Amosando publicacións coa etiqueta Mundo Agrario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mundo Agrario. Amosar todas as publicacións

xoves, abril 12, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra, valora o anuncio da Comisión Europea de lexislar para prohibir as 'prácticas desleais' na cadea alimentaria - O Comisario Phil Hogan presentou hoxe no PE as claves da proposta de Directiva da CE para abordar cuestións como a demora nos pagos ao sector produtor. | Activista agraria, hoxe con escaño no Parlamento Europeo, reivindica retomar a regulación dos mercados e da produción como un ferramenta de base para frear os abusos na cadea alimentaria


Lídia Senra valora o anuncio da CE de lexislar para prohibir as “prácticas desleais” na cadea alimentaria. | Phil Hogan presentou hoxe no PE as claves da proposta de Directiva da CE para abordar cuestións como a demora nos pagos ao sector produtor. | Lídia Senra reivindica retomar a regulación dos mercados e da produción como un ferramenta de base para frear os abusos na cadea alimentaria.


A coordenadora da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, saúda o anuncio realizado esta mañá polo Comisario de Agricultura Phil Hogan da posta en marcha por parte da Comisión Europea (CE) dunha proposta de directiva para paliar as coñecidas como “prácticas desleais” na cadea de subministro de alimentos.

Se ben durante a sesión da Comisión de Agricultura do PE celebrada hoxe o Comisario Hogan unicamente formulou as liñas principais, a falta de que se faga público o texto definitivo que vai presentar a CE, Senra destacou a importancia de que o ente comunitario “por fin supere a fase de análise e comece a dar pasos de cara a elaborar unha lexislación que poña couto aos abusos que se están a dar na cadea alimentaria”.

Algunhas das cuestións que semella van ser abordadas por parte da Comisión Europea recollen demandas que se veñen denunciando dende as organizacións labregas dende fai moitos anos, e que a nivel galego teñen un impacto moi significativo en sectores tan relevantes como o vacún ou o hortofrutícola. “Valoramos positivamente que a CE identifique como prácticas concretas a prohibir os retrasos nos pagos ás produtoras e produtores de produtos perecedoiros, ou as cancelacións de última hora e as modificacións unilaterais ou retroactivas dos contratos”, destacou. “Tamén é interesante que a proposta que vai desenvolver a Comisión obrigue aos Estados a designar unha autoridade pública encargada de facer cumprir as novas normas”.

Malia todo, a xuízo da eurodeputada galega “se como di a CE, o que se pretende é rematar ca incerteza e riscos aos que teñen que facer fronte ás labregas/os e pequenas e medianas explotacións, ademais de prohibir prácticas concretas debería deixar de eludir abordar politicamente o problema de base, que non é outro que a necesidade de establecer medidas de control das producións e os mercados”.

Dende a súa participación como coordenadora na Comisión de Agricultura, Lídia Senra realizará un seguimento exhaustivo da proposta da Comisión Europea e presentará unha batería de emendas de cara a avanzar na protección das labregas e labregos fronte ás prácticas abusivas na cadea agroalimentaria impostas maiormente polas grandes industrias.

Bruxelas, 12  de Abril de 2018.


Oficina de Lídia Senra, Eurodeputada Galega do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Comisión de Agricultura e na
Comisión de Pesca. | Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE. |
0034 609 845 861/+32(0)2 28 45414/+33(0)3 88 1 75414 .| lidia.senra@europarl.europa.eu. | http://ageuropa.gal/ | twitter | facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
12 de abril de 2018 13:3

___________________

venres, xuño 08, 2012

En defensa dos nosos montes en defensa do noso agro - Este sábado e Domingo, 9 e 10 de Xuño, a cita é en Compostela - Manifestacións Nacionais por un agro vivo, racional e sustentábel - Na nosa Comarca tamén hai tres citas moi importantes: a defensa do Río Baa, a Asemblea Cidadá sobre Reganosa e a manifestación comarcal polo sector naval

Este fin de semana en Compostela van ter lugar dúas manifestacións nacionais en defensa do noso agro. Na nosa Comarca temos tamén varias citas moi importantes: a Segunda Andaina polo Río Baa, sobre as 10:45 horas, no Polígono Vilar do Colo, na defensa dun río ameazado, sobre todo pola presencia duns residuos tóxicos almacenados a intemperie; e ás 12 do mediodía unha Asemblea Aberta á Cidadanía para informar e debater sobre a última Sentenza do Tribunal Supremo sobre Reganosa que anula a modificación do PXOM, por carecer de Declaración de Impacto Ambiental que amparou a construción de Reganosa, desta vez na Praza do Concello de Ferrol, diante do Pazo Municipal. ADEGA tamén estará presente nestas dúas mobilizacións, polo medio ambiente, pola nosa seguridade e pola vida. E o domingo 10 de Maio a mobilización comarcal polo sector naval, ás 12 do mediodía desde o Inferniño.

9 de xuño, sábado - MANIFESTACIÓN POR UNHA LEI GALEGA DE MONTES MULTIFUNCIONAL E SUSTENTÁBEL

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, convidámoste desde ADEGA, FRUGA, CIGA e ORGACCMM a acompañarnos na manifestación que terá lugar o sábado, día 9 de xuño ás 12h na estación do tren, en Santiago de Compostela "Por unha lei de montes de Galiza". SeÉ unha oportunidade para reivindicar un futuro para os nosos montes e contra a privatización, o monocultivo e a falta de políticas de prevención contra os lumes forestais que establece a nova lei de montes.

As nosas reivindicacións:
  • O recoñecemento dos montes comunais e dos seus dereitos.
  • A non privatización dos montes para intereses especulativos.
  • A non privatización da loita contra os lumes e a non derrogación da lei de prevención de incendios.
  • A non forestación das terras agrarias.
  • A non invasión do monte con cultivos enerxéticos.
  • Que o monte galego sexa multinfuncional e sostible.

Convoca: Organización Galega de Comunidades de Montes; Apoian: ADEGA, CIG, FRUGA (Alianza por un medio rural galego vivo).

BUSES DENDE LUGO: Desde Lugo (no caso de acadar un número mínimo de persoas), sairá un autobús de diante do edificio dos sindicatos, na ronda da muralla, ás 10 da mañá. É imprescindible apuntarse, chamando aos teléfonos 982.815678 ou 681.027859 (Lois). O prezo será de 5 euros, do resto do custe faranse cargo as organizacións convocantes.


10 de xuño, domingo - MANIFESTACIÓN CONTRA AS FUMIGACIÓNS EN COMPOSTELA

Únete ao enxamio que percorrerá Compostela este domingo 10 de xuño contra as fumigacións!

A Plataforma contra as fumigacións, da que fai parte ADEGA, vai defender un país sen pesticidas este domingo nas rúas de Compostela. As voces de abelleiros, labregos, ecoloxistas, e máis de 40 organizacións sociais de todo o país van crear un zunido imposible de calar! Agora non poderán borrar as nosas voces como fixeron con centos de protestas na súa páxina de Facebook.

 A Xunta de Galiza terá que escoitar o clamor en contra dunhas fumigacións que van contra o sentido común, contra as leis e o que é máis importante, contra o futuro da agricultura, dos ecosistemas e da saúde de milleiros de galegas e galegos que viven nas decenas de puntos que xa están marcados no mapa militar desta guerra contra a nosa soberanía alimentar e para maior gloria da auténtica praga: o eucalipto!

En Internet xa somos case 100.000 persoas a dicirlle NON ás fumigacións e SI á vida das abellas, vítimas na primeira liña deste ataque frontal contra a supervivencia da natureza da que nos alimentamos e da que somos parte intergrante. Agora xuntaremos milleiros de voces tamén nas rúas da capital de Galiza para deixarlles claro aos que poñen o diñeiro e asinan as autorizacións, que non imos permitilo e que coa comida e a auga que consumimos nós e os nosos fillos non se xoga. Co noso monte non se xoga! Nin unha pinga dese veleno na nosa auga, na nosa terra!

Xa o dicían os nosos vellos: se morren as abellas, morremos nós!

Máis información: local nacional (981 570099),  na nosa web: www.adega.info ou en Facebook

Máis información:

http://fumigacionsnon.org/


Enviado por:
ADEGA
-adega@adega.info-
8 de junho de 2012 00:06
ADEGA-Informa: vindeiros eventos e actividades
__________________

gzvideos STOP FUMIGACIÓNS TÓXICAS - Manifestación Nacional - 10/06/12 #fumigacionsNON


___________________________

luns, agosto 31, 2009

Mobilización entre o 1 e o 7 de Setembro: Semana de accións europeas polo prezo do leite

Semana de accións europeas polo prezo do leite
DO 1 ao 7 O PREZO DO LEITE DECÍDESE EN EUROPA

31 de Agosto do 2009
Semana de accións europeas polo prezo do leite

Como anunciabamos na pasada semana, co gallo das reunións que manterá a Comisión de Agricultura e nas que se abordarán medidas que agardamos poñan fin á crise do sector leiteiro, a Coordenadora Europea Vía Campesina, da que o SLG forma parte, fixo un chamamento á mobilización conxunta en Europa do 1 ao 7 de setembro, accións que o Sindicato Labrego Galego secundará dende Galiza, ao igual que as gandeiras e gandeiros franceses, entre outr@s, que xa comezaron hoxe coas mobilizacións en Francia.

O SLG levará a cabo unha semana de accións reivindicativas que fará cumio co desprazamento a Santander o vindeiro luns 7 de setembro (coincidindo coa celebración, en convocatoria extraordinaria, do Consello Europeo de Agricultura), onde a ministra de agricultura Elena Espinosa ten anunciada a inauguración dun curso de verano da Universidade Menéndez Pelayo.

Do 1 ao 5 de setembro terá lugar unha concentración reivindicativa permanente que se realizará mediante relevos en distintas quendas, manténdonos día e noite.

A tales efectos ubicarase unha carpa na Alameda de Santiago de Compostela, onde terán lugar actividades informativas e reivindicativas [*], co obxectivo de abordar en conxunto, produtoras/es e consumidoras/es, as claves da crise do sector leiteiro, aliás de chamar atención sobor dos resultados das reunións europeas, dos que procuraremos ir dando conta a través dos medios de comunicación.

Mañá, martes 1 de setembro, encetaremos a “Semana de accións europeas polo prezo do leite” cunha:
  • CONCENTRACIÓN ÁS 11:30 NA PRAZA DO TOURAL.
Produtoras/es e consumidores/as queremos visibilizar a nosa unión diante das actuais regras de mercado que está a esnaquizar o sector que vertebra o rural da Galiza: o sector leiteiro.

ENCONTRO COS GRUPOS PARLAMENTARES. 16,30 na ALAMEDA DE SANTIAGO

Na pasada semana convidamos ao BNG, PSOE, EU e PP, grupos políticos que teñen presenza no Parlamento Europeo, para que expresen a súa postura e cal vai ser a posición das e dos eurodeputados do seu grupo na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo (COMAGRI) o día 1, sobre as propostas presentadas pola Coordenadora Europea Vía Campesina o 21 de xullo na comparecencia ante a COMAGRI para saír da crise do leite en Europa e, máis concretamente sobre as que fan referencia ao prezo mínimo, á redución da cota global, a redistribución do dereito a producir, mantemento do control público da produción e o mantemento da regulación dos mercados.

Ao longo de todo o día 1, como durante toda a semana de reivindicacións, terá lugar o reparto de folletos informativos ao respeito da crise do sector leiteiro, ao tempo que a carpa instalada na Alameda será un espazo de encontro entre produtoras/es e consumidoras/es.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DA SEMANA DE ACCIÓNS EUROPEAS POLO PREZO DO LEITE

MARTES 1
11:30hrs.CONCENTRACIÓN na Praza do Toural
16:30hrs.ENCONTRO COS GRUPOS PARLAMENTARES. Carpa na Alameda de Santiago de Compostela.
Reparto de materiais informativos (polas rúas de Compostela) e espazo de encontro (carpa Alameda)

MÉRCORES 2
Ao longo do día: reparto de material informativo sobor da crise do sector leiteiro e a necesidade dun prezo mínimo para o leite.(Polas rúas de Compostela)
20:30hrs. Palestra de Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG: O leite é noso. Poñámoslle o prezo. Proxección de vídeos das recentes mobilizacións do  sector leiteiro

XOVES 3
Ao longo do día: reparto de material informativo sobor da crise do sector leiteiro e a necesidade dun prezo mínimo para o leite.(Polas rúas de Compostela).
20:30hrs. Encontro con organizacións sociais e asociacións da Galiza. (Carpa Alameda)Ç

VENRES 4
Ao longo do día: reparto de material informativo sobor da crise do sector leiteiro e a necesidade dun prezo mínimo para o leite.(Polas rúas de Compostela).
20:30hrs. Palestra de Lída Senra Rodríguez, Secretaria de Organización do SLG e Responsábel de sectores gandeiros na Coordenadora Europea Vía Campesina. PreSentación e debate sobre a situación internacional do leite e o modelo da OMC.

SÁBADO 5
Ao longo do día: reparto de material informativo sobor da crise do sector leiteiro e a necesidade dun prezo mínimo para o leite.(Polas rúas de Compostela).
13:00hrs. Palestra de Xosé Ramón Cendán, Responsábel de Relacións Internacionais do SLG. Posición do SLG e proposta para unha nova política leiteira en Europa.

DOMINGO 6
Saída para Cantabria

LUNS 7
Manifestación en Santander

[*] Nota: aqueles medios ou persoas a título individual que desexedes acompañarnos a Santander podedes contactar co gabinete de prensa do SLG no 649 541 773 ou prensa@sindicatolabrego.com

Fonte: sindicatolabrego.com
_________________

Enlaces relacionados:

_____________