Amosando publicacións coa etiqueta Planta de gas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Planta de gas. Amosar todas as publicacións

luns, febreiro 15, 2010

Reganosa e o Xacemento Romano de Caldoval

[Para entrar na Galería de Diapositivos clicar acima da imaxe]

Diante as novas recollidas nos medios, sobre o Convenio asinado entre Reganosa, o Sr.Alcalde de Mugardos e o Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia que pretende “poñer en valor” o xacemento romano de Caldoval trasladándoo a un museo na vila, queremos manifestar:

1º.- Sábese a pretensión dos promotores da planta de gas de Reganosa de desmantelar os xacementos arqueolóxicos da zona, cualificada no PXOM de Mugardos como solo rústico de protección de patrimonio (SRPP) que inclúe o Castro de Mehá, o xacemento romano de Caldoval e o de Sta. Lucía, como paso previo, para poder recalificar o solo e permitir a ampliación de Reganosa.

2º.- A recalificación do solo onde se atopa o xacemento, proposta por Reganosa e tramitada polo entón Alcalde Sr. Toimil, foi rexeitada no seu día pola Xunta de Galicia, aínda así os promotores de Reganosa, a sabiendas de que nese espazo non poderían instalar 2 tanques máis, acadaron o seu obxectivo de desmantelamento do xacemento do seu lugar orixinal, un xacemento por outra banda non “descuberto” por Reganosa, xa que estaba perfectamente catalogado desde hai tempo.

3º.- O TSXG, ditou unha 3ª sentenza en contra de Reganosa (Sentenza nº 00311/2008 de 22 de abril de 2008), anulando a modificación puntual do Plano Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos que serviu ao Concello para outorgar a licenza de obras e de actividade a Planta de Gas de Reganosa.

4º.- Estamos diante dunha nova patraña por parte dos promotores de Reganosa, como as que propagaron ao longo destes anos. Onde van as moreas de postos de traballo que ían crear? Unha planta de gas que so funciona ao 30 % da súa capacidade -pechan o gasoduto de Tui para colocar o pouco gas que produce-,que ameaza a vida de miles de cidadáns, unha planta deficitaria, cuxo custo pagamos tod@s, e innecesaria pois os gasodutos teñen a capacidade para subministrar aos ciclos combinados e ao consumo doméstico de Galicia. A pesares de todo isto, da Sentenza do TSXG, este Convenio só obedece aos interese de Reganosa para recalificar a zona.

5º.- A musealización in situ constitúe o mellor modo de poñer en valor o citado xacemento e o conxunto da zona en particular, e de respecto que merece a historia do noso pobo, a súa cultura, a legalidade e o interese xeral.

Isto e o que debería facer o Sr. Alcalde de Mugardos, e un Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, non debería seguir os imperativos dos que promoven a barbarie contra o patrimonio, a nosa Ría e a seguridade das persoas,con tal de obter beneficios..

Ferrol a 13 de Febreiro de 2010

Álbum fotográfico de Caldoval:
http://picasaweb.google.es/comitecidadan/XacimentoRomanoDeCaldoval#

--
Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org


Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia

comitecidadan@gmail.com
15 de fevereiro de 2010 15:21
__________________________

Enlace de interese:
__________________________________

Cancentración este Luns 15 de Febreiro, ante o anuncio da chegada dun novo gaseiro cargado con GNL para Reganosa


Un novo gaseiro ten prevista a súa chegada a Reganosa este Luns 15 de Febreiro de 2010.

Desde a chegada do último gaseiro, xa pasou un mes, todo un síntoma da situación que esta pasando á planta regasificadora de Mugardos, sen clientes a quen vender o seu gas.

O Catalunya Spirit que é así como se chama o buque agardado, será nº 2 do ano e o 60 desde que entrara o Galicia Spirit en Maio de 2007.

A empresa gasística volta máis unha vez, coa complicidade das administracións, a aumentar o perigo potencial que xa de por si ten a presencia de Reganosa en Punta Promontorio, instalada irresponsabelmente no corazón da nosa Ría, ameazando a seguridade e vida das miles de persoas que moramos na súa contorna.



Concentración

Como xa mencionamos, este Luns 15 de Febreiro está prevista a entrada do buque, e como resposta o Comité Cidadán de Emerxencia, convoca unha acción de protesta e denuncia, o mesmo día ás 7 da Tarde na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, unha concentración sonora e reivindicativa.

Características e Notas sobre o buque:
  • Nome: Catalunya Spirit - Bandeira: España - Eslora: 284 m - Manga: 42 m - Calado: 12 m - Capacidade: 138.000 m³
  • Este gaseiro o 11 de Febreiro de 2008 quedou, a plena carga, á deriva fronte a Cape Cod, costa do estado de Massachussets (USA).

¡ PLANTA DE GAS FORA DA RÍA ¡


Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org



Información baseada na enviada por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
14 de fevereiro de 2010 01:01
__________________

martes, febreiro 09, 2010

Connecticut (EEUU) un gravísimo accidente nunha Planta eléctrica de ciclo combinado, ao facer explosión unha canalización de gas natural

[Estado en que quedou a planta de ciclo combinado "Kleen Energy de 620MW" logo da explosión de gas, do pasado 5 de Febreiro de 2010 - Connecticut-EEUU]

Onte, ás 5 da tarde hora española, producíase en Connecticut (EEUU) un gravísimo accidente nunha Planta eléctrica de ciclo combinado, ao facer explosión unha canalización de gas natural.

Transcorridas 24 horas do suceso, continúa sen pecharse definitivamente o balance de vítimas, posto que parte dos traballadores poden estar aínda baixo os escombros da Planta. Algúns medios apuntan a posibilidade de 50 mortos e un centenar de feridos.

A Planta, aínda en período de probas, está situada a 4 quilómetros da cidade de Middletown (40.000 habitantes) nunha zona apenas poboada.

Ante esto, o Comité Cidadán de Emerxencia, plantexase o seguinte:

Esta explosión de Gas Natural tivo lugar nunha central eléctrica - como ben dixo hoxe en Radio Voz o Alcalde de Mugardos - non nunha Planta de Gas, e aínda así causou numerosas vítimas, a planta quedou totalmente esnaquizada e causou importantes danos a numerosas vivendas bastante afastadas. Os efectos da explosión notáronse nun radio superior a 25 km.

De producirse unha situación similar na planta de Reganosa (o que o Sr. Barcia denomina “futuroloxía”, e no que non quere entrar), as consecuencias - é evidente - serían gravísimas. Tanto polo volume de gas almacenado, como polo efecto multiplicador que supón a contigua planta de Forestal do Atlántico que almacena enormes cantidades de produtos tóxicos.

Ao estar situada no interior da ría, a poucos metros de núcleos de poboación, a 600 metros de Mugardos e a pouco máis dun quilómetro dos Arsenais e cidade de Ferrol, os mortos terían que contarse por miles.

Unha vez máis este Comité Cidadán, reitera o mantido nos últimos dez anos, en canto á ilegal localización da planta (aínda que “conte con todos os permisos”), o seu perigo permanente así como o tráfico de gaseiros no interior da nosa ría.
Urxe que o Tribunal Supremo dite sentencia confirmando as emitidas no seu día polo Tribunal Superior de Xusticia de Galicia, favorables a este Comité e recorridas pola Xunta de Galicia.

Urxe - agora que ainda estamos a tempo - que os poderes políticos, - locais, autonómicos e estatais - que consenten esta temeridade, tomen a determinación de erradicar do interior da nosa ría esta ameaza real e permanente.

Urxe tamén que os cidadáns e cidadás da contorna, como o vimos facendo desde fai unha década, e cada vez con máis razóns e con máis motivos, porque o tempo corre na nosa contra, tomemos conciencia e esixamos publicamente o noso dereito a vivir libres deste perigo.

¡ PLANTA DE GAS FORA DÁ RÍA ¡

Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org


Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
8 de fevereiro de 2010 22:44

______________________

Enlace relacionado:

Máis de 600 enlaces coa noticia vista por diferentes medios
________________________

domingo, febreiro 07, 2010

Videos da homenaxe a Carmelo Teixeiro no segundo aniversario do seu pasamento

Organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, realizou-se o Sábado, 6 de febreiro 2010, ás 12 do mediodía no Parque Carmelo Teixeiro de Caranza, unha homenaxe a quen foi o seu primeiro Coordinador: Carmelo Teixeiro Menéndez, ao celebrarse o segundo aniversario do seu pasamento.

Os que a continuación presentamos son vídeos que recollen algúns dos momentos relevantes do acto.

Ofrenda Floral na Ría de Ferrol desde Caranza


Fonte: http://www.youtube.com/watch?v=iBfcP0VtgNc

Intervencións de Luz Mariña Torrente, Eliseo Zaera e Lalán


Fonte: http://www.youtube.com/watch?v=p5nlanEnUOg

Na voz de Pim Patinho, unha versión especial para Carmelo, de Xan Tavía, do poema NALGURES de Marica Campo.


Fonte: http://www.youtube.com/watch?v=UvwPyYBdzzg

A música de Bach desde o violín de Estrela Gómez.


Fonte: http://www.youtube.com/watch?v=6HJ9ArDwtcQ

Interpretación de Agulló e André d'A Revolta


Fonte: http://www.youtube.com/watch?v=CI70GPT2_9w

O Hinno Galego por Agulló e André d'A Revolta


Fonte: http://www.youtube.com/watch?v=kw2-78DlD3U

__________________

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Emoción e compromiso na homenaxe a Carmelo

Ártabra 21: Lembrando a Carmelo Teixeiro no segundo aniversario da súa morte

Ártabra 21: Sábado 6 de Febreiro de 2010: Homenaxe a Carmelo Teixeiro no II Aniversario do seu pasamento
__________________________

Emoción e compromiso na homenaxe a Carmelo


Hoxe, sábado 6 de Febreiro, en Caranza, xunto aos tres carballos plantados no seu recordo, no parque que leva o seu nome, celebrouse un acto sinxelo e entrañable dedicado a Carmelo Teixeiro, cando se cumpre o segundo aniversario do seu falecemento.

A emoción coa que case un centenar de persoas depositaron un caravel no mar onde Carmelo descansa, ademáis dun acto de recordo e de solidariedade coa súa familia, é un sinal inequívoco de que as súas compañeiras e compañeiros seguimos na loita e non abandonaremos ata conseguir que
algún día, Carmelo poida ver cos nosos ollos o final destaameaza contra a que tanto loitou.

Do compromiso, da tenacidade e da entrega xenerosa de Carmelo, así como do seu esforzo de toda unha vida por facer un mundo mellor, falaron na súa intervención Luz Mariña Torrente, Presidenta dá A. VV. “O Cruceiro” de Mehá e Eliseo Zaera, Presidente do Ateneo Ferrolán,  membros do Comité Cidadán de Emerxencia.

Lalán, como coordinador do CCE, estableceu unha conversa con Carmelo na que lle dicía:

Saberás Carmelo que a ameaza segue en pé. A morea de postos de traballo que ian crear, esfumáronse, é mais, vivimos unha profunda crise económica, consecuencia da rapiña e da especulación levada adiante por unha minoría que cementou unha gran parte do solo do estado español, do que Reganosa é un exemplo.

A destrución da Ría avanza. A produción de gas disminúe, os ciclos funcionan ao ralentí. Esta realidade amosa a falsedade dos datos aportados polos promotores para obter a autorización da Planta.


Para nos, a seguridade, a defensa da vida, da legalidade e da Ría, son fundamentais. Pero agora sabemos tamén que é unha instalación innecesaria.

Carmelo, tamén saberás que seguimos aquí contra esta ameaza, con todos os frentes de loita abertos: xurídico, administrativo, mediático e de movilización, que ao longo deste anoDécimo Aniversariodesenvolveremos”.

E así seguiremos, porque nós non nos resinamos, Queremos deixar ás novas xeracións un entorno habitable, sin ameazas. Conseguiremos que o espírito de rebeldía que tiña Carmelo


cristalice nesta sociedade e impediremos que estes sectores económicos e financieiros, cuio obxetivo non é máis que obter beneficios sen ningunha outra consideración, a base de explotar aos seres humanos e a propia natureza, sigan dominando o presente e o futuro.

Tras das intervencións citadas, a música e a poesía selaron este compromiso de solidariedade.

Na voz de Pim Patinho, unha versión especial para Carmelo, de Xan Tavía, do poema NALGURES de Marica Campo. A música de Bach desde o violín de Estrela Gómez, e o son dás

gaitas de André e Agulló (A Revolta) encheron o parque e os corazóns presentes de saudade e determinación.

Compañeiro Carmelo : ¡ A loita continúa ¡
¡ PLANTA DE GAS FORA DÁ RÍA ¡


NALGURES

Nalgures andarás, nalgunha guerra,
quizais nunha cidade destruída
osmando entre os cadáveres a vida,
que o oficio de vivir nunca te aterra.

Sempre a loitar coa xente que se aferra
aos soños e que aposta na partida
non dando nunca a causa por perdida

loitando sempre polo mar e a terra

Pintando arcos da vella na tormenta,
liñas pintadas coma pontes,
cousas de non matar e bolboretas,

así te podo ver, sempre á mantenta
onde se movan máis os horizontes,
que as ondas do teu mar nunca están quietas.

Marica Campo

[poema versionado por Xan Tavía, especialmente para Carmelo]


Album fotográfico (fotos de Suso Pazos):

http://picasaweb.google.com/fucobuxan2/IIHomenaxeACarmeloTeixeiro#

--
Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org



Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
7 de fevereiro de 2010 00:41

______________________

Lembrando a Carmelo Teixeiro no segundo aniversario da súa morte

Por José Torregrosa [*]
06.02.2010


Desde a Asociación "Fuco Buxán", onde tanto tivo que facer ese home enteiro, quero expresar -está soando Bach- a súa vívida nostalxia e o seu presente. Pois a loita pola Razón aínda segue en pé, desde esa ría que mece a súa brillante cinza, continúa chegando a esixencia do seu alento, un máis entre todos, arrimando ombreiros e argumentos.

Que levou a morte de Carmelo? Non a súa enerxía e a súa fe esperanzada no futuro; non a súa bondade, que nos serve de exemplo. Se seica, afastou a súa cabal proximidade; pero non máis aló do horizonte dunha empresa en común e salvadora: "Planta de Gas Fóra da Ría". El foi o seu impulsor e baluarte; a súa vangarda e a súa forza integradora. Nin a Comadre Seca foi quen para esgotar a súa forza convencida. Non se cansou Carmelo nin na Hora: caeu, non o calaron nunca, rodeado de muíños de furacán corrupto, de plantas venenosas, de cámaras de gas onde debía perecer Natureza e Vida ...

[Lembrandoa Carmelo Teixeiro no segundo aniversario da súa morte.]

Foi un privilexio convivilo, compartir a súa mensaxe xenerosa, unha consigna chea de sentido: "Todos xuntos; pero ti, o primeiro". Non era incansable; sacaba forzas da súa crenza no próximo alcanzable e un sentido emocionante do deber, do compromiso, da acción, que non coñeceu máis límite que o espazo dedicado á reflexión e ao sentimento.

Ai, Carmelo, loitador, e home de familia, e compañeiro, que roubaches o tempo aos reloxos para poder cumprir coa túa tarefa; que aprendiches, como pedía Machado, a distinguir as voces dos ecos ... Hoxe sabémosche perto, respirando unha espera: o converter os muros de silencio no berro cidadán colectivo, portador da rabia e da idea.

Nese día descansarás tranquilo, peixe de luz nesa ría que hoxe acolle a túa historia e o teu traxecto: permanecer, xa sempre, na memoria da masa fecunda do teu Pobo. Mentres tanto, temos moitas cousas que encargarche; sobre todo, o que non nos esquezas: oxalá acertemos a encher o teu repouso de recordos, os novos pasos, tantos novos camiños que estamos percorrendo co teu nome nos beizos e a túa hombría xusta e sabia no corazón e a cabeza.

Non digamos "parece que foi onte", pois non o foi. Carmelo é o reto dun mañá nunha Galicia a salvo de ameazas e de atrasos. Se vin chorar aos teus amigos aquel día, foi por agrandar o mar que ti defendes desde o máis profundo da súa alma, o asuco azul que labra o po e a semente da túa, tan branca e tan fermosa.
Na mañá do sábado, che ofrendaremos flores. Non será suficiente: debemos achegarche a vitoria contra o despropósito e a avaricia.

Só entón poderemos darche grazas e ser dignos de estar na túa memoria eterna, ao teu lado, nun milagre laico, cando na ría de Ferrol estea fóra de perigo e dentro do Progreso, e vexamos como se multiplican, outra vez, Carmelo, na ría de Ferrol, os pans e os peixes.


[*] José Torregrosa comezou a traballar na prensa galega a mediados dos anos sesenta. No ano 1972, foi encausado no proceso dos 23, un xuízo aos traballadores dos estaleiros de Bazán en Ferrol aos que a ditadura franquista represaliou polos seus actos de protesta.

Un feito que o marcou e que fixo tamén que marchara a Madrid en 1974 para intentar a aventura teatral. Logo, regresa en Ferrol, onde casa en 1976 e ten dúas fillas.

Colaborador na prensa e en diversas entidades culturais, gusta de escribir sobre cine e literatura que cre que "unha novela ten tantas historias como lectores ten".

Comezou adicandose á poesía dende o mesmo cárcere da Coruña. "Era a única forma de saír do meu interior a través das palabras". Ademais, tamén ingresou no Grupo Chorima co que publicou antoloxías e recitais poéticos. "Todo o que escribín ten que ver coa poesía existencial, experimental, en palabra e forma, sempre cunha búsqueda do interior", asegura Torregrosa.

Unha vida moi intensa a deste xornalista e escritor ferrolán que, dende o 2000, dirixe a revista Razón Socialista da Asociación Fuco Buxán e tamén colabora co suplemento "Nordesía" do xornal Diario de Ferrol. [Galicia -Hoxe]


Bolgue Persoal:
http://josetorregrosa.wordpress.com/______________________________

xoves, febreiro 04, 2010

Sábado 6 de Febreiro de 2010: Homenaxe a Carmelo Teixeiro no II Aniversario do seu pasamento

Organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, este Sábado, 6 de febreiro 2010, ás 12 do mediodía en Caranza (Parque Carmelo Teixeiro), celebrarase unha homenaxe a quen foi o seu primeiro Coordinador:  Carmelo Teixeiro Menéndez, ao celebrarse o segundo aniversario do seu pasamento.

Alí, no parque que leva o seu Nome, ao pé dos tres carballos plantados na súa memoria, lembraremos a Carmelo, a súa labor ao fronte deste Comité Cidadán e a súa semente de loita e compromiso contra o maior perigo a que se enfronta a nosa comarca, a Planta de Gas localizada no interior da Ría de Ferrol.

Será un acto sinxelo, coa intervención de membros do Comité e a música de Estrela e o seu violín e do grupo A Revolta.

Farase unha ofrenda floral na que tod@s estamos convidados.








Carmelo Teixeiro, Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, dedicou os dez últimos anos da súa vida a dirixir con eficacia, enerxía e constancia todas as actividades desenvolvidas en contra da localización da Planta de Gas, da defensa medioambiental da Ría e da vida dos seus habitantes.

Ademais, Carmelo Teixeiro desempeñou un importante papel na Transición política do noso país. Procedente das JOC, participou activamente no movemento sindical de Bazán dos anos sesenta ( foi xurado nas eleccións de 1963) e na reconstrución do movemento socialista na comarca, pois foi fundador da USO, posteriormente dirixente da UXT e formou parte da dirección do PS de G-PSOE, desde 1978.

Fundador e primeiro presidente da Asociación Cultural Fuco Buxán e da Revista “Razón Socialista”, o seu traballo sempre intenso, desinteresado e discreto, ao longo de toda a súa vida, polas causas sindicais, políticas e sociais, é un exemplo de entrega e compromiso para as compañeiras e compañeiros que se esforzan cada día por acadar un mundo máis xusto e solidario.

¡ PLANTA DE GAS FORA DA RÍA ¡

Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org


______________________