Amosando publicacións coa etiqueta Paulo carril. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paulo carril. Amosar todas as publicacións

luns, abril 18, 2022

A CIG presentará os recursos legais que sexan precisos para impedir que se execute a sentenza contra o compañeiro Pintos - A central iniciará unha campaña a prol do indulto e convocará unha gran manifestación cidadá en Ferrol no mes de xuño


A CIG vai presentar todos os recursos legais que sexan precisos para impedir que o compañeiro e ex secretario comarcal da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, condenado por un delito de atentado á autoridade no marco dunha mobilización no ano 2012, teña que ingresar en prisión. Ademais, a central nacionalista iniciará unha campaña para pedir o seu indulto e promoverá unha convocatoria unitaria dunha gran manifestación en Ferrol no mes de xuño, na que chama a participar a toda a cidadanía porque o obxectivo de todo este  proceso “non é condenar a Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e de vida da clase traballadora”.


Así o anunciaron en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, quen informaron que estas accións se acordaron tras coñecerse a sentenza do Tribunal Superior que resolve o recurso presentado polo compañeiro Pintos contra a resolución condenatoria da Audiencia Provincial da Coruña.

Carril quixo trasladar a Pintos todo o apoio e a solidariedade do sindicato, avanzando que “como CIG, levaremos adiante todas as accións que sexan precisas e chegaremos as instancias que sexa necesario para demandar xustiza para o compañeiro, evitar que teña que entrar no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical”.

A este respecto, Manel Grandal lembrou que a situación de Pintos vese agravada porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos, polo que, con esta nova sentenza condenatoria, podería entrar na cadea.

Recurso ao TC e indulto

A primeira destas accións será precisamente presentar alegacións pedindo a suspensión da execución da condena e, a partir de aí, recorrerase medidas como o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. De desestimar o TC a solicitude, “non dubidaremos en acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo e, de ser preciso, ao Comité Internacional de Dereitos Humanos da ONU”, explicouse.

De xeito paralelo, a CIG iniciará unha campaña para solicitar ao Goberno español o indulto de Pintos, á que chamamos a toda sociedade e organizacións sociais a que se sumen “porque ante a represión, a unidade debe ser total e sen fisuras, como foi a mobilización no Hotel Almirante en outubro de 2012”. O obxectivo é  acadar a amnistía do compañeiro “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, defensa das liberdades e posta en valor dunha vida de entrega militante na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.

Neste senso, Carril reiterou ás críticas á sentenza xudicial que condena a Pintos “cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas policiais que se sucederon naquela noite, como mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría, onde sufriu maltrato e vexacións nas súa condición de persoa, de sindicalista e polo seu pensamento nacionalista e de clase”... “O que se está facendo aquí é converter a vítima en verdugo, pois en todo este proceso nin sequera se tivo en conta a denuncia por torturas presentada por Pintos”, subliñou.

Para acompañar a Pintos e amosar o rexeite social a esta condena, a CIG tamén promoverá a convocatoria dunha gran manifestación unitaria (como a convocada en outubro de 2019) cara a mediados do mes de xuño en Ferrol, na que anima a participar a toda a cidadanía, lanzando tamén un chamado ao resto de organizacións sindicais para que se sumen á mobilización.

Amordazar os dereitos e liberdades


Para o secretario xeral da CIG fica claro que "non podemos permitir máis retrocesos nos nosos dereitos, nin que se pretenda amedrentar e criminalizar a loita obreira por esixir emprego e salarios dignos e o dereito a ter unha vida en condicións dignas". E lamentou que, malia os compromisos programáticos, a denominada Lei Mordaza aprobada no seu día polo PP, xustamente para acalar e perseguir a loita social, non só continúa vixente, senón que a reforma que está tramitando “nin sequera suprime os aspectos máis lesivos da norma e séguense vulnerando os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de reunión”.

Carril referiuse ao contexto sociolaboral no que se produciu a mobilización e detención de Pintos en outubro de 2012, cunha comarca de Ferrol sumida nunha situación crítica, que se agudizou nestes anos pola perda da de emprego, o peche de empresas e as consecuencias do proceso dixitalización e de transición enerxética, que para nada está a ser xusto.

Fonte: Avantar - 8 de abril de 2022 | Baixo licenza Creative Commons (by-nc-sa/2.5).

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
15 de abril de 2022 09:44

_______

venres, novembro 13, 2020

Mobilización da CIG en Ferrol na campaña: 'Fronte a Crise, Saída Galega Xusta' - Intervencións de Manel Grandal (Secretario Comarcal) e Paulo Carril (Secretario Xeral) - Vídeos - Enlace ao Documento: 'Medidas para unha saída galega xusta'


Intervencións do Secretario da Unión Comarcal de Ferrol, Manel Grandal Anca e do Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril Vázquez, na mobilización da CIG en Ferrol na campaña: "Fronte a Crise, Saída Galega Xusta" que tivo lugar o venres, 13 de novembro, de 2020. Unha cadeia humana ás 11 da mañá, entre as dúas oficinas de desemprego e posterior concentración na actual praza da antiga Porta Nova.


https://youtu.be/9YBpBx_ozHM


https://youtu.be/adIb1gh08ZA

✔ Documento: Propostas fronte á crise 2020 - 11 Nov 2020 | Propostas fronte á crise, para unha saída galega xusta. | Acceder/Baixar.

CIG-U.C. de Ferrol - ferrol@galizacig.gal - 981 358750
Confederación Intersidical Galega - CIG
https://www.cig.gal/
_______

martes, abril 10, 2018

En Ferrol como noutras 22 cidades e vilas da Galiza, nunha xornada nacional de mobilizacións, vai ter lugar este domingo 15 de abril, unha concentración en defensa das pensións públicas e pola recuperación dos dereitos - Ás 12 do medio día na praza de Amada García - 'A clase traballadora ten que dar esta resposta como sempre fixo, a través dunha folga xeral que obrigue ao PP a recuar nas súas políticas', dixo Paulo Carril, Secretario Xeral da CIG


A CIG convoca mobilizacións en defensa das pensións públicas e pola recuperación dos dereitos. | O domingo 15 de abril haberá manifestacións e concentracións ao longo de toda Galiza.


A CIG vai desenvolver unha xornada nacional de mobilizacións o domingo 15 de abril, en defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como única garantía de termos unhas pensións dignas. Nese día, a central convocará mobilizacións simultáneas nas sete cidades e en múltiples vilas do país co obxectivo de descentralizar as protestas e visibilizar o amplo rexeitamento social ás políticas dos gobernos do PP.

Esta iniciativa enmárcase na campaña que a central sindical está desenvolvendo para esixir a derrogación das reformas antisociais e antiobreiras aprobadas baixo a escusa da crise económica, e que centrará tamén a conmemoración deste Primeiro de Maio. Previamente, a CIG porá en marcha unha campaña para levar aos centros de traballo o debate sobre a necesidade de defender o sistema público de pensións, xa que a reivindicación dunhas pensións dignas "é unha loita que abrangue a toda a clase traballadora".

É o momento de dar unha resposta contundente

A solidariedade interxeracional constitúe un dos piares da protección social do estado de benestar e conquistar este dereito supuxo décadas de loita obreira, que agora toca defender con firmeza. Por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que é o momento de acumular forzas e dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, xa que esta "é a única alternativa para articular medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional".

Nesta liña, Carril sostén que "temos que plantarlles cara e defendernos, vencer as reformas laborais e acadarmos unhas condicións de traballo e de vida dignas. A clase traballadora ten que dar esta resposta como sempre fixo, a través dunha folga xeral que obrigue ao PP a recuar nas súas políticas".

Reformas para favorecer os plans de pensións privados

As reformas aplicadas en 2011 (polo Goberno do PSOE, co apoio de CCOO e UGT, e contra da que a CIG convocou unha folga xeral en solitario) e en 2013 (polo Goberno do PP) introduciron recortes tremendamente regresivos dirixidos a dificultar o acceso as pensións públicas e a rebaixar as súas contías: atraso da idade de xubilación; aumento dos anos de cálculo para o cómputo da base reguladora; incremento do número de anos para cobrar a pensión completa; desligar as subas anuais do IPC oficial e a introdución do chamado factor de sustentabilidade, que se comezará a aplicar a partir de 2019.

Estas medidas provocaron unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e están ocasionando que as galegas e galegos que acceden agora á xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accedeu en anos anteriores. Por iso, para a CIG non deixa de resultar rechamante que, organizacións que facilitaron a implantación destes recortes e día tras día reeditan a lacra do pacto social que nos está levando a que se consolide unha situación social sen saída, con total descaro corran agora a convocar protestas, cando tamén son causantes, xunto co PP e PSOE, destes ataques ás pensións.

Lexislar para favorecer as grandes empresas e a banca

Doutra banda, a reforma laboral e da negociación colectiva facilitan que as empresas rebaixen os salarios e que se multipliquen os contratos a tempo parcial e temporal, consolidando así un mercado laboral precarizado e unha caída agudizada das cotizacións, que merma tanto os ingresos actuais do sistema como as posibilidades de acceder a unha pensión digna no futuro ás persoas que hoxe está en activo. Non cómpre perder de vista un dato significativo: en 2011, cun número similar de cotizantes ao de 2017, a Seguridade Social obtivo 2.300 millóns de euros de superávit. Porén, no 2017, ingresáronse 8.900 millóns de euros menos.

De xeito paralelo, o goberno promoveu medidas para subvencionar as contratacións precarias, modificou o imposto de sociedades para favorecer as grandes empresas, rebaixou os impostos directos ás rendas máis altas e incorporou desgravacións fiscais aos plans privados de pensións. Esta batería de medidas nada inocentes veu acompañado da construción dun relato catastrofista no que todo o público aparece etiquetado como "inviábel", nomeadamente o sistema público de pensións, garante da cohesión social, mais tamén negocio millonario do que banca e as grandes empresas queren apropiarse.

"A única posibilidade de termos pensións dignas pasa pola derrogación das reformas feitas polo PSOE e polo PP", conclúe Carril, e fai un chamado a participar coa CIG na xornada de mobilizacións do 15 de abril para demostrar que "nin nos resignamos nin imos permitir máis agresións á clase traballadora, que é a que realmente crea a riqueza existente".

Domingo 15 de abril - Xornada Nacional de Mobilizacións

• Pontevedra: 11:30h Praza da Ferrería
• Vilagarcía: 12:00h Casa do Mar
• A Estrada: 11:30h Praza do Mercado
• Lugo: 12:00h Diante do Concello
• Sarria: 12:00h Praza da Vila
• Guitiriz: 12:00h Praza da Feira
• Monforte: 12:00h Diante do Concello
• Burela: 12:00h Praza da Mariña
• Ribadeo: 12:00h Diante do Concello
• Vilalba: 12:00h Praza da Constitución
Ferrol: 12:00h Praza Amada García.
• As Pontes: 12:00h Diante do concello
• Santiago: 12:00h Praza do Toural
• Padrón: 12:00h Biblioteca Municipal (Rúa Fonte da Vila)
• Boiro: 12:00h Diante do Concello
• Noia: 12:00h Diante do Concello
• A Coruña: 12:00h Praza de Vigo
• Cee: 12:00h Praza do Concello
• Vigo: 12:00h Vía Norte
• Moaña: 12:00h Diante do Concello (Rúa ás Barxas)
• Ourense: 11:30h Praza do Ferro
• Verín: 12:00h Praza do Concello
• O Barco: 12:00h Diante do Hospital Comarcal

Fonte: Avantar.

_____________________

Xornada de Loita Estatal o luns 16 de abril.-

O luns 16 de abril, ás 8 da tarde, no Cantón de Ferrol, tamén ten convocada a Plataforma na Defensa das Pensión Públicas Ferrolterra, unha concentración, en sintonía coas que están convocadas na Galiza e en todo o territorio do Estado. | Ir a conta facebook.
_________

CCOO e UGT convocan o domingo 15 de abril.-

CCOO e UGT, támén acordaron mobilizar-se o domingo 15 de abril, nunha xornada de loita polas pensións, máis polo de agora non anunciaron lugar, nin hora. | Ir á Web de CCOO. | Ir á Web de UGT.
________________