Amosando publicacións coa etiqueta Malgasto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Malgasto. Amosar todas as publicacións

domingo, maio 12, 2013

Autoconvocatoria: Asemblea Aberta a toda a cidadanía para abordar o asunto do malgasto de máis de 812.000 euros na Praza de España - Este martes 14 de Maio, ás 7 da tarde, na Escola de Idiomas de Ferrol


O goberno municipal de Ferrol, pretende gastar por enésima vez, centos de miles de euros nunha nova remodelación da Praza de España, cando xa se levan dilapidados máis de 16,5 millóns de euros, segundo medios de prensa.

Das 15 empresas que optaban a facer a obra de remodelación, foi seleccionada, a UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Extraco S.A. e Prace Servicios y Obras S.A. que rebaixou a oferta en case 100.000 euros, con respecto á cantidade fixada no prego de condicións, que ascendía a 916.000 euros. A remodelación da Praza terá un custo inicial de 812.000 euros, máis os xa gastados 56.000 euros que custou o proxecto, segundo datos facilitados desde o propio Concello.

Desde hai tempo diferentes entidades veciñais, sociais e culturais, veñen opoñéndose ao malgasto na Praza. Tamén os tres partidos da oposición. Mesmo nos últimos meses o Colectivo Cidadá 'Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos' ven denunciando este malgasto  "... comunicámoslles que facendo valer os nosos dereitos como contribuíntes dese diñeiro público que van malgastar, exerceremos unha presión activa para impedir que esa obra se execute. Pedimos a colaboración de toda a cidadanía de Ferrol para que nos axuden a parar este despropósito".

A maioría das entidades opositoras ao malgasto, consideran que os centos de miles de euros, que se pretenden gastar na Praza de España, non se deben gastar aí, pois hai outras necesidades urxentes e algunhas de actuación inmediata que se deben de abordar xa. Sobre todo, Ferrol que ten un índice enorme de desemprego, segundo a EPA, máis do 32%, necesita que o diñeiro que se pretende dilapidar nunha nova remodelación da Praza, podería-se empregar, principalmente, en atender os problemas de emerxencia social e en xerar emprego.

Autoconvocatoria


En réxime de Autoconvocatoria, vai ter lugar unha Asemblea Aberta a toda a cidadanía e a todo o tecido asociativo, no salón de actos da  Escola de Idiomas o martes 14  de maio ás 19:00hs, para abordar o asunto do malgasto de máis de 812.000 euros nun novo proxecto de remodelación da Praza de España.



____________

sábado, maio 11, 2013

O Grupo Municipal de EU insta ao goberno á modificación dos orzamentos para destinar partidas de obras á creación de emprego e á atención de necesidades sociais


O Grupo Municipal de EU insta ao goberno á modificación dos orzamentos para destinar partidas de obras á creación de emprego e  á atención de necesidades sociais.
Suso Basterrechea, coordinador local de EU, considera unha falta de respecto aos/ás desempregados/as da nosa cidade que centos de miles de euros das arcas municipais sexan dilapidados en obras puramente ornamentais.
O voceiro Javier Galán afirma que queda demostrado, pola vía dos feitos consumados, que o alcalde,Jose Manuel Rey Varela,abandonou a loita polo emprego en Ferrol, cunha taxa insostible do 32%.

O grupo municipal de EU sentencia tallante: os criterios de gasto público do Concello de Ferrol e  cruel e antipolítica, xa que entendemos a política no sentido clásico, como a tarefa de acadar o ben común. Agora ben, o Partido Popular parece entender a política como un exercicio de tanatoestética, é dicir, a maquillaxe dos mortos. Na regresión histórica que se nos propón como saída económica quizais, para algúns, que xa pensan na volta dos faraóns, embalsamar e momificar serán actividades de futuro.

A cidade esmorece. Os comercios pechan. As gradas de Navantia perduran baleiras. Os servizos sociais esfúmanse cara outra cidade ou  déixanse morrer por asfixia económica. Os salarios baixan, os prezos públicos e privados suben. Os dramas persoais de xente sen recursos galopan sobre as conciencias da caste política. Mentres todo isto é a vida real, o alcalde sorrí nos barrios prometendo captación de comercios, grandes avenidas, prazas magníficas e a grandilocuente humanización da cidade, iso que veñen en chamar Ferrol 2020.

Sr Alcalde: para que  unha cidade se cualifique como  humana o primeiro que debe facer e cargar de dignidade aos seus habitantes. Nunha situación de emerxencia social, económica e política, soterrar os problemas non é propio do mandato ao que o somete a cidadanía, e un incumprimento manifesto do cargo que ostenta e causa obxectiva de dimisión por incapacidade sobrevida.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida esixe un cambio de rumbo e as modificacións orzamentarias suficientes que permitan espertar a cidade non no estético, senón no ético e, en consecuencia, instamos a dotar partidas para:

1.- A creación dun Plan de emprego municipal. Nunha cidade coa taxa de desemprego máis elevada do país non contamos ni tan sequera con orientadores laborais, tendo que acudir os/as ferroláns/ás a cidades veciñas como Narón, para poder recibir ese servizo de atención básico no momento actual.
2.- Un Plan retribuído de formación e outro de reciclaxe laboral para desempregados/as de máis de 50 anos. A renda básica para a cidadanía, máis alá da burocratización dun RISGA imposible, é un dereito a conquistar, unha inversión en dignidade máis rendible en termos sociais que seguir queimando o erario público nunha Praza de España, estandarte da política ornamental inservible para os dereitos básicos: vivenda, sustento, traballo.

3.- Poñer ao servizo da cidadanía a riqueza social da que dispón a cidade: as vivendas de Recimil, rehabilitadas debidamente e con garantías públicas de función social.

4.- Reducir a externalización de servizos, eufemismo que agocha a entrega de servizos que deberían ser públicos a empresas amigas, e activar a Bolsa de emprego do Concello, que xa existe pero se conserva en formol en sotos ocultos, mentres contratas e subcontratas precarizan o emprego derivado dos servizos municipais.

Está moi ben visitar os barrios, previamente hixienizados, como salmóns postos no anzol do mandatario, pero mentres o alcalde sorrí anunciando inversións millonarias nas pedras da cidade, miles de desempregados nas mesmas casas dos barrios que visita, soportan o peso de mundo, e permanecen abandonados a súa sorte pola inacción municipal. Dende EU, pedimos a dimisión por dignidade política do alcalde de Ferrol, as súas políticas quedou demostrado que non serven, que provocan indignación e carraxe, e que debe deixar paso a outras alternativas que gobernen dende o fondo dos problemas da xente e non dende as formas da mercadotecnia.

Grupo Municipal de Esquerda Unida.

Ferrol a 11 de maio de 2013

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org

facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
11 de maio de 2013 16:51

_______________

sábado, marzo 09, 2013

Segunda xornada de Acción Directa en Defensa dos Espazos Públicos no mirador e xardíns d'A Cabana


Remate dos traballos de limpeza no mirador e xardíns de A Cabana

II xornada de traballo nos xardíns que lindan co CIS (Centro de Innovación e Servizos) de A Cabana, a semana pasada xa limparamos a zona do Miradoiro, nos traballos acometidos hoxe limpamos máis de 2.000 m2 deste espazo público.

Chamounos poderosamente a atención unha foxa séptica que hai nos xardíns, esta ten dúas tapas plásticas sen ningunha suxeición. Tamén queremos deixar constancia que esta semana romperon parte do valo de madeira, e a cimentación que suxeita o resto do valo perdeu a terra que aguanta do mesmo.

Nesta xornada de traballo participamos 10 persoas, a alegría foi contar coa colaboración de Laura, unha nena pequena de aproximadamente uns 7 anos, filla dunha compañeira, que traballou máis duro que moitos dos adultos que participamos. Contamos con ela para as próximas accións, aínda que só sexa para facernos unha visita.

Instamos ao actual goberno local para que recapacite sobre o malgasto de 916.426,06 euros previsto para construción unha zona verde na Praza de España.

Pensamos que a actual situación de emerxencia social que están a pasar moitas familias, ten que ser motivo abondo como para que esa obra se paralice de inmediato.

Esixímos que ese diñeiro sexa destinado a contratar xente en situación de desemprego, mediante a creación de cuadrillas de traballo municipais, para a reparación, limpeza, e saneamento dos espazos públicos da cidade, ou ben, para a reparación das vivendas de titulación municipal, co fin de crear o necesario "Parque de Vivendas de Aluguer e Refuxio Social".


Convidamos a toda a cidadanía a participar con nós na recuperación dos espazos públicos.

No blogue do colectivo atopase información adicional:
http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/

e-mail: recuperacióndeespazospúblicos@gmail.com

Teléfonos: 620 312 992 - 637 567 497

O noso blogue: http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/   é un Diario que recolle a nosa traxectoria, serve de difusión de próximas accións.

_____________

luns, decembro 24, 2012

De fochanca en fochanca, de burato en burato, por Ferrol, contra o Malgasto do diñeiro público


Un "flashmob" sobre as fochancas da cidade.

O Colectivo Cidadán Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, apoiado pola Plataforma contra ou Malgasto do Diñeiro Público, da Asociación Grupo Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas e da Asociación Veciñal de Esteiro, organizou unha especie de "flashmob" que contou coa presencia de Bob Esponxa e o Señor Cangrexo. A cada fochanca visitada, das centos que hai repartidas por todos os barrios e parroquias da cidade, se lle deu un uso especial, desde unhas pinturas de Sorolla, pasando por un personaxe dunha das traxedias de Shakespeare,  un mergullador, mariscadoras, espeleólogo, pescador@s, lavar a roupa, lectura de libros, ..., nunha das fochancas até deu para pescar uns lirios, noutra plantar unha árbore do natal e noutra as tartarugas e hipopótamos atoparon un bon lugar para ben vivir. No transcurso do percorrido puidemos observar a cantidade de barreiras arquitectónicas que dificultan o tránsito pola cidade de persoas con diversidade funcional, mesmo un grande burato na beira rúa, en Esteiro, foi unha das escenas elixidas. As fochancas cobraron vida perante case tres horas de percorrido, rematando en Caranza, na que se denominou "O burato de Rey Varela", onde celebramos o seu primeiro aniversario, con tres meses de atraso. Unha queimada puxo punto final ao percorrido reivindicativo.

O obxectivo desta acción foi o de poñer en evidencia o Malgasto do Goberno Municipal do Partido Popular, con José Manuel Rey Varela á cabeza, que van de "Austeridade" e se dedican ao malgasto desmesurado do diñeiro público en proxectos sobre proxectos, nos que xa había proxectos. O máis vergoñento de todos, o da "Praza de España", é unha coladeira de millóns de euros, aos que queren somar outro millón máis en volver a remodelar  e levantar a Praza para facer un caprichoso "Pulmón Park", cando os barrios e mesmo o centro da cidade necesitan con urxencia ese diñeiro.

Cando chegou Rey Varela e o Sr. Evia ao poder municipal, mandaron paralizar o remate da Praza e encargaron un novo proxecto, para o que destinaron 58.000 euros máis -todo suma. Coa agravante de que xa pasaron máis de 18 meses e a Praza segue sen rematar. Foron varias as persoas que sufriron un accidente por este motivo. E os irresponsábeis seguen tan panchos, anunciando que o proxecto inicial que dicían que ía custar 700.000 euros, máis os 58.000 xa citados do novo proxecto, agora hai que sumar-lles outros 216.000 euros de axustes. E o que queda por sumar, non o dubidedes.

En Maio deste ano, os irresponsábeis municipais, anunciaban que unha empresa privada accedería a un novo contrato para o mantemento de rúas e estradas de Ferrol, por catro anos e que estaría dotado con 2,8 millóns de euros. A empresa  adxudicataria dispoñería xa que logo cada ano de 700.000 euros para levar a cabo as reparacións dos viales municipais. Sobre uns 2.000 euros diarios para acabar coas fochancas e buratos, que a día de hoxe é un dos principais problemas das rúas e estradas de Ferrol, xunto ás barreiras arquitectónicas que aínda perduran. Onde vai a execución deste pomposo plano de actuación, onde está o equipo municipal de Rey Varela ?

Os colectivos contra o malgasto do diñeiro público, alertan da necesidade que hai de atender situacións de emerxencia social cada vez máis importantes. Rehabilitar o parque municipal de vivendas ten que ser unha prioridade. Elaborar e executar planos de creación de emprego. E sobre todo non malgastar o diñeiro que fai falta para atender as necesidades máis urxentes, das persoas, barrios e parroquias.

Fotos do Colectivo Cidadán Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos

____________________

sábado, decembro 22, 2012

O Domingo imos de fochas con Bod E$ponxa - Flashmob, de burato a burato, de Ferrol a Caranza


FLASHMOB" DANDO "USO ÁS FOCHAS DE FERROL


Mañá domingo, 23 de Decembro de 2012, Bob Esponxa e os seus amigos escenificarán e darán USO ás Fochas de Ferrol, estes sairán ás 11:00 h. dende o Cantón (Altura da fonte) e finalizarán no barrio de Caranza, no que terá lugar unha degustación gratuíta dunha boa Queimada.

Con este "FLASHMOB" queremos facer visible o estado de desleixo das nosas rúas, así como impedir o malgasto millonario en obras ridículas por parte do actual goberno do PP.

Como a obra proxectada para a Praza de España, prevista inicialmente nun valor de 700.000 euros, e que antes de ser executada xa nos anuncian que se incrementa en 216.000 euros, para situarse en 916.000 euros. Aos que hai que sumar os 56.000 euros que costou o proxecto.

Coa que está a caer, co padecemento de familias, desafiuzamentos, colas nos comedores sociais, e con máis de 20.000 desempregad@s na bisbarra, e o PP de Ferrol tira polo desaugadoiro un diñeiro imprescindible para paliar estas situacións. Instamos o Goberno do Sr José Manuel Rey Varela, a que recapacite e dea marcha atrás neste proxecto. Queremos que ese diñeiro se destine á contratación de desempregad@s en contratos de media xornada, e en función dá carga familiar ou precariedade que poidan estar a pasar.

Organizan e colaboran “Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos”, “Plataforma contra o Malgasto” e a “Asociación Veciñal de Esteiro” .

Convidase a participar a toda a cidadanía

Fonte: http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/2012/12/flashmob-dando-uso-as-fochas-de-ferrol.html
______________

xoves, decembro 20, 2012

O malgasto do goberno municipal de Ferrol non ten fin, agora suben a licitación da enesima remodelación da Praza de España até 916.000 Euros


A Xunta de Goberno, do Concello de Ferrol acordou entre outros malgastos, que a Praza de España saia a licitación por 916.000 euros, 200.000 máis do que anunciaran nun principio.

O alcalde, José Manuel Rei Varela, e o concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, manifestaron que na reunión da Xunta de Goberno Local, que tivo lugar hoxe pola mañá, acordou dar-lle para diante ao 'Pulmón Park' da Praza de España, unha remodelación máis que nos vai custar ás veciñas e veciños de Ferrol, un millón de euros que hai que sumalos aos máis de 17 millóns (Declarados) que se levan gastados na famosa Praza, en obras desde hai máis dunha decada. Di o concelleiro Evia que a execución da Praza pode estar lista para finais do 2013.

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Nova xuntanza do tecido asociativo de Ferrol para abordar as accións contra o Malgasto do Goberno dereitista do PP na cidade

Ártabra 21: Presentación dunha Moción contra o 'Malgasto do Goberno Municipal' - Reunión coas asociacións de comerciantes - Hai outras necesidades, xa basta de malgastar máis diñeiro público na Praza de España - Recollida de sinaturas, este Martes 20 de Xuño, para solicitar unha 'Consulta Popular'
______________

luns, outubro 01, 2012

E xa son sete as xornadas de traballo comunitario no Castelo de San Cristovo


Os compañeiros e compañeiras do Colectivo Cidadán 'Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos' están desenvolvendo un enorme traballo, non só físico, senón de concienciación e reivindicación. Reivindican o dereito ao traballo, reivindican que non se malgaste o diñeiro público, reivindican a recuperación do noso patrimonio cultural, natural e arquitectónico, ... reivindican a recuperación dos espazos públicos. Desde Ártabra 21 queremos amosar un agarimoso e solidario saúdo ás compañeiras e compañeiros na loita pola xustiza social, o medio ambiente, os bens comúns e a igualdade.

Onte, sábado día 29, continuamos coa limpeza e recuperación para a cidadanía, da Batería de San Cristovo, na que xa fai a VII xornada de traballo nesta.

Os traballos actualmente realízanse no exterior da fortaleza e na limpeza dos muros.

Denunciamos de novo a cidadanía que o Concello de Ferrol e a Autoridade Portuaria seguen sen recoller os restos de maleza amoreadas. Lembramos cos restos de roza do miradoiro exterior da fortaleza xa levan dende o sábado 18 de agosto esperando ser recollidos, a pesar de entregar un aviso por rexistro ao concello de Ferrol dando conta dos mesmos.

Unha grata visita e un descubrimento

Onte achegouse xunta nós un ancián, Julio Pintos, veciño de Doniños, veu facernos unha visita e explicarnos detalles descoñecidos da Fortaleza, (esta era o lugar de xogos da súa infancia).

Unha compañeira realizoulle unha entrevista que decidimos gravar e facer pública polo interese que ten.

Descubrimos que o interior da Fortaleza ten chan de pedra, algo impensable para nós, pois non existe documento gráfico nin escrito público que así que o testemuñe. Despois de cavar uns 30 cms puidemos dar crédito ás súas palabras, hai unha empedrada preciosa e moi ben conservada. O sexa que si se pasase una pequena pala non habería que volver a limpar o interior.

Julio Pintos tiña unha empresa de traballos en pedra, foi canteiro de oficio. Conta que ofreceuse hai moitos anos ao Concello para restaurala Fortaleza gratuitamente, debido ao apego sentimental que tiña coa mesma, pero parece ser que ninguén lle soubo dicir nin tampouco sabían a quen remitilo.

Tamén nos dixo que o ideal sería que na Fortaleza o Concello puxese en marcha unha Escola Taller, que a parte de dar traballos a desempregad@s serviría para a recuperación desta á vez que a xente aprendería un novo oficio.

Esta é a entrevista con Julio Pintos:  



http://www.goear.com/listen/2735f32/entrevista-a-un-avo-en-san-cristovo-accion-directa-de-recuperacion-de-espazos-publicos

Si o Concello tivese interese no patrimonio non faría oídos xordos a canta denuncia e achado estamos a facer, resulta insultante para nós non obter unha resposta de ningún tipo.

Así mesmo os medios de comunicación da comarca, que son unha parte importante do MOTOR DA CIDADE, debían tamén facerse eco do que estamos a facer e axudar a trasladar á cidadanía o que estamos contando.

Para máis información, pode-se visitar o Blogue ou as contas nas redes sociais, tamén facilitamos os teléfonos e correo-e.

Calquera cidadán ou cidadá que queira sumarse a estas tarefas solidarias só ten que comunica-lo.

--
e-mail: recuperacióndeespazospúblicos@gmail.com

Teléfonos: 620 312 992 - 637 567 497

O noso blogue: http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/   é un Diario que recolle a nosa traxectoria, serve de difusión de próximas accións e faise eco doutros exemplos solidarios e comunitarios que están a suceder na bisbarra.

Facebook: https://www.facebook.com/groups/444525015569821/

Enlaces relacionados:
_______________