Amosando publicacións coa etiqueta Lídia Senra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lídia Senra. Amosar todas as publicacións

luns, marzo 25, 2019

A eurodeputada galega, Lídia Senra, organiza en Santiago unhas xornadas sobre como a propiedade pública podería substituír ás privadas nos sectores económicos clave - Os coloquios serán o 30 de marzo e 6 de abril na Facultade de Filosofía, e tratarán do sector da enerxía, finanzas, terra, coidados, información e datos


Lídia Senra organiza en Santiago unhas xornadas sobre como a propiedade pública podería substituír ás privadas nos sectores económicos clave. | Os coloquios serán o 30 de marzo e 6 de abril na Facultade de Filosofía, e tratarán do sector da enerxía, finanzas, terra, coidados, información e datos. | A eurodeputada e o economista Xabier P. Davila animan a asistir a todas as persoas e colectivos que loitan por unha sociedade máis xusta e igualitaria.


É posible que a propiedade pública, social e común, substitúa á propiedade privada capitalista en sectores económicos clave como son as finanzas, a enerxía, a terra, os coidados, a información e os datos? Esta será a cuestión central ao redor da cal xirarán as xornadas que terán lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (Praza de Mazarelos) este sábado, 30 de marzo, e o seguinte, 6 de abril. Organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas de finais de maio, en colaboración co economista e membro do Consello das Mareas Xabier Pérez Davila, as xornadas pretenden contribuír ao debate e o intercambio de saberes, con varios coloquios sobre A economía no século XXI, nos que participarán expertos na materia chegados de diferentes países.

Lídia Senra e Xabier Pérez Davila critican que o neoliberalismo impuxo nas últimas décadas unha única política económica posible, consistente na privatización de empresas e servizos públicos esenciais, libre movemento de capitais e mercadorías, cesión da soberanía económico a organismos non electos, desregulación das relacións laborais e ataques á organización sindical, substitución das pensións de repartición por fondos privados de capitalización. A consecuencia disto, hoxe rexístrase un aumento da explotación, un descenso dos salarios, desigualdade crecente, precarización do traballo, aceleración da crise ecolóxica, crise do tempo e dos coidados, concentración e centralización do capital, e incremento exponencial do poder do capital sobre o traballo e a sociedade. “1989 augurou o triunfo do capitalismo como modo de produción definitivo e clausura da historia. Sen embargo, está a producirse un notable rexurdimento do pensamento anticapitalista en todos os continentes”, defenden a eurodeputada e o economista. Por iso, a idea de organizar estas xornadas, ás que Senra e Pérez Davila animan a asistir a todas aquelas persoas e colectivos que loitan por unha sociedade máis xusta e igualitaria e interesados no estudo da economía. Todos os coloquios están abertos ao público, sen necesidade de inscrición previa.

Multiplícanse os relatorios que informan do aumento da desigualdade no interior dos Estados. Cada ano, Intermon Oxfam levanta acta dun novo récord de concentración da riqueza no 1% da poboación máis rica. Incluso organismos de goberno da economía mundial como o FMI ou a OCDE manifestan a súa 'preocupación' pola polarización social en aumento. Fronte ás saídas de maior privatización, nós preguntámonos se existe outro punto de vista. Preguntámonos se fronte á planificación capitalista se pode imaxinar a propiedade colectiva, a planificación social e a apropiación común do producido. Quizais na propiedade colectiva, común, social dos principais recursos produtivos: enerxía, finanzas, terra, coidados, información e datos”, defenden desde a organización do evento.

SÁBADO 30 DE MARZO

Durante o programa de dous días, abordaranse pois, todas estas seguintes cuestións, dando comezo ás xornadas este sábado, 30 de marzo, ás 9:00 horas, coa inauguración da europarlamentaria.

ENERXÍA

Ás 9:30 terá lugar o primeiro dos coloquios, centrado en ‘Enerxía: É posible a transición a un sistema descentralizado baseado en enerxías renovables?’. Nel actuará de relatora Margarita Mediavilla Pascual, profesora da Escola de Enxeñarías Industriais e membro do Grupo de Enerxía, Economía e Dinámica de Sistemas da Universidade de Valladolid. Xoán Doldán, decano da Facultade de Económicas da USC, moderará e introducirá esta mesa. As materias primas para a produción de enrexía, auga, vales, vento, sol, gas natural, uranio, etc, foron creadas pola natureza. Pola contra, a propiedade das empresas que as explotan é privada. No Estado español, son as empresas as que determinan os prezos mediante un mecanismo que lles permite a xeración de beneficios abusivos. A mudanza climática é a maior ameaza que afrontamos como especie. Os intereses das enerxéticas bloquean a transición a un sistema descentralizado baseado nas enerxías renovables. Que tipo de propiedade sería o máis acaido para facilitar a transición e a garantía de subministración ás persoas e ás comunidades? A esta pregunta se intentará dar resposta nesta primeira parte das xornadas.

TERRA
Ás 11.30 horas, terá lugar o segundo coloquio, neste caso centrado en ‘Propiedade da terra e soberanía alimentaria’, no que intervirán como relatores Xoán Carlos Carreira Pérez, doutor e enxeñeiro agrónomo, profesor da USC retirado; e Marina dos Santos, membro da Dirección Nacional do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST). A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, conducirá este coloquio, no que se abordará o acaparamento de terras como fenómenos de grande importancia en todos os continentes, ben pola vía directa de concentración de superficies de enormes dimensións en mans de investidores privados e de potencias estranxeiras, ben pola vía de converter as labregas e labregos, e as terras que traballan, en dependentes de grandes empresas. Tendo moi en conta que aquí na Galiza, por exemplo, o 8 por cento da superficie agraria útil galega é un monocultivo de eucaliptos destinados á materia prima da produtora de pasta de papel ENCE, podemos afirmar que o acaparamento de terras é unha manifestación do predominio do capital na produción de alimentos e materias primas agrícolas que esquece as cuestións ecolóxicas e o dereito dos pobos á soberanía alimentaria. No coloquio abordaranse outros modelos agrarios, como o defendido pola Vía Campesiña, outros modelos de propiedade da terra e de técnicas agrícolas e gandeiras que claro que existen.

FINANZAS

Xa o sábado 30 de marzo pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar o coloquio ‘Finanzas: Privadas ou Públicas’, con Ricardo G. Zaldívar, doutor en Economía e ex-coordenador de ATTAC no Estado español. Adrián Dios, doutor en Economía, investigador na USC e membro da Coordenadora de En Marea, será o encargado de moderar este debate. Nel analizarase como un dos elementos máis característicos do capitalismo neoliberal é a financeirización da economía, o peso crecente das finanzas no control da actividade económica. A banca pública practicamente xa non existe e despois da crise do 2007, contra as recomendacións iniciais dos organismos reguladores, aumentou a concentración das entidades financeiras, de maneira que case todas as existentes son “demasiado grandes para caer”. Desenvolvese ao tempo unha banca na sombra fóra do control das autoridades, pero que pode contaxiar ao resto do sistema con gran velocidade. Por iso nos preguntaremos se se debe crear unha banca pública na Galiza, no Estado español e en Europa.

COIDADOS

E para rematar o primeiro día das xornadas, a partir das 17.3O horas, desenvolverase o coloquio sobre ‘Economía de coidados: Conceptos e debates’, coa participación de Mertxe Larrañaga Sarriegui, profesora de Economía Aplicada na Universidade do País Vasco. A deputada de En Marea no Parlamento Galego, Paula Vázquez Verao, introducirá esta mesa. En todas as sociedades a división do traballo segundo o xénero asignou ás mulleres os traballos reprodutivos, domésticos e de coidados. Nas sociedades tradicionais, desempeñaban un papel fundamental na produción de alimentos. Nas sociedades capitalistas actuais, incorpóranse ao traballo retribuído, asumindo así unha tripla carga, traballo asalariado, doméstico e de coidados, que prexudica a súa saúde física e psíquica. Sobre se se debería socializarse máis parte deste traballo con escolas infantís de 0 a 3 anos, asistencia domiciliaria ás persoas dependentes, residencias asistidas, comedores escolares, comedores de empresa, etc, debaterase nesta parte.

SÁBADO 6 DE ABRIL

DATOS


A segunda parte da xornada desenvolverase o sábado seguinte, o 6 de abril, novamente no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, en horarios de 10.00 a 13.00. Será para ter primeiramente un coloquio, de 10:00 a 11:15 horas, sobre ‘Os nosos datos, son propiedade común?’, no que intervirá Ekaitz Cancela Rodríguez, xornalista e autor do libro ‘Despertar do soño tecnolóxico’. A propia Lídia Senra conducirá este coloquio, no que se tratará sobre a inxente cantidade de datos que xerarmos cada hora mediante a participación nas redes sociais ao navegar por internet, ao realizar compras dixitais, mediante os xeolocalizadores dos teléfonos móbiles, etc. Toda as información é hoxe privatizada polo imperio de Silycom Valley e Europa é neste sentido unha colonia dixital. Pode Europa constituír un sector da información e os datos de propiedade pública que distribúa a información entre os diversos niveis das administracións públicas? Un sistema que garanta o dereito á intimidade ao tempo que pon a información ao servizo de investigacións útiles? Diso se tratará.

PLANIFICACIÓN

E para para rematar, de 11.30 a 13.00, desenvolverase a mesa ‘Romper co consenso, planificación para unha economía socialista’, con William Paul Cockshott, profesor de Computing Science na Univesidade de Glasgow. Neste coloquio será o propio Xabier Pérez Davila o encargado de moderar e presentar. “Os medios de persuasión de masas informan de que vivimos nunha economía de libre mercado. En realidade, todas as grandes empresas planifican a súa actividade. Así o fai Citröen-Vigo ao utilizar o sistemaJust in time, que lle serve para estabelecer obxectivos de produción, tempos e custos para a industria auxiliar. Fan Wall Mart e Inditex. O proceso produtivo manifesta un carácter colaborador e social crecente, acelerado pola utilización das tecnoloxías da información e a ciencia de datos. De xeito contraditorio, a propiedade e a apropiación do excedente son cada vez máis privadas. Pode ter a planificación da economía un papel relevante nunha economía ao servizo das maiorías sociais, da cidadanía, das clases traballadoras? Pode ser eficiente? A iso intentaremos dar resposta”, conclúe Pérez Davila.

Santiago, 25 de marzo de 2019.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas

lidia.senra@europarl.europa.eu
http://lidiasenra.gal/
https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
25 de março de 2019 15:57

____________

venres, marzo 22, 2019

Presentación en Ferrol do libro ''O futuro dás pensións', coa participación de Lídia Senra, Vitoria Portas e Xabier Pérez Davila, no Ateneo Ferrolán, o venres día 22 de Marzo ás 6 da tarde, organizado pola Plataforma Ferrolterra para a Defensa das Pensións Públicas


Presentación do libro "O futuro dás pensións"


Dita presentación terá lugar no Ateneo Ferrolan Rúa Magdalena, 202-204, - Ferrol.

Venres día 22 de Marzo ás 6 da tarde.

A Presentación correrá a cargo de:

LIDIA SENRA Deputada Galega no parlamento europeo polo GUE/ NGL

VITORIA PORTAS Coordinadora estatal comisión da muller e Membro de  MODEPEN

XABIER PÉREZ DÁVILA, Economista, Escritor e membro de  MODEPEN

Aos presentes regaláseselles un exemplar do libro.

Plataforma Ferrolterra para a defensa das pensións publicas

Enviado por:
Plataforma Pensións Públicas Ferrol
-plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com-
20 de março de 2019 20:10

_____________________

venres, marzo 15, 2019

A eurodeputada galega Lídia Senra: 'A extrema dereita é un perigo, ataca os dereitos das persoas co máis duro do neoliberalismo', perante a rolda de prensa celebrada na Coruña,para presentar as xornadas: 'O auxe do neofascismo e da extrema dereita en Europa. Perda de dereitos e liberdades'


Lídia Senra: “A extrema dereita é un perigo, ataca os dereitos das persoas co máis duro do neoliberalismo”. | A eurodeputada advirte da delicada situación que se está a vivir en toda Europa co auxe de forzas neofascistas e chama a debater sobre como frealas. | Arrancan no Paraninfo da Universidade da Coruña as xornadas europeas que analizarán as mensaxes das forzas autoritarias e a perda de liberdades.

Estamos ante unha situación delicada. A extrema dereita é un perigo, porque ataca os dereitos de todas as persoas, aplicando nos gobernos nos que están entrando, os programas máis duros do neoliberalismo. Por esta razón, desde a esquerda e os colectivos sociais debemos debater sobre cales son as causas do auxe do neofascismo e das forzas de extrema dereita que se está está dando en toda Europa, analizar que podemos facer para frear estas forzas autoritarias e impedir que cheguen a gobernar, no contexto de toda a UE e tamén a nivel mundial, porque van contra a inmensa maioría da sociedade, do campesiñado, das mulleres, dos traballadores e traballadoras, atacan os dereitos humanos, atacan a democracia en si mesma”. Así o advertiu esta mañá a eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, e candidata de En Marea ás eleccións europeas de finais de maio, durante a rolda de prensa ofrecida na Coruña con motivo das xornadas "O auxe do neofascismo e da extrema dereita en Europa. Perda de dereitos e liberdades", que se celebrarán esta tarde e mañá sábado durante todo o día no Paraninfo da Universidade herculina.

Senra explicou que o seu grupo se decidiu a organizar estas xornadas, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e a Universidade da Coruña, porque “estamos moi preocupadas polo auxe da extrema dereita na UE e a nivel mundial, que poñen en cuestión os dereitos e as liberdades”. Para a europarlamentaria, o auxe da extrema dereita ten que ver cos intereses que ten agora o capitalismo. Para seguir nese proceso de acumulación de riqueza en poucas mans, o capitalismo necesita gobernos de extrema dereita que sigan dándolle pulo ás reformas neoliberais, privando de dereitos ás persoas, negando incluso os dereitos medioambientais, como acabamos de ver agora do Goberno de EEUU, que negao cambio climático, por exemplo.

Por iso, a eurodeputada considera fundamental que a esquerda sexa capaz de transmitir á sociedade o que hai detrás destes partidos e dos seus programas. Só así conseguiremos paralos. “Non creo que ninguén queira volver á situacións pasadas nas que se prohibía falar e escribir galego. Non creo que ninguén queira volver á situacións pasadas nas que reunirse na rúa máis de tres persoas estaba prohibido. Hai que dar a batalla, ver o que hai detrás dos programas das forzas da extrema dereita e combatelos”, dixo, para cualificar tamén de grave o ataque directo que están a facer ás mulleres, poñendo en perigo a lei de violencia machista, por exemplo, como reivindicación no proceso de negociación do goberno andaluz.

Para Lídia Senra, a UE difúndese sobre os valores de defensa dos dereitos humanos, sempre se erixe na gran defensora e gardiana da democracia, constituiuse para que non se volveran a dar situacións fascistas pasadas. “E resulta que o presidente doParlamento Europeo fai esta semana unhas declaracións valorando a Mussolini. Tajani debe dimitir como presidente do Parlamento Europeo xa. Isto non se pode consentir. É unha xustificación intolerable do fascismo no Parlamento Europeo”, defende a eurodeputada.

Fronte a estas situacións, Senra tamén avogou por facer algo de autocrítica e analizar o que a esquerda non está facendo ben e se traduce en que as nosas mensaxes non cheguan ao electorado e á sociedade en xeral. “Temos que ver como podemos ser eficaces para ser quen de elaborar e transmitir as nosas propostas mellor, porque a realidade non é que a dereita suba, senón que se rexistra a abstención da esquerda”, zanxou.

Pola súa banda, a avogada do Sindicato Andaluz de Traballadores/as, Pastora Filigrana, dixo compartir esta análise. “A esquerda ten que pararse a pensar en por que moita xente non se sinte identificada e queda na casa en lugar de votar. Debemos analizar por que a esquerda non capta o descontento da xente”, dixo. Filigrana cualificou como moi pertinentes estas xornadas para pensar en común. “O neofascismo está presente actualmente en 18 parlamentos europeos, rexionais ou estatais, un é o de Andalucía e é posible que esta representación aumente. Urxe entender os porqués, o que está ocorrendo, que papel xoga o neoliberalismo”, dixo.

As xornadas comezarán este venres pola tarde ás 17:00 horas, coa apertura das mesmas a cargo da propia eurodeputada Lídia Senra; de Fernando Souto Suárez, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; e de Julio E. Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña. Xa ás 17:30 horas, terá lugar o primeiro dos coloquios, no que se tratará de facer un ‘Retrato da extrema dereita en Europa’. Nel intervirán ademais de Pastora Filigrana, Gabriele Michalitsch, investigadora en Economía Política, Teorías Políticas e Economías Feministas no Departamento de Ciencias Políticas da Universidade de Viena; e Sophia Siddiqui, membro do Institute of Race Relations (Reino Unido). Tras o debate, e para finalizar a xornada dese primeiro día, está programado a partir das 20:30 horas, un concerto acústico de Satxa e Samu Acaracán.

A Coruña, 15 de marzo de 2019.

O coloquio será retransmitido en streaming a través de dous enlaces en youtube co vídeo en directo co son orixinal [https://www.youtube.com/watch?v=EeS9bPcgMro] ou co son da traducción simultánea a galego [https://www.youtube.com/watch?v=5jUPeyp0mm0].

Mañá sábado, os debates continuarán durante todo o día tamén.

* Todas as persoas que participarán como relatoras nas xornadas están abertas a conceder entrevistas cos medios de comunicación interesados, de forma telefónica ou en persoa. Para xestionar citas, podedes poñervos en contacto chamando ao 698144067

(Rosabel – Prensa Xornadas)

Moitas grazas pola vosa atención

Adxuntamos fotografías da rolda de prensa de hoxe pola mañá e cartelería e programa completo das xornadas

1Vídeo resumo da rolda de prensa de hoxe:
https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez/videos/251334125821205/

Máis información ou entrevistas directas con Lídia Senra:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu

http://lidiasenra.gal/ https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Oficina de Lídia Senra na Galiza
Tlf.: +34.698.144.067 / 698.120.268
Tlf.: +34.881.817.443

www.lidiasenra.gal

Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
15 de março de 2019 14:24
_____________

xoves, febreiro 14, 2019

Rexeitamos unha xestión de fondos europeos que segue relegando a segundo plano ás persoas e ó medioambiente - Senra votou en contra da proposta de regulamento de fondos europeos aprobada na mañá de hoxe polo Parlamento Europeo - Malia a retirada da posibilidade de suspensión de fondos se non se cumpre cas disposicións da UE, o informe carece de ambición social


Rexeitamos unha xestión de fondos europeos que segue relegando a segundo plano ás persoas e ó medioambiente. | Senra votou en contra da proposta de regulamento de fondos europeos aprobada na mañá de hoxe polo Parlamento Europeo. | Malia a retirada da posibilidade de suspensión de fondos se non se cumpre cas disposicións da UE, o informe carece de ambición social.

O Parlamento Europeo vén de aprobar a  proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, así como as normas financieiras para ditos Fondos e para o Fondo de Asilo e Migración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Xestión das Fronteiras e Visados (COM(2018)0375 – C8-0230/2018 – 2018/0196(COD)).

A eurodeputada do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra opúxose co seu voto a este informe ao considerar que, malia a que finalmente foi suprimida a proposta da Comisión de poder retirar fondos a aqueles Estados que non cumpran ca denominada condicionalidade macroeconómica ou macrocondicionalidade -é dicir, co que as premisas capitalistas neoliberais europeas consideran unha “boa” gobernanza económica-, o informe non satisface o cambio de orientación nas políticas de desenvolvemento europeas que unha situación de urxencia social como a actual requiren.

Non hai un cambio claro na orientación dos fondos, non hai un cambio claro para apoiar os sectores produtivos do País, non hai un cambio claro para apoiar ás pequenas empresas, non hai un cambio claro para apoiar os sistemas públicos de saúde ou o ensino”, incidiu Senra na quenda de explicacións de voto.

A articulación dos fondos no marco das normas financierias establecidas neste informe, en tanto que absolutamente continuistas das premisas neoliberais da UE continúan “mermando o público para seguir engordando os intereses do capital, como sucederá, por exemplo, co produto panaeuropeo de pensións individuais que se acaba de acordar nas negociacións tripartitas”.

Estamos moi lonxe de atoparnos diante dun texto que mellore a actual xestión dos fondos europeos.  Por poñer un caso concreto, votamos a favor de que as áreas que descendan de categoría no período 2021-2027, como Galiza, manteñan o mesmo nivel de asignacións que tiñan no 2014-2020. Está ben, porque a outra opción era que recibira menos fondos. Pero o realmente relevante é que nos atopamos con un plantexamento económico por parte da UE que, non só non contempla a posibilidade de incrementar fondos naquelas áreas que se viron especialmente afectadas pola estafa financeira e as decisións políticas que supuxeron unha precarización social xeralizada, senón que incluso a proposta inicial da  Comisión Europea era reducírllelos.”

Estrasburgo, 13 de Febreiro de 2019.


Sesión Plenaria [13/02/2019]
TEMA DA INTERVENCIÓN
Disposicións comúns Fondos europeos
ENLACE Á INTERVENCIÓN


Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://lidiasenra.gal/

Twitter | Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
13 de fevereiro de 2019 16:08

_________________

A eurodeputada galega Lídia Senra cualifica de 'perversa' a aprobación do acordo pesqueiro UE-Marrocos e alerta dos seus riscos xurídicos - Senra e o Ministro delegado para Europa da Fronte Polisario, Mohamed Sidati, ofreceron na tarde de hoxe unha rolda de prensa conxunta - O acordo foi aprobado con 415 votos a favor e 189 en contra pese a non cumprir os requisitos especificados polo Tribunal de Xustiza da UE


Senra cualifica de “perversa” a aprobación do acordo pesqueiro UE-Marrocos e alerta dos seus riscos xurídicos. | Senra e o Ministro delegado para Europa da Fronte Polisario, Mohamed Sidati, ofreceron na tarde de hoxe unha rolda de prensa conxunta. | O acordo foi aprobado con 415 votos a favor e 189 en contra pese a non cumprir os requisitos especificados polo Tribunal de Xustiza da UE.

A través dunha rolda de prensa conxunta co Ministro delegado para Europa do Frente Polisario, Mohamed Sidati, a eurodeputada galega Lidia Senra, responsábel  para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica do seguimento do Acordo de colaboración de pesca UE-Marrocos aprobado hoxe en sesión plenaria do Parlamento Europeo, abordou esta tarde algunhas das principais claves da estratexia política a través da cal tanto Marrocos como a UE pretenden espoliar os recursos do pobo saharauí.

O GUE/NGL sempre se pronunciou en contra dos acordos comerciais UE-Marrocos porque inclúen ilegalmente os territorios ocupados do Sáhara occidental. Cómpre lembrar que o Artigo 73 da Carta de Nacións Unidas recoñece o dereito dos pobos dos territorios non autónomos á soberanía permanente sobre os seus recursos”, situou Senra.

Marrocos non ten soberanía sobre o Sáhara Occidental, polo que “nin este país nin a UE poden tomar decisións sobre un territorio que non lles pertence”, reiterou. “Consideramos que isto é un roubo, estamos falando dun acordo onde a UE e Marrocos pretenden repartir o botín procedente do espolio do pobo saharauí. O pobo saharauí non deu en ningún momento consentimento, e se a UE quere pescar nas augas do Sáhara occidental ten que negociar ca Fronte Polisario que é o  seu lexítimo representante. Paréceme perverso que a maioría do Parlamento Europeo  dera o seu consentimento a este acordo sabendo que é contrario á legalidade internacional e a inseguridade xurídica na que poden estar os barcos da UE”.

Mohamed Sidati, pola súa banda, agradeceu o apoio de Senra e do GUE/NGL e fixo fincapé no feito de que “os acordos comerciais e de pesca UE-Marrocos son ilegais, e significan que a UE vai seguir ca súa política de negación do pobo saharauí e de espolio dos seus recursos naturais. Hoxe a UE ao votar estes acordos está a ser parte do problema, non parte da solución, xa que está a reforzar a ocupación marroquí do Sáhara Occidental”.

O Ministro da Fronte Polisario para a UE recordou que o Tribunal de Xustiza da UE expresou claramente que os acordos comerciais que afectan aos recursos do pobo saharauí só poden ser válidos se o propio pobo saharauí expresa o seu consentimento a través do seu representante lexítimo, a Fronte Polisario. “A Comisión Europea durante estes meses tentou lexitimar o acordo sosténdoo nun burdo andamiaxe de falsas consultas”, denunciou. “Incluso a organización Human Right Watch dirixiu unha carta ás eurodeputadas/os pedindo que non se votase este acordo por non cumprir cos requisitos do dereito internacional humanitario, subliñando que hai discusións en marcha sobre o Sáhara Occidental, un territorio non autónomo sobre o cal non se lle recoñece a Marrocos a mínima soberanía. Tamén pediu que se cumpra o  Artigo 21 do Tratado da UE, que establece que nas súas actividades externas a UE debe velar polo respecto da Carta das Nacións Unidas e do dereito internacional”.

Sidati tamén chamou a atención sobre o feito de que a data programada para a votación do acordo de pesca UE-Marrocos coincida ca visita, “postposta por enésima vez”, dos reis de España a Marrocos. “Resulta difícil non interpretar a oportunidade desta visita como unha gratificación real á sistemática violación de dereitos humanos do pobo saharauí e ao desenfrenado saqueo de recursos naturais do Sáhara Occidental”.

Este acordo abarca case exclusivamente as augas saharauís, xa que como sinalou o propio Tribunal de Xustiza da UE na sentenza de xaneiro de 2018 o 91.5% das capturas dos barcos europeos estase facendo en augas saharauís. “A UE non só está incumprindo as decisións do seu propio tribunal, senón incumprindo un dos principais principios do dereito internacional que establece a soberanía do pobo saharauí. Ca súa actitude fai prevalecer a lóxica da forza en detrimento dos principios que presidiron a súa fundación. Estes acordos son operacións para esquilmar os nosos recursos. Francia e España capitanean este roubo. A nosa mensaxe á opinión pública europea e á comunidade internacional é que teñen que ser moi conscientes de que estes acordos lexitiman a ocupación saharauí do noso país e vulneran o dereito fundamental do noso pobo á autodeterminación”.

Estrasburgo, 12 de Febreiro de 2019.

[NdP230119] “É indignante comprobar que a UE e Marrocos estanse repartindo o espolio dos recursos do pobo saharuí”.

[NdP091018] “A UE pretende legalizar a ocupación do Sáhara occidental a través de acordos económicos con Marrocos”.

Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://lidiasenra.gal/

Twitter | Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
12 de fevereiro de 2019 20:13

__________________

A reutilización de augas no actual modelo industrial é un risco para as persoas e o medioambiente - Lídia Senra interveu na sesión plenaria do Parlamento Europeo para oporse á privatización da xestión do proceso de reutilización de augas - Alertou do posíbel incremento da contaminación dos chans e lembrou que esas substancias voltan a nós a través da auga, o aire e os alimentos


A reutilización de augas no actual modelo industrial é un risco para as persoas e o medioambiente. | Lídia Senra interveu na sesión plenaria do Parlamento Europeo para oporse á privatización da xestión do proceso de reutilización de augas. | Alertou do posíbel incremento da contaminación dos chans e lembrou que esas substancias voltan a nós a través da auga, o aire e os alimentos.

O Parlamento Europeo aprobou hoxe o Informe sobre a proposta de regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo aos requisitos mínimos para a reutilización da agua.

A coordinadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, Lídia Senra, interveu durante a sesión plenaria para chamar a atención sobre o feito de que esta proposta, lonxe de romper as dinámicas industriais hexemónicas que precisamente están a provocar a contaminación das augas e as secas, propón dar respostas que, novamente, pasan por enriquecer ás grandes empresas privadas.

Unha vez máis pido a este Parlamento que vaia máis aló de medidas que só supoñen parches. Temos que apostar por un modelo de desenvolvemento non contaminante, e con menor consumo de auga, tanto na industria como no turismo, na agricultura ou na gandaría. Non podemos continuar ca lóxica de agochar no medio rural e na terra os resíduos urbanos. Xa coñecemos por exemplo os graves impactos dos lodos de depuradora na saúde das persoas e no medioambiente. O que botamos na terra volta a nós logo a través dos alimentos, da auga, do aire... Non podemos esquecelo”.

Se ben Senra subliñou non estar en contra do principio de reutilización da auga, si puxo sobre a mesa as patentes carencias da proposta aprobada hoxe. “O informe recoñece que hai augas que non van poder ser utilizadas para regar determinados cultivos porque poden supor un risco para a saúde. Entón, como se vai evitar que esas augas que se van empregar para regar outro tipo de cultivos non contaminen os acuíferos?”, cuestionou ao Comisario Europeo de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca Karmenu Vella, presente no hemiciclo.

Unha cuestión especialmente preocupante, abondou a eurodeputada galega, é que o tratamento de rexeneración das augas vai estar nas mans de operadoras privadas. “O comisario falou de oportunidades empresariais para operadores e suministradores de tecnoloxía, e creo que esa é unha das claves, que ao amparo da economía circular estase proporcionando ás empresas poder facer negocio coas augas residuais a costa da saúde, porque a xestión e rexeneración desas augas quedan en mans de operadores privados”, denunciou, “Unha actividade tan sensíbel non pode ser un negocio, toda o ciclo da auga debería ser de xestión pública. Ademais, quen paragará estes procesos? As labregas e labregos na auga de regadío?”.

Lídia Senra apelou unha vez máis a que Comisión Europea sexa consciente da interrelación das súas propias políticas. “Non pode pretender facer unha carta de bos desexos sobre a calidade da auga se non está paralelamente atallando prácticas contaminantes que están a repercutir de xeito gravísimo, poñendo mesmo en risco a saúde da poboación. A privatización do tratamento das augas residuais e a súa reutilización na agricultura o que vai provocar é unha maior contaminación da terra e dos alimentos con metais pesados, antibióticos e todo tipo de residuos procedentes de actividades industriais, hospitais, etc…”

Intervención completa de Lídia Senra. | Acceder.

Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://lidiasenra.gal/

Twitter | Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
12 de fevereiro de 2019 17:22

__________________

martes, febreiro 05, 2019

Unha trintena de representantes da política municipal galega acoden esta semana ao Parlamento Europeo - A deputada Lídia Senra organiza a visita, para participar no encontro anual da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas do GUE/NGL - O concelleiro de Teo Ignacio Iglesias, a das Pontes María Chao e o de Ribadumia Enrique Oubiña realizarán exposicións sobre xestión de residuos, especulación de vivenda e desigualdades salariais


Unha trintena de representantes da política municipal galega acoden esta semana ao Parlamento Europeo. | A deputada Lídia Senra organiza a visita, para participar no encontro anual da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas do GUE/NGL. | O concelleiro de Teo Ignacio Iglesias, a das Pontes María Chao e o de Ribadumia Enrique Oubiña realizarán exposicións sobre xestión de residuos, especulación de vivenda e desigualdades salariais.


Case unha trintena de representantes da política municipal galega acudirán esta semana ao Parlamento Europeo. Farano nunha visita promovida pola eurodeputada galega, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, para participar no Encontro anual da Rede Europea de Autoridades Locais Progresistas (REALPE)[1], organizado polo propio GUE/NGL. Alcaldes, concelleiros/as e persoas con responsabilidades relacionadas co eido local de diferentes puntos da Unión Europea reuniranse nas xornadas en Bruxelas o xoves e o venres para intercambiar experiencias e análises baixo o título de ‘Vivenda, progreso social e derrota ao fascismo. Comunidades locais para outra Europa’.

Concretamente, na delegación galega participarán os alcades de Salceda de Caselas, A Pobra do Caramiñal e Manzaneda, Marcos Besada, Xosé Lois Piñeiro e Félix Domínguez, respectivamente, así como o tenente de alcalde de Ribadumia, Enrique Oubiña; o concelleiro de Economía e Facenda de Cambados, Xurxo Charlín; a concelleira de Salceda de Medio Ambiente, Deportes, Xuventude, Voluntariado, Participación cidadá e Novas Tecnoloxías, Carla Pérez; o concelleiro de Benestar, Igualdade e Participación Veciñal en Teo, Ignacio Iglesias Villar; a concelleira das Pontes María Chao, os de Xunqueira de Ambía Sonia Vidal e Eladi Cid; a de Vilanova de Arousa Elena Cores; a de Lugo Cristina Pérez Herráiz; os de Arbo Manuel Álvarez e Baltasar Vallejo; a de Pontevedra María del Carmen Moreira; o de Trives Jorge Vázquez; ou o do Courel Óscar Carrete. Tamén viaxarán o voceiro de En Marea Ponte Caldelas, Rodrigo Márquez; a membro da Coordinadora da Marea de Noia, Consuelo Martínez; o ex tenente de alcalde de Corcubión Alfredo González; os membros da Coordinadora de Alternativa Canguesa de Esquerdas, Andrea Martínez e Xurxo González; a membro da Comisión de Garantías de En Marea e responsable da secretaría de Coordinación de Gañemos Vilanova, Concepción Rodríguez; o coordinador local de Sarria En Marea, Iván López; a coordinadora de Municipalismo e extensión territorial de En Marea, coordinadora tamén do grupo municipal de Ames Novo, Ana Seijas; a membro de Son de Trives Ana García; a ex concelleira de Vivenda de Ourense, Iolanda Pérez; e o deputado de En Marea no Parlamento Galego Davide Rodríguez Estévez.

No programa do Encontro, haberá varios paneis de debate e coloquios. O primeiro deles terá lugar o xoves pola tarde, e estará centrado en ‘Vivenda social e especulación’. Nel intervirá a edil das Pontes María Chao, que explicará a situación que se vive na Galiza, apostando por defender o acceso a unha vivenda digna para todas as persoas como un dereito humano. Chao falará sobre as zonas que máis padecen a especulación urbanística e apostará polo ordenamento do territorio, a rehabilitación, e a implantación de políticas de vivenda e alugueiro público como saída. O panel será introducido pola eurodeputada do GUE/NGL e membro do Die Linke alemán Martina Michels e nel participarán ademais de María Chao, o belga Françoise Desmedt; o candidato a alcalde de Atenas Nasos Iliopoulos; a membro do Parlamento de Berlín Katalin Gennburg; o concelleiro francés en Bobigny José Moury; a concelleira sueca en Malmö, Emma-Lina Johansson; o irlandés Mark Ward; e a activista da Plataforma de Afectados polas Hipotecas e contra os Fondos Boitre no Estado español Mercedes Revuelta. A eurodeputada sueca do Left Party Malin Björk e a irlandesa do Sinn Féin Lynn Boylan encargaranse de moderar o debate e realizar as conclusións dese día.

Xa o venres pola mañá, desenvolverase un panel sobre ‘Facéndolle fronte ás desigualdades e propagación do fascismo en toda Europa, a visión progresista das nosas comunidades locais’. Nel está previsto que dous concelleiros galegos realicen exposicións. Un será o edil de Teo Ignacio Iglesias, que se centrará en explicar e denunciar a situación que se está a vivir no seu concello a raíz do proxecto de instalar unha planta de tratamento de residuos na antiga canteira de Casalonga, a costa do medio ambiente, da saúde e da calidade de vida das persoas e o papel que está a xogar o ente municipal e a mobilización social e veciñal. O outro galego será o tenente de alcalde de Ribadumia Enrique Oubiña, que realizará unha intervención centrada na importancia de loitar por uns salarios dignos que permitan unha vida digna para todas as persoas en calquera punto da UE. O eurodeputado grego de Syriza Dimitris Papadimoulis introducirá este panel, no que tamén participarán o concelleiro de Palermo Giusto Catania; a candidata a alcalde en Salónica Katerina Notopoulou; a escritora contra a extrema dereita Nazanin Armanian; e o membro do AKEL chipriota Stavros Yerolatsites. A eurodeputada francesa de Front de Gauche, Marie-Christine Vergiat, moderará o debate e a eurodeputada asturiana Ángela Vallina realizará as conclusións deste panel, para despois ser a galega Lídia Senra quen se encargue de facer as conclusións xerais de todo o encontro de REALPE deste ano.

Santiago, 04 de marzo de 2018.

[1] http://www.realpe-europa.eu/fr/

Oficina de LÍDIA SENRA
EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://lidiasenra.gal/

Twitter | Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
4 de fevereiro de 2019 12:41

__________________