Amosando publicacións coa etiqueta Praza Pública. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Praza Pública. Amosar todas as publicacións

domingo, marzo 23, 2014

Primavera de dignidade multitudinaria, diversa, plural e multicor - Marchas da Dignidade: Pan, Traballo e Teito - E agora a seguir marchando


Primavera de dignidade multicor   

Primavera multicor na defensa da dignidade e por "pan, traballo e teito". Entre bochas nos pés polos moitos quilómetros andados, innumerables controis policiais e declaracións políticas con evidentes problemas de lateralidade as Marchas da Dignidade asolagaron este sábado as principais rúas de Madrid. Contra o mediodía a columna noroeste, na que se integra unha parte minoritaria da representación galega entraba na capital española. Case ao mesmo tempo, o tren que transportaba arredor de 500 activistas do país chegaba á estación de Chamartín, blindada pola policía igual que o resto da cidade, ao berro de "pan, traballo e teito".

Bandeiras galegas con e sen estrela, enseñas da II República e emblemas sindicais mesturáronse nos primeiros compases do percorrido cos traxes profesionais de bombeiros como os que impediron o desafiuzamento de Aurelia Rey, na Coruña. O ambiente reivindicativo mesturouse co son festivo das gaitas nunha comitiva na que se integraron representantes políticos como os deputados de AGE Antón Sánchez e Yolanda Díaz, o alcalde de Teo, Martiño Noriega ou Lidia Senra, entre outros.

Os dereitos á vivenda, ao traballo, aos servizos públicos ou á interrupción voluntaria do embarazo formaron parte das consignas desta columna, que comezou o percorrido polas rúas de Madrid achegándose á praza de Castilla, onde se xuntou coas persoas que viaxaron dende Galicia en autobús. Dende alí, e baixo o férreo control das numerosísimas unidades antidisturbios despregadas polo Goberno central, pero tamén entre aplausos dende as beirarrúas, dirixíronse ao punto de inicio da manifestación, o acto central deste sábado.

"Aquí está, aquí se ve, a clase obreira galega en pé", clamaban de camiño a Atocha, onde os bombeiros galegos foron recibidos cunha ovación. A unha hora do inicio da manifestación o Paseo del Prado era unha marea branca e azul, mestura de indignación e alegría e sen rastro dos incidentes que as autoridades madrileñas semellan agardar. Ás cinco da tarde, hora fixada para o inicio da manifestación unitaria, unha enorme marea comezou a marchar por tras dunha pancarta coa verba "dignidade" escrita nos idiomas cooficiais do Estado.
Numerosísima asistencia

As Marchas da Dignidade pretendían evidenciar na rúa a súa fartura coa situación social, económica e política que vive o Estado. Se o descontento se mide polo apoio popular que recibe unha manifestación, o seu obxectivo está cumprido.

    Na multitudinaria manifestación destaca a pluralidade de bandeiras e siglas

Milleiros de persoas secundan marchas ideadas por diversos colectivos, aos que se foron sumando outros nos últimos días e mesmo nas últimas horas. Así, na protesta puidéronse ver bandeiras de diversos partidos políticos e sindicatos, de plataformas como a PAH, ou as insignias das distintas mareas cidadás.

    O remate da comitiva comezou a andar unha hora e media despois da cabeceira

A asistencia foi tan maioritaria que a concentración previa á manifestación comezou moito antes das 17.00 horas, momento elixido para iniciar a marcha desde Atocha até Colón. Xa ás 16.30, os asistentes comezaron a baixar por Atocha, mentres ían acumulando apoios en zonas como os arredores ao Museo do Prado. A parte final da comitiva non puido comezar a camiñar ata unha hora e media despois de que comezase a andar a cabeceira.
Acto final e cargas policiais

A mestura de loita e festa caracterizou tamén o acto final das marchas, onde a música salferiu os discursos que, nunha liña pouco habitual, mesturaron o castelán co galego, o catalán e mais o euskera. Esa música e eses discursos tiveron que facerse ouvir, no treito final do acto, por riba dunha carga policial. Un reducidísimo número de individuos guindou obxectos contra as unidades antidisturbios mentres, dende o escenario, os organizadores advertían de que a Policía estaba a irromper "nun acto completamente legalizado".

Carreiras, proxectís de goma e feridas foron a faciana máis minoritaria dunha xornada que se caracterizou polo seu pacificismo na reivindicación. Resta saber que acontecerá nas rúas de Madrid durante a noite, especialmente na contorna de Recoletos, onde un grupo de persoas comezou a instalar unha acampada.

Autores e notas de interese
:

David Lombao | @davidlombao   

Virginia Uzal | @VirginiaUzal   

El Diario | @eldiarioes   

Praza   Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].

Redacción | @prazapublica .
Publicado en Praza Pública
|
23.03.2014
Recomendamos visitar a páxina orixinal, con fotos, vídeos e comentarios.

Todos os contidos textuais de Praza Pública están liberados coa licenza Creative Commons by-sa. Así pois, es libre de coller todos os textos da web, reproducilos parcial ou integramente, e distribuílos como queiras sempre que cites a súa autoría e empregues tamén a mesma licenza.

_____________

Asemblea das Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: columnacaranceira@gmail.com | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com | Blogue galego : http://marchasdadignidade.blogspot.com | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org

________________________

xoves, xullo 25, 2013

Traxedia en Compostela: Moitos heroes e algún vilán - Moi boa editorial en Praza Pública

O 24 de xullo de 2013 será lembrado durante moito tempo como un día de dor e de fonda tristura, polos falecidos, feridos, os seus achegado e familias. Eles e elas son as protagonistas. Tamén será lembrado polo impacto causado polo accidente nunha cidade ateigada de xente, en véspera da festa nacional de Galicia.
E será lembrado tamén pola acción desinteresada e o traballo de moitas persoas e colectivos, dende os veciños de Angrois que asistiron aos pasaxeiros nos primeiros momentos até todos os traballadores e traballadoras dos servizos públicos: sanitarios, policia ou bombeiros, pasando polos centos de persoas que acudiron de contado ás chamadas que pedían que se realizasen doazóns de sangue. 
Tamén hai viláns e críticas, sobre todo dirixidas ao desleixo de moitos medios de comunicación nas primeiras horas da traxedia ou á espectacularización dos feitos. Tamén para certas metidas de zoca, por exemplo o moi comentado pésame emitido por Moncloa. Ou para a reacción que xerou nalgúns tertulianos que o presidente da Xunta intervise en galego.

Moitos heroes
  • Os veciños e veciñas de Angrois sacaron mantas e auga para socorrer os pasaxeiro feridos e axudaron a moitas persoas a sair dos vagóns e a rescatar cadáveres.
  • As empregadas e empregados dos servizos públicos, dende o persoal sanitario até o policial ou os bombeiros, que traballaron durante horas e que mesmo se incorporaron aos seus postos estando de vacacións. Como lembraba Helena Villar Janeiro nun comentario nas redes sociais, "cómpre facer referencia a que os traballadores e traballadoras que están dando o callo, que abandonaron as casas e as vacacións para atender aos sufridores deste drama son funcionarios na súa peor época. E que os hospitais que están facendo fronte son públicos. Se non entendemos hoxe o que isto significa, non o entenderemos nunca xa".
  • Os bombeiros dependentes do consorcio comarcal suspenderon durante sete días a folga e as protestas que tiñan convocadas. O comité de folga fixo un chamamento aos profesionais e mesmo se incorporou aos parques persoal que estaba de vacacións.
  • Os centos de persoas que responderon á chamada dos centros de transfusión para que se doase sangue no Centro de Transfusión do Monte da Condesa (Campus Sur). Precisouse, sobre todo, sangue do grupo cero negativo e do A negativo, pero a primeiras horas do luns pediuse á xente que agardase uns días para volver doar ante a masiva e suficiente resposta da sociedade galega, que encheu varios hospitais e centros no país.
  • Os e as xornalistas dos medios de comunicación que informaron dende os primeiros momentos -con erros, dende logo- do sucedido, en xeral todos os medios galegos, "que informaron con rigor, dignidade e sobriedade, o que sei é moi difícil nesas circunstancias", como lembraba Manuel Bragado. Certo é que a cobertura da TVG recibiu merecidas críticas por ter abusado de especulacións e de imaxes sen editar, coa visión dalgúns cadáveres ou mencións non xustificadas o ex ministro de Fomento. Pero a súa cobertura continua fixo lembrar a importancia de contarmos con medios de comunicación públicos de calidade en Galicia. Bragado conclúe que "a traxedia de Angrois demostrou que é imprescindible contar con medios públicos e xornalistas independentes para facerlle fronte colectivamente a estas desgrazas colectivas". 
  • O respecto amosado por todas as forzas políticas, que suspenderon de inmediato todos os actos previstos, e malia as lexítimas críticas ou esixencia de responsabilidades, deixaronlle o protagonismo ás vítimas.
  • O respecto e a solidariedade amosado por todos os galegos e galegas nunha xornada moi triste. Estanse convocando concentracións silenciosas para as 20.42 horas de hoxe en varias cidades de Galicia, que terán lugar nas estacións de tren.

Algúns viláns
  • A cobertura de TVE. A cadea pública tardou dúas horas, até as 22.32, en informar debidamente no Canal 24 horas dunha das meirandes traxedias dos últimos anos. No Telediario non citaron a noticia en titulares, a pesar de que o accidente se produciu 20 minutos antes do inicio do informativo e a primeira conexión fíxose unha hora e media despois, por teléfono e sen imaxes en directo: unha voz en off sobre imaxes fixas ou de vídeoafeccionado ía facendo comentarios. Ademais utilizaron imaxes de 2003 do accidente ferroviario de Chinchilla para ilustrar a nova. El Plural pregúntase "Onde está o servizo público nesta TVE de Somoano?" e cualifica de "bochornosa" a cobertura da traxedia. Neses momentos CNN ou BBC informaban en directo do accidente. Suso de Toro é moi claro nas súas críticas: "a única nota grotesca deuna TVE, que tratou como tratou unha desgraza tan grande. Foron tan poucos os mortos? Tan lonxe está Santiago de Madrid? Desa Moncloa que lles envía aos familiares un pésame polo "terremoto en Gansu". Onde é Gansu? Onde é Santiago? Non saben". 
  • Foi moi comentado nas redes sociais o erro cometido por Moncloa ao mesturar no pésame polo accidente de Santiago co terremoto de Gansu, produto da excesiva rapidez á hora de reelaborar o texto. "Quiero transmitirle mi más sentido pésame por la pérdida de vidas humanas y cuantiosos daños materiales que ha traído el terremoto que ha tenido lugar esta madrugada en Gansu", dicía o texto.
  • Tamén se criticou con dureza a espectacularización que realizaron algúns medios, amosando imaxes de mortos ou feridos, ou entrevistas con pasaxeiros ou veciños que non achegaban información senón o morbo do seu sufrimento. O primeiro punto do Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe do Colexio de Xornalistas indica que "o dereito á intimidade e á propia imaxe no caso dos protagonistas de sucesos que revisten características de catástrofe".
  • Nas redes sociais está a criticarse o complemento de produtividade que se lles paga aos maquinistas por asegurar a puntualidade dos trens.
  • Ao redor da mañá o presidente da Xunta interveu ante os medios e leu unha Declaración Institucional de pésame. Fíxoo en galego, o que foi criticado en twitter e tamén por algúns participantes de tertulias televisivas, por exemplo no Programa de Ana Rosa.
  • Tamén se pode incluír nesta relación o debate sobre as causas do accidente. Sobre todo do feito de que a liña carecese de ERTMS (European Rail Traffic Management System), un sistema que impide que un tren rebase a velocidade máxima establecida. Ou de que na zona de Angrois se mantivese unha curva que xa era considerada "complicada". Destes temas haberá que falar nos vindeiros dias.

    Redacción | @prazapublica .
    Publicado en Praza Pública
    |
    25.07.2013

    Recomendamos visitar a páxina orixinal, con comentarios.

    Todos os contidos textuais de Praza Pública están liberados coa licenza Creative Commons by-sa. Así pois, es libre de coller todos os textos da web, reproducilos parcial ou integramente, e distribuílos como queiras sempre que cites a súa autoría e empregues tamén a mesma licenza.

    _____________

martes, marzo 06, 2012

A mantenta dos tres anos de Goberno de Alberto Nuñez Feijóo: Editorial de "Praza Pública" -



Editorial de "Praza Pública"

Feijoo, o home que reina mais non goberna
06.03.2012

Tres anos despois da vitoria electoral que o levou á presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo pouco ou nada ten que ofrecer no capítulo de logros, mentres que no seu debe non deixan de acumularse os fracasos tanto nos temas de Estado (Estatuto de Autonomía e financiamento autonómico) como na xestión económica, na atención aos pilares do Estado de benestar, nas incumpridas promesas de transparencia e loita contra a corrupción, na protección do medio ambiente ou na implantación da pax lingüística. Fronte a ese panorama desolador, só pode presentar pírricos triunfos como unha nova política farmacéutica ou o acordo social asinado no seu momento con CCOO e UGT, sindicatos que agora lle fan oposición abertamente.

Os dous asuntos estelares na campaña electoral do 2009, que deberían marcar o futuro do noso autogoberno, foron a reforma do Estatuto de Autonomía e a negociación do modelo de financiamento autonómico. A respecto da reforma estatutaria, vale lembrar que Feijoo asumiu o goberno desposuído dos mecanismos dos que el mesmo privou a autonomía galega ao vetar –nunha tan cega como irresponsable obediencia ás directrices do PP estatal– a aprobación do texto pactado na correspondente comisión parlamentar polo PP cos grupos que apoiaban o goberno bipartito. Xa no goberno, lonxe de emendar o erro, Feijoo nin sequera foi capaz de encetar o debate, polo que é seguro que a lexislatura concluirá sen modificar un texto que hai tempo está ultrapasado e non responde ás necesidades mínimas de autogoberno da sociedade galega nos días de hoxe.

A lexislatura concluirá sen modificar un Estatuto ultrapasado e que xa non responde ás necesidades mínimas de autogoberno da sociedade galega

Canto ao modelo de financiamento, Feijoo tivo que enfrontar o proceso de negociación nos primeiros meses de mandato, o que lle outorgaba un plus de lexitimidade para impoñer condicións diante do Goberno central e dentro do seu propio partido. En vez diso, pregouse unha vez máis aos ditados do PP estatal, secundando en Madrid unha abstención vergonzante –decidida polo PP para preservar os beneficios que o novo modelo lle concedía a territorios como Madrid ou a Comunidade Valenciana, estandartes territoriais da dereita española– mentres no país afirmaba que o novo reparto era prexudicial para Galicia. O pacto de financiamento deu como resultado unha sonora derrota de Feijoo, que voltou sen os cartos que reclamaba e sen a honra política que lle tería dado un voto negativo, perdendo unha oportunidade de ouro de poñer os intereses do país por riba dos do seu partido.

Na negociación do novo modelo de financiamento autonómico, Feijoo voltou sen os cartos e sen honra

Mais se nos grandes temas Feijoo demostrou falta de preparo e un notable desleixo, propios dun gobernante sen visión histórica nin máis horizonte que o curto prazo e a revalidación electoral, no referente á xestión non foi capaz de mostrar un mellor desempeño. O home que prometeu rematar coa crise en 45 días non conseguiu evitar o severo empeoramento da crise económica e o imparable aumento do desemprego, chegando mesmo a afirmar en sede parlamentaria que carece de instrumentos en materia de emprego a pesar de que esas competencias están transferidas á comunidade autónoma. Entre os agravantes da xestión económica levada a efecto por Feijoo non podemos deixar de citar o de ter desperdiciado os diferencias positivos (na evolución do PIB, na creación de emprego e na balanza de pagamentos) herdados do bipartito e as denuncias de maquillaxe das cifras reais de desemprego, unha práctica especialmente obscena en tempos como os que corren e que fora denunciada polo anterior Ministerio de Traballo. Unhas cifras de desemprego que aínda han crecer máis, ao tempo que se incrementará a porcentaxe de traballo precario, á vista da política económica e laboral deseñada polo goberno de Rajoy e da reforma da función pública aprobada polo executivo autonómico.

En plena crise económica e financieira, o fiasco da fusión das caixas de aforro –máis tarde bancarizadas, actualmente intervidas e en breve subastadas ao mellor postor– deixa a economía galega sen un dos principais recursos para desenvolver unha política centrada nas necesidades produtivas do país. Feijoo comprometeuse reiteradamente e en titulares garrafais a garantir a solvencia e a galeguidade das caixas, mais o resultado dá probas contundentes de que non cumpriu nin unha cousa nin a outra. Engádase a isto a recente perda do Banco Pastor ás mans do Popular e, apelando á recente afirmación do propio Feijoo de que “A historia me xulgará”, pódese concluír que a historia dirá que foi o presidente durante cuxo mandato Galicia perdeu todo o poder financeiro acumulado ao longo dun século e medio de traballo e de aforro dos galegos de dentro e dos que sufriron a emigración.

A historia dirá de Feijoo que foi o presidente durante cuxo mandato Galicia perdeu todo o poder financeiro acumulado ao longo dun século e medio

Mais a cousa non para por aí. Feijoo foi, con moita diferenza, o presidente galego máis insensible ás reivindicacións de sectores produtivos estratéxicos como o agrogandeiro, o pesqueiro ou o naval, ademais de propiciar a parálise do sector eólico, un dos máis prometedores na captación de investimentos e na creación de empregos.

Sendo grave todo o anterior, se cadra o máis preocupante son as hipotecas para o futuro que a xestión de Feijoo deixará en herdanza: o estrangulamento orzamentario resultante da opción polo financiamento privado de grandes infraestruturas, que dá lugar a compromisos de tal volume que na próxima lexislatura poden provocar a quebra das contas públicas galegas; a irrupción con forza dunha nova emigración, tanto máis prexudicial canto que se trata dunha emigración de talentos, coa conseguinte descapitalización da economía galega ao perder boa parte dos seus mellores recursos humanos; e a promoción dunha nova vaga de atentados ambientais ao desprotexer a costa e permitir o emprazamento de empresas predadoras en contornos naturais protexidos.

Para completar o retrato da evolución de Galicia desde o 2009, hai tres aspectos que non poden ser omitidos. Un deles consiste na depauperación dos servizos públicos: na sanidade, a aposta pola privatización, que se estende a novos ámbitos, non só non mellora a eficiencia do sistema senón que provoca a parálise na construción de novos hospitais, o aumento das ratios e o incremento das listas de espera e do tempo medio de espera para cirurxías; na educación, a restrición de dereitos adquiridos (gratuidade dos libros de texto ou comedores escolares) vén acompañada de medidas unilaterais como a aprobación da Lei de convivencia e do Decreto do plurilingüismo, que fracturan a comunidade escolar, ben como da renovación dos subsidios a institucións de ensino privadas mentres se escatima até o diñeiro da calefacción dos centros públicos; a dependencia, bandeira de campaña de Feijoo, non só presenta un panorama cuantitativamente moito peor que no comezo do mandato de Feijoo, senón que ademais é cuestionada de raíz e a súa cobertura pública pode ser eliminada en calquera momento.

Outro aspecto central na axenda do Feijoo candidato foi o do fomento da democracia, da transparencia e do goberno aberto. Pois ben, fronte ao ermo de avances neses ámbitos, o que todos os galegos puideron ver é como se perpetúa o caciquismo, como se promoven mocións de censura atendendo a escuros intereses empresariais, como se perverteu o IGAPE ou como diversos altos cargos e representantes institucionais do PP tiveron que dar un paso atrás acusados de corrupción, sen que Feijoo impuxese disciplina en ningún momento. Tampouco resulta exemplar a situación dunha CRTVG que volta a ser coto privado do partido que apoia o goberno e das tres grandes produtoras audiovisuais do país, que facturan o 75% do orzamento da casa, e moito menos edificante resulta a transferencia de ríos de diñeiro públicos aos medios de comunicación privados, práctica que curiosamente non se ten visto afectada polos recortes.

Por último, o terceiro apartado desta serie non podería ser outro que o trato dado á lingua e á cultura galegas, e que supón un retroceso de décadas tanto no relativo ao prestixio como no estritamente orzamentario: fronte á prometida cordialidade lingüística, Feijoo plantou a semente da confrontación e conseguiu unha insólita unanimidade na súa contra polas agresións ao estatuto da lingua galega e polos drásticos recortes ás industrias culturais.

Como nestes días lembramos nas páxinas deste xornal cunha rigorosa e documentada análise, Feijoo incumpriu todos e cada un dos catorce puntos do seu famixerado Contrato con Galicia. Non é de estrañar, pois a súa preocupación nunca foi gobernar o país: en vez diso, dedicouse a facer oposición á herdanza do bipartito, primeiro, e a Zapatero, despois; ao tempo que cultivaba a súa imaxe pública como única baza dun goberno que naceu para ser un goberno dez e vai acabar os seus días cun rotundo suspenso e sendo o goberno de un só.

Feijoo é un home que reina pero non goberna, e a quen só preocupa o seu reinado, pero non o seu reino

A situación que atravesa Galicia é dramática, e non é posible saír dela cun Presidente máis ocupado en desfacer que en construír, máis pendente da súa axenda persoal que do minguante peso de Galicia no contexto estatal e internacional, máis disposto a colocar cortinas de fume –e mesmo con prácticas dun matonismo que cómpre desterrar (lembremos a invención da trama agraria ou as ameazadoras insinuacións sobre Carrumeiro)– que de enfrontar os problemas da cidadanía. En definitiva, Feijoo é un home que reina, pero non goberna; o que é peor: só lle preocupa o seu reinado, pero non o seu reino. No mellor dos casos, réstalle menos dun ano para reverter ese diagnóstico, pero polo andar da carruaxe, nada indica que exista o menor motivo para o optimismo.

Exame a Feijóo

O 11 de febreiro de 2009 o daquela candidato do PP á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentaba con solemnidade o seu Contrato con Galicia, un documento de catorce puntos no que resumía o seu "compromiso ético" e "político" no caso de gañar as eleccións. Tres anos despois da vitoria popular por maioría absoluta, repasamos o grao de cumprimento do Contrato, que Feijóo aspiraba a cumprir cunha nota "non inferior a sobresaliente".
[Ir para Praza Pública]

Publicada na revista dixital "Praza Pública - O xornal da Galicia que ven"

Licenza Creative Commons by-sa.

http://praza.com/

_______________________

sábado, marzo 03, 2012

O "Corralito Finaceiro" chega a Galiza - Mobilizacións na Coruña e Vigo contra o roubo "legal" dos aforros de máis de 100.000 galegas e galegos


Miles de persoas na rúa para denunciar o "Corralito Financeiro", un fraude "legal" das entidades financeiras, sobre todo a través das chamadas "participacións preferentes". Na Galiza, principalmente, as que reteñen o aforro, contra a vontade dos depositantes, son as antigas caixas de aforro (Caixa Galicia e Caixa Nova), agora Nova Galicia Banco. As rúas d'A Coruña e Vigo foron testemuñas, tamén, das denuncias e berros contra a pasividade dos sucesivos gobernos e a complicidade do Banco de España e da CNMV -Comisión Nacional do Mercado de Valores. Desde Ártabra 21 non podiamos deixar de informar deste síntoma económico tan preocupante. Dun roubo "legal" da banca, unha das grandes responsábeis da estafa chamada "Crise" que no lles chega con ter-se apropiado xa de máis do 8% do PIB (Produto Interior Bruto) do, polo de agora, Reino de España, senón que agora tamén se quere apropiar do aforro de máis dun millón de persoas.

Os afectados polas preferentes mobilízanse a grande escala nunha concorrida xornada de protesta

Son case 100.000 as persoas afectadas en Galicia, cun patrimonio "secuestrado" de 1.200 millóns de euros, segundo as estimacións de Adicae. Centos de persoas acudiron este mediodía á convocatoria desta organización para reclamar unha solución urxente contra o que xa se coñece como "corralito financeiro". As marchas tiveron lugar en Vigo e A Coruña, pero sucedéronse tamén por toda a xeografía española. As accións de protesta, que tiveron lugar en doce cidades españolas, convertéronse á vez nun clamor contra o "abuso bancario", exemplificado en produto como as preferentes, a débeda subordinada, as cláusulas de solo ou os embargos hipotecarios.

"Os reiterados escándalos financeiros que vimos padecendo desde hai máis de 15 anos son un síntoma do funcionamento do mercado financeiro", apuntou Adicae no seu manifesto. Casos como as axencias de valores AVA ou Gescartera; o "descontrol de casos como Forum e Afinsa por parte das autoridades"; a comercialización "tolerada" de produtos de Lehman Brothers por parte de bancos e caixas de aforros; as "manobras do Santander co seu fondo inmobiliario Banif, e un longo etcétera son claros expoñentes desta realidade", engadiu a asociación.

"A última das grandes fraudes" é a venda de produtos como participacións preferentes, bonos e obrigacións subordinadas

"A última das grandes fraudes" é a venda de produtos como participacións preferentes, bonos e obrigacións subordinadas, cotas participativas e "unha longa lista de perniciosos produtos de aforro que foron colocados a máis dun millón de cidadáns dentro dun xigantesco plan bancario orquestrado para salvar as súas contas á costa de defraudar o aforro dos traballadores e consumidores, machucados xa pola crise e o paro", arremete con dureza Adicae. Creouse, así, o xa afamado "corralito" no que se bloquearon "os sufridos aforros de máis dun millón de persoas traballadoras obtidos con gran esforzo e sacrificios".

A marcha en Galicia

En Galicia houbo manifestacións en Vigo e A Coruña, ambas as dúas moi concorridas. Os manifestantes arremeteron non só contra o Banco de España e a CNMV senón que moitos deles, fundamentalmente xente maior, culpaban directamente a Caixanova e Caixa Galicia (por separado). No caso da entidade que tiña sede na cidade herculina, esta comezou a vender as participacións preferentes en 2003, moito antes da fusión.

Entre as consignas que máis se berraron: "Coas preferentes, enganaron a xente"; "Co diñeiro dos currantes, viven os mangantes" ou o socorrido "Mans para arriba, isto é un atraco". Había papeis onde se podía ler "Caixa Galicia, estafadora" e "Castellano, queremos solución", en referencia ao actual presidente de NovaGalicia Banco. Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, foi unha das personalidades políticas que asistiron aos actos de protesta de hoxe, concretamente á marcha de Vigo. Esixiulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha acción decidida para defender aos 100.000 afectados que existen en Galicia só no caso das preferentes. Vázquez estivo acompañado do líder do BNG en Vigo, Santi Domínguez Olveira, e da deputada Carme Adán.

Publicado no xornal dixital Praza Pública, onde hai máis información escrita e multimedia. Recomendamos entrar e navegar e gozar do xornal da Galiza que ven.

Licenza: Creative Commons by-sa
___________________________

mércores, febreiro 01, 2012

Comeza a súa andaina o xornal dixital "Praza Pública"

Hoxe ás 12 do mediodía comeza a súa andaina na rede "Praza Pública", o xornal da Galiza que ven. Desde Ártabra 21 desexamos o mellor para a xente que traballa nese proxecto xornalístico e de comunicación. Desexamos moita sorte na nova andaina. Desde o noso sitio na rede, só dicir que poden contar con nós como parceiros do xornal. Parabéns a Galiza, parabéns ao Galego, ... parabéns ao Pobo Galego.

http://praza.com/

______________________

xoves, decembro 01, 2011

Presentación do xornal dixital "Praza Pública" en Ferrol: Hoxe Xoves, 1 de Decembro

Hoxe Xoves, 1 de Decembro de 2011, presentación do xornal dixital "Praza Pública" na Galería Sargadelos de Ferrol. Esquina Rúas María e Rúa Rubalcava, nos 30-32, ás 19.30 horas.

Un grupo de persoas (entre elas, Manolo Barreiro, Filipe Diez e Marcos Pérez) levamos meses traballando no deseño dun novo xornal dixital. Porque é necesario e porque é posible facelo. Porque hai milleiros de galegas e galegos que queren ler un xornal de calidade, en galego e que lles conte a parte da realidade que o resto das cabeceiras non lles están contando. Porque queren un medio de comunicación que amplifique a súa voz e no que se vexan reflectidos. Porque queren un espazo no que atoparse e debater.

Un xornal dixital moderno, conectado co mundo e que aproveitará as posibilidades da información en tempo real e multimedia, un xornal aberto, en permanente intercambio con outros medios galegos, cos lectores e coas organizacións sociais. Coa atención posta en todas as conversas e fluxos da Internet galega, preocupado pola construción colaborativa de información, a curación e selección de contidos publicados en Galicia e en todo o mundo e a presentación gráfica das informacións. Un xornal aberto tamén no político, sen filiacións partidarias e que apostará por unha axenda temática propia, distinta á dos medios convencionais. E moi preocupado polo traballo xornalístico, base de calquera medio de comunicación, tanto dos redactores e redactoras coma dos colaboradores e colaboradoras.

Temos un proxecto xornalístico definido, un equipo de profesionais comprometido e unha ferramenta tecnolóxica avanzada, realizada por A Navalla Suíza, con moitas posibilidades. Temos as ideas claras. Necesitamos o apoio dos lectores e lectoras, da cidadanía galega activa e consciente da necesidade de contar cun medio de comunicación no que exercer a cidadanía.

Praza Pública ("Praza") quere ser autosustentable, con publicidade, patrocinios e coas achegas económicas dos lectores e lectoras, que serán os propietarios reais de Praza. A boa información é cara, e ou ben a pagan os anunciantes ou ben os lectores. E o que paga, manda. Podes ver un adianto do proxecto na páxina prazapublica.com Praza primará os temas a fondo, as reportaxes de investigación e as entrevistas en profundidade, emprestando unha atención á política e cultura galegas, aos movementos sociais e a economía solidaria e os consumidores, a unha visión alternativa da información internacional, e ás noticias científicas e das novas tecnoloxías.

Será un medio transparente, do que os lectores e asinantes saberán en todo momento a orixe dos seus ingresos económicos e os custes de funcionamento.

Sitio na Rede do xornal:
http://prazapublica.com/

No facebook:
https://www.facebook.com/event.php?eid=303393306339812


Información baseada na enviada por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
http://www.fucobuxan.com/
Manuel Anxo Cendán Dopico
-mcendan@gmail.com-
http://manuelcendan.com
30 de novembro de 2011 17:17
___________