Amosando publicacións coa etiqueta Juventino Trigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Juventino Trigo. Amosar todas as publicacións

sábado, febreiro 15, 2020

Fene: O novo goberno de Fene presentouse ao plantel dos traballadores e traballadoras municipais - Organigrama municipal - Xunta de goberno - Prioridades


O novo goberno local


O novo goberno de Fene presentouse ao plantel dos traballadores e traballadoras municipais. Juventino Trigo presentou no salón de plenos a cada un dos concelleiros e concelleiras e as responsabilidades que terán no novo tripartito local. Fíxoo "para disminuir a tensión e mellorar as relacións entre o goberno e os traballadores", segundo declarou esta mañá no espazo As Foxas de Radio Fene.

Organigrama municipal

Justo Ardá será o novo responsable de Cultura. Urbanismo pasa a mans de Manuel Polo que se encargará tamén da Facenda. Sandra Permuy ocuparase de Persoal, Participación cidadá e Seguridade. Angeles Coira, que entra por primeira vez na corporación, será responsable de Educación e Xuventude, mentres que Cristina García Maroño, tamén nova no goberno, se encargará de Formación e Emprego. A edil de EU, Mª Carmen Martínez vai repetir na responsabilidade que xa tivera co anterior goberno do BNG, sendo a edil de Benestar e Igualdade. En relación aos cargos que ocuparán as tres edís socialistas; Mar Piñeiro será a responsable de Obras e Servizos; Ana Basoa, de Promoción Económica e Marta Pereiro (ausente no acto por baixa médica) será a encargada de Medioambiente. O alcalde bromeou afirmando que, despois do reparto, so lle deixaron ocuparse da alcaldía.

Xunta de goberno

Tras o intercambio de “poderes” estes primeiros dias son de aterrar na situación xeral do concello. O primeiro que Trigo quere solventar é a débeda a proveedores que ten contraída Fene neste momento e que cifrou en máis dun millón de euros. A Xunta de goberno local xa se reuníu esta semana. Forman parte dela, o propio alcalde, Mar Piñeiro, Ana Basoa, Sandra Permuy, Manuel Polo e M.C. Martínez. O alcalde xa participou no pleno da Mancomunidade e nunha xuntanza onte, acompañando á Confraría de Barallobre coa Conselleira de Pesca para transmitirlle a preocupación do sector ante a falla de ameixa na ría.

Prioridades

A Oferta pública de emprego é unha das cuestións máis urxentes para Juventino Trigo. Preguntabase esta mañá nas Foxas, “como se deixou morrer o emprego público en Fene?”. Fondomar, Punto limpo, curvas de Santa Ana, pasos a nivel de Perlío… A todo iso pensa meter man canto antes, declarou Trigo, para quen a súa política será a suma dos programas electorais dos tres grupos que conforman o novo goberno de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

http://173.255.131.18/audio/140220TRIGO.mp3

Publicado en Radiofusion. | 14 de Febreiro, 2020 - 12:30 h. | Publicada por Radio Fene.


Radio Fene
A emisora municipal de Fene comezou as súas emisións en setembro de 1984. Sintonízase no 107.7 da Frecuencia Modulada.
Casa do Concello 15500 Fene (A Coruña)
981 492 773


Podemos axudarche?

➤ Contacta con nós➤ Coñécenos


SÍGUENOS NAS REDES
➤ Facebook.
➤ Twitter.
_______________

venres, febreiro 07, 2020

O PP perde a Alcaldía de Fene, que pasa ao BNG - Juventino Trigo pasa ser o novo alcalde ao ser aprobada a moción de censura presentada por nacionalistas, PSOE e Esquerda Unida.

Juventino Trigo é parabenizado por veciños e veciñas finalizado o pleno extraordinario. (Iago Varela)

O PP perde a Alcaldía de Fene, que pasa ao BNG


Juventino Trigo pasa ser o novo alcalde ao ser aprobada a moción de censura presentada por nacionalistas, PSOE e Esquerda Unida.

Juventino Trigo (BNG) volve á Alcadía de Fene. O rexedor nacionalista fora despoxado do bastón de mando en 2018 por unha moción de censura presentada polo PP e Somos Fene, unha marea local desautorizada por En Marea. Nas eleccións de 2019, o BNG atinxía 6 representantes, os mesmos que PP, PSOE lograba 4 e Esquerda Unida 1. A Alcaldía fora parar o candidato popular, Gumersindo Galego.

Esta sexta feira, a moción de censura presentada por BNG, PSOE e EU saíu adiante no pleno extraordinario e afastou do poder a Gumersindo Galego, ao que a até agora oposición responsabilizaba de dirixir “un goberno agónico, sen orientación, sen apoio interno nin externo e cunha xestión moi negativa para o pobo de Fene". “Parou en seco a actividade e xestión administrativa", e "foi incapaz de impulsar actividades e proxectos máis aló do que viña facendo por inercia", denunciaban.

A moción de censura saiu adiante con 9 votos a favor e 6 en contra. O novo alcalde prometeu o cargo "por imperativo legal" e apelou a traballar para "a rexeneración política de Fene.
Juventino Trigo (BNG) novo alcalde de Fene pic.twitter.com/yNcc6VegAg —
patricia hermida (@Patri_Hermida)
February 7, 2020
Publicado en Nós Diario | 07.02.2020
_______

xoves, abril 19, 2018

Hoxe, despois de moitas emocións, é un día de agradecementos, ... Carta de despedida de Juventino Trigo como Alcalde de Fene,


Hoxe, despois de moitas emocións, é un día de agradecementos.

Moitos sentimentos encontrados. Vergoña allea por algúns personaxes que non merecen ser mencionados, e ao mesmo tempo unha enorme satisfacción polo apoio de moita xente e mostras de cariño recibidas.

Para as persoas que poidan ter interese, aquí transcribo o meu discurso de hoxe na moción de censura. Moitas grazas.

Quero aproveitar estes minutos para agradecer, en primeiro lugar, a todos os membros que compoñen este goberno o seu esforzo e dedicación. Podo dicirvos que non é fácil gobernar en minoría, e moito menos cando a oposición se dedica constantemente a entorpecer e a paralizar a boa marcha do traballo municipal, presentando mocións de censura e xudicializando a política. Facer que Fene funcione ben, con transparencia, con calidade democrática e coa atención aos veciños como prioridade supón moitas horas de dedicación e moitas horas roubadas á vida persoal e familiar de cada quen. Así que, moitas grazas compañeiras e compañeiros, foi un pracer traballar con vós.

Tamén quero agradecer o traballo de todo o persoal municipal, de todas as áreas e departamentos, dado que un goberno en minoría non podería funcionar sen o esforzo de todas as persoas que cada día levan adiante o traballo municipal. Foi tamén un pracer compartir xornada con todos e todas elas.

Hoxe é un día triste para Fene. É un día triste para Fene porque hoxe, por primeira vez na historia deste pobo, vaise materializar unha moción de censura na que conflúen os factores máis noxentos da vida política: compra de vontades, traizón á veciñanza e corrupción lexitimada por un auto xudicial sen precedentes que xudicializa a vida política para favorecer unha volta atrás na senda de boas prácticas, transparencia, traballo e atención ás necesidades sociais que entre todos acadamos nestes últimos anos.

O noso traballo a partir de agora, desde a oposición, será o de facer o que sempre facemos no BNG: defender os intereses das maiorías sociais, dos máis desfavorecidos e da veciñanza en xeral, tratando de impedir e denunciando publicamente calquera movemento que se pretenda realizar en beneficio de outros intereses.

Deixamos unha institución municipal saneada, eficaz, e que paga puntualmente os seus provedores. Centos de miles de euros investidos en obras e infraestruturas moi necesarias para Fene, e outros tantos preparados para novos investimentos. Deixamos o goberno municipal coa cabeza BEN ALTA, coa sensación do deber cumprido, e coa perspectiva posta nas vindeiras eleccións municipais, nas que o pobo terá de novo a palabra e estou ben seguro de que porá a cada quen no lugar que lle corresponde.

Foi un pracer e un orgullo ser o alcalde do meu pobo.

Nada máis e moitas grazas.

Fene, a 6 de abril, de 2018

Juventino Trigo

https://www.facebook.com/juventino.trigo

Foto: Pleno de moción de censura en Fene. | De Mero Barral para Ferrol360.

Máis info. | Ir Buscador.
________________