Amosando publicacións coa etiqueta Praza da Porta Nova. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Praza da Porta Nova. Amosar todas as publicacións

xoves, decembro 20, 2012

O malgasto do goberno municipal de Ferrol non ten fin, agora suben a licitación da enesima remodelación da Praza de España até 916.000 Euros


A Xunta de Goberno, do Concello de Ferrol acordou entre outros malgastos, que a Praza de España saia a licitación por 916.000 euros, 200.000 máis do que anunciaran nun principio.

O alcalde, José Manuel Rei Varela, e o concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, manifestaron que na reunión da Xunta de Goberno Local, que tivo lugar hoxe pola mañá, acordou dar-lle para diante ao 'Pulmón Park' da Praza de España, unha remodelación máis que nos vai custar ás veciñas e veciños de Ferrol, un millón de euros que hai que sumalos aos máis de 17 millóns (Declarados) que se levan gastados na famosa Praza, en obras desde hai máis dunha decada. Di o concelleiro Evia que a execución da Praza pode estar lista para finais do 2013.

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Nova xuntanza do tecido asociativo de Ferrol para abordar as accións contra o Malgasto do Goberno dereitista do PP na cidade

Ártabra 21: Presentación dunha Moción contra o 'Malgasto do Goberno Municipal' - Reunión coas asociacións de comerciantes - Hai outras necesidades, xa basta de malgastar máis diñeiro público na Praza de España - Recollida de sinaturas, este Martes 20 de Xuño, para solicitar unha 'Consulta Popular'
______________

xoves, xullo 05, 2012

Nova xuntanza do tecido asociativo de Ferrol para abordar as accións contra o Malgasto do Goberno dereitista do PP na cidade


O tecido asociativo de Ferrol, agrupados na Plataforma Contra o Malgasto, volve-se reunir en Asemblea, este Xoves 5 de Xullo, ás 8 da Tarde, no local da Asociación Veciñal de Esteiro. A análise do pasado Pleno Municipal, a situación de recollida de sinaturas para solicitar a Consulta Popular e as novas accións, figurarán na orde do día da citada xuntanza veciñal.

Alhunas fotos das protestas no Pleno Municipal do pasado 28 de Xuño de 2012 (Plataforma Contra o Malgasto, Afectad@s pola Participacións Preferentes, funcionari@s municipais).

Documentación:
Escrito ao Alcalde (08.06.2012)

Panfletos.

Folla divulgativa.

Escrito para a recollida de sinaturas solicitando unha Consulta Popular.

Moción ao Pleno (Rexistrada o 12 de Xuño de 2012).

Intervención no Pleno (28.06.2012).

______________

mércores, xuño 20, 2012

Presentación dunha Moción contra o 'Malgasto do Goberno Municipal' - Reunión coas asociacións de comerciantes - Hai outras necesidades, xa basta de malgastar máis diñeiro público na Praza de España - Recollida de sinaturas, este Martes 20 de Xuño, para solicitar unha 'Consulta Popular'

A Plataforma en contra do malgasto de diñeiro público, informamos que presentaremos esta mañá no Rexistro Municipal unha MOCIÓN para o seu debate e aprobación no Pleno Municipal a través dos grupos municipais da oposición.

Informamos que onte, luns a tarde, mantivemos un encontro cos responsables de Comerciantes de Novo Ferrol e representante do Centro Comercial Aberto A Magdalena para trasladarlles a nosa oposición a estas obras. Intercambiamos diversas informacións e opinións sobre a inconveniencia desta innecesaria actuación habendo puntos de coincidencia no que se refire  as prioridades nos diferentes barrios da cidade, programas sociais e outras actuacións de infraestruturas.

Continuaremos coas actuacións anunciadas co fin de evitar unhas novas obras innecesarias na superficie da Praza de España, entre as que anunciamos a RECOLLIDA DE SINATURAS este vindeiro Mércores, 20 de Xño a partir das 10,30 h da mañá na mesma Praza de España.

O goberno segue adiante coa súa decisión sen escoitar á cidadanía, a pesar de que o Alcalde presume ante todos e ante todo de ser o artífice da participación cidadá no noso Concello.

Ante esta situación, os cidadáns non estamos dispostos a que se despilfarre o diñeiro público e consideramos unha irresponsabilidade por parte deste goberno seguir adiante co seu proxecto.

Continuaremos informando das accións a tomar por esta plataforma de oposición a esta proxecto concreto  na Praza de España.

Saúdos

A Plataforma.-
espazosferrol@gmail.com

Enviado por:
Espazos Públicos Ferrol
-espazosferrol@gmail.com-
19 de junho de 2012 13:06
_______________

MOCIÓN PRESENTADA NO REXISTRO DO CONCELLO DE FERROL
19 DE XUÑO DE 2012


A Plataforma en contra do despilafarro de diñeiro público presenta a seguinte  proposta para o seu debate e aprobación no Pleno Municipal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Ante a decisión do goberno municipal de levar acabo un proxecto e unhas obras na Praza de España, valorado en máis de 700.000 € nun momento no que os cidadáns, por fin, podíamos dar por rematada esa praza despois de máis dunha década e de máis de 17 millóns de euros de investimento.

Despois dun ano de goberno no que se alardea de políticas de austeridade, no que se consideran gastos superfluos e non prioritarios a posta en marcha de comedores sociais, como os de Esteiro e o de San Pablo, así como o resto das partidas económicas recollidas dos orzamentos participativos, como son a mellora das novas tecnoloxías nas zonas de sombra do rural, o plan de ordenación forestal, parques urbanos, etc.

Un ano no que se recortaron axudas a entidades socio -sanitarias que prestan servizos ós colectivos máis desfavorecidos do noso Concello, colectivos en aumento dada a situación económica que estamos atravesando.

Un ano no que estamos sufrindo a degradación das rúas e camiños en todos os barrios e parroquias por mor das políticas de austeridade.

Un ano no que os asuntos cotiáns, os servizos municipais, sofren unha parálise total na súa actividade.

 O goberno segue adiante coa súa decisión sen escoitar á cidadanía, a pesar de que o Alcalde presume ante todos e ante todo de ser o artífice da participación cidadá no noso Concello.

Ante esta situación, os cidadáns non estamos dispostos a que se despilfarre o diñeiro público e consideramos unha irresponsabilidade por parte deste goberno seguir adiante co seu proxecto.

Por todo isto

SOLICITAMOS:

A retirada do proxecto da Praza de España xa que consideramos este espazo rematado, agás certas actuacións de arranxo na confluencia coas rúas Real e Rochel, a zona onde estaba previsto a colocación da fonte e a posta en marcha dos locais situados na Praza .

SR. ALCALDE –PRESIDENTE CONCELLO DE FERROL.-
_________________________________

mércores, marzo 28, 2012

A Asemblea da Cidadanía opon-se a que se dilapiden case 800.000 euros máis no "Pulmón Park" de José Manuel Rey - A "Praza de España" nestes case 10 anos de obras interminabeis xa leva consumido máis de 17 millóns de euros


Pasadas as sete e media da tarde, do 27 de Marzo de 2012, daba comezo a Asemblea Cidadá convocada por doce entidades sociais e a Comisión Provisional de Control do regulamento de Participación Cidadá. A citada Asemblea, convocada en réxime de autoconvocatoria, é dicer calqueira veciña, veciño ou representante de asociación ou entidade, podía tomar a palabra e expresar publicamente o seu parecer. Como unha das ensinanzas que nos deixou o Movimento 15M, o micrófono estivo aberto a quen quixera opinar ou propoñer. E así foi, despois dunhas palabras expositivas dalgúns do promotores da iniciativa, foron varios as veciñas e veciños os que denunciaron e fixeron propostas concretas.

Esta foi a crónica do acto da xornalista Puri Rodríguez Calvo que publicou o "Diario de Ferrol", na súa edición de hoxe:
Ao redor de duascentas persoas participaron onte na asemblea aberta convocada pola Comisión de Control do Reglamento de Participación Cidadá para rexeitar o investimento de 700.000 euros na praza de España, unha iniciativa que se poñerá en marcha coa inminente adjudicación do proxecto á arquitecta Isabel Aguirre.

Os acordos adoptados pasan por solicitar unha entrevista co alcalde, José Manuel Rey Varela, para suscitar esta oposición ás obras, cuxos resultados transmitir á cidadanía nunha nova asemblea para convocar, si non se atenden os seus reclamaciones, movilizaciones.

Demasiado diñeiro| Os representantes vecinales explicaron a súa postura contraria a este novo gasto na praza, por entender que xa se destinou demasiado diñeiro a este espazo, uns 17 millóns de euros. Miguel López, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro, recordou que na etapa de goberno de PP e IF intentouse levantar no recinto un edificio de once metros cuxa construción foi paralizada pola presión social e engadiu que nun momento no que se recortan prestaciones sociais e subvencións e se acometen privatizaciones de organismos públicos, non resulta lóxico “enterrar 700.000 euros máis na praza de España”. Destacou ademais que as obras prexudicarían de novo aos comerciantes e hosteleros da zona.

Miguel López referiuse ao concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, para dicir que “pode gastar vos seus cartos non que queira, pero non ou que é de todos”. Lamentou que non se consulte á cidadanía para proxectos dunha magnitude como o da praza de España e insistiu en que o diñeiro previsto para as obras pode destinarse a outros fins.

De feito, algúns veciños que participaron na asemblea realizaron propostas concretas, como que os 700.000 euros se destinen á contratación de desempregados para limpar a zona intermareal da ría, un gasto que revertería no mantemento de postos de traballo do sector marisqueiro e non se limitaría a crear emprego puntualmente para as obras, como no caso da praza de España. Tamén se apuntou que a plantación de árbores podería realizarse en moitos dos xardíns da cidade e que sería necesario limpar os sumidoiros, especialmente na zona de acceso ás estacións de ferrocarril e buses. Outro veciño denunciou a contradición entre o “ecoloxismo” do alcalde ao querer facer un “pulmón verde” na praza de España e tállaa de quince cedros de máis de cincuenta anos no colexio Juan de Lángara, engadindo que ademais se trituró a madeira pese a que podía haberse vendido. |Diario de Ferrol - 28.03.2012|

Nos vindeiros días pasaremos a informar dos pasos que se vaian dando agora o protagonismo está na Folga Xeral deste 29M e despois na súa análise e consecuencias. Seguiremos informando. Agora imos-vos deixar cun pouco de humor: obra de arte de Susete'70 con engadidos de Ártabra 21.


Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Hoxe martes 27 de Marzo, está convocada unha Asemblea Cidadá para debater e decicir sobre un novo proxecto do goberno municipal para a Praza de España

Ártabra 21: Queren privatizar organismos públicos e enterrar 800.000 euros na Praza de España - Comunicado da Asociación Veciñal de Esteiro
____________

martes, febreiro 21, 2012

Posicionamento da Asociación Veciñal de Esteiro sobre o Proxecto municipal para a Praza de España -antiga Praza da Porta Nova

Plaza de España, Ferrol 2010

A Asociación Veciñal de Esteiro, coñecido polos medios de comunicación, do investimento de preto de 800.000 para rematar a Praza de España queremos manifestar o seguinte:
  • Non entendemos como se pode falar dun pulmón verde, na Praza de España, para os barrios de Recimil. Esteiro, A Madalena etc, cando un dos pulmóns da Cidade, como é o Cantón de Molíns se atopa nun estado de abandono total e, que se saiba, non existe proxecto para a súa posta en valor.
  • No Barrio de Esteiro xa temos zonas verdes como: A Avenida de Esteiro, os Xardíns do Campus Universitario, unha parte do Cantón de Molíns, a Avenida de Mac Mahón e o Parque de Pablo Iglesias, que sí son un pulmón da cidade o que non será nunca a Praza de España por máis que se planten dúas ducias de árbores.
  • Non entendemos como pode custar a obra da Praza do Callao 300.000 euros, cando é unha Praza con canalizacións, alumeado, confluencia doutras rúas, etc e rematar a Praza de España pode custar 800.000 euros, nos parece un absoluto despilfarro.
  • Non entendemos como a Asociación Dignidade, por falta de pago dos seus servizos por parte do Concello de Ferrol, vai deixar os comedores sociais de Rio Xuvia e Caranza, e cando non se queren poñer a funcionar os de Esteiro e A Madalena, se pretenden gastar 800.000 euros na Praza de España. Se fala de austeridade pero logo se despilfarran os cartos públicos.
  • Queremos lembrar que onde agora se queren gastar 800.000 euros en facer unha zona verde, un pulmón, etc, era onde o Goberno Municipal do Partido Popular e Independentes de Ferrol querían levantar un edificio comercial e un complexo deportivo no subsolo, que tivemos que ser o tecido asociativo de Ferrol, coas nosas mobilizaicións, os que parásemos tal despropósito. Daquela non pensaban en facer unha zona verde?
A cidade de Ferrol ten outras prioridades, e non se pode permitir que , por unha banda se fale de austeridade e pola outra se despilfarren os cartos públicos na Praza de España, para a que xa había un proxecto de remate e un orzamento consignado.

Tamén queremos denunciar que, a pesar de que o Regulamento de Participación Cidadá de Ferrol, aprobado por unanimidade do Pleno da Corporación, fala de que cando unha entidade solicite unha xuntanza con un Concelleiro, tardará como máximo 30 días en producirse. a Asociación Veciñal de Esteiro levamos máis de catro meses solicitando, de maneira reiterada e a través do Rexistro Municipal, unha Xuntanza co Concelleiro de Urbanismo e Obras, D. Guillermlo Evia, e aínda non temos data para a súa celebración. Ademais tamén a solicitamos a través da Concelleira de Barrio e do Concelleiro de Participación Cidadá e de númerosas chamadas telefónicas ó Grupo Municipal do Partido Popular.

Hai días a Asociación Veciñal de San Xoán- Bertón xa denunciou publicamente que Evia non se reunía con eles malia telo solicitado. Coa Asociación veciñal de Esteiro fai exactaemte o mesmo.

Pode permitirse a cidade de Ferrol pechar comedores sociais, non poñer a funcionar os que estaban comprometidos e, pola contra, gastar 800.000 euros na Praza de España?.

Xunta Directiva da Av de Esteiro



Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/



Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
21 de fevereiro de 2012 17:53
__________

venres, marzo 06, 2009

EU sobre a Praza de España e negociaicón orzamentaria

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de março de 2009 14:33


Estimad@s compañeir@s: vanvos dúas notas en relación a Praza de España e a negociación orzamentaria.
Un saúdo, Ramiro Marier

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA ENTENDE URXENTE RETOMAR A NEGOCIACIÓN SOBRE OS VINDEIROS ORZAMENTOS
YOLANDA DÍAZ RECLAMA FACER DOS ORZAMENTOS UNHA FERRAMENTA DE BENESTAR E COHESIÓN SOCIAIS AO SERVIZO DA CIDADANÍA

O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera indispensable e urxente retomar as negociacións orzamentarias para conquerir que a nosa cidade non perda a oportunidade de acadar uns orzamentos ambiciosos no eido social, na participación cidadá e no que atinxe aos investimentos.

En reiteradas ocasións ao longo destes meses o Grupo Municipal de EU ten comunicado de xeito público a necesidade de non paralisar a negociación orzamentaria en atención o valor central que posúen os orzamentos como ferramenta para o desenvolvemento das políticas públicas xeradoras de emprego e prestatarias de servizos públicos. Aínda o 16 de febreiro, rexistrouse un escrito dirixido á concellería de facenda notando esta relevancia e urxencia.

Esquerda Unida mantén unha total disposición a acadar un acordo co PSdG-PSOE que permita recualificar os orzamentos e convertelos nesa ferramenta para gañar benestar e cohesión sociais para a cidadanía que está a reclamar Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal.

Nese sentido, Esquerda Unida entende que a emenda á totalidade presentada contempla aspectos fundamentais no eido da dotación orzamentaria para desenvolver a primeira experiencia de orzamentos participativos, para atender as necesidades específicas da zona rural, para acadar un volume significativo dos investimentos e a súa priorización para poder recuperar sobranceiros espazos públicos, ou para xerar emprego estable e con dereitos no eido dos servizos públicos de benestar social dependentes do concello; sen esquecer a relevancia das nosas achegas no que atinxe o capítulo I do orzamento, en materia de persoal.

Cabe destacar que acadar un acordo entre as forzas progresistas e de esquerdas da cidade cobra importancia diante do acceso ao poder na Xunta de Galicia da expresión política da dereita, do PP. Xa que logo, o noso Grupo Municipal insta ao Goberno Municipal a retomar as negociacións que permitan acadar un orzamento social e inversor para este exercicio.


Yolanda Díaz Pérez, na súa condición de Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, en relación ao proxecto para o subsolo da Praza de España manifesta o seguinte:

A Praza de España , a súa configuración final, é un problema herdado de dous mandatos atrás e o cal pola súa relevancia e urxencia urxe que a actual Corporación lle dea unha resposta pública e pronta. Herdanza na que Esquerda Unida quere subliñar que non ten ningunha responsabilidade.

A Praza de España amosa un exemplo flagrante do peor urbanismo, o xurdido da improvisación e que supuxo para a nosa cidade un serio atranco ao inutilizar un espazo público de enorme relevancia asemade das complicacións derivadas para o tráfico viario.

Herdanza problemática mais resoluble. Esquerda Unida xa manifestou en reiteradas ocasións a súa vontade de acadar unha solución de compromiso que sen satisfacer o cento por cento a ninguén sirva para arranxar unha problemática que lastra o desenvolvemento da cidade e gravita pesadamente sobre a propia imaxe da cidade na nosa cidadanía.

Esquerda Unida quere manifestar a súa satisfacción xa que se acadou – no tempo do goberno conxunto co PSdG-PSOE – o compromiso de que non habería en superficie ningunha construción consonte os compromisos programáticos contraídos nas pasadas eleccións municipais.

Esquerda Unida entende que é indispensable resolver con celeridade a configuración de futuro da Praza de España. Nolo demanda a todos os Grupos Políticos a cidadanía, nolo demanda o benestar da cidade de Ferrol. Demandas que pesan na determinación de Esquerda Unida para contribuír de xeito decisivo a arranxar esta problemática.

O proxecto presentado non é – e queremos subliñalo – o de Esquerda Unida, mais a nosa determinación de exercer unha acción política pegada aos intereses xerais da cidadanía, das cidadás e cidadáns críticos e lúcidos que nos entregaron a súa confianza leva ao noso Grupo Municipal a estra en disposición de respaldar un proxecto que alomenos conteña as seguintes características:
  • I.- Consideramos ínfimo o canon da concesión e, xa que logo, interesamos que alomenos se incremente nun 10% a aboar en anualidades nas que se incremente segundo a taxa de inflación para evitar a desvalorización do importe do canon.
  • II.- Como xa manifestamos en reiteradas ocasións entendemos que as instalacións deportivas do subsolo teñen que estar o dispor de toda a cidadanía, sen que valan tratos preferenciais para entidades e asociacións, as cales xa contan con outras instalacións onde se dispensa ese tratamento.
  • III.- Semella necesario que o emprego que se xere sexa estable e con dereitos.

Ferrol, 6 de marzo de 2009

Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Voceira do Grupo Municipal de EU
_________

sábado, febreiro 21, 2009

Actualizado o Blog "Praza da Porta Nova"

"Praza da Porta Nova"
Noticiário sobre a Praza da Porta Nova de Ferrol - Boletín de Traballo do Colectivo Ártabra 21
.
[Foto de Cesar Toimil]

http://portanovaexpress.blogspot.com/

É un Blog de Traballo do CA21, onde se pretende recolher a información e enlaces necesarios para a observación de todo o relacionado coa construción e reforma da Praza da Porta Nova, chamada oficialmente "Praza de España".

O Colectivo Ártabra 21, xunto con outras organizacións e asociacións denunciou o planeamento urbanístico do anterior goberno conservador PP-IF con respecto ao proxecto de Praza que querían impor na zona emblemática de Ferrol. Houbo mobilizacións e até a través da Federación Veciñal "Roi Xordo", o asunto chegou á fiscalía do TSXG [Neste momento o asunto debe de estar no Tribunal Supremo, dado que o Sr. Juncal -o anterior Alcalde- agora é Senador], onde se lles imputou aos concelleiros conservadores un delito por irregularidades urbanísticas. Así foi como na actualidade están imputados Juan Manuel Juncal Rodríguez, Marta Cerdido Pintos, Vicente Lorenzo Luque, Rosa Novoa, José Manuel Rey Varela, Amador Rodríguez Silvar e José Manuel Vilariño do PP; e o concelleiro tránsfuga de IF Manuel Bustabad (que se pasou ao PP), e José Manuel Couce, Juan Fernández, Leopoldo Ibáñez e Francisco Pita-Romero [que daquela era o concelleiro de urbanismo]. O asunto foi toda unha epopeia e o das obras pasan xa de seis anos [Maio de 2002]. Podemos falar do tunel toda unha obra-despropósito que aos dous días da súa inauguración tivo que ser pechado, para súa reforma ... e pechado de novo por inundacións e outra vez máis, e sigue e seguirá ... E ao final cos cartos de tod@s [a cidadanía] indenizamos con varios millóns de euros a empresa ABECONSA, cando tiña que ser esta xunto aos concelleiros responsábeis de semellante despropósito os que pagaran co seu património tanta irresponsabilidade.

Agora queremos ter un seguimento do que pretende facer o actual goberno coa Praza. Non entendemos os gastos millonarios en infraestruturas de "ocio e deportivas" soterradas baixo cemento !, nos tempos de crise, non haberá outros investimentos necesarios ?. Nunha cidade coa poboación tan envellecida como a de Ferrol [*], non haberá que pensar en infraestruturas de atención as persoas maiores ? O deporte e o ocio podese praticar nas múltiples instalacións deportivas infrautilizadas que hai nas escolas e institutos, nas prais e parques. Ese proxecto que nós non compartíamos nen compartimos, mais dentro da súa [a deles] lóxica do imaxinario do pensamento único, era para tempos de bonanza económica, mais agora que aínda non se sabe o alcance da crise, pensamos que compre unha maior reflexión ao respecto, pois non cremos que estexamos para malgastar os fondos que haxa, Nen para hipotecar-se ... Tampouco estamos de acordo coa privatizacións dos servizos públicos, ... Fai falta un seguimento e unha posición do movimento social e veciñal ao respecto. Non tanta presa. ...

Ao fazer o centro de "Ocio e Deportivo", esta-se hipotecando a posibilidade de reformar o tunel e regular o tránsito soterrado, como estaba deseñado todo o conxunto nun principio. Está iso reflexionado ou este asunto vaise pechar en falso ?

Agúns confunden progreso con construír máis, máis crecimento, máis productividade, ter máis, e máis, ... ao principio do su mandato o Alcalde Sr. Irissarri soñaba cunha cidade de máis de 100.000 habitantes como obxectivo, ainda ten que estar esas palabras nas hemerotecas, Sr. Alcalde, progreso non será aumentar a calidade de vida, acadar un maior benestar, ter saúde, ser mais feliz, ... ter máis convivencia entre a veciñanza, aprender a vivir mellor con menos, aprender a gozar da natureza, da nosa contorna, da nosa Ría. ...


[*] Algúns datos Estatísticos

En 2007 indice de envellecimento : 151,9

Por cada 100 persoas de menos de 15 anos hai 152 maior de 65

En 2008 a poboación de Ferrol era de 74.696 persoas, das cais maiores de 65 anos eran: 16.920 persoas.

O 22,65 % dos habitantes de Ferrol teñen máis de 65 anos

Fote: Instituto Galego de Estátistica
_____________________