Amosando publicacións coa etiqueta O Tren. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Tren. Amosar todas as publicacións

martes, abril 06, 2021

Néstor Rego avanza novas iniciativas para urxir ao Goberno do Estado a construción do baipass ferroviario en Betanzos - A obra permitiría reducir considerabelmente o tempo de duración do tramo ferroviario entre Coruña e Ferrol - BNG defende a modernización da vía ferroviaria entre Betanzos, A Coruña e Ferrol como medio de transporte de proximidade sustentábel co medio ambiente e que permitiría artellar unha mellor comunicación no Golfo Ártabro


O deputado do BNG, Néstor Rego, reclamou na Estación de ferrocarril Betanzos-Infesta a construción do baipass ferroviario despois de que o goberno do Estado rexeitase as emendas presentadas pola formación nacionalista aos Orzamentos Xerais do Estado, e que anunciara que non vai executar sequera os 128.000 euros previstos para o 2021 por non consideralo unha prioridade. Rego estivo acompañado polos voceiros municipais do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, en Ferrol, Iván Rivas, e A Coruña, Francisco Jorquera.

A organización nacionalista visitou a instalacións da estación de ferrocarril Betanzos-Infesta onde as vías non tiveron modificacións substanciais desde a súa construción hai máis de cen anos, en 1913.  “Nesta liña tárdase practicamente o dobre- 80 minutos- indo en tren que facendo o mesmo traxecto en coche. Trátase dunha vía mal deseñada xa que parte dunha visión centralista de conexión Ferrol coa meseta mais non a comunicación entre dúas das cidades galegas máis importantes como A Coruña ou Ferrol” explicou o deputado mentres sinalaba  a perda de tempo que supón non ter un baipass en Betanzos que permita unha maior fluidez do tráfico ferroviario.

Así mesmo, Rego lembrou que o BNG presentara emendas, nos Orzamentos Xerais do Estado, tanto para a construción do baipass, de 20 millóns de euros, como para iniciar os traballos de modernización da liña Ferrol-A Coruña-Betanzos, de 10 millóns de euros. PSOE e UP rexeitaron as emendas e, na actualidade, os OXE só mantén a cantidade “ridícula” de 128 mil euros que permitiría comezar as obras da infraestrutura, mais que o Goberno xa anunciou que non ten intención de executar.

O que nos atopamos é que o Secretario de Estado de Infraestruturas recentemente anunciou que esta non era unha prioridade e, polo tanto, que esta obra non se ía facer aínda” recriminou Rego. Neste sentido, o deputado nacionalista avanzou novas iniciativas no Congreso para urxir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a “actuar e facelo xa porque esta obra é perfectamente asumíbel dentro dos orzamentos do Ministerio- con independencia de que non haxa unha partida específica- mais si partidas xenéricas que se poden destinar a este fin”. Rego afirmou que é unha obra “absolutamente necesaria” para reducir o tempo e que o transporte ferroviario entre Ferrol e A Coruña “fose máis atraente” e gañase usuarias e usuarios.

Pular por un medio de transporte sustentábel


A formación nacionalista aposta pola conexión ferroviaria entre as principais vilas e cidades do país porque “é un medio de transporte sustentábel. O deputado recriminou que o executivo español “ten abandonadas as infraestruturas ferroviarias, particularmente as de conexión interior e este é un exemplo dos máis evidentes mais é un caso que se debe resolver canto antes. Mentres no resto do Estado o Goberno inviste para modernizar o transporte de proximidade, tanto de transporte como de viaxeiros, na Galiza non existen aínda conexións entre as diferentes cidades, mais para o Ministerio segue sen ser unha prioridade”.

Pola súa banda, a voceira do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, destacou a oportunidade que se pode xerar coa construción do baipass, constituíndo unha “liña de transporte público alternativo, de calidade e, ao mesmo tempo, sustentábel e ecolóxico”. A obra tamén permitiría que a veciñanza de Betanzos se puidese comunicar “tanto coa Coruña como Ferrol dunha maneira viábel e nun tempo factíbel”.

Artellar o Golfo Ártabro

Para o voceiro municipal do BNG no concello da Coruña, Francisco Jorquera, é precisa a construción desta infraestrutura para a “futura implantación de servizos de proximidade que contribúan a artellar toda a zona”. Esta liña, ademais de Ferrol-Betanzos-A Coruña tamén "permitiría enlazar cos polígonos industrias e mesmo co centro da cidade coruñesa pola conexión ferroviaria do porto”.

A obra debera, ademais de construír o baipass de Betanzos, acometer a electrificación da liña, corrixir trazados sobre todo nas curvas máis pronunciadas e incrementar os puntos de cruce para que poidan ir trens nas dúas direccións”. enumerou Jorquera durante a súa intervención para atallar os problemas de mobilidade que posúe A Coruña.

Conexión Ferrol

O voceiro de Ferrol, Iván Rivas, apuntou a que o illamento que sofre a comarca de Ferrol débese a falta de vontade política por parte de PP e PSOE que “están sendo cómplices deste deseño centralista”. Así mesmo, incidiu na necesidade de reverter “esta dinámica que non se vai resolver mediante estudos senón con consignacións orzamentarias e que o alcalde de Ferrol debería estar exixindo”.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Ferrolterra | Web.


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
6 de abril de 2021 10:45

_______

mércores, xaneiro 20, 2021

O BNG levará ao vindeiro Pleno do Parlamento Galego a crise da Comarca de Ferrol - Difusión dun novo boletín informativo municipal en Ferrol

Mon Fernández, deputado do BNG no Parlamento Galego

O recente anuncio do peche de SIEMENS-GAMESA no Concello das Somozas súmase ao peche da central térmica das Pontes, á situación de colapso na ría de Ferrol, e á falta de carga de traballo en Navantia, é dicir, todos aqueles sectores ou empresas dos que depende a comarca económica e socialmente están ameazados de peche ou paralizados sine die.

A RÍA (crónica dunha morte anunciada)

A situación actual da ría de Ferrol é de colapso absoluto, con unha produción de escasamente un 10% da que existía hai tan só dez anos, o que está a provocar a expulsión do sector, pouco a pouco mais ininterrompidamente, das persoas que até o de agora viñan traballando e vivindo del.

O BNG fai fincapé en que todas as persoas do sector e do mundo académico con coñecimento de causa coinciden na necesidade de realizar un estudo da situación da ría, das causas que provocan a caída da produción, e das posíbeis solucións. Mais o común acordo sobre a necesidade de realizar este estudo, incluído un acordo do Parlamento Galego adoptado por unanimidade de todos os grupos a instancias do propio BNG, non parece suficiente para que chegue a concretarse na práctica, nunha parálise gobernativa que significa de facto a morte da ría, e que raia polo tanto no criminal.

A TÉRMICA DAS PONTES (ENDESA manda, mais quen manda en ENDESA?)

O anunciado peche da central térmica das Pontes, despois de esgotar os recursos mineiros da localidade e de transformar radicalmente o territorio, supón un repto económico e social de enormes dimensións para a comarca de Ferrol.

Neste sentido, un informe elaborado polo Concello das Pontes coa participación dunha consultora e un bufete especializados en temas mineiros e industriais, estima "en cálculos globais, conforme a declaracións do ano 2016 da propia Endesa (Jefatura de Servicios Económicos de la UPT), a contribución da central, entre salarios, tributos e compras a provedores, en 38.000.000 €/ano"

O informe abunda tamén na perda de postos de traballo, en termos directos e máis de prexuízo circular ou de arrastre, estimando que a perda estaría nun intervalo de 1.000 a 1.400 postos de traballo.

Desde o BNG chaman a atención no feito de se producir o peche sen alternativa ningunha a día de hoxe, o que desminte os discursos gobernativos da transición enerxética, retratándoa como un desmantelamento puro e duro, con renuncia expresa por parte dos gobernos a empregar os instrumentos normativos e de promoción empresarial á súa disposición. Por exemplo a falta de activación de medidas a través das poxas estatais de renovábeis ou a concesión dos nós de evacuación da enerxía.

NAVANTIA (astanización!!??)

A perda de postos de traballo en Navantia Ferrol, ao redor de 2.000 persoas nos últimos meses, seguirá a aumentar até a próxima entrega do último buque en construción para a armada australiana.

A futura construción das novas fragatas 110 para a armada española, única previsión de traballo, conta con un calendario construtivo moi restritivo en canto ocupación, xa que de inicio está previsto comezar as obras de apenas 1 das 4 fragatas, adiando 2 ou 3 anos a coincidencia no estaleiro de máis de 1 buque en construción de xeito simultáneo, e polo tanto os posíbeis picos de ocupación.

O confinamento dos centros de Navantia na ria de Ferrol ao sector militar ten provocado unha crise xa estrutural na nosa comarca. Malia esta evidencia as directrices gobernativas para a empresa mantéñense na liña de reducir ou renunciar a todas aquelas outras actividades alternativas, léase a construción civil, Turbinas, ou a eólica mariña.

Neste escenario, e cos precedentes históricos, resulta preocupante a falta de investimentos para modernizar as instalacións, tanto en reparacións, como en novas construcións, sendo especialmente relevante a falta de compromisos orzamentarios para a construción do anunciado e necesario dique cuberto.

E resulta, tamén, moi sintomática a falta de interese da Xunta de Galiza en facer parte do Consello de Administración de Navantia, como querendo evitar calquer responsabilidade no futuro da empresa e da comarca.

SIEMENS-GAMESA (deslocalización da produción)

O recentemente coñecido peche da fábrica de SIEMENS-GAMESA no Concello das Somozas, que viña empregando a 300 persoas, e que xeraba unha importante actividade auxiliar no  transporte e no porto de Ferrol, supón outro golpe mortal para a comarca, xusto nun sector, o da industria de compoñentes para a xeración de enerxía eólica, que se nos anunciaba motor da reactivación económica.

Igual que nos casos anteriores, tampouco os comportamento dos diferentes gobernos para evitar esta nova crise industrial está a altura das necesidades. Novamente os partidos políticos españois que sosteñen aos gobernos galego e central se teñen pronunciado en contra das iniciativas presentadas polo BNG para vincular a autorización de novos parques eólicos a que traian asociados proxectos industriais que garantan un aproveitamento dos recursos propios a favor da creación de riqueza e do emprego na Galiza.

HAI ALGUÉN AÍ??

A Xunta de Feijoo goberna ao ditado do seu comité de expertos, auténtico eufemismo dos lobis empresariais actuantes na Galiza, aínda que moitos deles teñen os seus centros de dirección e de decisión moi lonxe.

É o servilismo para con estes lobis o que está a producir sensación de abandono a boa parte da sociedade galega, cada vez máis consciente dos problemas que está vivir, mais completamente allea a calquer proposta de solución ou de reacción.

Como se explica que coa que está caendo medre a impresión de non termos goberno? Fácil, habelo haino, pero non goberna para nós.

O BNG levará ao Parlamento a reivindicación da sociedade comarcal que con dignidade non se resigna a desaparecer, e defenderá propostas concretas para unha saída galega e social da crise.

Difusión dun novo boletín informativo municipal do BNG Ferrol.

Roberto Montero, responsábel local do BNG en Ferrol, di: "vimos de editar un boletín informativo con algunhas cuestións de actualidade sobre a situación política na que estamos a vivir na nosa cidade (os orzamentos do estado en Ferrol, o sectro naval, a Ría, as infraestruturas ferroviarias, ...) as súas consecuencias e as nosas alternativas", continua comentando que "este boletín editouse en formato papel e vaise distribuír no conxunto da cidade estando previsto a súa distribución nos vindeiros días". Achega o boletín en formato pdf. | Acceder/Baixar.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


Ferrolterra | Web.


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
19 de janeiro de 2021 15:50 

______

sábado, decembro 07, 2019

Manifestación en Ferrol, o sábado 14 de decembro ás 12:30hs: 'Queremos Tren' - Comboio reivindicativo da Plataforma pola defensa do tren A Coruña- As Mariñas

Queremos Tren

O vindeiro sábado 14 de decembro, está convocada unha manifestación polo Tren en Ferrol. Con antelación a Plataforma pola defensa do tren A Coruña- As Mariñas, que é a que convoca,  organiza unha viaxe reivindicativa, no comboio Coruña -Ferrol, que parte da estación d'A Coruña, no tren das 10:50hs e recollendo xente nas diferentes estacións. O comboio ten prevista a súa chegada a Ferrol sobre as 12:07hs. A Manifestación partirá ás 12:30hs.

Desde a Plataforma din: "Non paramos. Seguimos coas nosas accións para reivindicar un tren digno para toda a comarca e o resto do país. Nesta ocasión temos un novo destino, Ferrol, unha cidade que precisa con urxencia a mellora do tren á Coruña e o de ancho métrico (Feve) a Ribadeo, ademáis da conexión co porto exterior".

"Queremos tren, queremos un medio de transporte cómodo, seguro, ecolóxico e eficiente, queremos aproveitar as infraestruturas que temos e melloralas onde sexa necesario. Queremos intelixencia e visión de futuro na clase política".

Detalle do Manifesto fundacional da Plataforma

"Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol mediante a implantación dun tren de cadencia que aumente os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendíbel e economicamente viábel como único xeito de consolidar unha liña actualmente ameazada e que deberá dar servizo de calidade a zonas densamente poboadas como O Burgo, Cambre, Betanzos, Pontedeume, etc. Este tipo de servizos veñen funcionando perfectamente en áreas incluso menos poboadas noutras zonas do estado como Santander, Cádiz, ou Donostia". [Manifesto]

Recibimento en Ferrol

Adega Ferrolterra, chama a participar no recibimento do comboio reivindicativo as 11:45hs na estación de Ferrol.


Se queres vir no tren desde calquera das estacións, contacta coa Plataforma ou simplemente cubre o formulario.

Billete de grupo para a manifestación de Ferrol do día 14 de decembro. O tren sae desde A Coruña ás 10.50 e chega a Ferrol ás 12.10. A manifa sairá da propia estación ás 12.30. A hora de volta será ás 17.18. É importante apuntarse só se sabes con seguridade que vas acudir no tren para non causar problemas de gastos innecesarios á Plataforma. [Formulario]

Para contactar coa Plataforma:

Plataforma pola defensa do tren A Coruña- As Mariñas.
Redes sociais @defensatren en Facebook e Twitter, ou no correo
defensatrencorunha@gmail.com

A Plataforma no buscador libre DuckDuckGo.

#DEFENSADOTRENFERROLTERRA
---

ADEGA
Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza
Delegación de Ferrolterra
Local Social no Ático do Antigo Hospicio.
Rúa Méndez Núñez, 11, 15401 Ferrol, A Coruña
Apartado de Correos 481, C.P.: 15480 - Ferrol
adegatrasancos@adega.gal
www.adega.gal

Info baseada na enviada por:
ADEGA-Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
4 de dezembro de 2019 23:58
____________

mércores, abril 17, 2019

De Santa Mariña á Meca, ... Por Iván Rivas Rico


Por Iván Rivas Rico [*]
17.04.2019


Días atrás reunímonos coa subdelegación do goberno respecto ao desplome do talude de Santa Mariña, propiedade do ADIF e que este se nega a reparar.

O goberno do Estado asegurou que nada podía facer, que non era un problema político pese a tratarse dunha empresa pública dirixida por un cargo político.

Mentres o Tribunal de Contas Europeo asegura que o ADIF dispuxo dunha inxente cantidade de cartos para as obras da alta velocidade e que a súa distribución estivo politizada.

A CNMC sanciona con 118 millóns de euros a 15 empresas por amañar contratos durante 14 anos. O Tribunal de Contas atopa máis de 7.000 millóns de euros en sobrecustes das obras. 

E a Fiscalía Anticorrupción investiga subornos a funcionarios e mordidas na adxudicación destes contratos millonarios, como o do AVE á Meca.

Pero non se preocupen que unha empresa pública como o ADIF que manexa miles de millóns de euros, con amaños, sobrecustes, fraude e subornos polo medio e co horizonte da privatización á vista que aquí significará o desmantelamento non é un problema político.

E nós algo máis teremos que facer que unha foto montando en bicicleta.

[*] Iván Rivas Rico, -A Pontenova 1976, é arquitecto de profesión, concelleiro e portavoz do grupo municipal do BNG en Ferrol desde xaneiro de 2012, na anterior etapa e na actualidade. Vai ser cabeza de lista polo BNG, para as eleccións locais de maio deste 2019.| No buscador libre: DuckDuckGo. BNG - Ferrol: Web | Facebook | Twitter.

Artigos de Ivan Rivas no Diario de Ferrol.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
17 de abril de 2019 08:20

__________

martes, abril 16, 2019

Ana Pontón carga contra a 'marxinación' de Galiza en infraestruturas - A mañá do luns tomou parte nun acto simbólico en defensa da modernización do tren en Ferrol, excluído do eixo atlántico ferroviario


O BNG organizou acto simbólico en defensa da modernización do tren en Ferrol, excluído do eixo atlántico ferroviario e cun traxecto entre a cidade departamental e A Coruña "propio do século pasado”, cando este medio debería, insisten as nacionalistas, ser unha das principais opción de mobilidade entre ambas cidades.

Para a portavoz nacional, Ana Pontón, esta realidade “evidencia o abandono do Estado das infraestruturas ferroviarias entre Ferrol e A Coruña e do disparate de non ter as mesmas infraestruturas e oportunidades. Cun tren rápido entre ambas cidades e cunha aposta pola modernización de FEVE, teríamos unha área de 600.000 habitantes comunicada. Xa está ben que o Estado nos trate como cidadáns de segunda”.

Para denunciar que o Goberno do Estado "mantén un tren decimonónico a velocidades que son facilmente superábeis por unha persoa en bicicleta", Pontón, acompañada, entre outros, do candidato do Bloque en Ferrol, Iván Rivas, subiu á bici, "o tren que comunica estas dúas cidades ten tramos nos que circula a 20 quilómetros por hora, unha velocidade que calquera ciclista afeccionado pode superar con facilidade. Eu mesma podería coller a bicicleta e facer a viaxe en tren e aínda me daría tempo de tomar unha cervexa na estación”, ironizou.

Entre Ferrol e A Coruña hai unha distancia física de 69 quilómetros, pero o tren que comunica ambas urbes por unha vía inaugurada hai cen anos sen apenas modernizar precisa até 145 minutos para chegar dunha cidade a outra. 80 minutos na mellor das opcións. “Nese tempo, o tren do eixo atlántico fai o traxecto de 180 quilómetros que separan Coruña de Vigo e poderíamos tamén facer o traxecto A Coruña-Santiago ida de volta de 150 quilómetros”, explicou a portavoz nacionalista.

Fonte: Sermos Galiza - 15.04.2019

"Un bloque decisivo en Madrid servirá para acabar con esta discriminación e facer que a comarca de Ferrolterra se suba o tren!"

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

#AgoraGaliza

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
12 de abril de 2019 18:48

_______________

martes, maio 08, 2018

Palestra e debate aberto sobre o tren de proximidade, na Casa da Cultura de Pontedeume: #QueremnosTren - Venres 11 de maio ás 8 da tarde - Manifesto da Plataforma en Defensa do Tren - Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol...


Palestra_debate sobre o tren de proximidade

O tren é un medio de transporte vital para o noso concello e comarca. No Colectivo Terra somos conscientes da súa importancia para o desenvolvemento  social e económico. O Plan de Racionalización de servizos ferroviarios supón unha seria ameaza para o raquítico servizo que ven prestando Renfe.

O próximo venres 11 de maio visitarannos membros da Plataforma en defensa do tren para informar e debater sobre o futuro deste sistema de transporte. A cita será na Casa da Cultura ás 20:00.

A continuación deixámosvos o manifesto de dita plataforma.

MANIFESTO

A chegada do tren a Galiza foi recibida pola sociedade de finais do século XIX como un símbolo de progreso e modernización fronte ao atraso, marxinación e illamento no que estaba sumido o país. Durante o século XX, con moito atraso sobre outras zonas do estado español, fóronse construíndo novas liñas de ferrocarril que ampliaban a rede e servían para paliar a precariedade que presentaban outras vías de comunicación. Con todo, o trazado presentaba unha eiva aínda existente: o deseño do camiño de ferro primou a comunicación con Madrid e non a articulación da comunicación interna entre as poboacións e comarcas do país.

A pesar da súa importancia, durante as últimas décadas o tren convencional deixou de estar nas prioridades dos sucesivos gobernos autonómicos e do estado. Non se investiu en mellorar os servizos e as infraestruturas ata que foron deixando de ser operativas. A existencia do tren en Galiza desenvólvese nun círculo vicioso onde a redución de frecuencias e o desmantelamento de liñas e estacións ven provocando unha paulatina perda de viaxeiros/as que se utiliza como argumento para xustificar a eliminación de máis servizos no canto do investimento en melloras que o farían perfectamente viábel, como acontece coas melloras -aínda que matizábeis pola redución de servizos para poboacións intermedias- realizadas na liña A Coruña-Santiago, reformada tras unha intensa demanda social.

Así as cousas, o Ministerio de Fomento ven de presentar o Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia. Este plan é un ataque que ameaza gravemente o noso sistema ferroviario. Contempla a desaparición de estacións con baixos índices de utilización e a redución de servizos noutras ata o punto de facer inviábel a súa utilización práctica. No caso do servizo entre A Coruña e Ferrol pon en cuestión a propia existencia futura do servizo. A medición da rendibilidade do tren con criterios exclusivamente económicos -e metodoloxicamente discutíbeis- e as progresivas actuacións que apuntan a unha intención privatizadora do ferrocarril significarán, de non haber un posicionamento e unha resposta popular contundente, a desaparición do ferrocarril público e social.

>>> Por este motivo, as persoas e colectivos asinantes deste manifesto DICIMOS:

>>> O ferrocarril debe seguir sendo un servizo público de propiedade pública, no que debe primar, por riba doutras consideracións económicas ou de intereses particulares, o beneficio social que este medio de transporte supón para o conxunto da comunidade.

>>> A planificación e o servizo ferroviario deben ser unha unidade integrada que responda da infraestrutura, do transporte, do mantemento e do seu patrimonio de xeito que permita a súa viabilidade e a súa vocación de servizo público.

>>> O ferrocarril convencional é o medio de transporte social por excelencia, que presta un servizo ao alcance de toda a sociedade. É respectuoso co medio natural e favorece a integración e vertebración territorial.

>>> Débense realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados), modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas; rexeitando a política que impón o modelo AVE en detrimento do ferrocarril convencional -de maior potencialidade, funcionalidade e utilidade para as maiorías sociais e factor de desenvolvemento social e económico.

>>> Esiximos que os gobernos central e autonómico fagan forza ante a Unión Europea para que proceda ao desenvolvemento das nosas conexións por ferrocarril no marco do eixo atlántico de transportes que nos vincula con Europa e Lisboa, ao mesmo nivel que os eixos central e mediterráneo.

>>> O traspaso ao ferrocarril das mercadorías transportadas por estrada alí onde é posíbel posibilitaría o desbloqueo do colapso físico, de consumo enerxético e degradación ambiental que provoca, así como un aforro que non se adoita computar cando se fala da rendibilidade do tren.

>>> É necesario favorecer a intermodalidade do transporte público, principalmente a complementariedade entre o ferrocarril e o transporte público colectivo por estrada a todos os niveis (compatibilidade horaria, percorridos complementares, estacións ou billete único).

>>> O uso do tren e do transporte público é a mellor alternativa á saturación das infraestruturas propias e o alto impacto ambiental negativo que provoca a promoción do vehículo privado como principal medio de desprazamento entre os concellos da comarca da Coruña e das Mariñas.

Por todas estas razóns, declarámonos firmemente contrarios e reclamamos a anulación das medidas adoptadas polo goberno no Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia conducentes á eliminación total de servizos nalgunhas estacións (p.ex. Franza) ou a súa drástica redución ata o punto de supor a súa inutilidade práctica nas liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo.

Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol mediante a implantación dun tren de cadencia que aumente os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendíbel e economicamente viábel como único xeito de consolidar unha liña actualmente ameazada e que deberá dar servizo de calidade a zonas densamente poboadas como O Burgo, Cambre, Betanzos, Pontedeume, etc. Este tipo de servizos veñen funcionando perfectamente en áreas incluso menos poboadas noutras zonas do estado como Santander, Cádiz, ou Donostia.

Pedimos que se acometan melloras no servizo A Coruña-Lugo de xeito que dea servizo e conexión das cidades coas localidades interiores para acadar a máxima vertebración posíbel e rendemento económico e social para localidades como Oza, Cesuras, Piñoi, Curtis, Teixeiro, Guitiriz, Parga, Baamonde, Begonte, Rábade, Lugo, etc., e non un modelo no que só se contemple a conexión entre as cidades.

É necesario dotar de conexión ferroviaria puntos como o aeroporto de Alvedro, Campus, zona sanitaria e, xeito especial e urxente, o porto exterior de Punta Langosteira.

Débese proceder á construción de novas estacións naquelas poboacións da comarca onde o crecemento demográfico que se produciu o xustifica para seren utilizadas como servizo de proximidade (A Barcala, As Xubias, Guísamo).

Solicitamos unha política de prezos que favoreza a utilización do servizo por parte de persoas con diversidade funcional, en situación de desemprego, pensionistas ou estudantes.

Débense acometer nun futuro próximo a construción de novas infraestruturas que completen o mapa do ferrocarril galego como, na nosa zona, a liña A Coruña-Arteixo-Carballo.

Ademais, rexeitamos que os recortes en materia ferroviaria, así como a precarización e destrución de empregos no sector van ter como consecuencia directa o deterioro do servizo e a diminución da seguridade, polo que consideramos de interese xeral a existencia dun marco laboral común e cohesionado que garanta as condicións e postos de traballo dos traballadores e traballadoras.

QUEREMOS UN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL E DE CALIDADE. O TREN É DO POBO PORQUE FOMOS NÓS OS QUE O CREAMOS E MANTIVEMOS, E NINGUÉN TEN DEREITO A ARREBATARNOS O QUE NOS PERTENCE.

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
8 de maio de 2018 08:45

______________

xoves, novembro 23, 2017

Polo Tren de Proximidade: Viaxe reivindicativa desde Coruña até Ferrol, para defender o tren e a mellora da liña, o sábado 2 de decembro, ás 12 do mediodía na Estación de Ferrol, para recibir á Plataforma d'A Coruña


Polo Tren de Proximidade: Viaxe reivindicativa desde Coruña até Ferrol, para defender o tren de proximidade e a mellora da liña, o Sábado 2 de decembro, ás 12 do mediodía na Estación de Ferrol, para recibir á Plataforma da Coruña.
Queremos un Ferrocarril, Público e Social, parar a privatización de RENFE e ADIF, e queremos un Tren de Proximidade para a Comarca... e toda Galicia.

Queremos facer un acto reivindicativo para defender o tren de proximidade e a mellora da liña A Coruña - Ferrol. O acto consiste nunha excursión a Ferrol desde A Coruña, para volver sobre ás 15:30 (hora de chegada aproximada).

En Ferrol estaremos un par de horas onde tomaremos uns petiscos e daremos un paseo.

Tamén convidaremos aos alcaldes dos concellos polos que pasa o tren para que participen no acto. O tren ten que ser unha demanda da cidadanía, e tamén dos alcaldes que a representan. A nosa intención é a de que todos os concellos reclamen a mellora do tren.

Aquí tedes as paradas na viaxe de ida:

Saída: 10:50 A Coruña (quedada na estación 10:15)
10:55 Elviña - Universidade
11:03 O Burgo – Santiago
11:09 Cambre
11:12 Cecebre
11:19 Betanzos Infesta
11:29 Betanzos Cidade
11:36 Miño
11:39 Perbes
11:44 Pontedeume
11:47 Cabanas-Areal
11:56 Perlio
12:07 Ferrol.

Quen se queira subir será ben recibido. Animar-se! Participar !

Participa no Evento, difunde a Viaxe:

https://www.facebook.com/events/361472470946438/

Plataforma en Defensa do Tren (A Coruña – As Mariñas)
Por un ferrocarril público, ecolóxico, eficiente, sostíbel e social

plataformatrenmarinhascorunha@gmail.com

| Facebook | Twitter | Web |

Constituíron a Plataforma:
| 15M Monte Alto | ADEGA | Agrupación Cultural Alexandre Bóveda | Anova | BNG | CGT | Comités | Corrente Vermella | CUT | Equo | Esquerda Unida | Espazo EcoSocialista | Fronte Cívica-Somos Maioría | Galiza Nova | Nós-UP | Plataforma pola Mobilidade |

Manifesto | Ir á Web.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
22 de novembro de 2017 13:13

_______________

luns, setembro 01, 2008

A Plataforma "Salva O Tren" reinicia a loita cunha nova Mobilización de "NO 2012 -O Tren- irá pola estrada", o Venres 5 de Setembro


Plataforma Galega polo Tren de Proximidade
“SALVA O TREN”
NOTA DE PRENSA
Asunto: A Plataforma "SALVA O Tren" reinicia a loita cunha nova Mobilización de "NO 2012 O Tren IRÁ POLA ESTRADA".

Saída da Caravana: Venres 5 de Setembro, ás 6 da Tarde

A Plataforma polo Tren de Proximidade en Galiza "SALVA O Tren" formada polos Colectivos:

Coordinadora Tren Rexional
Asociación Universitaria Ambiental SYME
Sindicato de Estudantes
Amigos dá Terra
Sindicato Ferroviario dá Confereración Intersindical
A golpe de Pedal
CXT (SFF-CXT de Pontevedra)
Asociación Cultural O Fervedoiro
STOP Accidentes
Anacos dá Cidade
Verdegaia Colectivo Ecoloxista do Salnés
Matar por Matar NON
Comité de Empresa de ADIF en Pontevedra

Infórma
que ante a falta de coherencia, de resposta ás nosas propostas, de responsabilidade para cos cidadáns e de sentido común por parte do Ministerio de Fomento e do Goberno de Galiza; despois de que grazas á resistencia Numantina da Localidade de Portas, abortouse o segundo intento de levantar as vías do tramo xa fose de servizo Portas-Vilagarcía de Arousa, e atopándonos ante o inicio do "desangramiento e posterior morte" do tramo Vilagarcía de Arousa- Santiago de Compostela (o cal prevemos que levará a cabo para finais de 2011 ou comezos do 2012), vémonos obrigados a mobilizarnos novamente mediante o que denominamos "Non 2012 o Tren irá pola estrada". A Plataforma quere facer un chamamento á sociedade Galega a fin de que tome conciencia de que unha vez desaparecidos os Trens Rexionais e sen existir unha alternativa a este servizo, os cidadáns verémonos abocados a utilizar o noso transporte particular (o automóbil). Queremos facer unha chamada de atención sobre o que isto suporá en canto ao amento de vítimas mortais nas estradas, o colapso do trafico, a contaminación do ambiente, a dependencia enerxética do exterior e con iso os conflitos bélicos en que se traduce.

Como sabedes, a mobilización "No 2012 o Tren irá pola estrada" consiste en circular pola estrada Nacional 550 entre Pontevedra e Vigo á velocidade mínima permitida polo Código de Circulación.

Información dos detalles da convocatoria:

[Clicar acima da imaxe para ampliar]

Itinerario:
Partida: Nacional 550, Concesionario Peugeot da saída de Pontevedra, sentido Vigo.
Percorrido: Saída de Pontevedra Primeira rotonda na entrada a Vigo (Gasofeira de Petronor)
Estación de tren de Pontevedra.
Hora: 18:00 horas do Venres, 5 de setembro.

En Santiago, 1-09-08
O Coordinador Xeral
Fernando Gómez Camarero
TF: 649183521
www.salvaotren.tk
_______________

Baixar o Manifesto polo Tren de proximidade en formato -pdf-
_____________