Amosando publicacións coa etiqueta LiGanDo-LGD. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LiGanDo-LGD. Amosar todas as publicacións

sábado, abril 17, 2021

LiGanDo denuncia fuga de augas residuais en Caranza nas proximidades dun parque infantil, na veciñal 2, na área de Fontelonga





Desde Ligando queremos denunciar un verquido de augas fecais pola veciñal 2 en Caranza, preto do parque para pequenos. Cara o parque Fontelonga.


LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
17 de abril de 2021 16:12

_______

martes, marzo 16, 2021

Iniciativa de Ligando Ferrol que rexistrará próximamente no Concello, reclamando un servizo de transporte público Ferrol-Coruña de calidade


A organización política Ligando Ferrol vai rexistrar no Concello de Ferrol, unha iniciativa para reclamar un servizo de transporte público entre A Coruña e Ferrol de calidade. A continuación transcribimos o texto da citada iniciativa:

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

INICIATIVA PARA UN TRANSPORTE PÚBLICO FERROL-CORUÑA DE CALIDADE

Iolanda Teixeiro Rei, con D.I. número XX.XXX.XXX-X, enderezo en Rúa Xxxxx Xxxxx, X, X, Ferrol, e en calidade de Delegada da organización política LiGanDo-LGD en Ferrol,

EXPÓN:

Hai xustamente catro anos, en marzo de 2017, LiGanDo-LGD rexistrou unha iniciativa neste concello na defensa do transporte público para Ferrol. Propuñamos a creación dunha Empresa Municipal de Transporte na liña do Plan MOB cunha serie de medidas para desincentivar o uso do vehículo privado e reconstruir a cidade como espazo comunitario a prol da mobilidade sostibel.

Alén diso no noso programa municipal propuñamos a posta en marcha dun Plan de Implantación de Mobilidade Sostibel adaptado ás novas directrices que se traspoñen do marco legal da Lei deTransición Enerxética e Cambio Climático. Entre outras propostas, reclamabamos un paquete de medidas de presión fronte á Xunta de Galicia orientadas a defender os intereses de Ferrol na planificación do sistema metropolitano de transportes, polo que apontabamos entre os obxectivos prioritarios a ampliación de horarios e frecuencias nas comunicacións Ferrol-Coruña, tanto en autobús como en tren.

Pois ben, polas testemuñas de usuarios tanto nas estacións como nas redes sociais, lonxe de mellorar o servizo, as novas concesións correspondentes á segunda parte do novo Plan de Transporte de Galicia que comezou a fins do pasado ano 2020, non fixeron máis do que deteriorar o transporte público en toda Galiza. Deterioro que prexudica, como sempre a estudantes e clase traballadora e supón un atentado contra a política de mobilidade sostibel para enfrontar o cambio climático.

A nova concesión da Xunta de Galicia no transporte metropolitano vén de provocar un caos con graves incidencias como a supresión dos servizos dos traballadores e dos universitarios así como unha reestructuración do servizo nas liñas regulares ofertando uns traxectos máis longos e menos vantaxosos sen cubrir as necesidades dos usuarios pois a demanda é maior do que o servizo prestado, deixando aos pasaxeiros no medio da cidade da Coruña en lugar de na estación, incrementando o tempo de traslado e chegando a suprimir incluso a parada nos hospitais, circunstancia que se pode cualificar de criminalidade.

Parece que o servizo máis prexudicado está a ser o de Ferrol-Coruña da primeira hora do día, pois coa anterior concesionaria había un servizo desde as seis e media da mañá cada media hora intercalando estrada e autoestrada e, a maiores dous servizos de universitarios e outros dous de traballadores que foron suprimidos. A falla de información da empresa e a falla de horarios nas estacións e nas paradas aumenta aínda máis o desconcerto. Os usuarios tamén se queixan de cambios de horario imprevistos que deixan sen transporte incluso a alumnos en servizos compartidos, e un longo etc de queixas, vendo como a única liña de autobuses que funcionaba cun mínimo de calidade vese agora deteriorada por un cambio de concesión na xestión do servizo.

A partir de Semana Santa, a empresa xa anunciou que a liña Ferrol-Coruña por estrada pasará a ser Ferrol-Betanzos-Coruña, obrigando aos pasaxeiros a facer transbordo.

Ao abeiro da pandemia, a nova empresa concesionaria aproveita a situación para ofertar un servizo inferior ao anterior e claramente deficitario pois tamén se reduciron frecuencias e servizos a outras localidades como é o caso das liñas Ferrol-Santiago e Ferrol-Ares-Mugardos.

Por todo isto, desde LiGanDo

SOLICITAMOS:

Do goberno municipal de Ferrol que reclame da Xunta de Galicia a fiscalización do servizo concesionado de transporte interurbano e obrigue a un restablecemento das liñas e frecuencias de transporte Ferrol-Coruña así como das demais liñas de transporte público en ben dun servizo básico de calidade para a cidadanía.

Ferrol, 8 de marzo de 2021

Sinatura

Iolanda Teixeiro Rei

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter



Enviado por:
LiGanDo Ferrol
-ligando.ferrol@gmail.com-
15 de março de 2021 21:48

_______

luns, febreiro 15, 2021

Crítica de LiGanDo ao goberno municipal de Ferrol - Sr. Mato Alcalde Virtual do Concello

CRÍTICA AO GOBERNO MUNICIPAL

SR. MATO, ALCALDE VIRTUAL DO CONCELLO DE FERROL


Levamos xa un ano de pandemia e vostede segue pechado no concello coa Cita Previa no momento de maior Emerxencia social.

É vergoñento que vostede se desentenda da cidadanía máis vulnerabel coa coartada da pandemia. Dá a impresión que máis que como cidadanía trátanos como a plebe que poideramos contaxiarlles o virus ao seu goberno municipal e non ao contrario.

Que fai de vostedes seres tan especiais que non poidan traballar con normalidade  de xeito presencial, se están máis protexidos que a maioría da clase traballadora?

Non todo o mundo ten unha oficina virtual para resolver as urxencias sociais a golpe de pdf.

Un ano xa e vostede mising, desaparecido!

Respecto ao escandaloso asunto das máscaras co lema Emprego Futuro Comarca que vostede agasallou a traballadores do Naval e o seu apoio a se manifestar en Madrid, sería ben aforralo para os colectivos máis necesitados da cidade e ir vostede, persoalmente, a negociar co goberno central que é do seu mesmo partido.

En canto a FeC e o BNG, dicirlles que as súas críticas chegan tarde demais e son falsarias, pois ninguén lles obrigou a asinar un cheque en branco cando decidiron apoiar a este goberno do Sr. Mato.

Así que afórrennos as súas críticas para a galería e o seu buzoneo propagandístico e panfletario.

LiGanDo-LGD

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-ligando.ferrol@gmail.com-
14 de fevereiro de 2021 20:27

_______

domingo, xaneiro 31, 2021

Carta Aberta a Ana Pontón, ... Por Iolanda Teixeiro (Secretaria de organización de LiGanDo-LGD)


CARTA ABERTA A ANA PONTÓN

Estimada Ana

Alédome muito que desde o BNG se estea prestando ao fin unha atención merecida ao Bierzo co que nos unen tantos elementos histórico-culturais e lingüísticos ao facer parte no pasado da Galiza histórica. Mais, querida Ana, os camiños do atallo son camiños do…

A recente proposición non de lei presentada polo BNG no Parlamento galego defendendo o Bierzo como provincia e a súa posíbel incorporación a Galiza como a quinta provincia é algo que comparto totalmente sempre que sexa a vontade maioritaria do pobo, proba do cal é o meu apoio presencial á presentación de A Quinta en Ponferrada e tamén o ser secretaria de Ligando, unha organización política cuxo ámbito territorial non inclúe só Galiza senón tamén o Eo-Navia e o Bierzo.

Até aquí todo ben, mais como é posíbel que ti, como dirixente e secretaria do BNG así como recoñecida feminista, aceptes colaborar cun partido como Coalición polo Bierzo que non é capaz de condenar abertamente a presunta violencia machista sen ningún lugar a ambigüidade? Un partido que -como ben manifestaron a Plataforma contra as Violencias Machistas e os colectivos feministas de mulleres do Bierzo- cualificou publicamente de inatacábel a conduta política do seu anterior presidente, Pedro Muñoz, aínda hoxe no cárcere acusado de presuntos actos de violencia machista con intento de homicidio e malos tratos continuados contra a súa muller Raquel Díaz, tamén da mesma Coalición política.

Lembrarte que mentres o BNG lanzaba a campaña do pasado 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, co lema A violencia machista segue aí e ti declarabas que non iades permitir que a violencia de xénero pasara a un segundo plano, co tapabocas tapando os ollos, a presunta vítima Raquel declaraba como o seu home e expresidente de CB a lanzaba ao vacío desde a terraza da vivenda e lle daba unha malleira durante o confinamento da pandemia consecuencia da cal aínda hoxe padece unha complicada situación neurolóxica cunha paraplexía.

Non podo entender, Ana Pontón, que como feminista non esixas da Coalición polo Bierzo un comunicado de apoio á presunta vítima e unha condena contundente contra o presunto agresor antes de colaborar con esa organización.

Atentamente

IOLANDA TEIXEIRO REI
Secretaria de organización de LiGanDo-LGD

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
31 de janeiro de 2021 15:14

_______

Novas de referencia:

✔ Un colectivo feminista esixe aos políticos unha repulsa máis rotunda no caso de Pedro Muñoz. | 09/07/2020 19:32 - Bierzo Diario. | Ir á web.

✔ Colectivos feministas reprenden a Coalición polo Bierzo por 'connivencia' con Muñoz. | Nun comunicado, lamentan que non haxa unha condena clara. | Cadena Ser - Fernando Tascón - Ponferrada - 09/07/2020 - 19:03 h. CEST | Ira á Web.

✔ Páxina Web Oficial da Coalición por el Bierzo en referencia a Pedro Muñoz. | Ir á Web.

✔ Páxina Web Oficial da Coalición por el Bierzo en referencia a Raquel Díaz. | Ir á Web.

Raquel Díaz declara que Pedro Muñoz tirou-na pola terraza e unha vez no chan golpea-a. | El Bierzo Digital - 12 de novembro de 2020. | A avogada berciana, parapléxica e con graves lesións neuronais a consecuencia do suceso, participou este xoves na reconstrución dos feitos polos que o seu exparella está no cárcere acusado de malos tratos e tentativa de homicidio. | Ir á Web.

Foto: Pedro Muñoz en abril de 2017.
_______

martes, novembro 03, 2020

Autónomos e pandemia, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Asistimos estes días a algo insólito, a concentración de autónomos nas prazas públicas do país reclamando políticas de apoio


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
03.11.2020


AUTÓNOMOS E PANDEMIA

Asistimos estes días a algo insólito, a concentración de autónomos nas prazas públicas do país reclamando políticas de apoio. Nas últimas décadas eles pecharan comercios e bares ao paso das mobilizacións do naval en solidariedade cos obreiros, no que parecía un recoñecemento mutuo, ao fin, de seren clase traballadora.

Mais a pandemia veu abrir a fenda novamente e arredar traballadores por conta propia de traballadores por conta allea. (Cando hoxe hai tantos minijobs por conta allea como propia. Divide e vencerás). E botouse de menos a solidariedade de clase. Si, digo de clase, organizacións de esquerda de unha e outra fasquía; porque a maioría dos autónomos do noso país non son grandes empresarios senón micro-pymes, con máis pé ca eme. Onde estades, esquerdas de governo e oposición, que non se vos escoita, apoiando as súas xustas reivindicacións?. É o voso silenzo que esterca o campo populista da extrema dereita.

Porque os verdadeiros governos de esquerdas non poden resgatar bancos ou ser consentidores dos abusos das grandes compañías elétricas ou dos lobbies da auga. Bancos e compañías que inflan as facturas dos autónomos máis pequenos que, porén, son quen artellan a vida dos nosos barrios nas vilas e cidades. E agora véñenlles paliar as doenzas graves e crónicas con panos quentes. Ofertando pacatas axudas como a POECATA, unha prestación compativel coa actividade. Con que actividade no 50% dunha terraza formada por tres mesas? Que xa hai que ter amor á arte e ser poeta de baiuca para pagar luz e auga servindo mesa e media ate o toque de queda. Axudas que non acadan o mileurismo. E a maioría cobrará só a metade da base mínima por real decreto. Iso sen contar gastos de impostos, hipoteca, facturas de luz, auga e alugueiro. Por non falar dos autónomos de temporada que non cobrarán prestación.

Navegar polas procelosas augas en tempos de incertidume vírica non é tarefa doada para os autónomos. Hai algún peixe grande, mais maiormente trátase de bancos de peixes moi pequenos, desde freelancer que prestan servizos a outras empresas nos máis diversos sectores (comercio, deporte, xornalismo...), até traballo a toque de contrato a falsos autónomos, traballadores por horas que venden a súa forza de traballo a distintas empresas ou que traballan para unha gran multinacional de venda online que á volta da esquina se desprende deles, deixandoos hipotecados ate a terceira xeración.

Como país especializado na creación de traballos en sectores de baixo valor engadido, en turismo de sol e praia, cunha precarización laboral das máis altas de Europa, a meirande parte dos autónomos adícanse á hostalaría ou o pequeno comercio. Coa eiva engadida da estacionalidade, en moitos casos, o 85,6% dos autónomos persoa física cotiza pola base mínima. Por tanto, non falamos de grandes empresarios, senón de traballadores. Cómpre, pois, solidarizarmonos con eles nun momento en que a estes sectores, xa moi febles polas sucesivas crises sistémicas, se lles está a aplicar coa pandemia, unha economía de guerra, obrigándolles a pechar por decreto, culpabilizando a este sector da situación. Parece que se hai contaxios é por culpa de ter ir tomar un café ou unha cerveixa e non por ter ido nun bus ateigado de xente, ao super ou ao traballo e, nese caso, cómpre pechar o negocio. Os que non se pechan son os grandes, cando nen sequera pagan impostos aquí, mentres os comercios de barrio son pequenas empresas que si os pagan. E a Xunta a privilexiar cun horario máis amplo a casinos e apostas alegando que esa clientela non interactúa. Toda unha declaración lapelada da orientación ideolóxica desta pandemia.

Desde a organización política Ligando, defensores acérrimos da economía local e do comercio de proximidade, queremos amosar a nosa solidariedade cos traballadores autónomos. Non comprendemos onde está esa esquerda, que agora cogoverna co Psoe ou esoutra chamada esquerda nacionalista. Porque milleiros de autónomos pertencen a un sector económico que se ve obrigado a pechar por motivos de Saúde Pública. Este colectivo merece todo o apoio da sociedade o mesmo que os demais sectores afectados. Non pode ser que se vaian aprobar uns orzamentos para o 2021 sen contemplar medidas para os rescatar. Onde está a esquerda cando os plans de recuperación económica dos governos contemplan subvencionar a megaempresas como Zara, esquecendo a eses autónomos dos que dependen tantas familias? Agora non é o mesmo que coa crise de 2008. Agora é o governo quen decide por decreto que pechen, total ou parcialmente, o negocio dous millóns de autónomo/as mentres que soben os gastos por salarios aos funcionarios e persoal laboral. Chegados a este ponto: Teremos que sospeitar que está en marcha unha reconversión encuberta do sector da hostalería turística que beneficia ás grandes empresas de distribución de alimentos, dado que o que se deixa de consumir na hostalería e que levan adiante distribuidoras pequenas, pasaría a mans de supermercados, que son grandes corporacións a nível de estado. Estaremos asistindo ao banquete do peixe grande a engulir ao banco de peixes chicos ao abeiro do mar proceloso da pandemia?

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
3 de novembro de 2020 13:45

_______

xoves, agosto 13, 2020

LiGanDo denuncia a saída de augas fecais sen control por toda a rúa Andrés Dobarro e estendéndose xa pola rúa Doutor Rey Romalde, no barrio de Canido


 
AUGAS FECAIS NA RUA ANDRES DOBARRO

Desde a organización política LiGanDo queremos denunciar a saída de augas fecais sen control por toda a rúa Andrés Dobarro e estendéndose xa pola rúa Doutor Rey Romalde, no barrio de Canido.

Esperamos que se solvente canto antes polo fedor que supón para a veciñanza e polos problemas de Saúde Pública que pode acarrear.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-ligando.ferrol@gmail.com-
7 de agosto de 2020 11:48

_______

sábado, maio 23, 2020

Praza de Armas


PRAZA DE ARMAS

Desde a organización política LiGanDo queremos amosar as que consideramos eivas principais na nova Praza de Armas. Vaia por diante a nosa congratulación pola supresión do aparcadoiro subterráneo, pois entendemos que son tempos nos que compre apostar por destinar todos os espazos posibles das cidades as persoas en detrimento dos coches. É esta unha boa maneira de combater de xeito decidido as emisións de gases que provocan o cambio climático e enfermidades graves nas persoas. Entendemos que é preciso entender a Praza de Armas como unha praza aberta que facilite o tránsito, mais isto debe conseguirse sen reducir a seguridade sobre todo no referido as crianzas e as persoas con dificultades motoras, mentres as rúas da Terra e Rubalcava non sexan peonís.

Demandamos que o amplo espazo que queda libre na praza sexa repensado a nova normalidade e con clara vocación de espazo de encontro interxeracional adicando o mesmo a organizar eventos culturais, como zona de lecer e xogo dos mais pequenos ao mesmo que se compatibilizan estes usos coa celebración de feiras de produtos de proximidade e de troco.

Destinar este espazo a apertura de locais de hostalaría con terrazas ocupando o espazo público como xa aconteceu en Amboaxe e no Cantón de Molins, entendemos que sería un erro importante que agravaría a dificultade de viabilidade económica dos establecementos de hostalería actualmente abertos que están pasando graves dificultades por causa do peche e restricións derivadas da pandemia da covid19.

Tamén, entendemos que ao momento actual hai unha gran deficiencia en bancos e mobiliario urbano para o descanso, así como de papeleiras. Ademais dicimos que é un despropósito que todos os bancos estean a pleno sol, sen que os haxas situados en zonas de sombra na que sentar nas horas de maior radiación.

No que ten ao pavimento, concordamos coa opinión daqueles ferroláns que desexarían unha zona verde con herba en vez de tanta terra que nos días de vento pode resultar molesta.

Ferrol, 22 de Maio de 2020

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
23 de maio de 2020 13:15

_______