Amosando publicacións coa etiqueta Marea Ártabra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marea Ártabra. Amosar todas as publicacións

domingo, setembro 14, 2014

A 'Marea Ártabra' presentouse en Ferrolterra, para construír, dende abaixo, alternativas de gobernos municipais nas comarcas do noroeste galego




Construír, dende abaixo
A 'Marea Ártabra', iniciativa política que pretende "construír, dende abaixo," unha alternativa cidadá nas vindeiras Eleccións Locais de Maio de 2015,  presentou-se en Ferrol este sábado 13 de Setembro, pasadas as 12 do mediodía na Galería Sargadelos.  Montserrat Garel e Miguel Castro, presentaron a marea cidadá no nome das 72 persoas que asinan inicialmente o manifesto. Acompañaron o acto numerosas persoas, entre as que se encontraban, maioritariamente, asinantes do manifesto que se presentou na rolda de prensa. Activistas sociais e culturais, artistas, escritores, traballadores/as do ensino, ecoloxistas, antigos sindicalistas e concelleir@s que hai tempo estiveron sentad@s nas bancadas do Pazo Municipal ferrolán, apoian á 'Marea Ártabra'. Tamén estiveron presentes unha importante representación das organizacións políticas que xa amosaron o seu apoio á marea cidadá (ANOVA-IRMANDADE NACIONALISTA, ESQUERDA UNIDA e ESPAZO ECOSOCIALISTA GALEGO).

Alternativas de gobernos municipais nas comarcas
Na propia posta en escena, amosaba-se as aspiracións de que a 'Marea Ártabra' sexa a referencia para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Na foto do xornalista Raúl Salgado publicada en Ferrol 360, observa-se que ao redor das palabras 'Marea Ártabra', aparece o nome dos diferentes concellos (Ares, Cariño, Narón, As Pontes, ...) das comarcas que conforman o noroeste galego.

Unitaria
Na convocatoria manifestan que a 'Marea Ártabra' é a súa "resposta a tanta agresión", e o seu "berro a tanto silencio contido", seguen: "Setenta e dúas voces, setenta e dúas cidadás e cidadáns van poñer a palabra que vai rachar co silencio que nos queren impoñer, o chamamento para a incorporación á marea cidadán que cómpre artellar. Setenta e dúas memorias nunha soa: a memoria e a voz do pobo da comarca de Ferrolterra".

Anunciada a primeira Asemblea Cidadá
A primeira Asemblea Cidadá Aberta da 'Marea Ártabra' será o xoves 2 de Outubro, ás 8 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.

Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra@gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais
:
Logo da marea cidadá:
A noticia nalgúns medios:
  • Ferrol 360 | A Marea Ártabra emerxe en Ferrol e xa apunta ás municipais de maio | RAÚL SALGADO | @raulsalgado | Ferrol | Sábado 13 setembro 2014 | 13:07 | Ir á Web.
  • Praza Pública | A Marea Ártabra chama a cidadanía a "tomar a palabra" nunha "oportunidade única" | Redacción | @prazapublica | Sábado 13 setembro 2014 | Ir á Web.
  • La Voz de Galicia | Marea Ártabra busca «aire novo» para Ferrolterra | A asemblea constituínte celebrarase o 2 de outubro coa mirada posta nas eleccións municipais | ANA F. CUBA FERROL / LA VOZ 13/9/2014 16:44h | Ir á Web.
  • Diario de Ferrol | Marea Ártabra toma forma e inicia a súa andadura cara ás municipais | REDACCIÓN FERROL | Actualizado 14 Setembro 2014 - 00:17 h. | Ir á Web.
Algunhas fotos que circulan polas redes sociais

___________

venres, setembro 12, 2014

Presentación, en rolda de prensa, do Manifesto da 'Marea Ártabra' de Ferrolterra


Presentación da 'Marea Ártabra' en Ferrolterra


Bo día. Enviámosvos o convite para a rolda de prensa na que imos presentar o noso manifesto, o noso chamamento. Marea Ártabra é a nosa resposta a tanta agresión, o noso berro a tanto silencio contido. Setenta e dúas voces, setenta e dúas cidadás e cidadáns van poñer a palabra que vai rachar co silencio que nos queren impoñer, o chamamento para a incorporación á marea cidadán que cómpre artellar. Setenta e dúas memorias nunha soa: a memoria e a voz do pobo da comarca de Ferrolterra.

Citámosvos mañá, sábado 13 de setembro, na Galería Sargadelos de Ferrol ás 12:00 horas.

Grazas pola atención e un saúdo, pola Marea Ártabra:

Montse Garel Novás.

Miguel Castro.

Enviado por:
marea artabra
-mareaartabra@gmail.com-
12 de setembro de 2014 14:06

__________________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: De fondo as Eleccións Municipais de Maio de 2015: Xa hai en marcha unha iniciativa de manifesto unitario en Ferrol coa proposta de constitución dunha "Marea Ártabra"
____________________________

mércores, agosto 27, 2014

De fondo as Eleccións Municipais de Maio de 2015: Xa hai en marcha unha iniciativa de manifesto unitario en Ferrol coa proposta de constitución dunha "Marea Ártabra"


Xa hai en marcha unha iniciativa de manifesto unitario en Ferrol (con aspiracións de que sexa referencia para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal), circulando polos correos coa proposta de constitución dunha "Marea Ártabra", co que se pretende recabar apoios para "alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, subliñando a importancia que teñen os Concellos como espazos de participación, transformación e emancipación, proceso que necesariamente debe culminar coa convocatoria dunha grande asemblea cidadá, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo".

Nunha parte do manifesto din: "Precisamos dunha marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba." ... "Somos quen de organizarnos contra o poder corrupto, ...". Desde Ártabra 21 consideramos de interese facer público esta iniciativa que aínda está recabando apoios de persoas que consideren necesario poñer por diante ás persoas e acabar cos privilexios dos de arriba, ... organizarse, "avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver a Ferrol as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, un Ferrol participativo e con políticas orientadas por e para a xente do común".

MANIFESTO

O vindeiro mes de maio están convocadas as eleccións municipais e en Ferrolterra preséntasenos unha ocasión única para construír, dende abaixo, alternativas de goberno municipal que estean á altura das circunstancias. As mobilizacións que se veñen producindo nos últimos anos como reacción ao desmantelamento progresivo de dereitos e liberdades custosamente conquistados son o síntoma dunha sociedade que non atura máis desigualdade. A sociedade é consciente de que a alianza perfecta de intereses entre o poder económico e o bipartidismo harmónico son a causa de todos os males que estamos a padecer.

Si, o problema está na acción política de quen nos goberna pero a solución tamén esta aí, na política, nos gobernos. Precisamos dunha marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba. Tan simple como reivindicar para a maioría social o que é da maioría social. Ferrolterra é unha bisbarra de tradición de loita obreira e de forte calado sociocultural. Somos quen de organizarnos contra o poder corrupto, así o demostramos na historia, en marzo do 72 e en todas as loitas por recuperar dereitos que nos pertencen, batallas nas que moitos e moitas sufriron cadea, tortura, represión ou incluso morte. Reivindiquemos o noso pasado de vitoria do pobo fronte ao poder, traiamos a dignidade ao noso presente, e comecemos a tecer un futuro novo, construído entre todos e todas, onde cada voz teña o mesmo valor ca outra.

Os gobernos que nos rexen dan as costas ao sufrimento e á desesperación dos nosos veciños e veciñas, que non soportan máis desindustrialización, máis malgasto, máis agresións medio ambientais, máis política social baseada na caridade, máis precarización do emprego e da vida mesma. Fronte a esta política que quere converter a nosa comarca nun camposanto industrial, nunha paisaxe futurista desértica, a cidadanía de Ferrolterra debe ter a capacidade de organizarse, de avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver a Ferrol as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, un Ferrol participativo e con políticas orientadas por e para a xente do común.

É a hora de abrir as xanelas e deixar paso á Marea Ártabra, unha marea de aire novo, a marea do pobo de Ferrol, da inmensa maioría que sufre os recortes de dereitos, unha marea das xentes que queren varrer do mapa e para sempre a política dos que gobernan para uns poucos e xestionar e rexer nós mesmos/as os nosos destinos.

Porque somos maioría as persoas que queremos alcaldías que veñan a servir á cidade e non a servirse da cidade, que pensamos que os cargos públicos deben estar ao servizo dos e das cidadáns e non dos seus partidos, que queremos un Concello que defenda os intereses estratéxicos da cidade, que temos a certeza de que unha alternativa común, unha candidatura cidadá e plural a partir do protagonismo directo dos veciños e das veciñas pode devolver o Concello á cidadanía.

Por iso, nós, compoñentes desta marea ártabra, queremos alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, subliñando a importancia que teñen os Concellos como espazos de participación, transformación e emancipación, proceso que necesariamente debe culminar coa convocatoria dunha grande asemblea cidadá, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo.
_______________