Amosando publicacións coa etiqueta Monte Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Monte Galego. Amosar todas as publicacións

luns, novembro 27, 2017

34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta da eurodeputada galega Lídia Senra, onde denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto


Iniciativa para sensibilizar á UE da destrución de patrimonio galego que está provocando o eucalipto. | 34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta de Lídia Senra. | Denunciarán o desleixo da Xunta, que en conivencia cos intereses da industria celulosa, non está a protexer os xacementos arqueolóxicos.

A eurodeputada galega Lídia Senra promoverá unha serie de actividades encamiñadas a internacionalizar no Parlamento Europeo a problemática de eucaliptización que sofre o patrimonio galego. Así o anunciou este venres pola mañá, durante unha rolda de prensa que deu en Santiago, acompañada polo presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda Ruíz. Senra explicou que un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro para denunciar no ente comunitario a situación de ameaza que está a provocar o monocultivo de eucalipto na nosa terra.

A europarlamentaria explicou que a visita foi pensada tendo en conta que o próximo ano, 2018, será declarado pola UE como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e, neste contexto, é un bo punto de partida que se poña en valor o patrimonio cultural que albergan os nosos montes e que “está ser destruído a consecuencia da falta de interese por parte de quen debería conservalo, que son as Administracións públicas”. “Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo. Así, Senra reclamou que o eucalipto sexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que isto sexa posible.

Manuel Miranda acusou á industria celulosa do eucalipto de estar provocando unha destrución masiva do patrimonio arqueolóxico, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”. Neste contexto, Miranda explicou que “queremos informar á UE e denunciar alí o que non está facendo a Xunta aquí para protexer o patrimonio”. “A xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber, tamén moral, de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”, afirmou. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

Para o representante de Mariña Patrimonio, a relación entre a Xunta e a industria celulosa é “como mínimo de corrupción, desleixo e complicidade”. “A sociedade ten claro que a Xunta non actúa na defensa do patrimonio porque hai intereses comúns coa industria celulosa. Din que hai que plantar eucaliptos porque esa industria é moi rendible. Se é así, deberían empregar parte desa rendibilidade en protexer os xacementos arqueolóxicos e non en destruílos”, argumentou. Ante esta situación, defendeu que “non queda outro remedio que que a sociedade civil, as asociacións, actuemos”. “Estamos seguros de que podemos atallar esta desfeita. Hai que esixirlle á Xunta e á industria que cumpran as leis autonómicas, estatais e europeas. Tócanos denunciar publicamente a industria do eucaliptos e explicarlles aos consumidores europeos que estamos ante unha industria que destrúe boa parte do patrimonio europeo”, insistiu.

No grupo de persoas que se desprazarán a Bruxelas para participar desta iniciativa, haberá membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.

Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada. Concretamente, un 23% vai para Alemaña, un 16% vai para Italia, e só o 5% queda no Estado español. O obxectivo é sensibilizar á poboación internacional do problema que arrastra a política da pasteira e a eucaliptización na nosa terra e esixirlle á comunidade internacional que fagan cumprir os mínimos de respecto á natureza, patrimonio e desenvolvemento sostible do monte. “O 95% da celulosa que produce Ence vai para o mercado europeo e desgraciadamente o mercado europeo non sabe o custe que ten esa celulosa para o patrimonio galego e polo tanto europeo. Queremos que o consumidor europeo saiba que eses folios que usa están provocando unha destrución masiva do noso patrimonio”, explicou Miranda.

Tamén se levarán a cabo unha serie de coloquios centrados en “A destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “O desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego e a problemática dos incendios” e “Artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.

Senra defendeu na rolda de prensa que unha sociedade “non se pode rexer pola rendibilidade económica que poida ter para uns poucos a plantación dunha especie en concreto, porque o monte ten un valor máis alá da rendibilidade económica dun monocultivo. Aporta biodiversidade e moitísimas cousas que necesitamos como o dereito a ter auga libre de contaminación”. “Cando un monocultivo se implanta a biodiversidade pérdese. Estamos falando de que está en perigo o futuro de toda a sociedade, non só de catro empresas multinacionais que se lucran de poñer o país a monocultivo de eucalipto”, dixo. Así, defendeu que o monte “é a despensa das granxas e das casas labregas e esa ten que seguir sendo unha das súas funcións. Hai que facer unha política agraria que contemple o monte como un complemento da agricultura”. Tamén chamou a reflexionar sobre as miles de perdas que xera o lume neste país. “A sociedade está contribuíndo economicamente a apagar eses lumes para o rendemento desa industria”, dixo. “A extinción máis eficaz é a prevención e a prevención pasa por non perder persoas que traballen as terras agrarias ou por acabar co monocultivo de eucalipto e por unha política agraria que volva a agroecoloxía”, concluíu.

Santiago, 24 de novembro de 2017. 

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
24 de novembro de 2017 13:38
___________________

martes, xullo 05, 2016

A eurodeputada galega Lídia Senra ve nefasta a política de loita contra os incendios forestais que alimenta a cultura do negocio do lume - Demanda no pleno do Parlamento Europeo a fin da precarización do persoal dos servizos contra lumes en Galiza e que todo o servizo de extinción sexa público


Lídia Senra ve nefasta a política de loita contra os incendios forestais que alimenta a cultura do negocio do lume. | Demanda no pleno do Parlamento Europeo a fin da precarización das bombeiras/os en Galiza e que todo o servizo de extinción sexa público. A eurodeputada de AGE considera prioritario determinar que intereses hai detrás dos lumes e esixe medidas que acaben co abandono do rural.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), interveu este luns pola noite nas quendas de minuto libre de palabra do pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, para levar á Eurocámara, agora que comeza o verán, a problemática dos incendios forestais.

Durante a súa intervención, a eurodeputada galega advertiu sobre a situación que se vive todos os anos no sur de Europa e, nomeadamente na Galiza, unha vez que chega o verán: Os incendios forestais que estragan miles e miles de hectáreas. “No meu país, a Galiza, estes días asistimos á mobilización do persoal de extinción de incendios da empresa pública Seaga e da Xunta, que denuncian a precarización laboral na que se encontran, con contratos de apenas tres meses no ano”, asegurou Lídia Senra, quen atribuíu esta situación a unha “consecuencia” dunha “política de extinción totalmente nefasta que beneficia á empresa privada e dificulta a loita eficaz contra os incendios ao mesmo tempo que crea unha cultura do negocio do lume”, dixo.

A membro de AGEe avogou por, desde as institucións, actuar en tres niveis.

Primeiro: Determinar as causas e os intereses que existen detrás dos incendios provocados.

Segundo: Políticas activas para acabar co abandono do medio rural e promover a instalación de labregas e labregos e un modelo forestal sustentable.

Terceiro: Todo o servizo de extinción de incendios debe ser público. É necesario acabar coa precarización e a inseguridade do persoal que combate os incendios e tamén dignificar a profesión dos e das bombeiras forestais.

Santiago, a 5 de Xullo de 2016.

Enlace coa Intervención de Lídia Senra no pleno do Parlamento Europeo sobre os incendios forestais este 4 de Xullo de 2016] | Ir á Canle.

-->>>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
5 de julho de 2016 11:14
__________

mércores, marzo 11, 2015

Actividades fin de semana en Pontedeume do Colectivo Terra - Venres 13 de marzo: Mesa redonda sobre a xestión dos nosos montes - Sábado 14 de marzo: Actuación do cantante de Limodre Roger de Flor, con novos temas


Actividades fin de semana en Pontedeume do Colectivo Terra

Venres 13 de marzo:
"A xestión dos nosos montes: Problemática e alternativas" tres relatores tentarán aclararnos diferentes cuestións que afectan aos nosos montes como a eucaliptización, situación na Galiza, problemáticas,...

Sábado 14 de marzo:
Actuación do cantante de Limodre Roger de Flor, con novos temas.

Esta próxima fin de semana o Colectivo Terra realiza dúas actividades

A primeira será o venres 13 de marzo ás 20:00 na Casa da Cultura. Baixo o título "A xestión dos nosos montes: Problemática e alternativas" tres relatores tentarán aclararnos diferentes cuestións que afectan aos nosos montes como a eucaliptización, situación na Galiza, problemáticas,... Opcións, cultivos alternativos, exemplos reais, beneficios,... Ademais da situación das axudas, viabilidade económica,... Haberá tempo para o debate e tentarase aclarar as diferentes dúbidas que xurdan.

A segunda actividade da fin de semana será un concerto o sábado 14 ás 20:30 no noso local (Rúa Boa Vista, 8). Visitaranos o cantante de Limodre Roger de Flor. Presentaranos novos temas así como os máis clásicos do seu repertorio. Non podedes faltar a esta cita. A entrada será de balde e pasarase a gorra ao final da actuación.

Roger de Flor (vídeo):
https://www.youtube.com/user/videosrogerdeflor

Colectivo Terra (Pontedeume).
Correo-e:
colectivoterra@gmail.com
Blogue do Colectivo:
http://colectivo-terra.blogspot.com.es/


Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
10 de março de 2015 20:19
_______________

venres, outubro 04, 2013

Por unha Galiza sen lumes - Manifestación nacional en Compostela


"POR UNHA GALIZA SEN LUMES, POR UN RURAL CON FUTURO"

MANIFESTACIÓN NACIONAL
DOMINGO, 6 DE OUTUBRO
ÁS 12 DO MEDIODÍA
DESDE A ALAMEDA DE
SANTIAGO DE COMPOSTELA
A sociedade galega alza a voz novamente contra a barbarie dos incendios e contra a política rural e medio ambiental que leva ao progresivo desmantelamento do noso medio tradicional e ao consecuente abandono da terra que cada ano acaba pasto dos lumes e da especulación.

BASTA XA de deixar o monte galego ao abandono, pasto do lume, ao desleixo e á especulación, pois o rural pode e ten que ter futuro, un futuro que se a Xunta non está disposta a liderar, e prefire seguir sen investir un só euro e sen adoptar unha soa medida concreta para recuperar o monte e atallar o problema de escorrentías que se aveciña, debe apartarse definitivamente do camiño e deixar que sexa a comunidade local coa axuda de voluntariado a que tome a iniciativa.

Dende ADEGA apoiamos esta iniciativa e convocamos a socias/os e simpatizantes a acudir masivamente este domingo a Compostela para esixir UNHA GALIZA SEN LUMES E UN RURAL CON FUTURO. Busca a nosa faixa no paseo central da Alameda.

Polo Monte Pindo, polos nosos espazos naturais aldraxados, polo teu país, acode a Compostela este domingo 6 de outubro ás 12 na Alameda!

Máis info: local nacional (981 570099),  na nosa web: www.adega.info , en Facebook e Twitter.

Enviado por:
ADEGA
-adega@adega.info-

4 de outubro de 2013 12:50
________________

Enlace relacionado:
Evento no facebook
UNHA GALIZA SEN LUMES E UN RURAL CON FUTURO
https://www.facebook.com/events/327274247419072/
______________________

xoves, setembro 26, 2013

A Plataforma en Defensa do Servizos Públicos de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais convocan unha unha Manifestación Nacional, para este Domingo 29 de Setembro en Compostela


A Plataforma en Defensa do Servizos Públicos de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais convocan unha unha Manifestación Nacional, para este Domingo 29 de Setembro, que sairá ás 12 do medio día desde a Estación do tren de Compostela.

En demanda de:

1º.- Un servizo único, público e profesionalizado de prevención e extinción, que a maiores de apagar os lumes realice a prevención nas zonas de alto risco e maior valor ecolóxico, contratado e xestionado única e directamente pola Xunta de Galicia.
2º.- Unha ordenación do territorio, evitando o despoboamento do rural, favorecendo o acceso aos servizos básicos, evitando a forestación das terras agrícolas, e convertendo o mesmo nunha fonte de emprego e riqueza. Só cando a xestión sustentable do monte e do rural sexa unha posibilidade de traballo real para moitos e moitas, será cando a poboación no seu conxunto defenda dos lumes.
3º.- Unha política forestal de verdade, que evite as especies pirófitas, que aproveite a súa diversidade de producción e non só madeireira, con alternativas sustentables e que respeten o noso modo de vida tradicional. Hai que potenciar o papel das Comunidades de Montes e a concentración na xestión forestal, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo.
4º.- Fomentar na sociedade e nas escolas unha cultura de defensa dos nosos valores ambientais, paisaxísticos e naturais, entendendo que os mesmos son un ben de todos e todas e que non podemos perder.
5º.- Creación dunha mesa de diálogo con todos os sectores afectados (propietarios, empresas, traballadores do sector, ecoloxistas, etc.) e con participación de todos os partidos políticos que sente as bases dun cambio de modelo máis que necesario xa, imprescindible. [Manifesto Completo].

Enviado por:
André M. Ces
-andre.martinez.ces@gmail.com-
25 de setembro de 2013 09:53
____

mércores, setembro 04, 2013

Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita


O pasado 30 de Agosto, un grupo de activistas, en representación das entidades que inicialmente asinaron o documento "Por unha Asemblea Galega contra o Lume: 10 medidas de país contra a desfeita", presentaron no rexistro xeral da Xunta, as máis de 2.500 sinaturas recollidas apoiando o citado documento. Entre as organizacións inicialmente asinantes está o noso Colectivo Ártabra 21. A continuación transcribimos o interesante manifesto e chamamos a difundir-lo e somar-se a o mesmo.

Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita

As organizacións e persoas asinantes do presente documento entendemos que os recentes lumes non foron máis que o inicio da campaña de incendios que ano tras ano esnaquizan Galiza enteira. As accións de prevención e extinción que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas. Proba disto é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben co mellores entornos ecolóxicos do noso pais como sucedeu estes días pasados en Chandrexa de Queixa espazo da Rede Natura e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza.

Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.

O monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país noso. Os incendios causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos. Seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social.

As persoas e organizacións abaixo asinantes emprazamos ao goberno da Xunta a tomar en consideracións as medidas que abaixo se enumeran. Alertamos a todos os galegos e galegas de ben para que o pobo na súa totalidade funcione como o servizo de alerta, posta en coñecemento e denuncia diante das autoridades competentes de todos os datos e informacións relativas a existencia de lumes, ás causas do inicio dos mesmos e ás posíbeis faltas de operatividade na súa prevención e extinción.

Do mesmo xeito, quedamos emprazados e emprazadas, como Asemblea Galega Contra o Lume, para esixir das distintas administracións con competencia as medidas correctoras necesarias nas políticas de prevención e extinción que se están a aplicar, para rematar dunha vez por todas coa lacra dos incendios que ano tras ano producen o dano ecolóxico máis importante ao territorio galego, e empregando se fose preciso a mobilización dos galegos e das galegas para a consecución deste fin.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES

1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.

2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.

3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.

4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.

5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.

6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.

7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.

8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.

9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.

10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.

CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.

Sinaturas:

ADEGA, ALTERMUNDO, AMARANTE, ANAGACI, ASOCIACION PETÓN DO LOBO DE CORCOESTO, COLECTIVO ARTABRA 21, FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA, FORO SOCIAL DE CANGAS, FUCO BUXAN, PLATAFORMA FRAGAS DO EUME, PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS, SLG, VERDEGAIA

A petición en change.org, dirixida ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, por unha nova política forestal que evite os incendios.
___________________

domingo, xuño 17, 2012

Traballadores e traballadoras de SEAGA mobilizan-se contra o desmantelamento do servizo público de prevención e extinción contraincendios - Por un rural vivo, non á Lei de Montes dos dereitistas do PP - Vídeo


MANIFESTACIÓN DE TRABALLADOR@S DE SEAGA
SANTIAGO DE COMPOSTELA,
DESDE A ESTACIÓN DE TRENS
20 DE XUÑO, ÁS11 DA MAÑÁ

Se queres ir no Autobus desde Ferrol chama
aos telefonos: 981358750 ou 663075082

COMUNICADO D@S TRABALLADOR@S DE SEAGA PARA A MANIFESTACIÓN DO 20 DE XUÑO

Neste tempo de incertidume, inseguranza e dúbidas temos ante nós unha nova campaña de verán. Vimos de experiencias traumáticas para o noso monte. Desde o inverno houbo 16.000 Ha. queimadas en menos de 6 meses e espazos protexidos destruidos (Xurés, Invernadoiro, Fragas do Eume), sen que a Xunta contratase persoal, nin de prevención, nin de extinción, nin de rexeneración. Produciuse a morte do compañeiro Hixiño cando traballaba na extinción dun lume, e lembrámonos tamén de Xulio e Rodrigo, compañeiros nosos de SEAGA. Como sabedes o camiño andado até aquí foi longo e cheo de atrancos. Se recapitulamos, som moitos anos de loita contra o lume e contra as condicións laborais que vimos sufrindo os traballadores e as traballadoras de SEAGA. Queimados, vimos dicer abonda!

Denunciamos a irracionalidade do actual modelo forestal que esquece os servizos ambientais e sociais do monte e da biodiversidade, que fomenta os monocultivos e que permite a proliferación de especies pirófitas, como consecuencia da miopía dun sistema de loita contra o lume que segue primando a extinción e o desbaldimento de recursos en lugar de investir en prevención.

Tememos porque se perda unha xeración de persoal do servizo de prevención e extinción contraincendios con experiencia e coñecementos. Tememos porque este servizo non sexa estábel. Tememos porque este servizo sexa privatizado. Ano após ano, somos unha poeira que a leva o vento do goberno que xestiona o servizo.

Após 228 denuncias de traballadores e traballadoras de SEAGA contra a fraude do sistema de contratación, fundamentadas por sentenzas do Tribunal Supremo, a empresa segue a ofrecer mais precariedade, inseguranza e disminución do servizo, reducindo irresponsabelmente os meios na loita contra os incendios.

Reclamamos uns servizos unificados e públicos polas listas da Xunta de Galiza, cunha valoración obxectiva da experiencia, recoñecéndose aos traballadores e traballadoras de SEAGA o tempo traballado. Reclamamos un convenio que regule o sector recollendo as necesidades específicas dos e das traballadoras. No caso de continuarmos en SEAGA, reclamamos un convenio própio que regule o persoal, tempo de traballo, funcións dos postos,... así como un número de postos de traballo que se corresponda coas necesidades reais do servizo, e non eses ridículos 500 postos estimados pola Xunta. E reclamamos tamén a retirada da Unidad Militar de Emergencias e das patrullas do Ejercito de Tierra das labouras contraincendios forestais.

Queremos un rural vivo, que fixe poboación  que se asente no rural para aproveitaren os  recursos que ofrece o monte, respectando os seus ritmos biolóxicos, promovendo a prantación de árbores autóctonas e unha xestión forestal que integre as tres funcións básicas do monte (ambiental, productiva e de uso social) e procure o aproveitamento múltiple do monte (madeira, gando, froitos e cogomelos, etc.)

Pedimos a derogación da nova Lei de Montes porque achegará o lume ás casas reducindo as faixas de protección de 100 metros a 50; limitando a capacidade de xestión e decisión das comunidades de montes; e que ten unha visión productivista do monte galego primando o uso exclusivamente madeireiro; e que permitirá grandes extensións de monocultivo de especies, o que supón unha clara regresion na xestión forestal.

Apelamos á unidade dos traballadores e das traballadoras de SEAGA, á participación nas asembleas e a loitar polos seus dereitos e por un monte sostíbel.
  • O MONTE QUEIMADO E NÓS NO PARO.
  • O MONTE A MONTE E NÓS NA CASA.
  • SEAGA SOLUCIÓN.
ANÓTATE NOS AUTOBUSES QUE SAIRÁN DESDE A TÚA COMARCA:
Ferrol: 981358750 / 663075082
A Coruña: 981169293 / 981169894 / 646597051
Verín: 988412345
Ourense: 988233134 / 607936734
Vigo: 986827945 / 986827900 / 630893184
Pontevedra: 986852950 / 672295227
Lugo: 982225812 / 676249840


Enlaces de interese
:

Enlace ao blogue coas novas que recollen a información sobre a situación a en SEAGA.

http://bombeirosforestais.blogspot.com.es/

SEAGA - CAMPAÑA CONTRAINCENDIOS FORESTAIS DE GALIZA 2012from Mourelo on Vimeo.

Enviado por:
André M. Ces
-andre.martinez.ces@gmail.com-
17 de junho de 2012 17:14
____________________________