcerto. Os usuarios tamén se queixan de cambios de horario imprevistos que deixan sen transporte incluso a alumnos en servizos compartidos, e un longo etc de queixas, vendo como a única liña de autobuses que funcionaba cun mínimo de calidade vese agora deteriorada por un cambio de concesión na xestión do servizo.

A partir de Semana Santa, a empresa xa anunciou que a liña Ferrol-Coruña por estrada pasará a ser Ferrol-Betanzos-Coruña, obrigando aos pasaxeiros a facer transbordo.

Ao abeiro da pandemia, a nova empresa concesionaria aproveita a situación para ofertar un servizo inferior ao anterior e claramente deficitario pois tamén se reduciron frecuencias e servizos a outras localidades como é o caso das liñas Ferrol-Santiago e Ferrol-Ares-Mugardos.

Por todo isto, desde LiGanDo

SOLICITAMOS:

Do goberno municipal de Ferrol que reclame da Xunta de Galicia a fiscalización do servizo concesionado de transporte interurbano e obrigue a un restablecemento das liñas e frecuencias de transporte Ferrol-Coruña así como das demais liñas de transporte público en ben dun servizo básico de calidade para a cidadanía.

Ferrol, 8 de marzo de 2021

Sinatura

Iolanda Teixeiro Rei

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter



Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
15 de março de 2021 21:48

_______

mércores, marzo 10, 2021

Feminismo: o eros subversivo, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


FEMINISMO: O EROS SUBVERSIVO

Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
10.03.2021


Na porta do cemiterio municipal un cartaz abraiante clausurava o 8M: Espazo libre de violencias machistas. Branco sobre negro. A negritude ausente. A negritude dos top manta. Onde están as nais e irmás dos migrados africanos?.

A véspera, unha concentración de mulleres empoderadas vestidas e pintadas de lila. Con bucais lila fashion, quen sabe se fabricados por esas nais ou esas irmás do sul global. Eramos poucas e espalladas perante as ameazas solermiñas. Discursos que falavan dunhas mulleres ausentes. As mulleres máis explotadas non podían estar. As que podían, as empoderadas, sempre as mesmas en rito anual, non podían renunciar ás súas pancartas de partido e sindicato nin sequera en nome desa manoseada sororidade. Onde estava a revolta feminista masiva doutros anos? A seguridade e o control pandémico foran quen de amansar un movimento que prometía ter algún percorrido alén das Pepitas, as nenas-capirotes de Semana Santa ou a simples comemoración de ter nado muller.

A sororidade, aquel irmanamento só en razón de xénero, comezava a espellar tanta falsía como aquela fraternidade burguesa que mudou o sangue azul polo sangue bursátil. Parece que os recuados irmandiños também aproveitaran a forza do povo para empoleirarse nos seus castelos, endexamais para abrilos aos das fouces, bisarmas e gadañas.

Ao fin, a lingoaxe feminista parece que quixera vencer a cultura da dominación masculina coas mesma armas do macho alfa. Empoderamento é un vocábulo que só alude á forza e por tanto, á sumisión. Acadar o poder non é máis do que crebar ese teito de cristal para igualar as xerarquías en razón de xénero, nunca suprimilas. Moreas de exemplos na banca e na política así o confirman. Há botíns e botinas.

Sororidade e empoderamento son mantras baleiros nunha sociedade de clases. Imaxina alguén nas concentracións do 8M á señora e a doméstica con bandeirolas lilas, partillando os autofalantes?. Imaxina alguén á delegada da sección da muller dun sindicato pactista do ganchete dunha prostituta? Que sororidade podemos ter as mulleres traballadoras coa herdeira do emporio téxtil galego? Que empoderamento teñen as mulleres cando esquecen o feminismo para facer carreira no partido,  no sindicato ou en calquera outra asociación? Cando gardan silenzo perante violencias machistas dentro da propria organización na que militan?.

O feminismo do século XXI ten de rachar con toda esta soinamoina. A sororidade non há server para esquecer a luita de clases. A sororidade non há esquecer ás mulleres do sul global. O empoderamento ten que incluir a defensa do territorio e por tanto ten eco e exclúe por forza calquera industria ou cultivo intensivo, calquera externalización ou especulación capitalista. Porque há unha política feminista do territorio como a hai das relacións interpersoais. A sororidade non pode encubrir as diferenzas entre as mulleres. Temos que superar o feminismo da igualdade e da diferenza. Sobardar o feminismo poscolonial. Porque cada onda do feminismo vén de engulir á anterior.

Há que se desenganar, a luita pola igualdade real da muller non imos gañala só as mulleres. Teremos que lle pasar o testemuño á seguinte xeración.

A educación das novas roladas ten que estender o foco alén do mundo laboral. Por que as mulleres seguimos sen reclamar un salario polo traballo na sombra. O salario polo traballo doméstico, os coidados á familia… Grazas a todo ese inxente traballo non remunerado das mulleres despegou e consolidouse o capitalismo. Silvia Federici di que o sexo foi sempre un traballo para as mulleres. A sacrosanta institución familiar amarrou así, mulleres, fillos e herdanza. Federici foi unha das asinantes do manifesto Nunca sin nosotras que pedía a retirada da denuncia contra o sindicato de traballadoras sexuais OTRAS. Pois o governo quería ilegalizar este sindicato pola demanda dalgunhas organizacións feministas.

Hoxe o feminismo segue abusando desa dobre moral burguesa.

Audre Lorde en Os usos do erótico define este como un poder esquecido en nós mesmos. Eu penso que a educación feminista deste século ten que acreditar no poder de eros fronte ao culto ao dominio e á sumisión tanatocrática.

O governo feminista da vida ten que usar do erotismo para organizar a sociedade, para cultivar relacións horizontais de cooperación e combater a violencia machista en todas os espazos sociais agás nos cemiterios municipais.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
9 de março de 2021 22:36

_______