Amosando publicacións coa etiqueta Participación cidadá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Participación cidadá. Amosar todas as publicacións

sábado, maio 23, 2015

O goberno do Partido Popular de José Manuel Rey Varela paralizou os Procesos de Participación Cidadá e de Orzamentos Participativos, denuncian membros da antiga Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá

COMPROMISO E DEMOCRACIA PARTICIPATIVA

Membros da antiga Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá (RPC), órgano  cidadá para impulsar o Regulamento de Participación Cidadá e os Orzamentos Participativos mantivemos un encontro na Galería Sargadelos este pasado xoves (21.05.2015) en convocatoria pública con varios representantes dos Partidos políticos que concorren a estas eleccións municipais 2015.

Os membros desta Comisión de Control P. de P.C. e partidos asistentes constatan que os Procesos de Participación Cidadá e Orzamentos Participativos quedaron Paralizados polo actual alcalde Rey Varela e a concelleira de Participación Cidadá Martina Aneiros, lembrando que hai Propostas Pendentes de execución dos OP,s-2010 (Achegamos relación de propostas aprobadas no seu día).

Representantes do PSdeG–PSOE, Marea Ártabra e BNG-AA  manifestan o seus compromisos de recuperar os procesos de Participación Cidadá e Orzamentos Participativos de forma transversal no resto de areas municipais e de forma vinculante.  Na mesma liña, os representantes de Ferrol en Común manifestan o mesmo compromiso de restablecer a Democracia Participativa e os Orzamentos Participativos.

Estes partidos comprométense  a implantar a Participación Cidadá e os Orzamentos Participativos na porcentaxe dun 3% á 5% do Presuposto municipal, o que significaría unha cantidade en torno aos 2.000.000 € nun exercicio de investimento participativo e democrático.

Lamentamos a actitude do alcalde -Rey Varela e bancada do PP- co voto en sede Plenaria a favor do actual Regulamento de Participación cidadá. Despois de tomar posesión, prometeu levar a area de Participación Cidadá desde a Alcaldía co ánimo de darlle a relevancia que merece este proceso participativo. A realidade e que o Sr. Alcalde faltou a súa promesa e compromiso, faltando a súa palabra e con seu voto a favor, comete unha mentira política que o descualifica e desacredita nas súas funcións políticas de alcalde.

Facemos responsable ao Sr. Alcalde- Rey Varela do esquecemento do Regulamento de Participación Cidadá e por apropiarse e usurpar a Democracia Participativa, privando a cidadanía do desenvolvemento desta Participación e dos Orzamentos Participativos.

Esperamos o cumprimento e compromiso destas Forzas Políticas para desenvolver o rescate da Participación Cidadá e os Orzamentos Participativos para este vindeiro 2º Semestre deste ano 2015.

Ferrol, a 21 de maio  de 2015.-

Xose M. Fontao, Magdalena González, Alberto Saavedra, Luis M. Taboada, Chus Rilo e Xosé M. Sanxoán (Membros da Comisión de Control P. do Regulamento Participación Cidadá).

Orzamentos Participativos

Lembramos que un total de 1.258 persoas foron chamadas a votar na Asemblea de Cidade que se celebrou o sábado, 18 de decembro-2010 na Feira Internacional de Mostras (FIMO) e na que os veciños e veciñas de Ferrol puideron elixir aquelas propostas seleccionadas previamente nas asembleas de barrio.

O Goberno comprometeuse entón destinar 1.650.000 € para estes Orzamentos Participativos nos nove barrios participantes no ano 2010.

A Asemblea de Cidade aprobou 25  das 56 propostas que foron presentadas entre infraestruturas, servizos ou iniciativas culturais.

Lembramos de máis as menos votadas, as propostas que saíron adiante e xa que logo acometeranse con cargo aos orzamentos participativos:
  1.  Continuación carril- bici ata o cruce da estrada de Lobadiz, e beirarrúas ata a estrada xeral. 145.000 €.
  2. Mellora de acceso a internet na zona rural. 100.000 €.
  3. Melloras e cambio na pavimentación das pistas do Polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira. 65.000 €.
  4. Arranxar beirarrúas de Vila de Area á Vila da Igrexa e colocación de varandas. 57.000 €.
  5. Colocación de puntos de luz desde paseo marítimo á Vila de Area. 45.000 €.
  6. Acondicionamento cunetas (zona rural). 120.000 €.
  7. Comedor social no barrio de San Pablo. 49.500 €.
  8. Recollida e limpeza de fosas sépticas (San Xurxo-Doniños). 156.000 €.
  9. Alumeado na estrada principal do paseo marítimo de Doniños. 58.860 €.
  10. Recollida e limpeza de fosas sépticas (Covas-Esmelle). 180.880 €.
  11. Axilización de inventariado para recuperación de fontes, lavadoiros e camiños públicos. 7.800 €.
  12. Programas de atención ás persoas maiores. 97.000 €.
  13. Programa de prevención da delincuencia. 30.960 €.
  14. Parque urbano no Campo de Tiro (Catabois). 294.000 €.
  15. Formación de monitores de tempo libre. 5.000 €.
  16. Aparcadoiros nas Praias de Covas. 41.020 €.
  17. Parque biosaudable (San Xoán). 12.000 €.
  18. Realización dunha experiencia piloto de animación sociocultural na zona rural dos OP. 106.000 €.
  19. Construción dun parque biosaudable e infantil no solar anexo ao Local Social de Covas. 16.700 €.
  20. Posta en valor dos montes do concello: recuperación de flora autóctona. 8.000 €.
  21. Fomento do transporte en bicicleta (Ferrol Vello-Canido). 6.000 €.
  22. Plan de ordenación forestal da zona rural. 23.000 €.
  23. Acondicionamento e pasarela peonil na lagoa de Doniños. 13.000 €.
  24. Plan de limpeza de solares de Ferrol Vello. 6.000 €.
  25. Bandas sonoras na R/Celso Emilio Ferreiro e estrada alta do porto. 1.350 €.
www.participacion-ferrol.blogspot.com

Regulamento de Participación Cidadá nos Arquivos Ártabros. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
22 de maio de 2015 23:51
__________________

martes, novembro 19, 2013

Asemblea en Autoconvocatoria: Motivada pola decisión do goberno local do alcalde Rey Varela en restrinxir e limitar o acceso a cidadanía ao Pleno do Concello de Ferrol - Martes 19 de Novembro


Asemblea en Autoconvocatoria


Xuntanza de Asemblea Cidadá con carácter de autoconvocatoria o martes 19 de novembro ás 19 horas na Galería Sargadelos. Motivada pola decisión do goberno local do alcalde Rey Varela en restrinxir e limitar o acceso a cidadanía ao Pleno deste concello de Ferrol.

Ante a decisión do goberno municipal do PP e alcalde -Rey Varela- no continuo incumprimento e mesmo o desmantelamento do Regulamento de Participación Cidadá , acordamos de forma unánime unha mobilización  e concentración na Praza de Armas- Praza do Concello este vindeiro Xoves-día 28, coincidindo coa celebración do Pleno Ordinario de fin de mes.

As forzas políticas da oposición van presentar de forma conxunta unha moción a este respecto.

Concretaremos a Petición de Palabra para este Pleno.

Saúdos

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
19 de novembro de 2013 09:55

____________

mércores, outubro 30, 2013

Autoconvocatoria Aberta Urxente dunha xuntanza sobre Participación Cidadá: Xoves 31 de Outubro ás 7 da Tarde no Inferniño

En vista dos excesos adoptados polo actual goberno municipal e alcalde, Rey Varela, emprazamos a unha autoconocatoria urxente este vindeiro Xoves 31 de Outubro, ás 7 da tarde co fin de elaborar un comunicado denunciando a falta de democracia participativa por pechar as portas do Pleno á cidadanía e denunciar o desmantelamento da Participación Cidadá que tanto traballamos.

Podemos convidar a outras persoas que están no movemento cidadá ou estiveron neste proceso participativo.

Confirmar asistencia.

Xoves 31 de Outubro, ás 19:00hs, no local da A.Veciñal O Rosario-Inferniño.
(Edificio do antigo Kisco da Praza do Inferniño - nas inmediacións da parada de Taxis).

Saúdos

- membros da Comisión de Control de Participación Cidadá.

Enviado por:
xose manuel sanxoan
-melsanxoan@gmail.com-
30 de outubro de 2013 12:07

________________

martes, outubro 08, 2013

A Asociación Veciñal de Esteiro denuncián a eliminación da participación cidadá por parte dos gobernantes municipais

A Asociación Veciñal de Esteiro na reunión da Xunta Directiva celebrada, como cada luns, o día 7 de outubro tomamos o acordo de DENUNCIAR a eliminación total da Participación Cidadá no Concello de Ferrol.

Non se reúne o Consello da Veciñanza, os Consellos Sectoriais , algúns aínda non están constituídos. As Asembleas de Barrio non volveron a convocarse desde a súa constitución . Non se puxo en marcha unha institución fundamental como é o Valedor Veciñal e tamén desapareceron os Orzamentos Participativos.

Non se convoca a Comisión de Seguimento do Urban , non se da participación á veciñanza , agás para presentar alegacións que as mais das veces non son tidas en conta,  cando se elaboran Ordenanzas Municipais.

Tómanse decisións , como a de facer peoniles máis rúas, escoitando so os intereses de determinados colectivos, sen falar do modelo de cidade e sen establecer planos de mobilidade e de circulación alternativos.

Está claro que o actual Goberno Municipal non cree na participación cidadá.

As relacións dos responsables políticos, agás honrosas excepcións, coas entidades asociativas, cando menos coas veciñais, é cada vez máis menos fluídas e nalgún caso, como coa Concellería de Urbanismo, inexistente.

Por se non fose dabondo o non contar coas entidades veciñais, o Goberno Municipal aínda se está disposto a tomalas  máis de broma e menosprezalas moito máis. Sucede este ninguneo co chamado Plan de Barrios, que está na súa segunda fase.

Ningún responsable político municipal, nin tampouco ningún funcionario municipal, agás o de limpeza, se pon en contacto coas entidades asociativas para que elaboren un memorando coas demandas e deficiencias que hai no barrio . O que se fai é mandar unha semana antes da nova visita do Alcalde ao respectivo barrio aos responsables das empresas que traballan para o Concello polos locais veciñais para que lles digamos que necesita o Barrio e logo durante tres ou catro días as empresas de xardíns, alumeado, obras e servizos se encargan de amañar unha pequena parte de esas deficiencias, para que o Alcalde da cidade, como en “Bienvenido Mr. Marshall”, apareza un xoves ou un venres rodeado dos medios de comunicación a “vender” todo o que fixeron neses catro días.

Previamente á visita, o día anterior, se invita á Asociación Veciñal de ese Barrio para que acompañen ao Alcalde e tamén se avisa aos representantes da Asemblea de Barrio e poida contarlles a grande labor que leva feito en catro días no Barrio.

Esta Asociación non imos deixarnos manipular e non aceptamos que en lugar de cidadáns o Sr. Rey Varela pretenda tratarnos como súbditos  polo que non imos participar na farsa  que o Alcalde da cidade ten organizada para esta semana en Esteiro, polo tanto a Xunta Directiva da AV de Esteiro  non imos acompañar ao Alcalde como se fósemos o seu séquito ou o seu coro de figurantes.

Se o Sr. Varela quere estar en campaña electoral permanente, non o vai facer utilizando á Asociación Veciñal de Esteiro que  DEMANDAMOS  que se recupere xa a Participación Cidadá e se respecten os dereitos da cidadanía en xeral e do tecido asociativo en particular.

Cando o Alcalde de Ferrol,  calquera membro do Goberno Municipal ou Grupo Municipal queira reunirse coa Asociación Veciñal de Esteiro, a nosa entidade os recibirá gustosamente, pero pretender utilizarnos como figurantes nunha cerimonia permanente da confusión non o imos tolerar e non imos participar.

Sr Rey Varela paséese canto queira por Esteiro pero non conte con nós. Non pretenda vendernos os traballos aos que está obrigado a facer o Goberno Municipal como unha concesión da Súa Graciosa Maxestade aos súbditos de Esteiro.

A Participación Cidadá non é iso.

Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro

Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/

Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
8 de outubro de 2013 07:57

_____________

mércores, febreiro 06, 2013

O grupo municipal de Esquerda Unida entende que o Alcalde e o goberno municipal están a xogar cos cidadáns e esixe a convocatoria inmediata do Consello da Veciñanza


ESQUERDA UNIDA ESIXE DO GOBERNO MUNICIPAL A CONVOCATORIA INMEDIATA DO CONSELLO DA VECIÑANZA.
GALÁN SINALA QUE A PACIENCIA TEN UN LÍMITE E AFIRMA QUE SE PROMOVERÁN MEDIDAS CONTUNDENTES.

O grupo municipal de Esquerda Unida entende que o Alcalde e o goberno municipal están a xogar cos cidadáns e esixe a convocatoria inmediata do Consello da Veciñanza.

Ademáis dos temas que lle son propios o Consello debería comezar a traballar en numerosas cuestións que ,tanto individual como colectivamente, se están a demandar por parte da cidadanía ferrolá. Vivenda, alugueiro social, obras, tráfico e transportes públicos,planeamento urbanístico, festas e cultura… son innumerables os temas que o Consello debería abordar xa que a desfeita do goberno do PP impón unha inmediata e vigorosa acción da cidadanía no exercicio das funcións que o regulamento de participación lle ten encomendado a través do Consello da Veciñanza.

Quizáis só escoitando directamente aos veciños algúns concelleiros sexan quen de espertar do seu soño e darse conta de que hai fochas sen reparar, cidadáns sen vivenda,transporte público en perigo de extinción, desemprego crecente, comerciantes alucinados coa promoción de máis grandes superficies, barrios a puntos de converterse ,literalmente, nunha pura ruína mentres se promove irracionalmente a contínua extensión da cidade e, por parar en algún lado, unha poboación  aburrida dun goberno inepto e incapaz excepto para externalizar servizos a determinadas empresas, privatizalo todo pero non solucionar nada que non sexa promover a acumulación de capital nas mans das empresas amigas.

De non convocar un órgano que debería estar xa en funcionamento o grupo municipal estase a plantear iniciar os contactos necesarios adoptar medidas contundentes. “A paciencia ten un límite” sinala Javier Galán. O regulamento de participación non é un mero adorno floral é unha norma aprobada polo concello-pleno e polo tanto debe ser cumprida. Máxime nun momento onde a cidadanía asiste estupefacta ao derrumbe dos outrora loubados sistemas de control administrativos que facían da nosa democracia unha das máis transparentes do mundo. Esquerda Unida mantén hoxe coma onte que unha das mellores ferramentas de control é a moi virtuosa práctica da participación cidadá esencial para unha boa saúde democrática. As ameazas que hoxe acosan á democracia política son as mesmas que impiden que haxa políticas públicas insertas dentro dunha lóxica  de acción e gobernanza participativa.

Ferrol a 6 xaneiro de 2013

Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org


facebook
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
6 de fevereiro de 2013 13:12

Bos dïas. Enviamos a nota de prensa do Grupo Municipal de Esquerda Unida pola que se pide a convocatoria urxente do xa electo Consello da Veciñanza. Saúdos, Xesús

_________

domingo, decembro 30, 2012

A Asociación Veciñal de Esteiro presentou Alegacións aos Orzamentos do Concello de Ferrol 2013


A Asociación Veciñal de Esteiro vimos de presentar, a través do Rexistro Municipal, as nosas alegacións a proposta de orzamentos municipais para o ano 2013 (achegamos anexo).

DEMANDAMOS :
  • A eliminación da partida consignada para Abrir Ferrol ao Mar, por que non é unha prioridade para a cidade neste momento.

  • A eliminación do malgasto destinado ao chamado " Pulmón Verde da Praza de España", nova ocorrencia do concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia,  para destinar esa cantidade de 918.000 euros a outras necesidades da cidade de Ferrol que requiren actuacións urxerntes:
  • Plano de reposición e sinalización horizontal e vertical en toda a cidade.
  • Plano de urxente de obras e mantemento que inclúa a colocación de bolardos e eliminación de barreiras arquitectónicas.
  • Eliminación do malgasto correspondente á rúa do Sol, rúa executada cun goberno do Partido Popular e IF sendo Rey Varela concelleiro de Facenda, conservando a cantidade necesaria para a súa REPARACIÓN.
  • Creación dunha nova partida para Orzamentos Participativos de 2 millóns de euros.
  • Incremento ate dous millón de euros para partidas de : Creación de emprego, creación de empresas públicas, fomento do cooperativismo e economía social e apoio a inicitivas de carácter social.
  • Creación de novos comedores sociais, comedor sobre rodas, financiamento da asistencia no fogar e mantemento de convenios con todas as entidade de carácter e recoñecemento de interese social.

Xunta Directiva da AV de Esteiro

Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/



Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
29 de dezembro de 2012 17:16

______________

xoves, setembro 13, 2012

A Plataforma contra o Malgasto do diñeiro público a todo o tecido asociativo e cidadáns a título individual a unha reunión o próximo venres, día 14 de Setembro


A Plataforma contra o Malgasto de diñeiro público constutuída despois de que o Concello de Ferrol anunciara o gasto de máis de 700.000 € nunha nova obra na praza de españa, convocamos a todo o tecido asociativo e cidadáns a título individual a unha reunión o próximo venres, día 14 de setembro, ás 19,00 horas no local da A.VV. de Esteiro para informar sobre os actos que estamos facendo e programar os seguintes pasos para impedir este malgasto nun espazo público no que xa se levan gastados máis de 16 millóns de euros.

Conscientes de que o goberno actual do Concello de Ferrol segue adiante co seu proxecto, esta Plataforma quere impedir esta remodelación da praza e, para elo, precisamos sumar apoios da cidadanía e reclamar a convocatoria dunha consulta popular, tal como se contempla no Regulamento de Participación Cidadá, para que os cidadáns expresen a súa opinión.

Nestes momentos, esta Plataforma continúa recollendo sinaturas para solicitar esta Consulta Popular, así como tamén está preparando un acto reivindicativo na propia praza; pero sobre este último asunto xurdiron problemas que nos fan replantear a súa organización e o seu formato.

Por todo isto, solicitamos a vosa presencia na reunión e así dar forma definitiva a ese acto que traslade o malestar da cidadanía coas decisións unilaterais dun goberno que ten a osadía de dicir que son eles os que "sentaron as bases da participación cidadá en Ferrol".

Enviado por:
ana beceiro mosquera
-beceiroana@hotmail.com-
12 de setembro de 2012 19:26

____________

Documentación:
Escrito ao Alcalde (08.06.2012)

Panfletos.

Folla divulgativa.

Escrito para a recollida de sinaturas solicitando unha Consulta Popular.

Moción ao Pleno (Rexistrada o 12 de Xuño de 2012).

Intervención no Pleno (28.06.2012).

______________