Amosando publicacións coa etiqueta Movimento Social. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Movimento Social. Amosar todas as publicacións

mércores, xaneiro 15, 2014

A asemblea como construción colectiva, ... Por Fernando Cembranos


Por Fernando Cembranos [*]
15.01.2014


Unha asemblea é un encontro de persoas cara a cara no que existe igualdade de oportunidades para participar e no que se pretende conseguir unha resposta colectiva (acordos, accións, plans, coñecemento). A asemblea é a esencia da democracia directa e participativa, é o lugar de maior poder nos grupos, as organizacións e as sociedades que queren ser horizontais.

É un lugar privilexiado para a construción da intelixencia colectiva. Unha asemblea non é só un lugar onde compiten as propostas, senón que tamén pode ser un espazo de creación e de construción do acordo para a intervención.

A práctica de boas asembleas é o resultado dunha complexa obra colectiva que require tempo e aprendizaxe. Pódese aprender a facer mellores asembleas aínda que tamén se pode "aprender" a deterioralas e a manipulalas. Persoas intelixentes reunidas non garanten unha asemblea intelixente.

O coñecemento sobre como funcionan as asembleas é un proceso continuo, aberto, experimental e dinámico. E construír este coñecemento é unha tarefa colectiva.

A experiencia dinos que cada asemblea é única e irrepetible, pero malia isto podemos atopar algunhas dimensións comúns que as distinguen ou clasifican. Estas poden ser o tamaño, a periodicidade, o grado de estruturación ou a natureza dos temas que se tratan. E así nos atopamos con asembleas informativas, operativas, de toma de decisións, creativas, formativas ou organizativas.

Podería dicirse ademais que hai asembleas exemplares, conflitivas, manipuladas, eufóricas, aburridas, motivadoras, bélicas, fértiles, interesantes, divertidas, burocráticas, catárticas, verdadeiras construcións colectivas, sorprendentes, baleiras, empoderadoras, etc.

Unha asemblea pode entenderse como un espazo no que priman o debate e a confrontación ou como un espazo de construción colectiva. O espazo de debate e confrontación con frecuencia mellora as ideas ao ter que sometelas a procesos dialécticos de crítica e superación. Tamén é o lugar en que a miúdo se seleccionan as mellores ideas ao facelas competir con outras. Con todo ao ser un lugar de debate (batalla), presenta algunhas limitacións, tales como a polarización de persoas, faccións e ideas que resultan vencedoras e vencidas. Outra limitación importante é a perda de ideas, pois, ao entenderse como unha confrontación, non se adoitan aportar argumentos favorables ás posturas consideradas opostas, nin tampouco se buscan argumentos desfavorables ás propostas consideradas propias. Outro inconveniente da batalla é que adoita acompañar feridas e en ocasións tamén "mortes" (é dicir, abandonos ou parálises).

A percepción da asemblea como lugar de construción colectiva dá cabida ao debate e á dialéctica, pero vai máis aló, pois moitas veces non pretende só enfrontar propostas senón crealas e trenzalas desde achegas embrionarias, borrosas, parciais ou hipotéticas de acódelas asistentes. Tamén pode crear sínteses novas a partir de ideas desenvolvidas. Nestes casos a atribución do éxito adoita ser colectiva en lugar de persoal ou de faccións. O grupo crea propostas e solucións que antes non había. A resultante é máis que a suma das partes. A resultante é máis que a diferenza das ideas que compiten. A construción colectiva aproveita a diversidade e non a converte en oposición tan axiña como o fai o debate.

Como a atribución do éxito é colectiva non importa desenvolver as ideas doutras persoas ou criticar aspectos das propias.

A través da construción colectiva pode percibirse, en moitas ocasións, que todas as persoas teñen razón ou polo menos parte de razón, o que sucede con menos frecuencia na confrontación e competición de ideas.

A construción colectiva utiliza diferentes tipos de pensamento (pensamento creativo ou hipotético, pensamento operativo, pensamento crítico) tanto coas ideas propias como coas alleas. A mestura destes pensamentos adoita xerar dificultades no debate clásico. Na construción colectiva pódese dubidar en grupo, ou se poden expresar dúbidas sobre as ideas propias.

Hai técnicas sinxelas que poden mellorar as potencialidades dunha asemblea tales como a tormenta de ideas, a división en grupos ou a reflexión previa. O bo desenvolvemento da función de moderación ou facilitación é un dos elementos craves para o éxito dunha asemblea. Pero tamén a idea compartida e vivida de que unha asemblea pode ser unha CONSTRUCIÓN COLECTIVA.

En calquera caso os mínimos imprescindibles para realizar boas asembleas son:
  • Facer a orde do día ou guión da asemblea.
  • Elixir/designar unha persoa moderadora.
  • Pedir a palabra antes de falar.
  • Non saírse do tema que se está falando.
  • Realizar un uso democrático do tempo de palabra.
  • Evitar as falsas oposicións (opoñerse a algo que non se dixo).
  • Pechar os temas con acordos, sínteses ou designación de persoas que o seguen traballando.
  • Rexistrar os acordos e facer a acta.
  • Propoñer a seguinte cita.
  • Ter vontade de traballar polo ben colectivo e os obxectivos principais do grupo.
[*] Fernando Cembranos, psicólogo e autor de numerosas publicacións relacionadas coa animación sociocultural, o ecoloxismo, a psicoloxía social e o emprego. É coautor xunto a José Ángel Medina, do libro "Grupos Intelixentes", obra de referencia para o traballo en equipo e a xestión da intelixencia colectiva. E xunto a outros autores, publicou recientemente o libro "Cambiar as lentes para mirar o mundo", onde suscitan unha nova cultura da sostenibilidade.
---
Un desenvolvemento máis amplo e práctico pode atoparse na recente publicación Guía para realizar asembleas de Fernando Cembranos, Marta Pascual e a Comisión de Educación de Ecoloxistas en Acción (2013, Libros en Acción)


Foto: Asemblea do 15-M na Porta do Sol, de Fernando Sánchez.

Fonte: La marea | 14 de xaneiro de 2014
_______________________