Amosando publicacións coa etiqueta Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 18, 2018

En Ferrolterra, como noutras comarcas da Galiza, mobiliza-mo-nos na Defensa da Nosa Sanidade Pública, o mércores 24 de xaneiro cunha Concentración, ás 19,30hs, na Praza Amada García, diante do Edificio da Xunta de Galicia en Ferrol - E o 4 de febreiro Manifestación Nacional en Compostela, ás 12 do mediodía na Alameda - Vídeo Rolda de Prensa

Rolda de Prensa do 16 de xaneiro de 2018, no Centro Sociocultural de Fontiñas,
en Compostela, Moncho Veras como portavoz de SOS,
e tamén María Xosé Abuín, Rubén Cela, Juan Evaristo e Isabel Varela

En Ferrolterra, como coutras comarcas da Galiza, mobiliza-mo-nos na Defensa da Nosa Sanidade Pública, o mércores 24 de xaneiro cunha Concentración, ás 19,30hs, na Praza Amada García, diante do Edificio da Xunta de Galicia en Ferrol.  Convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, que participa na plataforma galega SOS-SANIDADE PÚBLICA.

SOS Sanidade Pública convoca mobilizacións o 24 de xaneiro e o 4 de febreiro, en toda Galiza: PARA DEFENDER A "NOSA" SANIDADE PÚBLICA.

Rolda de prensa de SOS Sanidade Pública presentando as mobilizacións na sanidade.

O mércores 24 de xaneiro concentración en todas as comarcas, en Ferrolterra: Ás 19,30hs, na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol.

O sábado 4 de febreiro manifestación en Santiago de Compostela, con saída ás 12 do mediodía da Alameda.

O motivo: PARA DEFENDER A NOSA SANIDADE PÚBLICA. O adxectivo "NOSA" é importante, todos temos que ser conscientes do que é "NOSO" e que as políticas do goberno galego, cos recortes, privatizacións e mala xestión, están debilitando, empobrecendo e facéndonos perder parte deste patrimonio esencial para a vida como é a "NOSA SANIDADE PÚBLICA".

Facemos un chamamento á cidadanía a que se mova e participe tanto o día 24 na súa comarca como o día 4 de febreiro en Compostela, na defensa desta riqueza común que é a sanidade pública.


https://youtu.be/cpsIazGdX_c

Canle: SOS Sanidade Pública Galega. | Publicado en 16 de xaneiro de 2018. | Rolda de prensa de SOS Sanidade Pública Galega. | Presentación da convocatoria de mobilizacións de defensa da sanidade pública: concentracións comarcais o 24 de xaneiro e manifestación o 4 de febreiro en Santiago de Compostela con saída ás 12:00 da Alameda.

O proxecto do PP, de modificar a Lei Galega de Saúde, afonda no desmantelamento e na privatización do Sistema Sanitario Publico  Galego:
  • Desmantela os hospitais comarcais, dificultando o acceso á asistencia especializada da poboación rural e recentraliza o control da Conselleria de Sanidade, sobre a atención da saúde.
  • Perpetua as Estruturas de Xestión Integrada, que someten á Atención Primaria ás Xerencias Hospitalarias, en detrimento da promoción, prevención e atención cercana.
  • Privatiza a formación a investigación e a innovación sanitaria, consolidando a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, penetrada por empresas multinacionais.
  • Reduce e limita a participación social no control da Sanidade Pública Galega.
  • Favorece a creación de chiringuitos, para  laboralizar o persoal, potenciando o favoritismo e a arbitrariedade na contratación do persoal sanitario.
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Información baseada na enviada por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com
17 de janeiro de 2018 13:01

_________________

sábado, decembro 23, 2017

O movemento na defensa da sanidade pública prepara un inverno de mobilizacións contra a política sanitaria do Partido Popular na Xunta de Galicia - Convocada Asemblea Extraordinaria da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Area de Ferrol, o martes 9 de xaneiro


CONVOCATORIA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA AREA DE FERROL


Día: martes 9 de xaneiro
Hora: 18:30hs.
Lugar: Local da Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño.
Orde do día: Organizar as mobilizacións nesta comarca de Ferrolterra.

Punto Único .-

ORGANZACIÓN E DATAS DE MOBILIZACIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA EN FERROLTERRA .

Saúde

Secretaría -
---

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
plataformadspferrol@gmail.com
17 de dezembro de 2017 20:06


Acta Plataforma SOS Sanidade Galicia.-

Reunión de SOS Sanidade Pública Galega. 13/12/2017

Asisten Plataforma do Salnés, Valdeorras, Mariña, Santiago, Pontevedra, Vigo, A Coruña, CIG, CCOO, BNG, Podemos, En Marea, Esquerda Unida, Movemento Galego de Saúde Mental, Cogave, Galiza Nova, Asociación Galega de Defensa da Sanidade Pública.

Desculpa asistencia a plataforma de Monforte. Juan Evaristo avisou de que probablemente UGT tería dificultades para asistir hoxe.

Téñense presentado nas áreas que perden a consideración de área sanitaria: charlas, mocións municipais, concentracións diante dos centros de saúde, manifestacións, caravanas, buzóns de reclamacións, notas de prensa,…. Por outra banda presentáronse múltiples mocións municipais e nas deputacións fóra destas áreas tamén.

O proxecto de lei foi aprobado polo consello da Xunta pero non entrou aínda no Parlamento. O primeiro debate, tendo en conta os tempos parlamentarios, non sería antes de febreiro.

Tiñamos acordado facer unha concentración diante do Parlamento galego en algún momento do trámite parlamentario.

A CIG propón unha manifestación en Santiago o 4 de febreiro e facer un traballo previo de información á cidadanía para estimular a participación na manifestación nacional, sobre todo a partir do 10 de xaneiro.  Propón tamén unha mobilización comarcal conxunta na semana do 22 a 27 de xaneiro.

As plataformas da Mariña, Salnés e Valdeorras presentes na reunión deron as queixas e manifestaron sentirse soas neste conflito e botaron de menos a presenza de máis accións da SOS galega neste tempo.

Acórdase:

1. Gran manifestación galega en Santiago o día 4 de febreiro.

2. Concentración diante do parlamento galego en apoio das organizacións parlamentarias da Plataforma.

3. Concentración comarcal na semana do 22 ao 27 de xaneiro.

4.- Elaborar lema, folleto informativo e material audiovisual para as redes.

5. Constituír un comité de coordinación para a preparación das actuacións previas e da manifestación do 4 de febreiro. Apuntáronse ao mesmo: Manuel Martín (portavoz de SOS), María Xosé Abuín (CIG), Ángel Cameselle (CCOO), Guillermo Crego (EU), Xosé María Dios (Plataforma Santiago), Moncho Veras (Plataforma A Coruña). Este comité vai ter a primeira reunión o martes 19 ás 18 horas no local de CCOO.

Manuel Martín

Portavoz  SOS - Sanidade Pública

Interesantes documentos:

Análise orzamento da Xunta de Galicia do Sistema Sanitario Público en 2018 - 5 de decembro de 2017. | Acceder/Baixar.

Análise do novo modelo de financiamento sanitario - 8 de decembro de 2017. | Acceder/Baixar.

O Anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia. | Ir á Web.
 --

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
22 de dezembro de 2017 14:13

___________________

xoves, xuño 30, 2016

Balaladas pola prevención do suicídio: Como noutras vilas e cidades da Galiza, hoxe xoves 30 de Xuño, en Ferrol, está convocada unha concentración na Praza do Concello, 10 minutos antes das 8 da tarde, hora na que comezarán as balaladas


O movemento galego de saúde mental e SOS Sanidade pública convocan unha Mobilización cunha badalada en prevención do suicidio este vindeiro Xoves, 30 de Xuño en toda Galiza.


POR UN PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DE SUICIDIO

En Ferrol esta convocatoria será  na Praza de Armas, ás 19:50hs cunha CONCENTRACIÓN e  darase a badalada ás 20:00hs.

1 badalada en lembranza da morte de 1 persoa cada día.
1 badalada en lembranza da morte dese mesmo día.

PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO, XA!

En Galicia morre por suicidio unha persoa cada día. Esa realidade agravouse dende o comezo da crise alcanzando no ano 2014 o seu teito con 394 mortes por esta causa.

As políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galicia fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerables incrementando o risco de suicidio na sociedade. Desas políticas cómpre destacar como especialmente importantes: a carencia de políticas activas de emprego e un elevadísimo paro prolongado, a redución da protección social, o deterioro da sanidade pública e en particular o debilitamento da Atención Primaria de Saúde, a tolerancia gubernamental coa banca e a súa agresividade respecto ó cobro dos préstamos hipotecarios coa conseguinte vaga de desafiuzamentos.

Pero Galicia padeceu dende sempre elevadas taxas de suicidio. Sofre un grave problema de saúde pública tal como o define a Organización Mundial da Saúde (OMS). Só agora, cando este estado de cousas se ve agravado pola crise , nos decatamos de que convivimos impasibles cunha realidade intolerable. Realidade diante da cal os gobernos non só non fixeron nada senón que mesmo negaron as cifras das propias institucións oficiais, chegando no caso da Xunta e do partido gobernante en Galicia a rexeitar no Parlamento Galego nesta lexislatura (ata en tres ocasións) iniciativas realizadas pola oposición propoñendo elaborar o plan de prevención.

As recomendación da OMS comezan por afirmar que o suicidio pode previrse eficazmente e rematan por presentar o obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama ós Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio.

Sobre esta base, nós, o Movemento Galego da Saúde Mental, respostando a ese mandato e cumprindo co noso compromiso fundacional, iniciamos o pasado 3 de maio a campaña Badaladas pola prevención do suicidio, coa finalidade de sensibilizar á sociedade fronte a esta cuestión, e para reclamar o cumprimento das obrigas que os nosos gobernantes  teñen coa protección da saúde e da vida da poboación. É así que esiximos que con urxencia se elabore ese plan, por unha comisión técnica capaz e crible, cun carácter multisectorial, articulado co necesario Plan Galego de Saúde Mental, e dotado suficientemente.

É por todo iso que xunto con SOS-Galicia facemos convocatoria para o 30 de xuño en diferentes cidades e vilas de Galicia ás 8 da tarde, para que soen badaladas para recordar a toda a sociedade que unha persoa máis morreu por suicidio na nosa terra ese día, e que seguimos sen un plan de prevención.

30 DE XUÑO ÁS 8 DA TARDE, BADALADAS POLA PREVENCIÓN DO SUICIDIO

ACODE ÁS CONCENTRACIÓNS

Web do Movemento Galego da Saúde Mental:

http://movementogalegosaudemental.gal/

https://www.facebook.com/movementogalegodasaudemental

Enviado por:
cig-saude.ferrol@sergas.es
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
29 de junho de 2016 10:26
Dende CIG-Saúde apoiamos o chamamento a cidadanía a participar na convocatoria do Movemento Galego da Saúde Mental, Profesionais saúde mental de Ferrolterra,   SOS Sanidade pública a unha CONCENTRACIÓN cunha BADALADA na Praza do Concello-Armas este vindeiro xoves, 30 de xuño a partir das 19,50 horas.
__________

martes, febreiro 23, 2016

A Comisión Permanente da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol, reune-se de urxencia este xoves 25 de Febreiro


Case cincuenta entidades veciñais, sociais, sindicais, culturais e políticas das comarcas que conforman a Área Sanitaria de Ferrol, constituímos hai anos a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública que a súa vez entrou a formar parte da plataforma galega SOS Sanidade Publica, desde este movemento popular a prol da sanidade pública, mobilizamos, concienciamos, denunciamos e nos mantemos en alerta contra toda agresión e intentos de privatización e deterioro do servizo público de saúde, un servizo universal, de tod@s e para tod@s. Desde Ártabra 21 chamamos a participar na Plataforma de forma activa con análises e propostas, este xoves 25 de febreiro vai ter lugar unha xuntanza da súa Comisión Permanente que está aberta á participación.

Xuntanza da Comisión Permanente da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol

Convocatoria Comisión Permanente

Día: xoves 25 de febreiro de 2016.
Hora: 18:30hs.
Lugar: no Local da Asoc. Veciñal de "O Rosario" do Inferniño (Rúa Sánchez Calviño, s/n - Ferrol) | Aviso: novo Local de reunión, ver fotos.

Informaremos que este pasado xoves 18 de Febreiro ás 5 da tarde tivemos unha Xuntanza de SOS Sanidade Publica en Compostela con importantes iniciativas a realizar nas vindeiras datas.

Temos a necesidade e urxencia de convocar a Comisión Permanente para dar conta desta xuntanza de Compostela e poñer en marcha varias iniciativas que se van producir e coordinar en todas as Plataformas de defensa da sanidade pública:

Debate e informacións sobre as denuncias dos abortos terapéuticos e queixa no Parlamento; Participación cidadá Municipal nas distintas Áreas Sanitarias; Listas de Espera; Incompatibilidades médicas; Valedor do Pobo; - Doc respecto o estado da Sanidade Pública; Servizo de Urxencias ...

Sobre as listas de espera preguntamos como poderíamos recibir informacións das consultas e operacións cirúrxicas nesta Área Sanitaria, xa que imos facer unha valoración real destas Listas.

Esperamos a colaboración das entidades, sindicatos e traballadores sanitarios para facilitar esta información.

Saúdos
Secretaría

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Entidades que forman parte da Plataforma:
  1. A.C. Fuco Buxán
  2. A.VV. A Cabana
  3. A.VV. A Graña
  4. A.VV. Caranza
  5. A.VV. Covas
  6. A.VV. Esteiro
  7. A.VV. Ferrol Vello
  8. A.VV. O Cruceiro de Canido
  9. A.VV. O Cruceiro de Meá
  10. A.VV. O Lago-Doniños
  11. A.VV. O Rosario-Inferniño
  12. A.VV. Prioriño
  13. A.VV. San Fernando-Recimil
  14. A.VV. San Pablo de Catabois
  15. A.VV. San Xoán-Bertón
  16. A.VV. Santa Eulalia de Limodre
  17. A.VV. Santa Mariña
  18. A.VV. Serantes
  19. A.VV. Ultramar
  20. A.VV. Valle de Esmelle
  21. A.VV. Valón
  22. AFINOR(Fibromialxia)
  23. AGAVIDA
  24. ALCER
  25. AMICOR
  26. ASFEDRO
  27. Asociación de Diabéticos Ferrolterra
  28. Asociación Parkinson Ferrol-Ferrolterra
  29. ASPANEMI
  30. Ateneo Ferrolán
  31. B.N.G.
  32. C.I.G.
  33. COGAMI-FERROL
  34. Colectivo Ártabra21
  35. Colectivo Soc. Cul. A Revolta de Trasancos
  36. CPS de San Valentín
  37. Esquerda Unida
  38. Federación Veciñal Roi Xordo
  39. Foro Galego da Inmigración
  40. Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas
  41. Grupo Rural de Narón
  42. LAZOS-Comité Antisida de Ferrol
  43. Marcha Mundial das Mulleres
  44. PSdeG-PSOE
  45. TEIMA-SINDROME DE DOWN
  46. Terra Galega
  47. U.G.T.
  48. U.S.T.G.

Información baseada na enviada por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
22 de fevereiro de 2016 22:19
__________________

mércores, xaneiro 27, 2016

A enorme débeda sanitaria do goberno de Feijóo pon en risco a sanidade galega, denuncia a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública


Enorme débeda sanitaria de Galicia. |
A enorme débeda sanitaria do goberno de Feijóo pon en risco a sanidade galega.

Co plan de pago a provedores de Montoro sáldase, no ano 2012, a práctica totalidade da enorme débeda sanitaria que as CCAA acumularan nos primeiros anos da crise económica, que só en tecnoloxía sanitaria e medicamentos hospitalarios ascendía a 11.600 millóns de euros.

A este plan non se suman o País Vasco nin Navarra, cunha débeda relativamente escasa (88 millóns e 25 millóns respectivamente), nin tampouco Galicia, malia unha avultada débeda sanitaria de 458 M de euros, seguramente porque Feijóo quixo evitar o conseguinte control do Ministerio de Facenda sobre a Xunta.

De novo as facturas das CCAA volven acumularse, e requiren novos desembolsos estatais, debido a que as empresas sanitarias son "un saco sen fondo". Así, entre Xaneiro e Outubro de 2015 orixínase unha débeda que roza os 8.000 millóns de euros, a un ritmo mensual de 763.

Nese período a Xunta acumula unha débeda sanitaria de 368 millóns de euros, aos que haberá que sumar os máis de 500 de débeda anterior e os compromisos anuais das súas innecesarias e desastrosas privatizacións (72millóns/ano do canon do hospital de Vigo, 75 millóns/ano do concerto con Povisa e as custosas externalizacións de servizos sanitarios e non sanitarios).

A avultada débeda farmacéutica e tecnolóxica xerada en 2015 é especialmente preocupante, xa que reflicte o control da industria sobre as decisións do sistema sanitario.

A cesión da xestión da investigación pública do Sergas á industria farmacéutica e da xestión da alta tecnoloxía ás multinacionais tecnolóxicas, unido á rápida e continuada aprobación de fármacos a prezos cada vez máis estrambóticos para o mesmo proceso, incrementarán aínda máis a débeda sanitaria, o que levará a un círculo vicioso de novos recortes e privatizacións e á insostenibilidade do SNS.

Cada día é máis evidente a necesidade dun cambio de rumbo na política sanitaria e no goberno de Galicia

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

22 de xaneiro do 2016

--
Foto de Avantar, baixo unha licenza de Creative Commons. Rolda de prensa d@s representantes da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e de SOS Sanidade Pública, despois de remitir por correo á Comisión Europea a denuncia contra o proceso de licitación do Hospital de Vigo por presunto incumprimento do Dereito Comunitario do Reino de España na persoa do Goberno da Xunta de Galicia (02.09.2015).

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
22 de janeiro de 2016 18:00

___________________

xoves, xaneiro 14, 2016

Convocada a Asemblea Plenaria da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, para o venres 22 de Xaneiro


Asemblea Plenaria da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol


Convocatoria
PLENARIO - ASEMBLEA
Sanidade Pública

Día: Venres 22 de Xaneiro.
Hora: ás 18:30hs.
Lugar: En Ferrol, no local da Asociación Veciñal de Esteiro (rúa Fernando VI, Bloque I baixo - Telefono 981933223.)         
  
Orde do día:
1.- Aprobación, se procede, ACTA anterior,
2.- Situación actual desta Plataforma,
     * Estado de Contas.
3.- Debate estado actual da Sanidade Pública.
4.- Renovación Comisión Permanente.
     * Voceir@s.
     * Secretaría.
5.- Suxestións e preguntas.

Ferrol, a 11 de Xaneiro de 2016.-
Saúdos.
Pola Comisión Permanente.
Secretaría.

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
12 de janeiro de 2016 11:38

_______________

domingo, decembro 20, 2015

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública deu a coñecer o Informe dramático sobre a situación da sanidade pública galega - O goberno do Partido Popular, presidido por Alberto Núñez Feijóo, ven aplicando unha estratexia deseñada para desmantelar a Sanidade Pública e xerar espazos de negocio para as empresas privadas


INFORME DRAMÁTICO SOBRE A SANIDADE PÚBLICA GALEGA


O goberno presidido por Núñez Feijóo ven aplicando, desde o súa chegada ao poder en 2009, unha estratexia deseñada para desmantelar a Sanidade Pública e xerar espazos de negocio para as empresas privadas a expensas do diñeiro público. Nestes últimos anos o goberno galego aplicou unha severa redución dos orzamentos sanitarios e fixo recortes profundos na dotación de persoal e camas hospitalarias; paralizou o Plan de Mellora e desmantelou a Atención Primaria; aplicou medidas privatizadoras nos hospitais así como en moitas áreas sanitarias que pasaron a mans privadas; tamén teñen planeado implantar as Unidades de Xestión Clínica que poñerían a disposición das empresas a actividade asistencial, o núcleo duro da sanidade. A continuación faremos, en sete puntos, un repaso dos principais problemas que ten hoxe a Sanidade pública galega e que deben ser plantexados ante as próximas eleccións.

1.- Redución do orzamento sanitario público:

Representa o 30.4% do gasto público da CCAA. Baixaron o orzamento sanitario un 18.3% desde 2009, e un 10.2% respecto ao ano pasado. Galicia é a CCAA que fixo o recorte máis severo. A maior redución aplicárona en Atención Primaria (AP) cun 22.3%  menos respecto ao ano 2009. Respecto ao ano pasado a redución é de 25.3%. O recorte foi moito menor no nivel hospitalario (un 0.2% de recorte respecto a 2009, e un crecemento dun 2.9% respecto ao ano pasado).

Este diferencia deixa ben ás claras que o goberno de Núñez Feijóo aposta por potenciar o modelo hospitalocéntrico e o uso intensivo da alta tecnoloxía (Galicia xa é a CCAA que máis RMN realiza); esto beneficia ás multinacionais farmacéuticas e da tecnoloxía sanitaria, en detrimento das actividades de prevención e promoción da saúde que deben realizarse en AP (segundo as recomendacións da OMS).

2.- Recortes de persoal:

Esta partida representa o 34.5% do gasto sanitario, que ven ser un 24,5% inferior á media estatal; esto sitúa a Galicia no penúltimo lugar do Estado, só superada por Catalunya.

O ano pasado Galicia foi a CCAA que máis recortou no capítulo de persoal, un 30.67% fronte a unha media do 7.9% do Estado. Esta redución afecta aos traballadores sanitarios, con descensos brutais en prazas e salarios e aumento da precariedade laboral. A partida de persoal baixou un 21% desde 2009: pasou do 43.15% do total do gasto sanitario ao 34.5% neste ano.

En total Galicia perdeu 1.795 prazas na sanidade pública (1.154 en AP e 641 nos hospitais). Eliminaron 513 prazas de medicos: 392 en AP (69.2%) e 121  en hospitais (30.8%). Recortaron 184 prazas de enfermería hospitalaria e 1.121 prazas de persoal non sanitario: isto é consecuencia da cesión de servizos a empresas privadas que teñen persoal propio. Moitas tarefas realizadas por empregados públicos pasan agora a ser desenvolvidas polas empresas concesionarias (central de chamadas, loxística, mantemento, cociñas, etc).

Estas medidas de recorte tan extremas producen unha merma na calidade asistencial e mesmo representan un risco para os pacientes. Sabemos que o persoal sanitario non pode ser substituído por máquinas, e hai evidencias contundentes de que a redución de persoal de enfermería nos hospitais por debaixo de certo nivel asóciase a incrementos da mortalidade hospitalaria.

3.-Recorte en camas:

Entre 2010 e 2014 eliminaron 447 camas hospitalarias públicas en Galicia. Pasamos de 8.010 a 7.563, a pesar do elevado e progresivo incremento das listas de espera e da conxestión permanente dos servizos de urxencias.

4.- Suspensión do Plan de Mellora de AP:

No Plan de Mellora de AP impulsado polo goberno progresista (2005-2009) estaba prevista a construción de novos Centros de Saúde e a creación de prazas de persoal. Dos 66 centros previstos só se plantexa a construción de sete. Tamén deixaron de crear prazas de sanitarios: eso representa a perda de 193 prazas de Medicina de Familia e 385 de enfermería.

5.-O desmantelamento e a privatización do Sistema:

-Privatización de hospitais:
  • Para a construción do novo hospital de Vigo (H. Álvaro Cunqueiro) utilizaron o modelo de Colaboración Público-Privada, o que representa un incremento no custe, que pasa de 450 a 1.400 millóns de euros, ao tempo que reduciron as camas operativas (de 1.230 a 850), recortaron os quirófanos nun 31.4%, as camas de UCI nun 25.5%, a superficie de Urxencias nun 55.5% e os servizos de Radioloxía nun 45%. A empresa concesionaria, coa complicidade do Sergas, recortou en servizos, consultas, superficies, equipamentos, calidade nos materiais, nos accesos e nas prazas de aparcadoiro (que deberán pagar tanto traballadores como usuarios). O hospital, desde a súa apresurada inauguración, acumula problemas e conflitos, que poñen en risco a calidade da atención, a actividade asistencial e mesmo a seguridade dos pacientes.
  • A Xunta xa licitou, por terceira vez, a ampliación e xestión privada do hospital de Ourense (CHOU, que dirixe unha prima de Núñez Feijoo), e mellorou as condicións á empresa concesionaria –integrada por ACS, Indra e La Caixa-, en 41 millóns de euros. Tamén adxudicou a ampliación do hospital do Salnés á multinacional Cofely-Suez que, xunto con La Caixa, posúe o fondo de inversion “Hisusa holding”, que é propietario da aseguradora privada Adeslas.
-Renovación do concerto singular co hospital privado Povisa de Vigo, que presta atención a case 140.000 persoas da área (Península do Morrazo, Valmiñor e polígono de Coia en Vigo). Pola utilización de 403 camas neste hospital o Sergas paga un canon anual de 75 millóns de euros (despois da última renovación e mellora do concerto, asinado sendo conselleira Rocío Mosquera, quen foi alto cargo na empresa propietaria de Povisa).

-Privatización do Laboratorio Central de Galicia, que foi adxudicado a unha UTE integrada por Laboratorio Cerba, Laboratorio Lema e Bandín. Esta empresa realizará máis de 600 probas analíticas e xenéticas, a expensas do desenvolvemento dos laboratorios dos hospitais públicos (que poderán pechar progresivamente como en Vigo) e dos seus profesionais. Esta decisión pon a disposición dunha multinacional datos moi sensibles da poboación galega (como o VIH e outras doenzas).

-Continuidade da empresa de xestión privada Galaria S.A., co que incumpren o compromiso do Sergas de rescatar os servizos asistenciais como a Radioterapia, a Medicina Núclear/PET e a Resonancia Magnética (RMN) para integralos no novo hospital. O propio Consello de Contas ten denunciado o abuso de exploracións de TAC e RMN (a taxa de RMN supera nun 50% a media do resto do Estado).

-Privatización da alta tecnoloxía por media da figura do “socio tecnolóxico”. Esta modalidade de contratación permite que as mesmas empresas que fabrican os aparellos tecnolóxicos poidan controlar cales son os equipos que deben adquirir os hospitais, fixar o seu prezo e mesmo decidir onde se ubican. Esta entrega a mans privadas do control da tecnoloxía hospitalaria pode ter consecuencias severas para a sustentabilidade do Sistema (a tecnoloxía provoca un enorme incremento do gasto sanitario) e para a saúde da poboación (a xestión mercantilista destes medios provoca unha sobreutilización dos mesmos, con repercusión negativa polos efectos iatroxénicos). Este modelo de contratación xa levou a unha inversión de 88 millóns de euros na compra de novas RMN, cando bastaría con substituír os equipos actuais cambiando só o software (moito máis barato).

-Privatización da investigación, por medio dos Institutos Biomédicos de Investigación dos hospitais públicos do Sergas. Estes Institutos acóllense ao modelo empresarial, son participados e coxestionados pola multinacional farmacéutica Janssen (Johnson&Johnson). Deste xeito as empresas privadas, ademais de conseguir beneficios económicos, controlan e dirixen a investigación, e teñen acceso a datos xenéticos e outras informacións sensibles sobre a saúde da poboación galega. O Sergas adxudicoulle fondos á Fundación Ramón Domínguez, para ampliar o laboratorio ubicado no CHUS, por un total de 1.2 millóns de euros. Esta fundación é de xestión privada e ten persoalidade xurídica propia (está integrada pola Fundación IDI-CHUS, Fido-Xeral Calde, a empresa farmacéutica Jhansen, a Fundación de Medicina Xenómica e a farmacéutica Biogen IDE).

6.-Externalización-privatización de recursos e servizos estratéxicos do Sergas a empresas multinacionais e fondos de inversión. Faremos un repaso telegráfico das distintas áreas de actividade que foron entregadas a mans privadas polo goberno de Núñez Feijóo, a maioría delas mediante concesións a longo prazo, o que dificultará o seu retorno a dominio público cando haxa un cambio de goberno.

-Servizo de ambulancias: foi adxudicado por 236 millóns de euros (a pagar en catro anos) á UTE Ambulevante, empresa valenciana á que Fabra (ex-presidente de Valencia) tamén lle entregou este negocio, e que está denunciada pola súa vinculación co PP.

-Historia clínica electronica (Ianus): concedida a Indra, empresa que foi privatizada por Aznar e Rato. Esto supón deixar en mans privadas todos os datos sanitarios da poboación galega.

-Telecomunicacións, cedidas a Telefónica (por 28 millóns de euros), empresa agora gobernada por La Caixa, BBVA e Bankia.

-A Plataforma Electrónica, cedida a Netaccede, fondo de capital risco creado en 2009, impulsada por ex-altos cargos da Xunta e Caixanova, e xestionada por un directivo que provén da auditora Deloitte.

-O teléfono de cita previa, tamén foi adxudicado a Netaccede.

-O servizo de suministro e loxística foi entregado, por 88 millóns de euros, á empresa Severiano Servicio Móvil (que o ano 2004 custodiaba as historias clínicas do CHOP nunha nave industrial sen licencia, e que arderon nun incendio por carecer de medidas de seguridade, quedando o hospital sen documentación clínica).

-O mantemento dos equipos sanitarios foi adxudicado á empresa zaragozana Ibérica de Mantenimiento SA.

-A xestion da limpeza e enerxía foi entregada ao Grupo Norte, vinculado á inmobiliaria Martinsa-Fadesa, (quebrada en 2008, que foi unha das principais causas do desplome de Novagalicia Banco).

-O servizo de catering dos hospitais, adxudicado a Mediterránea-Arturo, propiedade do fondo de inversion Portobello (Banco de Santander, BBVA, CAM/Sabadell, Bankia) e de Arturo Fernández (vicepresidente da CEOE, imputado no caso Bankia, acusado de defraudar á Facenda, de pagar aos traballadores en diñeiro negro e do uso das tarxetas black como conselleiro de Caja Madrid).

-Os servizos de protección radiolóxica foron cedidos a General Electric: dese xeito a mesma empresa que fabrica os equipos é a que realiza o control de calidade.

-A esterilización de instrumental medico e cirúrxico: o goberno de Núñez Feijóo ten prevista a súa adxudicación por un período de 12 anos e un custe de 160 millóns de euros. De levarse a cabo suporía, ademáis dun grave risco de incrementar as infeccións nosocomiais, unha severa redución de postos de traballo públicos pola desarticulación dos servizos existentes, que funcionan cun elevado nivel de calidade.

-Centro de Saúde móbiles, pendentes de adxudicar. De levarse a cabo suporía un chanzo máis na privatización e o desmantelamento da Atención Primaria.

-Teleasistencia domiciliaria: teñen contactos con R Comunicaciones (empresa inicialmente galega, hoxe vendida por NGB ao fnodo de inversión CVC-Capio).

-Tamén cederon ao sector privado as contratacións públicas do Sergas. Transferiron esta actividade á Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, constituída por grandes empresas tecnolóxicas e de xestión de recursos humanos, especializadas en dispositivos electrónicos para controlar a produtividade dos traballadores. Esta Plataforma está participada por Microsoft, Telefónica e Indra, que tamén xestionan a teleasistencia, a receita electrónica e a historia clínica electrónica. Esto supón que estas tarefas propias da función directiva, que deberían estar estritamente controladas polo Sergas e a Consellería, pasan a mans de empresas multinacionais e fondos de inversión (moitos deles radicados en paraísos fiscais). Deste xeito baleiran de contido ás actuais estruturas directivas e entregan a xestión estratéxica do Sistema sanitario público de Galicia a mans privadas.

7.- As Unidades de Xestión Clínica (UXC): o próximo paso cara a privatización do Sistema sanitario público. Dese xeito pretenden converter os Centros de Saúde e os Servizos hospitalarios en empresas con autonomía de xestión, presupostos propios e capacidade para beneficiarse dos aforros conseguidos en persoal, material ou actividade asistencial. Estas UXC poden abrir a porta ao mercado, á xestión privada e á laboralización do persoal. A empresa seleccionada pola Xunta para auditar a implantación das UXC é a axencia de calidade europea EFQM, que está presidida en España polo responsable de PwC (IBM), a empresa que almacena o maior número de datos sanitarios e non sanitarios a nivel mundial.

Está claro, á vista do relatado, que o principal obxectivo do actual goberno da Xunta é desmantelar a Sanidade Pública galega. Esta privatización, realizada con presa e coa maior cautela, deixa unha severa hipoteca para o país e os gobernos futuros, que deberán asumir o compromiso coas empresas ás que lle adxudicaron concesións a longo prazo. Esta forma de actuar non é inocente e responde a unha estratexia, que executan con todo rigor. É necesario desaloxar ao PP do goberno da Xunta para deter esta demolición planificada dos servizos públicos.

Decembro de 2015

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP)

Publicado no blogue "Pavillón de Repouso" de Pablo Vaamonde. | 15.12.2015

Difunde:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com


Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
19 de dezembro de 2015 17:54

__________