Amosando publicacións coa etiqueta Pablo Vaamonde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pablo Vaamonde. Amosar todas as publicacións

xoves, maio 08, 2014

A privatización sanitaria: o libre comercio e o Club Gertech, ... Por Pablo Vaamonde


Por Pablo Vaamonde [*]

08.05.2014

O sistema sanitario público está en perigo. O risco non está na pretendida insustentabilidade que pregoan os profetas ultraliberais (na acción pública sempre é sustentable aquelo que se quere sustentar).  A auténtica ameaza son as políticas neocom que pretenden apoderarse dos orzamantos adicados aos servizos públicos.

Os voitres da especulación financeira planean arredor. Hai unha planificación estretéxica, que ven de anos atrás, e ten por obxectivo desmontar os servizos públicos e apoderarse do seu financiamento. Non se trata dunha nova teoría da conspiración senon de feitos e datos contrastados. Podemos afirmar, con toda certeza, que existe un plan internacional, financiado e liderado pola poderosa industria farmacéutica e as grandes empresas da tecnoloxía sanitaria. Esta estratexia, deseñada  a grande escala, é aplicada de forma estricta, polos políticos cómplices e os grupos de presión, a nivel local.

Un excelente informe publicado pola FADSP (Federacion de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública) revela o plan que se está a negociar entre a Comisión Europea –órgano non electo- e o Departamento de Comercio dos EEUU para constituir unha Asociación Transatlántica para o Comercio e a Inversión (ATCI ou TTIP, dacordo coas siglas en inglés). Comezaron esta negociación en xullo de 2013 -dirixida por dous persoaxes de dudosa reputación-, con grande secretismo. Suscita numerosas  discrepancias, pois os observadores entenden que é moito máis que un tratado de libre comercio xa que suprime todas as barreiras económicas e lexislativas aos intercambios comerciais. No ámbito sanitario este acordo, de aplicarse, representaría que os sistemas sanitarios públicos europeos serían un mercado aberto á participación das empresas de EEUU. As empresas transnacionais pretenden con esta iniciativa “acceder aos presupostos sanitaros públicos dos países europeos para ter a oportunidade de obter grandes beneficios”.

Ante a polémica xerada por esta negociación o Parlamento Europeo aprobou unha resolución que exclúe da negociación os servizos públicos da penetración do sector privado nos mesmos. Mais cómpre saber que as resolucións do Parlamento non son vinculantes para a Comisión Europea que é quen realmente negocia. Non está claro, por tanto, que a sanidade pública quede protexida. Pola contra, este plan vai dirixido a garantir o acceso das grandes empresas transnacionais aos orzamentos adicados a sanidade (que representan arredor do 40% do presuposto total das CCAA), co obxectivo de conseguir a privatización dos servizos sanitarios, “que son vistos polos inversores privados e pola industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria como unha enorme lista de compras”.

Se fose asinado este Tratado, nos termos que pretenden as partes negociadoras, poderían tornar irreversibles as privatizacións dos servizos públicos, pois a lexislación estatal quedaría condicionada pola normativa de superior rango da UE. As multinacionais e os poderosos lobbys presionan para desenvolver o chamado “Mecanismo de Solución de Diferencias entre inversor e Estado” (ISDS), ideado para protexer aos inversores e que inclúe “disposicións contra a expropiación de servizos de interese público”. Esto quere decir que sería imposible dar marcha atrás nas privatizacións: as concesionarias poderían recurrir a entidades arbitrais para conseguir elevadas indemnizacións por lucro cesante.

Esta estratexia global reflíctese, a nivel local, no “selecto” Club Gertech, unha asociación formada por “xerentes e altos directivos sanitarios e tecnólogos de empresas”. Este foro, que afirma estar orientado á formacion e a crear cultura de innovacion, na realidade é un poderoso grupo de presión que ten un obxectivo claro: apoderarse dos recursos económicos destinados á saúde (57.000 millóns de euros segundo os orzamentos de 2014). Está integrado por xerentes sanitarios e altos cargos, a Universidade de Navarra e o Instituto Carlos III. Recibe apoios da Asociación de Directivos Sanitarios (SEDISA) e do chamado Foro da Profesión Médica (alianza corporativa integrada por organizacións afíns ao actual goberno), e ten o patrocinio de varias empresas do sector (Medtronic, Philips, Roche, Nec Corporation, Citec-B), todas elas con fortes intereses na privatización sanitaria.

O actual goberno galego ten unha particular sintonía con este grupo. O director xeral de Recursos Económicos do Sergas e os xerentes de Vigo e A Coruña actuaron como ponentes principais nos seus debates. A propia conselleira de Sanidade defendeu nun foro en Barcelona a necesidade de laboralizar o persoal sanitario. O Sergas está a desenvolver as súas propostas nos proxectos Hospital 2050 e Innova Saúde. O executivo aplica con dilixencia as receitas do club: concertos público-privado, externalizacións, control da tecnoloxía e da informacion por empresas privadas, e a implantación das Unidades de Xestión Clínica (UXC). Estas UXC veñen ser a fórmula para fragmentar os centros sanitarios en múltiples empresas con autonomía de xestión, coa perspectiva de crear un mercado sanitario interno propicio para os intereses das grandes empresas do sector.

Este lobby redacta documentos e celebra foros de debate, que sirven de plataforma para difundir o seu ideario. A FADSP, noutro informe clarificador, denuncia que esta asociación ten como finalidade xerar “unha alianza público-privada financiada con diñeiro público para negocio das empresas privadas”. SEDISA (que ten vínculos con empresas farmacéuticas: Roche Sanofi, Grünental, Jonhnson&Johnson),  argumenta na mesma dirección. No seu “proxecto Amphos” aconsella: cambiar a xestión dos centros por medio das UXC, transformar os hospitais en empresas autónomas, laboralizar aos traballadores sanitarios e promover os autocoidados do enfermo mediante tecnoloxías instaladas no domicilio. Podemos observar que non son nada orixinais e que  ambos foros repiten as mesmas letanías.

A FADSP entende que o sistema sanitario público está en perigo real, por “unha estretaxia deseñada e articulada por grupos poderosos que pretenden facerse con fondos económicos que o estado destina á sanidade”. Esta actuación depredatoria está sendo realizada coa total complicidade dos dirixentes do Partido Popular, asiduos visitantes da “porta xiratoria”. Cómpre movilizarse con dilixencia para frear este  plan de aniquilación dos servizos públicos. Do contrario, os voitres financeiros faranse con todo e xa non nos quedará nada.

Plataforma Defensa Sanidade Pública de OurenseO GOBERNO ENVIA A BRUXELAS UN NOVO PLAN DE RECORTES QUE VAI AFECTAR SERIAMENTE A SANIDADE PÚBLICA


O GOBERNO ENVIA A BRUXELAS UN NOVO PLAN DE RECORTES QUE VAI AFECTAR SERIAMENTE A SANIDADE PÚBLICA

PUBLICADO EN MAIO 5, 2014

O Goberno de Madrid enviou a  Bruselas un “Plan Nacional de Reformas” que promete una re-avaliación do “perfil de los beneficiarios, alcance de la cartera de servicios y acreditación de requisitos

Na ligazón que colgamos no blog:
http://plataformasanidadeourense.wordpress.com/2014/05/05/o-goberno-envia-a-bruxelas-un-novo-plan-de-recortes-que-vai-afectar-seriamente-a-sanidade-publica/

pode verse como os recortes que o Goberno dixo ter deixado atrás seguirán neste 2014. Só hai que botarlle un ollo ao chamado el Plan Nacional de Reformas para 2014 remitido  a Bruselas no que incluen novos axustes en capítulos como a Sanidade para que implementen tanto o goberno central como os das CCAA. Xustificase este axuste co obxetivo de “garantizar la sostenibilidade de la financiación de la sanidad y la cohesión territorial del Sistema Nacional de Salud”, como vedes máis do mesmo e unha “partitura” xa coñecida de anos anteriores. Sempre todo en aras da “sostenibilidade, financiamento e cohesión” tres grandes verbas para seguir afondando na privatización, nos recortes, nas desigualdades en saúde, na exclusión social, etc en definitiva na merma da calidade do sistema público, no empeoramento nas prestacións aos usuarios e sobrecargando nos profesionais os problemas engadidos.

Entre a ponte e a "orxía futbolera" o goberno coa outro recorte sanitario

Fonte: http://pablovaamonde.blogspot.com.es/2014/05/a-privatizacion-sanitaria-o-libre.html


Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.
Docs:

Documento: Plan Nacional de Reformas 2014, en formato -pdf - 233 páxinas.

Documento Pregunta parlamentaria de Rosana Pérez Fernández (BNG) sobre o novo recorte no orzamento destinado a sanidade contemplado no Plan Nacional de Reformas 2014, en formato -pdf- 3 páxinas.

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
7 de maio de 2014 14:27

www.plataformadspferrol.blogspot.com

Informacion SOS Sanidade Pública | Un saudo de Manuel Martin Portavoz SOS Sanidade Pública |mmargar1951@gmail.com | 669704177
__________________

venres, outubro 18, 2013

Os negocios na Sanidade Pública, ... Por Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
18.10.2013


O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están a adoptar decisións moi relevantes no terreo sanitario impulsados por dous tipos de motivacións: por razóns ideolóxicas e por afán de lucro

O PP está a impoñer medidas –como o RD 16/2012- que nos devolven a unha sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres; aseguramento privado para os poderosos, beneficencia para os máis necesitados) na que sectores da poboación cada vez máis amplos quedarán excluidos da cobertura sanitaria universal, que constitúe un elemento clave para a cohesión social e a equidade. As medidas impostas co desenvolvemento desta lei levan a milleiros de persoas ao borde da pobreza e a exclusión social, mentres os seguros privados están a aumentar o seu mercado de forma progresiva. A ideoloxía clasista  e supremacista dos actuais dirixentes é a que os impulsa a impor estas decisións (incumplindo de forma basta as promesas electorais, ainda tan próximas). 

Mais hai outra razón poderosa para a toma de decisións desde o poder político: a busca de lucro privado a costa do diñeiro público. Lembremos que arredor do corenta por cento do orzamento das Comunidades Autónomas vai destinado aos servizos sanitarios. É moito diñeiro o que move a sanidade pública para que os actuais dirixentes -e os empresarios e financeiros afíns que actúan como lobbys-  o deixen circular, para o beneficio colectivo, sen tentar a súa apropiación. 

O Sistema Nacional de Saúde (SNS) español é un dos máis eficientes do mundo, pois consegue uns excelentes indicadores de saúde cunha inversión do PIB das máis baixas da contorna. Mais con todo, desde a publicación do Informe Abril en 1991, a dereita española repite continuamente as mesmas falacias: o sistema sanitario é insustentable, e faise preciso separar financiación de provisión dos servizos pois a xestión privada é mais eficiente que a pública.

Os servizos públicos son viables se hai vontade política de apoialos (aumentando os ingresos públicos cunha fiscalidade progresiva), e o sector privado –os chamados mercados-  xa ten probada a súa inoperancia: empresarios e sector financeiro son os responsables da crise que agora castiga aos traballadores. As experiencias noutros países tampouco apoian as medidas externalizadoras: a privatización dos hospitais do Reino Unido, en tempos de Margaret Thacher, provocou un grave deterioro do NHS, ata aquel momento un referente a nivel internacional. Mais, en contra de toda evidencia, o PP impulsa sen desmaio as medidas privatizadoras do SNS. A privatización pode ser completa (mediante a concesión da xestión hospitalaria a unha empresa) ou parcial (por medio das chamadas externalizacións, que poñen en mans privadas aquelas parcelas da actividade sanitaria con máis posibilidades de lles producir beneficios).

-O primeiro hospital privatizado en España foi o de Alzira (Valencia), inaugurado en 1999, xestionado por unha Unión Temporal de Empresas (UTE) mediante unha concesión administrativa: a Generalitat paga un canon anual pola poboación atendida  e a empresa encárgase da xestión completa do hospital. Mais as contas non saían e en 2003 o goberno valenciano rescatou Alzira e incrementou o seu canon. A pesar desta experiencia negativa as privatizacións continuaron e hoxe sabemos o resultado: o 20% da poboación de Valencia recibe asistencia sanitaria mediante este modelo de concesión, a sanidade valenciana está en quebra e a empresa que puxo en marcha Alzira, Ribera Salud, hoxe é un xigante da sanidade, que xestiona numerosos servizos en todo o Estado (sobre todo en Valencia e Madrid).  Sen reparar nas consecuencias negativas desta experiencia, o PP segue a impulsar a privatización completa dos centros sanitarios: en Madrid, en Castela-A Mancha, en Galicia. A intensa contestación social contra destas medidas e o clima de incerteza que vive o sistema financeiro fan que moitos destes proxectos avancen con dificultade ou mesmo estean parados neste momento (como o novo hospital de Vigo, donde a UTE responsable do proxecto non foi capaz de conseguir financiamento para continuar a construcción). Mais os dirixentes do PP teñen un plan B: alí donde non é posible a privatización completa do hospital realizan externalizacións masivas e impulsan experimentos como as Unidades de Xestión Clínica (UXC) que facilitan o camiño da privatización de amplas áreas da actividade sanitaria.

-As externalizacións. En todas as comunidades se realizan, mais en Galicia Núñez Feijóo xa avisou hai tempo: é partidario de privatizar todo o que non sexa o núcleo duro da sanidade. Xa existían tarefas privatizadas  (hostelería, seguridade, limpeza, mantemento, cociña), pero comezou unha carreira contrarreloxio que aínda non rematou. Os servizos de información, a central de chamadas, a plataforma informática,  a central de compras, o centro de almacenamento e suministro etc. Todas estas áreas foron entregadas a mans privadas para a súa xestión.  A última privatización coñecida é a da xestión da alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica. Mediante a figura administrativa do “diálogo competitivo”  o Sergas cede ás empresas privadas do sector o control da renovación tecnolóxica dos seus centros cun contrato que pode chegar aos 200 millóns de euros. A Administración abandoa o seu deber de control e supervisión e concédelle ás empresas a capacidade de decidir a implantación de novas tecnoloxías diagnósticas, moi caras e con problemas técnicos non resoltos, polo que non se utilizan ainda para o diagnóstico clínico (en Europa nin nos EEUU) por non estar debidamente avaliadas  nin contrastada a súa relevancia para a práctica clínica. O Sergas pagará os custes, os pacientes asumirán os riscos –de someterse a exploracións pouco avaliadas-, e as empresas poderán conseguir elevados beneficios.

-As Unidades de Xestión Clínica. Esta proposta obedece a un propósito. Alí donde non poidan privatizar o hospital enteiro tentarán privatizar determinadas áreas clínicas, sobre todo aquelas que poidan proporcionar máis beneficio económico. Os promotores desta estratexia mezclan, con toda a intención, propostas clinicas e organizativas (integración de Primaria e Especializada, coordinación de niveis,  impulso dos procesos asistenciais) con cuestións xerenciais e laborais que non teñen ningunha relacion. Para promover a coordinación asistencial non é preciso modificar o réxime xurídico do persoal nin a persoalidade xurídica das unidades que a levan a cabo.

O Ministerio de Sanidade e o chamado “Foro da Profesión Médica” acordaron que “se promoverá un marco jurídico específico del profesional médico del SNS y un modelo de retribución voluntario vinculado a la gestión clínica que favorezca los principios de excelencia profesional y de gobernanza del sistema sanitario público”.  Isto supón que o persoal que se integre deberá aceptar a laboralización, coa perda dos dereitos que hoxe ten o persoal estatutario, e as UXC poderán constituírse en empresas autónomas con personalidade xurídica propia e con participación do sector privado. Isto representa un serio perigo para o futuro dos centros sanitarios e do seu persoal. Poderán crear microempresas dentro dos centros para competir entre sí e coa posibilidade de dar entrada a empresas sanitarias, industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria na provisión e xestión dos servizos.  Este desorden vai facilitar a prevalencia dos intereses privados sobre os criterios de servizo público. O SNS pode quedar fragmentado en numerosos reinos de taifas, dos que sacarían beneficio o capital privado e os grupos empresariais. O Sergas xa está a promover as UXC nas áreas sanitarias e vai publicar un Decreto para amparar este proxecto. Se non atopa resistencia continuará nesta estratexiaprivatizadora, que beneficia ás empresas e á pléiade de xerentes que hoxe viven do sistema, mais representa un severo prexuicio para os traballadores sanitarios e os usuarios da sanidade pública.



Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Publicado no seu Blogue persoal | 17.10.2013.

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
17 de outubro de 2013 23:48

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/

________

martes, setembro 10, 2013

Os liquidadores da sanidade pública, ... Por Pablo Vaamonde


Pablo Vaamonde [*]
10.09.2013

Nos últimos tempos soubemos da existencia dunha nova profesión: o liquidador de empresas. Trátase dun experto que adquire unha empresa arruinada e, utilizando diversos artificios financeiros, consigue cuantiosos beneficios co seu peche (deixando aos traballadores na rúa). Ángel del Cabo fíxose millonario e acadou notoriedade pública coa liquidación das empresas de Díaz Ferrán (aquel presidente da CEOE que nos decía que tiñamos que traballar máis e cobrar menos). Agora os dous están no cárcere.

O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están actuando como auténticos liquidadores da sanidade pública. Mentres afirman traballar pola sustentabilidade adoptan decisións que contribúen ao seu deterioro e á privatización. Non descansan. Nin sequera no mes de agosto. Pola contra, aproveitaron o período vacacional para impulsar medidas que representan auténticas agresións contra o sistema nacional de saúde(SNS). Fagamos un breve repaso dos últimos acontecementos:

1.-A foto antes das vacacións. No último día de xullo Rajoy reuniu na Moncloa a un grupo de organizacións afíns coas que asinou un “pacto pola sustentabilidade do SNS”. Despois da sinatura  protocolaria fixeron a foto de rigor que foi publicitada como un acto histórico. Trátase, máis ben, dunha triste parodia e dun engano denunciado polos sindicatos, os traballadores sanitarios e os defensores da sanidade pública. A FSDSP afirma que este acordo carece de contido práctico, que representa un paso máis na estratexia de deterioro da sanidade pública e que este acto publicitario só pretende  frear as mobilizacións de profesionais e cidadáns contra da privatización do sistema.

2.-Madrid privatiza. A pesar da masiva contestación os gobernantes da Comunidade de Madrid persisten no seu empeño privatizador. Tampouco lles importa que haxa dous recursos xudiciais sen resolver: un millón e medio de madrileños poderán ver os seus hospitais privatizados dentro de pouco. Despois dun proceso escuro e pouco transparente tres empresas privadas -Sanitas, Ribera Salud e e portorriqueña Hima San Pablo (especializada en turismo sanitario)-  poden facerse cargo da xestión de seis hospitais. O PP madrileño empuxou esta medida a pesar das evidencias históricas: todas as experiencias previas realizadas noutras xeografías tiveron consecuencias negativas para a poboación, os profesionais e a a propia sanidade pública. Polo momento este proceso está paralizado: un xuzgado madrileño decretou a suspensión cautelar (03.09.13) da externalización despois dunha demanda presentada pola asociación profesional Afem.

Mais o diñeiro público non escapa só por esta vía cara os petos das empresas privadas. A sanidade madrileña aumentou o orzamento para os concertos con clínicas privadas nun 55%. Este incremento é, con diferencia, o maior dos últimos anos.

3.-O novo hospital de Vigo. O hospital que o sur de Galicia precisa, e polo que leva anos agardando, foi adxudicado polo goberno de Núñez Feijóo a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) constituída por bancos arruinados e construtoras en bancarrota. Xa falamos deste asunto noutras ocasións. O hospital leva máis dun ano parado pois a empresa concesionaria non consegue que ningunha entidade financeira lle conceda crédito. Mais a Xunta persiste no seu afán privatizador. En contra de todas as normas permitiu cambios no contrato e mesmo na composición da UTE e, a primeiros de agosto, Núñez Feijóo afirmou que conseguiran o financiamento preciso para continuar a construción. O diñeiro será aportado polo Banco Europeo de Inversións (BEI), o Instituto de Crédico Oficial (ICO) e por entidades bancarias rescatadas con diñeiro público (entre eles Novagalicia Banco, que conta por centos as persoas afectadas polo fraude das preferentes). Polo tanto, o novo hospital vai ser financiado con diñeiro público que despois reportará beneficios ás empresas integradas na UTE concesionaria. Mal porvir lle agarda á sanidade pública no sur de Galicia se non muda a situación. Lembremos que Povisa atende  a gran parte da poboación da zona. Ten un concerto particular co Sergas moi favorable pero acumula as maiores listas de espera da comunidade e fai un trato claramente discriminatorio entre os clientes privados e oa usuarios do Sergas. Vén de sufrir unha folga (desconvocada despois dunha sentenza favorable aos traballadores) por querer impor unhas penosas condicións laborais ao seu persoal (con rebaixas salariais do 40%).

4.-Recorte público e máis gasto familiar.  A ministra de Sanidade ven de anunciar que o copagamento nas medicinas significou unha redución da factura farmacéutica de 2.000 millóns de euros no seu primeiro ano de vixencia. Esta noticia, presentada como unha conquista, pode ser interpretada doutro xeito. Máis que aforro o que fixo foi trasladar un gasto público ás economías familiares, xa moi deterioradas nos tempos actuais. A obriga de pagar unha porcentaxe dos medicamentos nas farmacias e a retirada de máis de catrocentas medicinas, de uso moi frecuente, do financiamento público obriga ás familias a un esforzo económico que, a miúdo, resulta inasumible. Polo tanto, na vez de gabarse polo que considera un triunfo, a ministra debería pedir perdón aos cidadáns por imporlles un gasto máis ás depauperadas economías familiares. En realidade o copagamento ven representar un dano para a saúde individual e colectiva (moitas persoas deixaron de medicarse por non poder costealo) e un elemento máis para aumentar as desigualdades.  Os pensionistas galegos sofren de xeito especial esta situación: a súa pensión media é de 722 euros, un 16% inferior á media do Estado. Galicia ocupa o último posto das 17 comunidades autónomas neste ranking.

5.-Máis castigo para os traballadores. A finais de agosto publicaron no BOE unha lei (Ley 10-2013). Trátase dunha norma aparentemente neutra que incorpora normas europeas ao ordeamento xurídico español en relación coa farmacovixiancia. Mais, como se non tivera importancia, esta lei inclúe unha disposición final quinta que modifica o Estatuto Marco do persoal estatutario do SNS. Esta modificación permite a creación do que chama “unidades de xestión clínica” integradas por persoal laboral, na que se terían que integrar os que hoxe teñen a consideración de estatutarios. En definitiva, tal como denunciou a propia CESM, esta lei remata, pola espalda e a traición, con todas as garantías do réxime estatutario. Trátase dunha afrenta máis contra os traballadores da sanidade pública, feita dunha forma tramposa e canalla (incluíndo unha disposición desta trascendencia no articulado dunha lei que non ten nada que ver coa regulación laboral).

6.- Aumentan as listas de espera. A drástica redución orzamentaria, a perda de persoal e a eliminación do traballo de tarde nos hospitais están a provocar unha situación de grave colapso nos centros públicos. A espera cirúrxica pasou, en seis meses, de 76 a 100 días. Perto de 600.000 pacientes agardan polo quirófano. Este é o maior incremento desde que o Ministerio comezou a rexistrar estes datos.  As autoridades sanitarias non parecen preocupadas por estes datos.  Algún sindicato interpreta que non lles interesa que a sanidade pública funcione: cómpre ter argumentos para afondar nas privatizacións.

7.-Diminúe a esperanza de vida. A esperanza de vida ao nacer é un dos principais indicadores para coñecer a calidade de vida dun país. Nas últimas décadas este parámetro mellorou de maneira continuada e permanente. Por primeira vez na historia recente a esperanza de vida dos españois baixou unhas décimas, mais este descenso continuará se as condicións de vida non mudan. A precariedade económica, a inseguridade laboral, a incerteza polo futuro, a exclusión sanitaria dos máis desfavorecidos e o aumento das desigualdades: todos estes factores inflúen neste cambio de tendencia. As políticas impostas polo partido no poder son as responsables principais desta mudanza histórica.

Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Publicado no seu Blogue persoal | 31.08.2013 | e en Nueva Tribuna e Galicia Confidencial.

Outros artigos e documentos de interese:

"A universalidade da asistencia sanitaria avanza no mundo, mentres retrocede no Estado Español", por Manuel Martin Garcia.  Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública [Acceder ao Artigo].

Auto do Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 de Madrid, sobre medidas cautelares á privatización da xestión de hospitais en Madrid | 02.09.2013 [Acceder ao Auto].

Nota da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas sobre a construción dun Centro de Alta Resolución para o Morrazo [Acceder ao Blogue].
Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
9 de setembro de 2013 23:02Informacións SOS sanidade Pública
http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/

___________

domingo, decembro 30, 2012

Falando en voz baixa, ... Por Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
30.12.2012


As voces baixas, o último libro de Manuel Rivas pode ser, na miña opinión, unha das mellores obras deste autor que xa é, con todo merecemento, un dos máis grandes da nosa literatura. Trátase dun texto autobiográfico no que, en vintedúas breves estampas, repasa os primeiros anos da súa vida, desde os primeiros medos infantís ata os seus inicios no xornalismo, traballando como meritorio no mítico Ideal Gallego daqueles anos setenta, onde comezou no oficio a carón de figuras como Luís Pita e Xosé Gaciño.

Hai autores que caen na trampa do anecdotario e convirten o relato autobiográfico nun amoreamento de persoaxes e sucesos que teñen escasa relevancia fóra do ámbito persoal ou local. Ata os mestres poden cometer este erro (García Márquez en Vivir para contarla, ou Ramiro Fonte en Os meus ollos). Outros caen na autocompracencia: o autor convírtese en protagonista da historia e só reflicte aqueles perfís que máis lle conveñen. Non é doado facer boa literatura a partires da memoria persoal. Caballero Bonald (Tiempo de guerras perdidas) dicía que, onde remata o cómputo privado da realidade, comeza a invención artística doutra realidade puramente literaria: “redactar unas memorias también equivale a montar una novela a partir de esa memoria”.

 Iso é o que consegue o autor neste fermoso libro. Constrúe unha peza literaria cos recordos da súa infancia e adolescencia. Pero Manuel Rivas non fala tanto de si mesmo como dos seus: dos avós, dos pais, dos tíos e da súa irmá María, unha sombra protectora, unha presenza permanente nesta obra, desde a foto da portada ata o último capítulo no que relata a súa morte prematura. Tamén fala dun tempo, os últimos anos do franquismo, co silencio instalado nas casas –había cousas das que non se podía falar-, co autoritarismo presente na igrexa e na escola -onde os rapaces tomabamos o leite en pó da axuda americana-, coa emigración como horizonte para a xente nova (“Un día, indo sós para a escola , Antonio informoume moi contento: “Mañá marcho para Inglaterra”. E engadíu: E ti quedas aquí”), coas familias traballando duro para fuxir da miseria e  na procura un futuro mellor para os fillos (“E ti, cando sexas grande, a ver se buscas un traballo no que non te molles”).

O texto, e as fotos que o acompañan, dan testemuña da vida dunha familia humilde que traballa arreo para mellorar a súa vida. O autor recorda aos seus con afecto, con grandísimo respecto e tamén con admiración. O seu pai, albanel e saxofonista, foi quen de construír no Castro de Elviña,  coas súas propias mans, “aquela nosa casa solitaria que resistía as tempestades”. Súa nai, que falaba soa mentres traballaba, protexía aos fillos contra o mundo, “mantiña unha loita sen tregua contra a friaxe e as correntes de aire”, e estaba obsesionada con que os fillos tivesen un traballo que os librase de andar á intemperie. Hai un momento do libro que resulta moi revelador. Despois de moitos días sen poder traballar, por causa da chuvia, o pai estoupa: “Quen me dera unha semana no cárcere”. E a nai contéstalle: “E a min sete días no hospital!”. Como se pode apreciar hai tamén no libro, como é habitual en Rivas, unha grande dose de humor, un humor terapéutico que axuda a tolerar os golpes da vida. E tamén humor negro de alta calidade.  Conta o caso de Antonio o Chibirico, que exerceu de enterrador na parroquia de San Vicenzo. Ás veces achegábase á porta das tabernas e berraba: “Hai que ir morrendo! Non dades un peso a gañar!”.

Todo isto é contado en voz baixa. O autor non eleva o ton, non impón o seu discurso senón que relata con sinxeleza, afecto e ironía a vida cotiá deste grupo humano no que naceu, medrou e aprendeu a ser boa persoa (“Fueron mi vida. Gente a la que quise. Cada una de sus ausencia me ha llenado de sufrimiento”, Rafael Chirbes en La buena letra).  Pero a novela transcende o terreo estritamente persoal e familiar. Os que vimos daquel tempo, e da mesma estirpe proletaria, recoñecémonos nestas figuras e neste relato. Tamén nós sufrimos os medos infantís, soubemos da friaxe dos invernos, tivemos mestres que utilizaban a regra como ferramenta de traballo e na nosa casa tampouco había libros.

Relatos coma este axudan a darlle sentido ás nosas vidas. As narrativas persoais que imos construíndo ao longo da vida “dánlle sentido ao pasado, explican o presente e anticipan o futuro” (Santiago Lamas, Galicia borrosa). Esta memoria persoal do autor é tamén, en parte,  a nosa memoria colectiva. Manuel Rivas é un notable poeta, un articulista brillante e comprometido e un narrador poderoso que nos deixa neste libro unha testemuña conmovedora dos seus primeiros anos neste mundo.

A súa irma María gañou, nunha ocasión, un concurso de relatos patrocinado por unha empresa de refrescos. Os xornais titularon: “La hija de un albañil gana el concurso nacional de redacción”. As forzas reaccionarias, que agora dominan no país, están a ditar normas e a impoñer decretos para tentar que o fillo dun albanel non poida chegar a ser o mellor escritor de Galicia e membro relevante da Real Academia Galega. Nunca máis.

Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
30 de dezembro de 2012 11:44

___________

martes, setembro 18, 2012

Artigo de Pablo Vaamonde sobre a sanidade galega "Os negocios na sanidade galega"

Deixámosvos un artigo publicado hoxe no xornal praza.com por Pablo Vaamonde:

Os negocios na sanidade galega


Os actuais gobernantes de Galicia non cren nos servizos públicos. O seu ideario ultraliberal lévaos a afirmar que a xestión privada é mellor. Mais no terreo sanitario hai razóns dabondo para afirmar o contrario. A experiencia das Fundacións Sanitarias, impulsada en Galicia por Romay e o seu equipo (Núñez Feijóo, Enrique Castellón) foi un fracaso. O grave endebedamento das mesmas e o descontento xeneralizado da poboación e dos profesionais levou ao goberno de Pérez Touriño a integralas na rede do Sergas. A privatización dos hospitais en Valencia e Madrid provocou un severo deterioro da calidade asistencial e un importante incremento do déficit económico destas comunidades. O resultado de todas estas experiencias é de dominio público e ninguén pode alegar descoñecemento das mesmas.
"A experiencia das Fundacións Sanitarias, impulsada en Galicia por Romay e o seu equipo (Núñez Feijóo, Enrique Castellón) foi un fracaso"
Mais, a pesar de todas as evidencias, o presidente da Xunta insiste na súa intención de privatizar todo o que non sexa o núcleo duro do sistema sanitario. Porque o que realmente buscan non é mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos; o que perseguen é xerar espazos de negocio privado a expensas dos orzamentos. Desde que o Partido Popular tomou o poder na Xunta de Galicia xa se deron moitos pasos nesta dirección. No terreo sanitario os exemplos son numerosos.

A central de chamadas

"Este servizo foi adxudicado a unha empresa leonesa, Telemark Spain SL, que non ten ningún empregado en Galicia"
COnseguir unha cita para o médico de familia era ben doado: as chamadas telefónicas eran atendidas polo persoal de recepción dos Centros de Saúde. Agora existe un servizo automatizado que require dar correctamente once pasos sucesivos para obter a citación. O resultado xa sabemos cal é: catro de cada dez chamadas non conseguen finalizar o proceso. No medio rural volvemos a ver unha estampa do pasado: as persoas maiores agardando, pola mañá cedo, ás portas do Centro de Saúde. O que debería ser unha mellora convértese nun atranco para o acceso á atención sanitaria. Este servizo foi adxudicado a unha empresa leonesa, Telemark Spain SL, que non ten ningún empregado en Galicia. A maior parte dos seus traballadores concéntrase en Latinoamérica.

O centro loxístico de almacenamento e subministro

"Agora esta actividade pasa a mans privadas cun custe de preto de 100 millóns de euros e facilítanlle a unha empresa o control do subministro e o manexo dunha información de enorme interese estratéxico empresarial"
Vai distribuír material aos centros sanitarios de toda Galicia. Esta tarefa viña sendo realizado nas áreas sanitarias por persoal propio do Sergas, coa máxima eficiencia e sen que houbese ningún problema. Agora esta actividade pasa a mans privadas cun custe de preto de 100 millóns de euros e facilítanlle a unha empresa o control do subministro e o manexo dunha información de enorme interese estratéxico empresarial. Preto de Negreira ergueron, nun tempo récord, unha enorme nave na que van centralizar este servizo.

A empresa concesionaria é Severiano Gestión SL que, casualmente, xestionaba no ano 2004 o arquivo de historias clínicas dos pacientes do Hospital de Pontevedra, onde se produciu un  incendio que deixou ao hospital sen documentación clínica. Tamén xestionaba en 2005 unha nave que almacenaba material da Consellería de Educación valenciana e que tamén ardeu. No informe policial sinalábase a posibilidade de que o lume fose intencionado. Agora que as historias clínicas están informatizadas a actual administración concédelle a esta empresa a xestión dun servizo que era realizado de maneira perfecta por persoal propio e sen custe engadido.

A privatización do servizo de diálise do hospital de Barbanza
 

A Consellería de Sanidade pretendeu privatizar este servizo, mais a intensa mobilización impulsada pola Plataforma en defensa da sanidade pública desta comarca conseguiu frear, polo momento, este proceso. A pretensión da Consellería é transferir o servizo de diálise á Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo (FRIAT), entidade privada que xestiona diversos centros de diálise en toda España (tres na provincia de Ourense). Son patróns desta fundación José Manuel Romay Beccaría (actual presidente do Consejo de Estado) e Enrique Castellón  (compañeiro de viaxe de Núñez Feijóo, pois ambos ocuparon altos cargos na Consellería de Sanidade e no Ministerio co citado Romay). 
 
Castellón tamén é o promotor dunha sociedade de capital risco (Cross Road Biotech), dedicada á investigación en biomedicina, que conta cunha achega importante (o 50 por cento) de diñeiro público. Este proxecto foi presentado en A Coruña o pasado mes de xullo, contando coa presenza do presidente da Xunta. 

O hospital privado Povisa

"Os seus propietarios e xestores teñen a extraordinaria fortuna de ver no outro lado da mesa a Rocío Mosquera, que foi xerente do sanatorio La Esperanza de Santiago (pertencente ao grupo Nosa Terra, propietario de Povisa)"
Todos os hospitais privados de Galicia teñen concertos co Sergas, que vén ser o seu principal cliente. Mais a relación do hospital Povisa coa sanidade pública é especial. Desde os anos 80 da cobertura asistencial a uns 140.000 habitantes da cidade de Vigo e da península do Morrazo, sendo o hospital de referencia para esta poboación a todos os efectos, como se fose un hospital público. Por esta actividade ingresa unha cantidade elevada, establecida no seu concerto particular. Este acordo privilexiado permitiulle ao hospital realizar un crecemento espectacular en novos espazos, servizos e renovación tecnolóxica. Sen embargo, o ratio de traballadores por cama está moi lonxe dos hospitais do Sergas, e as enormes listas de espera que provoca constitúen un problema crónico, que sofre a poboación adscrita. Os defensores da sanidade pública levan anos reclamando a suspensión deste concerto con Povisa, e realizaron numerosas denuncias sobre os déficits na atención deste hospital.

O concerto particular que vincula este hospital co Sergas está a ser negociado nos últimos meses. Os seus propietarios e xestores teñen a extraordinaria fortuna de ver no outro lado da mesa a Rocío Mosquera, que foi xerente do sanatorio La Esperanza de Santiago (pertencente ao grupo Nosa Terra, propietario de Povisa) durante moitos anos. Hai un evidente conflito de intereses que debería impedir a esta persoa participar nesta negociación. 


A renovación tecnolóxica

"O principal negocio previsto polo goberno de Núñez Feijóo é o novo hospital de Vigo. Diso falaremos nunha próxima entrega"
A Consellería de Sanidade deixa comprometidos 200 millóns de euros para realizar, con xestión privada, a renovación da alta tecnoloxía dos hospitais do Sergas; esta decisión foi moi cuestionada pola oposición e polas organizacións que defenden a sanidade pública. Tamén poderíamos falar da cesión á empresa Indra Sistemas (que realiza numerosos traballos para a Xunta de Galicia) da xestión das tecnoloxías da información do Sergas, incluíndo a receita electrónica e o programa Ianus.

Con todo isto non facemos máis que unha breve aproximación aos espazos de negocio que os actuais gobernantes estiveron a crear arredor dos orzamentos sanitarios. Mais o principal negocio previsto polo goberno de Núñez Feijóo é o novo hospital de Vigo. Diso falaremos nunha próxima entrega.


 ___________________________________________________________

Fonte: Praza.com

Acerca de Pablo Vaamonde:

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005). Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña (1998-2005). Foi Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005 polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia. Coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA),  que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario.

|||||||||||||||| |||||||||||||||||||| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||

martes, agosto 28, 2012

"Os servizos públicos e os negocios privados", novo artigo de opinión de Pablo Vaamonde

Cando o PP ocupou o poder en Galicia en 2009, Núñez Feijóo afirmou que levaría a cabo políticas de austeridade pero sen reducir os orzamentos de sanidade, educación e servizos sociais. Minteu doblemente: estes departamentos son os máis atacados polas súas actuacións mentres que, durante o seu mandato, a débeda de Galicia medrou o triplo que co goberno bipartito. En 2009 a débeda autonómica equivalía ao 7,7% do PIB. Nos tres últimos anos a débeda medrou de 4.282 a 7.381 millóns de euros. Esto representa un incremento de 3.099 millóns de euros na débeda,  que equivale xa ao 12.8% do PIB (5 puntos por enriba do herdado). En resumo, os tres anos de suposta austeridade e solvencia económica do actual goberno da Xunta tradúcense nun incremento da débeda en máis de 1.000 millóns de euros por ano.

A pregunta que xurde é ven sinxela: cómo é posible que aumente a débeda autonómica a pesares dos tremendos recortes que están a sufrir os servizos públicos e os cidadáns? Obviamente porque hai menos ingresos pero tamén porque as decisións deste goberno non conducen ao aforro público senon ao desvío de diñeiro público a mans privadas, utilizando todos os mecanismos posibles dentro da legalidade vixente. Dí Antón Baamonde, no seu libro A derrota de Galicia que “no goberno galego senta xente firmemente partidaria da identidade, pero non da galega, precisamente”. Tamén podemos afirmar que temos uns dirixentes públicos que non cren no sector público ao que agreden de xeito sistemático e procuran debilitar progresivamente transferindo orzamentos e funcións a mans privadas.

O Partido Popular afirma que a xestión privada é mellor que a pública. Por eso o goberno de Núñez Feijóo contratou á empresa Eulen (da que é apoderada a súa irmá Micaela) para realizar a atención telefónica e xestión da documentación das persoas afectadas polas preferentes. Para poder adxudicar directamente (sen concurso no DOG) a Xunta dividiu o servizo aos afectados por provincias, para que non superase o límite económico estabelecido. Este proceder xa o realizou esta Xunta noutras ocasións en relación coa mesma empresa. O grupo Eulen tamén consigueu que o concello da Coruña(presidido por Carlos Negreira, compañeiro e amigo de Núñez Feijóo) lle adxudique a xestión da rede de bibliotecas da cidade por máis de dous millóns de euros, sen que tivese ningunha experiencia previa neste tipo de actividade (até o de agora era requisito indispensable para poder presentarse a concurso).

Chegounos esta información durante o mes de agosto mentres o presidente disfrutaba das súas merecidas vacacións en Póvoa de Varzim, localidade do norte de Portugal moi coñecida polo seu casino. Alí foi parado por un garda de tráfico por exceso de velocidade. Despois dunha discusión accedeu a pagar a sanción correspondente. O presidente galego tamén tivo tempo, durante o descanso estival, paraxantar nun restaurante da Estrada con Rajoy, Louzán, Jove (ex-propietario de Fadesa) e varios alcaldes da zona. Ainda que acudiron nos coches oficiais foi unha xuntanza informal, fora de axenda. Non trascendeu nada sobre o tratado nese encontro. Non sabemos se falaron dos servizos públicos ou de negocios privados. Se cadra era unha celebración gastronómica e só loubaron a calidade das viandas. Quén sabe? Ou estarían a falar, por un casual, do próximo adianto electoral?
 
Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.
 
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||| |||||||||||| |||| ||| 

venres, agosto 10, 2012

Que se vaian! , ... Por Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
10.08.2012


Galicia é un país de emigrantes. Os nosos avós e os nosos pais, no seu tempo, fuxiron da miseria das aldeas e buscaron un futuro mellor nas Américas, en Europa e noutras xeografías do Estado. Os que marchan ao estranxeiro adoitan ser os máis novos, os máis fortes, os máis decididos, os máis emprendedores (agora tamén emigran os máis preparados).

Deberiamos lembrar que o principal estímulo para abandonar a propia terra é a necesidade. Deberíamos saber que os inmigrantes que chegaron aquí nas últimas décadas viñeron na busca de traballo e pan. Viñeron para facer os labores duros do campo, para subir ás estadas, para atender os nosos maiores e axudar na crianza dos nosos fillos e netos. Se algúns non teñen contrato non é pola súa culpa: é o contratador quen prefire a ilegalidade.

Neste tempo de recesión económica o territorio peninsular deixou de ser o paraíso soñado dos inmigrantes. Moitos retornaron aos seus lugares de orixe. O ano 2011 a cifra de estranxeiros residentes en España descendeu por primeira vez: 40.000 menos (representa un descenso do 0.7 %). Pero outros permanecen, gañándose a vida como poden. O retorno só significa fame, miseria e ausencia de futuro para eles e os seus; non teñen máis opción que resistir.

O goberno español, no seu empeño incesante para desmontar o estado de benestar, utiliza unha estratexia mediática moi tramposa pero eficaz. Sinala a un colectivo como responsable da situación e a continuación adopta medidas na súa contra. Dese xeito apunta aos traballadores do sector público como incompetentes e improductivos e deseguido decide rebaixarlles o salario e facilitar o despedimento. Sinala aos pensionistas como atracadores de farmacias e acaparadores de medicinas nas súas casas e obrígalles a pagar os medicamentos. Dirixe o seu índice contra dos inmigrantes, aos que acusa de abusar da sanidade pública e de practicar o “turismo sanitario” e déixaos sen cobertura sanitaria, de xeito que só terán acceso ás urxencias e á atención no parto. Máis de 150.000 persoas quedarán a partir de setembro sen tarxeta sanitaria (arredor de 20.000 en Galicia). Ademáis dun atentado contra dos dereitos humanos, esta medida representa un grave problema para a saúde pública. As persoas con cancro, diabete ou insuficiencia renal quedarán sen atención, así como os afectados por VIH, tuberculose e outras doenzas infecciosas.

O certo é que os inmigrantes acuden aos servizos sanitarios moito menos que os autóctonos –hai estudos que así o demostran-, e que a cotización dos que teñen traballo compensa de sobra o custe da asistencia. O denominado “turismo sanitario” é un fenómeno residual e cunha repercusión ínfima no sistema sanitario. Pero esta clase de argumentos, que fomentan a xenofobia e a exclusión, é aceptada por un sector da poboación, que chega a ver o inmigrante como un competidor. “Que se vaian!”, estalles a decir o goberno coas súas medidas. “Que se vaian!”, berran algúns alporizados, que non lembran o seu pasado recente.

Agora o Ministerio de Sanidade pretende que os inmigrantes suscriban unha póliza coa sanidade pública, cun custe superior a 700 euros anuais, para ter dereito á asistencia. Esta proposta só ten o apoio do Partido Popular. Andalucía, País Vasco e Catalunya rexeitan estas medidas. Tamén hai colectivos profesionais que manifestan o seu desacordo. Os médicos de familia están a realizar unha campaña para promover a obxección de conciencia na aplicación desta norma. “A lealdade cos pacientes fai que non sexa posible faltar ao meu deber ético profesional e incurrir no abandono. É a miña vontade seguir atendendo ás persoas que son os meus pacientes e que non teñen permiso de residencia”, declaran os asinantes dun documento a favor da obxección.

Esta proposta non ten xustificación posible. Representa un atropello á ética e á política. É un atentado contra dos enfermos e dos pobres. Detrás dos números hai persoas, como decía El Roto nunha das súas viñetas. Nin sequera ten unha xustificación económica: a recaudación previsible é insignificante no total dos orzamentos sanitarios. “Aguantade, aguantade, que este é o camiño para mellorar!”, din os gobernantes mentres seguen a eliminar dereitos. Mais ningún benestar futuro pode xustificar tanto sufrimento no presente. Os efectos destes recortes están a ser devastadores.

Estas medidas susténtanse nunha concepción ideolóxica que entende a saúde como un negocio e non como un dereito. Esta política de suposta austeridade que deixa desamparados aos enfermos e que marxina aos diferentes está baseada unha concepción supremacista da sociedade. Temos que demostrar que estas ideas son rexeitadas pola grande maioría da poboación. Haberá que lembrar aquel famoso poema, atribuido a Bertolt Brecht, ainda que o seu autor foi Martin Niemöller, un pastor luterano alemán perseguido polos nazis que, en 1945, escribeu:

Cando viñeron levar os comunistas,
gardei silencio,
porque eu non era comunista,

Cando encarceraron os socialdemócratas,
gardei silencio,
porque eu non era socialdemócrata,

Cando viñeron buscar os sindicalistas,
non protestei,
porque eu non era sindicalista,

Cando viñeron levar os xudeus,
non protestei,
porque eu non era xudeu,

Cando viñeron buscarme,
non había ninguén máis que puidese protestar.








Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.
_________________