Amosando publicacións coa etiqueta Lei Mordaza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lei Mordaza. Amosar todas as publicacións

luns, abril 18, 2022

A CIG presentará os recursos legais que sexan precisos para impedir que se execute a sentenza contra o compañeiro Pintos - A central iniciará unha campaña a prol do indulto e convocará unha gran manifestación cidadá en Ferrol no mes de xuño


A CIG vai presentar todos os recursos legais que sexan precisos para impedir que o compañeiro e ex secretario comarcal da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, condenado por un delito de atentado á autoridade no marco dunha mobilización no ano 2012, teña que ingresar en prisión. Ademais, a central nacionalista iniciará unha campaña para pedir o seu indulto e promoverá unha convocatoria unitaria dunha gran manifestación en Ferrol no mes de xuño, na que chama a participar a toda a cidadanía porque o obxectivo de todo este  proceso “non é condenar a Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e de vida da clase traballadora”.


Así o anunciaron en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, quen informaron que estas accións se acordaron tras coñecerse a sentenza do Tribunal Superior que resolve o recurso presentado polo compañeiro Pintos contra a resolución condenatoria da Audiencia Provincial da Coruña.

Carril quixo trasladar a Pintos todo o apoio e a solidariedade do sindicato, avanzando que “como CIG, levaremos adiante todas as accións que sexan precisas e chegaremos as instancias que sexa necesario para demandar xustiza para o compañeiro, evitar que teña que entrar no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical”.

A este respecto, Manel Grandal lembrou que a situación de Pintos vese agravada porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos, polo que, con esta nova sentenza condenatoria, podería entrar na cadea.

Recurso ao TC e indulto

A primeira destas accións será precisamente presentar alegacións pedindo a suspensión da execución da condena e, a partir de aí, recorrerase medidas como o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. De desestimar o TC a solicitude, “non dubidaremos en acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo e, de ser preciso, ao Comité Internacional de Dereitos Humanos da ONU”, explicouse.

De xeito paralelo, a CIG iniciará unha campaña para solicitar ao Goberno español o indulto de Pintos, á que chamamos a toda sociedade e organizacións sociais a que se sumen “porque ante a represión, a unidade debe ser total e sen fisuras, como foi a mobilización no Hotel Almirante en outubro de 2012”. O obxectivo é  acadar a amnistía do compañeiro “como símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, defensa das liberdades e posta en valor dunha vida de entrega militante na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos”.

Neste senso, Carril reiterou ás críticas á sentenza xudicial que condena a Pintos “cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas policiais que se sucederon naquela noite, como mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría, onde sufriu maltrato e vexacións nas súa condición de persoa, de sindicalista e polo seu pensamento nacionalista e de clase”... “O que se está facendo aquí é converter a vítima en verdugo, pois en todo este proceso nin sequera se tivo en conta a denuncia por torturas presentada por Pintos”, subliñou.

Para acompañar a Pintos e amosar o rexeite social a esta condena, a CIG tamén promoverá a convocatoria dunha gran manifestación unitaria (como a convocada en outubro de 2019) cara a mediados do mes de xuño en Ferrol, na que anima a participar a toda a cidadanía, lanzando tamén un chamado ao resto de organizacións sindicais para que se sumen á mobilización.

Amordazar os dereitos e liberdades


Para o secretario xeral da CIG fica claro que "non podemos permitir máis retrocesos nos nosos dereitos, nin que se pretenda amedrentar e criminalizar a loita obreira por esixir emprego e salarios dignos e o dereito a ter unha vida en condicións dignas". E lamentou que, malia os compromisos programáticos, a denominada Lei Mordaza aprobada no seu día polo PP, xustamente para acalar e perseguir a loita social, non só continúa vixente, senón que a reforma que está tramitando “nin sequera suprime os aspectos máis lesivos da norma e séguense vulnerando os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de reunión”.

Carril referiuse ao contexto sociolaboral no que se produciu a mobilización e detención de Pintos en outubro de 2012, cunha comarca de Ferrol sumida nunha situación crítica, que se agudizou nestes anos pola perda da de emprego, o peche de empresas e as consecuencias do proceso dixitalización e de transición enerxética, que para nada está a ser xusto.

Fonte: Avantar - 8 de abril de 2022 | Baixo licenza Creative Commons (by-nc-sa/2.5).

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
15 de abril de 2022 09:44

_______

xoves, marzo 15, 2018

Vemo-nos o luns 19 de marzo, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia de Ferrol (Diante do edificio da Xunta), en apoio do compañeiro Emilio Cao, represaliado por participar na multitudinaria Marcha da Dignidade do 22 de Marzo de 2014, en Madrid - Non á lei Mordaza! Polas Liberdades Democráticas! polo Dereito a manifestar-se libremente, polo Dereito á Expresión... Emilio Cao Absolución


Vemo-nos o luns 19 de marzo, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia de Ferrol (Diante do edificio da Xunta), en apoio do compañeiro Emilio Cao, represaliado por participar na multitudinaria Marcha da Dignidade do 22 de Marzo de 2014 en Madrid. Emilio Cao vítima dunha montaxe gobernativa e policial, foi detido nun tumulto provocado o mesmo día da grande manifestación. A Emilio piden-lle 5 anos e 8 meses de prisión, non permita-mos tal inxustiza. Non á lei Mordaza! Polas Liberdades Democráticas! polo Dereito a manifestar-se libremente, polo Dereito á Expresión... Emilio Cao Absolución.

MARCHAS DA DIGNIDADE FERROLTERRA
#ColumnaFerrolterra
marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/

#AbsoluciónEmilioCao

@absolucion-cao

Manifesto pola libre absolución de Emilio Cao

O vindeiro 19 de marzo o mozo Emilio Cao enfróntase a un xuízo que pode fenderlle a vida. A Fiscalía pídelle 5 anos e 8 meses de cadea por ter participado en 2014 na multitudinaria manifestación das Marchas da Dignidade, reivindicando pan, traballo e teito.Queren condenalo por ser parte dunha loita pola dignidade e a igualdade.

Daquela unha parte importante da sociedade fíxose consciente de que os sufrimentos individuais ocasionados pola crise eran, en realidade, problemas colectivos e que había que encaralos con solucións en común. O desemprego e a emigración, os desafiuzamentos a familias traballadoras e a precarización da vida eran problemas políticos denunciados en común na praza pública.

Había que enfrontar as consecuencias negativas das políticas dos menos sobre a vida das máis. Emerxía de novo o protagonismo das desposuídas. Con novas demandas, con novas necesidades, cun compromiso radical coa loita pola igualdade e a xustiza social.

Esa fronte da loita continua aberta e o Réxime do 78 mantén activa toda a súa maquinaria propagandística e represiva. Quérese abafar a chama da protesta entre a xente do común. Teiman en criminalizar toda protesta, en proscribir toda disidencia, en reprimir toda rebeldía, en acalar toda desconformidade.

O mantemento do Estado de excepción esixe castigo e represión para acurralar e minguar dereitos e liberdades. Impera o dereito penal do inimigo como fórmula para esmagar o antagonismo de clase revivido e negarnos as condicións materiais dos nosos dereitos de cidadanía.

Emilio Cao tomou partido. Elixiu facer parte da cidadanía rebelde. Sumouse ás moitas que tomaron as rúas para reclamar dignidade. Desafiou a orde da inxustiza. Agora queren impoñerlle un castigo exemplar.

Xuntas, fraternalmente, tomamos partido por Emilio Cao. Represéntanos. A súa loita é a nosa. Fronte ao autoritarismo do Réxime do 78, a súa dignidade e a súa rebeldía; fronte á represión do Réxime do Estado de Excepción, a nosa rebeldía e a nosa solidariedade.

Ao carón de Emilio reivindicamos pan, traballo e teito; dignidade, liberdade, igualdade e xustiza social. E, agora, sumamos voces para esiximos a súa libre absolución.

Asina pola absolución de Emilio Cao:

https://www.absolucionemiliocao.gal/

________

martes, xaneiro 16, 2018

Concentración en Solidariedade co Delegado da CIG que vai ser xulgado por participar na concentración de protesta no Hospita Arquitecto Marcide en febreiro de 2014, ante a visita da Conselleira de Sanidade, nun momento de protestas xeneralizadas contra as políticas privatizadoras do Partido Popular - Venres 19 de xaneiro, ás 10:30hs, diante dos Xulgados de Ferrol

Concentración, o venres 19 de xaneiro, ás 10:30hs, diante dos Xulgados de Ferrol, en Solidariedade con Santi, o delegado da CIG que foi represaliado pola súa participación na concentración de protesta no Hospita Arquitecto Marcide en febreiro de 2014, ante a visita da Conselleira de Sanidade ao Complexo Hospitalario, nun momento de protestas xeneralizadas contra as políticas privatizadoras do Partido Popular.

Cómpre lembrar que, no seu momento, fora detido xunto a Rafa, outro delegado da CIG-Administración, e trasladado á comisaría para a súa identificación –onde ambos os dous permaneceron retidos preto de catro horas-, "logo de que os axentes procederan a tomar os datos a todas as persoas que estaban participando nunha protesta contra os recortes na sanidade pública ás portas do Hospital Arquitecto Marcide e que previamente foran desaloxadas do centro sanitario".

Cando ían ser xulgados, en maio de 2015, por unha falta, "a vista adiouse ao presentarase un parte de lesións a un policía"; e mentres a Rafa se lle mantivo o xuízo por faltas, a Santi que agora vai ser xulgado, dous anos despois, este venres 19 de xaneiro de 2017, por un "delito", polo que se lle piden case tres anos, acusado de provocar as lesións a un axente. Unha circunstancia que, non é certa, pois as imaxes dun vídeo da protesta vese, precisamente, "ao compañeiro coas mans nos petos sendo empurrado fóra do hospital por un policía".

No caso do xuízo de Rafa, como diciamos celebrado en maio de 2015, "a propia fiscalía sumouse aos argumentos da defensa, no senso de que non cabe ningún tipo de sanción máis, tendo en conta que xa pasou retido na comisaría para a súa identificación máis de tres horas".

Daquela, a CIG manifestaba que "estamos ante un novo caso de intento de criminalización e persecución da mobilización social, na liña das actuacións do Partido Popular que pretende reprimir por esta vía todo tipo de resposta ás súas políticas de recorte de dereitos laborais, sociais e civís”.

Fonte: Propia e Avantar.
__________________________

luns, marzo 30, 2015

A Lei Mordaza, máis odio e menos esperanza, ... Por André Abeledo Fernández

Por André Abeledo Fernández [*]
30.03.2015

A chamada lei mordaza non rematará co a protesta, e moito menos cos motivos da lexitima protesta, pode que nun principio o medo a paralice, pero os problemas van a seguir presentes, a frustración, a impotencia, a desesperación, chegarán a matar o medo, entón as protestas volverán as rúas, con máis forza, con menos que perder. Seguro que esta lei mordaza axudará a esnaquizar mais vidas, pero a miseria continuara crecendo, os traballos serán cada vez máis miserables, os contratos máis abusivos, as oportunidades menos e peores, a desigualdades máis, crecera o número de obreiros na cadea, de persoas con antecedentes penais, de xuízos, de sentencias inxustas, de inxustizas sen sentenzas, os invernos tamén serán mais fríos para os que sofren a pobreza enerxética provocada pola estafa enerxética, esa estafa legal filla do estado da corrupción, os desafiuzamentos continuarán, cada vez haberá mais xente sen casa, e mais casas se xente, a impunidade seguira sendo para os que teñen máis, e as leis inxustas castigarán máis duramente os que menos teñen, seguira crecendo a fame de comida e de dignidade, a desnutrición infantil xa non será noticia si non costume, a sanidade de calidade será un privilexio para os máis ricos, e a educación un luxo fora do alcance dos mais pobres... e neste contexto de que serve a lei mordaza?, ou calquera lei de represión da protesta?, cando a situación e tan grave, cando cada día se eleva a taxa de suicidios, como non entenden que como se perde o medo á morte perderase tamén o medo a lei mordaza, perderemos o medo a represión.

Leis tan inxustas como a lei mordaza so poden traernos, máis odio, máis violencia, máis sufrimento, máis inxustiza.

[*] André Abeledo Fernández, é un activista sindical, social e político de Ferrolterra; traballador e membro do Comité de Empresa de Mercadona; e coordinador de Esquerda Unida de Narón. Contas de André no facebook e no twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
29 de março de 2015 20:47

____________

martes, novembro 18, 2014

A Asemblea Aberta contra a represión de Ferrolterra mobiliza contra a Lei Mordaza coa que Partido Popular pretende calarnos, este sábado 22 de novembro, na Praza do Concello de Ferrol - E o Domingo 23 de Novembro Mobilización en Ferrol, como noutras cidades da Galiza, convocadas pola Alianza Social Galega


O sábado 22 de novembro de 2014 e desde as cinco e media da tarde a Asemblea Aberta contra a represión de Ferrolterra estaremos na Praza de Armas de Ferrol concentrados protestando contra a Lei Mordaza coa que Partido Popular pretende calarnos.

Ademais, durante a concentración daremos ampla información sobre a lei a todas aquelas persoas que se acheguen á mesma. Ven e infórmate sobre a Lei Mordaza ou de inseguridade cidadá.

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/403358759822677/

Asemblea Aberta contra a represión de Ferrolterra
Correo-e:
aarepresionferrol[arroba]gmail.com
Conta no facebook:
https://www.facebook.com/aarepresionferrol

_________________

E o Domingo 23 de Novembro Mobilización en Ferrol, como noutras cidades da Galiza, ás 12 do mediodía na Praza da Porta Nova (Polo de agora Praza de España):

A Alianza Social Galega chama a mobilizarse en todas as cidades galegas contra a reforma da Lei de Seguridade Cidadá | Denuncia que o obxectivo do PP, con esta reforma, é reprimir a mobilización social contra as súas políticas de recorte de dereitos sociais e laborais | Ir a Web.